Eulalia de Mérida, nada nesa cidade extremeña en torno ao ano 292 e finada o 10 de decembro de 304, foi unha mártir considerada santa na igrexa católica e na ortodoxa. Coñecida por toda a xeografía galega cos nomes de Santa Baia, Santabaia, Santa Eulalia, Santoalla, Santa Olalla, Santa Olaia, Santalla ou Santaia, é patroa da actual Mérida, cidade na que foi martirizada cando tiña a súa antiga denominación de Augusta Emerita.
Santaia de Chamín (https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/05/santaia-de-chamin-arteixo.html ) |
"Nieve ondulada reposa / Olalla pende del árbol/ Su desnudo de carbón/ tizna los aires helados / Noche tirante reluce/ Olalla muerta en el árbol".
A moza presentouse perante o gobernador Daciano e protestou valentemente dicíndolle que esas leis, que mandaban loar ídolos e prohibían a Deus, eran totalmente inxustas e non podían ser obedecidas polos cristiáns. Daciano intentou ao principio ofrecer agasallos e facer promesas de axudas á nena para que cambiase de opinión, porén ao ver que ela seguía fortemente convencida das súas ideas cristiás, amosoulle todos os instrumentos de tortura cos cales lle podían facer padecer horriblemente se non obedecía a lei do emperador. Uns instantes despois Daciano díxolle:
- “De todos estes sufrimentos vaste librar se lle ofreces este pan aos deuses e lles queimas este pouco incenso nos seus altares”.
A moza guindou lonxe o pan, botou polo chan o incenso e contestoulle:
- “Só ao Deus do ceo adoro; a El unicamente lle ofrecerei sacrificios e lle queimarei incenso. E a ninguén máis”.
O prefecto Calpurniano mandou que a mallasen con varas de ferro e que colocasen fachos sobre as súas feridas. A fermosa cabeleira de Eulalia prendeu, e a rapaza morreu queimada e afogada polo fume.
Polo que nos conta o poeta Prudencio, disque ao morrer a santa, a xente viu unha branquísima pomba que voaba cara o ceo, e que os verdugos fuxiron, cheos de pavor e de remordemento por matar unha criatura inocente. A neve cubriu o cadáver e o chan do redor, ata que varios días despois chegaron uns cristiáns e lle deron honrosa sepultura ao corpo da moza mártir.
Na súa bitácora oschanzos.blogspot.com, o historiador Francisco Vidal dinos que... “hai que ter en conta que a pomba como representación da alma do finado xa era común entre os exipcios, e cando santa Escolástica morreu (un 10 de febreiro), desde a súa casa subiu unha pomba ó ceo. E igualmente, cando santa Baia ou Eulalia expirou, tamén da súa boca saíu unha pomba que subiu ó ceo. Eran as almas das finadas camiño da gloria. Esta santa ten un culto moi estendido asociado á fertilidade, empezando polo mesmo milagre exercido durante o seu martirio, cando estaba atada a unha cruz baixo a que se prendeu unha fogueira, e de súpeto unha nevada apagou o lume. Precisamente unha nevada, que como di o refrán “ano de nevadas ano de fornadas”, identificándose así como o abono caído do ceo.
No sitio da súa sepultura ergueuse un templo de honra a santa Eulalia, e conta Prudencio que el mesmo viu que a ese templo chegaban moitos peregrinos a pregar ante os restos de tan valente rapariga e a conseguir por medio de ela notables favores de Deus.
O seu corpo xace nese sepulcro emeritense ata que os seus restos foron trasladados polo Rei Silo (?-783) dende Mérida ata Santianes de Pravia, para evitar a súa profanación polos musulmáns. En tempos de Alfonso II de Asturias (760-842), que se ía converter nun personaxe fundamental da Ruta Xacobea, xa que foi el quen abriu no ano 813 o Camiño Primitivo, o alcumado Rei Casto decidiu que a Santa descansara na Catedral de Oviedo. Se cadra, aquela visita de Alfonso II á tumba do Apóstolo, tivo algo que ver no feito de que Eulalia empezara a dar nome a partir de aquela época a diversas igrexas e capelas galegas.
Imaxe de 1908 do templo parroquial de Chamín co antigo campanario (Inventario Balsa de la Vega) |
Por concesión pontificia do Papa Urbano VIII, dende o ano 1639 Santa Eulalia de Mérida ostenta o padroeiro de Oviedo, da provincia de Asturias e da diocese ovetense, un territorio eclesiástico que naquela hora superaba as fronteiras da Asturias actual, abarcando parte do que hoxe son as provincias de Cantabria, Lugo, León e Zamora.
A tradición coincide coa lenda de Santa Eulalia de Barcelona que, ademais do nome, reproduce múltiples feitos e tormentos da santa de Mérida, podéndose tratar dunha duplicación de personalidade haxiográfica.
A festa de Santa Eulalia de Mérida celébrase o día 10 de decembro, data do seu martirio. A súa simboloxía é unha palma martiral e un forno sobre libro. Patroa da liberdade de pensamento, da liberdade de expresión, da oratoria e da elocuencia, é ademais patroa de multitude de parroquias galegas, entre elas a de Santaia de Chamín, parroquia onde se manteñen moi vivas na memoria das xentes do lugar varias lendas sobre esta santa. Este é o caso de Amalia Rega Martínez, nada en Santaia en xuño de 1925:
“As pedras de Santa Eulalia están no Monte da Vila. Dixeron que a Santa nacera alí. Eu toda a miña vida oín iso. A min esa historia contáronma os meus avós e os meus pais, e mira que xa teño 95 anos! Nas pedras está o sitio da cabeza da Santa. Alí ninguén picou a pedra no século no que estamos. A santiña está deitada, ten o sitio da cabeza e dos ombros. Ademais nas pedras tamén ten un sitio que fai unha pociña que disque é para lavar os pés. E ten o seu sitiño da bañeira e outro para poñer as potas para facer de comer, como si fora un forniño para o lume. Hai quen non cree nas pedras de Santa Eulalia, pero eu si porque son moi relixiosa.”
Pedra coa forma da cabeza da Santa |
Despois de escoitar os contos xeración tras xeración, afortunadamente a xente máis nova de Santaia segue gardando a tradición. Eloi García Osinde, veciño do lugar nado en xaneiro de 1987 contounos o seguinte:
“Meus avós e outros veciños contaban que a virxe bebía e durmía nesas pedras e por iso hai unha que ten a forma da cabeza. Dicían que encontraran alí á santa”.
Así pois, polo que nos di a lenda tradicional, a santa naceu nesas pedras, unhas pedras en forma de berce, que podemos ver no monte na Vila, en Santaia de Arriba, e das que tamén nos falan Rosa Benigna Vizcaya e Francisco A. Vidal no seu marabilloso libro Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega:
“(...) na parroquia de Santa Baia de Chamín (Arteixo), coñécese unha pedra como a Cadeira da Santa, onde segundo a tradición foi parida Santa Baia. É unha pedra cunha oquedade orientada de leste a oeste, nun monte desde o que se ve o mar, o que nos fai supor que era unha pedra onde se facían antigos ritos de fecundidade”(pp. 64-65).
Cadeira da Santa (https://oschanzos.blogspot.com/2014/02/a-cadeira-de-santa-eulalia.html) |
María Rozamontes, no volume II de Arteixo de onte a hoxe, cóntanos que, coas súas diferentes denominacións, esta advocación relixiosa ten moita presencia na toponimia e no santoral de Galicia. Segundo a tradición, “Pola Santa Baia a bubela canta”, “Por Santa Baia sempre o tempo cambia”, “Sementeira de Santa Baia, fartura de gran e palla”. (páx. 102)
Outro cantar popular di que “Santa Eulalia pariu por un dedo, serache verdade pero non cho creu.”
Rematamos cunha curiosidade. No litoral arteixán existe A Santa Baia, que é unha caliña que hai entre Repibelo e a Area da Salsa. Parece ser que este pequeno areal chámase así porque antigamente un señor de Figueiroa levaba a súa dona, que era natural do lugar de Santa Baia (Soandres, A Laracha) a darse os baños aí.
FONTES:
-https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/
- ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2003): Arteixo de onte a hoxe, Volume II, Concello de Arteixo.
- VIDAL, FRANCISCO A.:https://oschanzos.blogspot.com/
- VIZCAYA, ROSA BENIGNA & VIDAL, FRANCISCO A. (2009): Dos fastos ós festexos: dos antigos mitos á relixiosidade galega, Editorial Toxosoutos, Noia.
Nunca oira isto, máis ao comentalo con meu pai confirmoume a situación das pedras. Surprendeulle a foto da igrexa coa situación do campanario. Grazas Xabier, eres moi grande
ResponderEliminarMoitas grazas a vós Juanjo!
Eliminar