ARTEIXO DURANTE A GUERRA CIVIL

O FASCISMO EN ARTEIXO E A APARICIÓN EN PASTORIZA DO CORPO DE LUÍS HUICI, UN DOS PRIMEIROS "PASEADOS" NA CORUÑA

       
     Tal día coma hoxe, o 18 de xullo de 1936 daba comezo o golpe de estado militar que daría orixe a 3 anos de Guerra Cívil e a 40 anos de ditadura fascista. Ao se cumpriren 80 anos do inicio da barbarie, da longa noite de pedra, que chegou á nosa comarca 48 horas despois, é de xustiza honrar a memoria de todos os veciños e veciñas de Arteixo que foron víctimas do fascismo polo que, desde este humilde espacio, convidamos á corporación municipal, a que impulse unha serie de actividades en memoria da represión e que realice unha homenaxe as súas víctimas.

     Naquel 18 de xullo do 36, a resistencia á sublevación fascista na Coruña tivo un especial valor xa que, a pesar de non ser unha urbe conservadora, o importantísimo continxente militar hospedado no mesmo centro da cidade facía da capital herculina unha presa doada da barbarie. Aínda así, moitas coruñesas e moitos coruñeses decidiron xogarse a vida polos ideais de liberdade e democracia ameazados polos golpistas, recibindo, iso si, a colaboración entusiasta de xentes chegadas de zonas rurais da contorna coruñesa, coma os mineiros de Lousame, que baixaron á Coruña con cargas de dinamita para plantarlle cara aos militares conspiradores.

     Mais vaiamos uns meses antes daquel infausto día. ¿Qué era o fascismo coruñés ata aquel entón? Non era nada; absolutamente nada. Alí non había máis que un amigo persoal de Primo de Rivera, un tal Juan Canalejo, que fracasara no seu empeño de constituir un pequeno centro de Falange Española na cidade. Naquel intre os afiliados a Falange nas provincias galegas non eran, en termos comparativos, un número moi importante, incluso na provincia de Ourense, que era a que maior índice rexistraba desde a fundación do partido. Mais, a partir do golpe de estado dos militares rebeldes, non tardarían en aparecer os primeiros falanxistas, o primeiro deles un xastre chamado Casteleiro. Como falanxista destacado apareceu tamén desde a primeira hora un tal Fernández, xefe do taller municipal. E pouco máis. Estos tipos illados, algúns membros das antigas xuventudes mauristas e varios elementos turbios que aparecen sempre que se remove a organización social, foron pouco a pouco o núcleo inicial da Falange, que se apoderarían avidamente das armas que repartían os militares entre quenes se amosaban adictos á rebelión.
Atila en Galiza. Castelao

      Estos individuos frecuentaban habitualmente o Café Unión da Praza de Pontevedra, bar rexentado por José Castro García, natural da parroquia de Santiago de Arteixo, e pola súa muller María Naya Santos, que era de Oseiro. No Unión, según nos conta Carlos Fernández Santander no seu libro "Alzamiento y Guerra Civil en Galicia"..."Los paseos, cual si se tratase de una actividad industrial, acabarían siendo programados. La oficina técnica o macabra, se hallaba instalada en el hoy desaparecido Café Unión de la Plaza de Pontevedra y la sucursal, aparte el cuartel general de la Falange en la calle de Juana de Vega, en una céntrica peluquería del Cantón Grande. Así, entre tazas de café y buenos afeitados, fue incubándose la tragedia".

      Tralas primeiras horas do golpe fascista, habería un aluvión de afiliacións á Falange Española de mozos novos por motivacións e intereses moi variados e tamén, de voluntarios que se alistaron nas unidades falanxistas para colaborar nas tarefas de “limpieza y castigo bajo órdenes de las autoridades competentes” que recibían un aporte económico de 5 pesetas ao día. O nº 4 da revista "Facetas de Actualidade Española", publicado na Habana en agosto de 1938 cóntanos que, unha semana despois do golpe, Falange Española estaba instalada na antiga casa do Pobo e que pouco máis tarde, grazas a devandita choiva de novas adhesións, estaba creado o aparato de terror que os militares necesitaban para gobernar. Nos primeiros días de agosto principiaba a funcionar no local herculino da Falange un tribunal encargado de dirixir a represión, tribunal que durante as primeiras semanas farían de xuíces e de executores. Según as informacións de "Facetas de Actualidade Española", a Falange non tiña verdugos suficientes e por iso, naqueles primeiros días do golpe, os que ían ás casas a practicar rexistros e detencións eran xentes ás que fixeron vir expresamente de Valladolid.
Atila en Galiza

      Non pasou moito tempo sen que aparecesen os primeiros cadávares dos asasinados polos falanxistas. Os catro primeiros atopáronse perto de Pastoriza, na estrada vella de Arteixo. Todos eles eran persoas que foran detidas pola Falange dous ou tres días antes. Unha das víctimas foi o pintor, debuxante e gravador Luís Huici Fernández. Fillo dun farmacéutico galego e de nai asturiana Huici, cando morreu seu pai fora vivir con súa nai a Oviedo, donde aprendeu o oficio de xastre e instalaríase cara o ano 1920 na Coruña, fundando ao pouco o primeiro cineclub da cidade. Militante de Izquierda Republicana, foi presidente do grupo Amigos de las Artes Nuevas (ADLAN) e pertenceu ao Centro de Estudios Sociales Germinal e, ademais, foi redactor de El Noroeste. Na súa xastrería (non esquecer que un dos primeiros falanxistas herculinos era tamén un xastre, Casteleiro) celebrábase un parladoiro no que, entre outros, participaban Álvaro Cebreiro, Manuel Crestar, Francisco Miguel Fernández Moratinos, Luís Seoane e José Villaverde Velo. Este último, de quen vos hei falar outro día, era coñecido por Pepe Papeles e foi asasinado en Oseiro o 24 de setembro de 1936. Os falanxistas foran a buscar a Huici ao seu taller e levárono detido ao local de Juana de Vega, donde sería torturado. Ao día seguinte da súa detención a súa muller foi ao local da Falange para levarlle o almorzo. Dixéronlle que xa non estaba alí. O seu cadáver apareceu aquela mesma mañá en Pastoriza xunto aos outros tres presos, foi recollido por un furgón de Intendencia e trasladado ao cemiterio. Dos catro cadáveres recollidos aquel día os soldados do furgón deron conta aos seus xefes nun parte que dicía escuetamente: "Bajas recogidas, cuatro". Na liña seguinte aparecían os nomes e apelidos das catro víctimas que foron identificadas fácilmente e, nun prego aparte, o inventario das sús pertenzas. Segundo facía constar o parte, de Huici recolléronse unha sortella, un chisqueiro, unhas chaves, un moedeiro e unha nota asinada pola súa muller na que lle dicía que tivera serenidade e confianza en Deus. Nada disto puido recuperarse. No xulgado dixéronlle á viuva que fixera a reclamación na delegación de orden público. Sen máis trámite, diúselle sepultura ao cadáver facéndose constar no rexistro civil que o falecemento fora a causa dunha "hemorragia interna". Do achado destos cadáveres en Pastoriza non se publicou nin unha soa noticia na prensa. A viúva de Huici intentou enviar a uns familiares seus de América un cable dicindo escuetamente: "Luis ha muerto" e non se lle consentiu. Quixo logo cobrar as deudas que co seu marido tiñan non poucas familias distinguidas da Coruña e non conseguiu senón recibir inxurias e reproches. "No pagamos deudas a rebeldes", contestábanlle invariablemente aqueles señoritos tramposos, moi contentos de que asasinaran ao xastre. A viúva, arruinada e sóa, despois de grandes dificultades, conseguiu que lle concederan permiso para xuntarse coa familia que tiña en Nova York e, grazas a esta circunstancia, puido contar a súa traxedia.
Atila en Galiza. Castelao

     Casos como este houbos a centenares durante os primeiros días do golpe, mais moitos deles nunca chegarían a ser relatados porque as víctimas non serían quen de librarse da tiranía falanxista. Dos poucos asasinatos, se cadra o único, cometidos pola Falange do cal deixou constancia a prensa coruñesa foi o de Horacio Cárcamo. O seu cadáver apareceu case desnudo perto de Oleiros. Os xornais contaban simplemente que o morto estivera no Goberno Civil disparando unha ametralladora o día da sublevación fascista. Non dicían que fora detido no seu domicilio por un grupo de falanxistas que o arrincou do seu leito e, en panos menores, levouno para matalo na estrada.

      A partir de entón apareceron cadáveres nas estradas da comarca diariamente. Ao principio o xulgado de instrucción abría sumarios por morte violenta e incluso publicaba edictos no Boletín Oficial para que, quenes se considerasen con dereito, se personasen no sumario. Mais isto foi só ao principio. Cando se intensificou o terror, o xulgado deixou de intervir e os enterramentos dos asasinados facíanse nos cemiterios parroquiais máis próximos ao lugar donde os cadáveres aparecían, sen preocuparse da identificación destos e sen que a veces nin sequera se fixeran asientos nos libros parroquiais. Polo xeral os falanxistas mataban ás súas víctimas nas proximidades dos cemiterios. No de Abegondo fixéronse moitos enterramentos dos que nin sequiera se pasaba nota ao xulgado, chegando a recibir sepultura nun só día catorce! Tamén no cemiterio de Arteixo foron sepultadas moitas víctimas dos falanxistas. Chegou un momento no que nin sequera as familias das víctimas interviñan. Era tal o terror, que certo día o coche de liña que facía o servicio de viaxeiros entre Aranga e A Coruña, ao chegar á Costa da Sal, tivo que deterse porque había tres cadáveres atravesados na estrada. Os viaxeiros, horrorizados, viron que un daqueles corpos daba aínda señais de vida, mais era tanto o medo que se tiña á Falange que ninguén se atreveu a prestarlle auxilio ao moribundo. Esa era a España daquel intre, a España que semella que algúns e algunhas esqueceron.
Atila en Galiza. Castelao

      Félix Gordón Ordás (León,1885-México D.F, 1973), que durante a Guerra Civil foi embaixador ante México e anos máis tarde desempeñaría a Presidencia do Goberno da República española no exilio, escribiría en 1939 "Crímenes en la retaguardia rebelde" donde, na súa páxina 204, conta que... "En Arteijo, Ayuntamiento de la provincia de La Coruña, entraron una noche los fascistas en el domicilio de Manuel Soutelo, quien estaba en la cama con su mujer. Le hicieron levantar, y allí, a presencia suya, uno tras otro, violaron a su esposa".

      José Mañana Rodriguez, Jesús Mañana Campelo, Domingo Rodriguez, José Sande Loureiro ou Eliseo Borrazás Zás son algúns dos arteixáns "paseados" que levou por diante o fascismo hai agora 80 anos no noso concello, nomes que non poden caer no esquecemento, porque aínda a día de hoxe non chegou definitivamente o recoñecemento para as víctimas e a censura para os culpables. Falareivos deles nos vindeiros días, ao igual que doutros "paseados" que, sen ser naturais de Arteixo, coma no caso de Luís Huici, os seus corpos apareceron nas nosas parroquias.



FONTES:
-Colección
Atila en Galiza. Castelao

-Fondo A.L.G., p. 18. HISTORGA
-Félix Gordón Ordás. "Crímenes en la retaguardia rebelde"
-Carlos Fernández Santander. "Alzamiento y Guerra Civil en Galicia"
-"Facetas de Actualidade Española", publicado na Habana en agosto de 1938
-Manuel Blanco Rey. Arteixo durante la II República y la Guerra Civil.


 
O ASASINATO DOS FASCISTAS EN OSEIRO DE "PEPE PAPELES" 


     Tal día coma hoxe, o 24 de setembro de 1936 un dos principais líderes do anarcosindicalismo galego durante a II República Española, José Villaverde Velo, coñecido polo alcume de "Pepe Papeles", era asasinado polos fascistas na parroquia de Oseiro, probablemente na praia de Sabón, que foi o  lugar no que ao día seguinte aparecía, coa cabeza desmembrada, o seu corpo.

José Villaverde, Pepe Papeles
     Pepe, que nacera o 12 de xullo de 1894 en Santiago de Compostela, empezaría a traballar aos 15 anos como tallista nun taller de imaxes relixiosas e non tardaría en ser un dos organizadores da Federación Local de Sociedades Obreiras da capital galega en representación da Sociedade de Carpinteiros e Ebanistas, organizacións das que sería nomeado presidente en 1915. Dous anos máis tarde, en agosto de 1917, dirixe con José Pasini a folga insurrecional daquel ano en Santiago, feitos polos que ambos serían encarcerados no castelo de San Antón da Coruña. Cumplida a condena, en 1918 instalaríase en Vigo, onde faría amistade con Ricardo Mella. Membro da Confederación Nacional de Trabajo (CNT), o noso protagonista asistiría ao II Congreso da CNT (Congreso de la Comedia), celebrado entre o 10 e o 18 de decembro de 1919 en Madrid.

     Como o Sindicato de Carpinteiros de Vigo estaba federado na Unión General de Trabajadores (UGT), en xuño de 1920 Pepe participa no congreso deste sindicato socialista, onde defendería a unión entre a CNT e a UGT. En novembro dese ano é nomeado secretario da Federación de UGT da cidade olívica e participa na fundación do Ateneo Sindicalista.

     En xuño de 1921 asiste en Xixón ao I Congreso Nacional do Transporte da CNT. En 1922 foi un dos fundadores e redactores do xornal ¡Despertad! e tamén é membro do grupo anarquista do mesmo nome con Severino Estévez e Eduardo Collado. Naquela altura, na que destacaba na CNT como orador en multitude de conferencias e de mítins, Pepe Papeles traballaba en Vigo como carpinteiro de ribeira, un Pepe que voltaría á cárcere durante os primeiros meses da dictadura de Primo de Rivera (1923-1930).

     En 1925 envía axuda económica dende Vigo aos presos a través de La Revista Blanca. Ese mesmo ano estaría presente, en representación de Bouzas e Vigo, na xuntanza constituínte da Federación Marítima do Litoral Galego (Federación Regional Marítima) celebrada en Compostela, xuntanza na que se acorda pagarlle un soldo para que dirixira o xornal El Despertar Marítimo. Uns meses máis tarde encárgase da edición das obras de Ricardo Mella e, en 1928, encabeza ¡Despertad! de Vigo cando o xornal catalán Solidaridad Obrera foi suspendido, unha época na que faría de voceiro do grupo Solidaridad, que encabezaba Angel Pestaña e Juan Peiró, nos seus enfrontamentos coa Federación Anarquista Ibérica (FAI).

     Pepe asistiría tamén ao Pleno Nacional de Regionales de Mataró, onde se decide apoiar o complot de 1929 de José Sánchez Guerra contra a dictadura de Primo de Rivera e, en 1930, escribe o epílogo do libro de Juan Peiró Ideas sobre sindicalismo y anarquismo. Nese mesmo ano organiza varios mitins en Ferrol, Vigo, Marín...dirixe a reaparecida Solidaridad Obrera herculina e, en setembro, representa ao Sindicato de Sumilleres de Vigo no Pleno Rexional da Coruña.

     Nos primeiros días da II República, entre eo 11 e o 17 de xuño de 1931, Pepe Papeles representa a varios sindicatos (Betanzos, Marín, Vigo, Vilagarcía e A Coruña) no III Congreso Nacional de Sindicatos da CNT e nos Plenos Rexionais de decembro de 1931, ano no que empezaría a residir na Coruña, e de abril e de agosto de 1932, como delegado para Galiza e Asturias. Nesa altura foi elexido secretario da Confederación Rexional Galaica (CRG) da CNT, cargo que abandonaría en decembro de 1932 por presións da FAI, que o acusou de ocupar a miúdo cargos remunerados mais, con todo, durante a súa xestión a CRG pasaría de 13.000 a 33.000 afiliados.

     Neste ano 1932, co patrón de pesca Manuel Montes, participa no Congreso de Armadores de Barcos Pesqueiros celebrado en Madrid e, ao mesmo tempo que dirixía o seu órgano de expresión Mar y Tierra,  tamén sería un dos creadores da Federación Nacional da Industria Pesqueira (FNIP). En abril de 1934, meses antes de que publicara o folleto Pro seis horas, texto dun mitin con Mauro Bajatierra e Orobón Fernández, é nomeado xerente-administrador do Sindicato do Transporte, nunha época na que se amosaba favorable á Alianza Obreira e, finalmente, en 1935 sería elexido de novo secretario da CRG da CNT, cargo que non aceptaría.

     A represión desatada a raíz do golpe fascista de xullo de 1936 levaría a Pepe a ser detido polos falanxistas cando se incorporaba ao seu traballo na nova estación ferroviaria da Coruña-Santiago, uns falanxistas que en setembro dese ano 36 propuxéronlle encabezar os sindicatos verticais fascistas (Central Obrera Nacional-Sindicalista) cos que os seus verdugos querían substituír o sindicalismo de clase. A negativa de Pepe ao cargo implicaría a súa sentencia de morte e sería asasinado o 24 de setembro de 1936 nun lugar da parroquia de Oseiro. O seu corpo aparecería ao día seguinte no areal de Sabón coa cabeza desfeita. 

Areais de Alba e Sabón
 O seu importante fondo documental, bibliográfico e hemerográfico, agochado nunha maleta e conservado pola súa familia durante a dictadura franquista, sería cedido o 29 de xuño de 2011 á Real Academia Galega (RAG) e o proxecto de investigación das universidades galegas "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" encargaríase de dixitalizalo.

     José Villaverde Velo, Pepe Papeles, de quen atopamos textos en La Calle, CNT, El Combate Sindicalista, Crisol, Mañana, Mar y Tierra, Sindicalismo, Solidaridad Obrera, La Tierra, etc, ten na Coruña, na zona de Monte Alto, unha rúa dedicada.



OS VECIÑOS DE ARTEIXO ASASINADOS POLOS FALANXISTAS

       Proseguindo, desde este humilde espacio, coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida despois do golpe militar de 1936, hoxe imos honrar aos arteixáns "paseados" polos fascistas nos primeiros meses do réxime ditatorial de Francisco Franco.

       Consecuencia deste golpe de estado, unha das primeiras vítimas da tiranía falanxista sería José Mañana Rodriguez, Pepe o Fabeiro, que foi asasinado ás 23:30 horas do 25 de agosto de 1936 a carón do seu propio domicilio, no lugar de Pedras (parroquia de Santiago de Arteixo). A súa partida de defunción do Rexistro Civil do Concello sinala como causa da súa morte "destrucción del cerebro". Pepe tiña 30 anos e deixaba a unha filla de 3 anos, Josefina, e a súa viúva Rosa Suárez Díaz, embarazada de 6 meses dun neno que sería bautizado co nome do seu difunto pai.
Atila en Galiza. Castelao

     Catro días despois, o 29 de agosto de 1936, aparecía no lugar de Marco Grande, parroquia de Lestón (Concello de A Laracha) o cadáver de Eliseo Borrazás Zás, O Rato, veciño do lugar de Piñeiro da parroquia de Larín, de 28 anos, solteiro e canteiro de profesión. Segundo aparece na partida de defunción do Rexistro Civil de A Laracha, Eliseo falecera o día anterior a consecuencia de "conmoción nerviosa". Parece ser que os autores do crime foron, presuntamente, falanxistas da parroquia larachesa de San Román de Cabovilaño.
 
      Natural do lugar de Feáns, Domingo Rodriguez, Perina de Meicende, casara aos 26 anos en Pastoriza no ano 1924 con María Louro Fuentes, matrimonio que tería unha filla (María Consuelo) e que non tardaría en romperse. Trala ruptura matrimonial, Perina xuntaríase con Celia Yáñez, coa que tería unha filla á que puxo o nome de Libertad. De este home conta o cura de Morás Manuel Blanco Rey, na súa obra "Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil", que..."era un revoltoso de mucho cuidado que ya había estado en prisión, por homicidio; además era amigo de lo ajeno; su conducta era, pues, muy dudosa. Nada extraño que terminase mal ya que el qué ¡mal anda!, ¡mal acaba!" (páxina 1113). Ao parecer, Domingo Rodriguez fora denunciado por Antonio Pérez Bello, labrador de Mesoiro, quen declararía aos fascistas que Perina..."había servido de agente de enlace en los días que hubo tiroteo contra la fuerza en las inmediaciones de esta Capital, transportando bombas y facilitándoles medios de subsistencia valiéndose de reses que robaba en el campo y otros hechos que demostraban su confabulación con los rebeldes". Domingo sería detido o 1 de setembro de 1936 e asasinado o mesmo día nun monte do lugar da Furoca (parroquia de Pastoriza)... "por herida de arma de fuego con orificio de entrada por la región auricular derecha y salida por la región parietal izquierda".
Atila en Galiza. Castelao

      Outro dos crimes exercidos en Arteixo polos falanxistas foi o de Jesús Mañana Campelo, O Carballo, veciño do lugar de Souto, solteiro de 27 anos, que aparecería morto no lugar da Choupana (parroquia de Pastoriza) o 18 de setembro de 1936. Polo que consta na correspondente partida do Rexistro Civil de Arteixo, a causa da súa morte foi "a consecuencia de destrucción del cerebro".

       José Sande Loureiro, natural de Suevos e secretario da sociedade "Mas allá de la Aurora", unha das numerosas entidades gandeiras de socorros mútuos que naquel intre había no noso concello, foi secuestrado polos falanxistas, que o levaron detido ata a Baiuca.

     Naqueles días de terror e de “limpieza y castigo bajo órdenes de las autoridades competentes”, segundo nos conta Blanco Rey os membros máis activos da Falange en Arteixo eran Julio Iglesias Rey, o curmán deste Manuel Pardo Rey e os "Serafins", Serafín Santamaría Rey e Serafín Soliño Moreda, O Pepecho, que era un Garda Civil expulsado do Corpo natural de Pontevedra. Soliño estaba casado con Mª Dolores Calvete Hermida, con quen vivía na Baiuca. O outro, Serafín Santamaría, era natural de Doniños (Ferrol) e tiña o seu domicilio no Igrexario de Loureda, donde traballaba de criado na casa dos de Varela. Casaría en 1938 con Elvira Fernández, tamén veciña do Igrexario, e chegaría a ser Sarxento de Cabalería.

       Desde a Baiuca, José Sande Loureiro sería trasladado nun Peugeot matrícula C-1737 a un lugar descoñecido, probablemente a terrible Costa do Sal, donde os falanxistas terminaron coa súa vida nunha data que está por determinar. A partida de defunción de Sande non consta en ningún dos concellos limítrofes polo que, é posible, que sexa un dos asasinados que están inscritos nos rexistros como "desconocido". Aquel coche, o Peugeot C-1737, era propiedade de José Amenedo Casabella, médico municipal de Arteixo e da Fábrica de tabacos desde 1928. En torno a este crime Blanco Rey escribe que..."Es cierto que prestó su coche a unos
La Voz de Galicia, 19 de xaneiro de 1938
falangistas para trasladar a José Sande Loureiro, natural de Suevos y secretario de la sociedad Más allá de la Aurora, desde Arteixo (Bayuca) donde estaba detenido, a un lugar desconocido en el que terminaron con su vida. Sabemos que el médico municipal nada tuvo que ver en esta muerte. Él sólo prestó el coche a unos "camaradas" que se lo pidieron, sin preguntar nada al respecto. También sabemos que el lugar del crimen no debió ser muy lejano, ya que pronto le devolvieron el automóvil. Que nuestro médico municipal pudiese estar afiliado a Falange se intuía ya sea, tanto por las amistades de las que se rodeaba (íntimo amigo del Jefe Local de Falange -Ramón Vázquez Rumbo, alcalde de Arteixo de novembro de 1942 a outubro de 1944-, de Francisco Mosquera Calvete -alcalde de Arteixo desde xullo de 1936 ata marzo de 1939- ...frecuentaba el Café Unión de la Plaza de Pontevedra...), como por el hecho de haber sido movilizado, por el Ejército, con la consideración de Alférez médico. Pero se conoce, sobre todo, porque su nombre, de militante falangista, aparece publicado en La Voz de Galicia, del miércoles 19 de enero de 1938, página dos" (páxinas 114-115).


FONTES:
-Manuel Blanco Rey. Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil.
-Manuel Blanco Rey. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). 




Ningún comentario:

Publicar un comentario