venres, 29 de setembro de 2023

A ROMARÍA DO SAN MIGUEL E A FEIRA DA MADEIRA DE PASTORIZA

 Moito hai escrito sobre a Virxe de Pastoriza mais, se cadra, a publicación máis coñecida é La leyenda de la Pastoriza, unha obra publicada por Emilia Pardo Bazán no ano 1887 que axudou, en gran medida, a impulsar a devoción da santa arteixá que a insigne escritora coruñesa denominaba como a Montserrat galega.

   Conta a lenda que a sagrada imaxe da santa estivo moito tempo oculta entre uns penedos do monte do Castro para librala da posible profanación dos invasores, ata que un día unha rapaciña que andaba pastando as vacas viu unhas luces no lugar e avisou os veciños. Remexeron entre as pedras e atoparon a imaxe dunha muller que de inmediato identificaron coa Virxe que tantos anos levaba agochada. Ao lugar do achado chámanlle desde aquel día "O berce da Virxe", que está xusto encol dun antigo dolmen derrubado. 

     Aínda que as romarías marianas xa tiveran unha gran repunta a comezos do século XIX, a de Pastoriza tivo o seu pulo definitivo a partires de que dona Emilia Pardo Bazán promovese, xunto con Álvaro Torres de Taboada, a creación dun lugar de referencia no monte do Castro, asentando no Berce a estatua da Virxe feita de granito polo mestre canteiro de Ponteareas José Couto en 1887. 

Arquivo do Reino de Galicia

   A estatua da Virxe e a publicación do libro La leyenda de la Pastoriza foron sen dúbida ningunha o grande impulso para a romaría do San Miguel, que se empezou a celebrar nesta parroquia arteixá cada 29 de setembro e que ía ter gran devoción en toda a xeografía galega, principalmente entre as xentes do mar.

   Dende aquel entón por ese lugar habían de pasar miles e miles de romeiros para se liberar do pecado, curar doenzas ou curar de certas enfermidades. Uns peregrinos que acudían, e seguen acudindo, polo San Miguel a venerar a imaxe da Virxe de Pastoriza e cumprir coa tradición de subir as escaleiras para chegar ata o Berce, onde fan o ritual de daren tres voltas ás pedras dos cadrís, tres a imaxe de pedra da Virxe e bicala, así como pasar por debaixo da pedra dolménica na que tantos anos estivera agochada a talla da santa.

Arquivo do Reino de Galicia

   Naquela hora, en Pastoriza tamén tiña lugar unha das feiras máis importantes da comarca, a chamada Feira da Madeira, que se celebraba o 28 de setembro, véspera de San Miguel, e os luns de Pascua. Nuns tempos nos que os labregos do noso municipio traballaban arreo para vender os produtos cultivados nas súas terras, que enchían as despensas da cidade da Coruña, era de obrigado cumprimento a renovación de utensilios e apeiros propios da labranza, de aí a importancia da Feira da Madeira do San Miguel.

Pastoriza na primeira metade do século XX (Arquivo do Reino de Galicia)

  Na antedita feira, os nosos devanceiros mercábanlles os apeiros necesarios para o desenvolvemento do seu traballo no campo aos artesáns que acudían a Pastoriza a ofreceren os seus produtos, sendo de gran sona os cesteiros da comarca de Bergantiños, dos que era numerosa a súa presenza. Ofertaban cestos de todo tipo, así como múltiples obxectos feitos de vime. Outro dos oficios presentes eran os ferreiros, que traían os seus sachos, eixadas, forcadas...

   Topónimos como O Souto, A Fraga ou As Carballeiras facían alusión ao arborado autóctono existente naquela hora. Antes da plantación masiva de eucaliptos, os piñeiros e os castiñeiros dábanlle de comer a moita xente, entre elas as piñeiras de Loureda, mulleres que recollían polos montes da parroquia as piñas que posteriormente vendían no Campo da Leña da Coruña e que se utilizaban para prender o lume nas cociñas de ferro dos domicilios herculinos. Daqueles tempos data o seguinte cantar:

As de Loureda,

polas esquinas,

van preguntando

¿quen quere pinas?

   Dos denominados "Pinos Reales" obtiñan as piñas para secar e conseguir os piñóns que servían de adobo para facer as morcillas. Aínda non hai moito, houbo alguén que nos dixo “antes a leña era pan de comer”.

Pastoriza na primeira metade do século XX (Arquivo do Reino de Galicia)

   A madeira de piñeiro dos nosos montes tronzábase en roldos e posteriormente transportábanse ata A Coruña para vender no Campo da Leña. Os tratantes de madeira que se encargaban de mercala para a súa posterior venda recibían o nome de “fragueiros”. Esta era outra das actividades que tamén se realizaban no San Miguel de Madeira, que parece ser que era como os vellos de antes denominaban a esta feira. A memoria de Geluca Naya, nacida en Pastoriza en 1932, garda moitas anécdotas vividas nos tempos nos que súa nai Lola rexentaba unha taberna nesta parroquia.

   "O día da Madeira nós xa non íamos á cama. Mira, San Miguel era o 29 e o día da Madeira era o 28, pero os artesáns xa viñan o 27. Eran da parte de Soandres e de Santa Margarita de Montemaior e traían cestos, paxes, arados de pau... Deixaban todo no campo e despois viñan para a nosa casa. E estaban toda a noite con refeighadas e reñían en condicións. Eu pasaba o tempo con eles. Cantaban refeighadas desas de...

Soliño da miña vida,

prenda do meu paladare,

si non imos para hoxe

mañán vimos aquí a xantare.

...unha cousa así, e o outro contestáballe. Tamén recordo que unha vez reñeron alí a mazo unha noite, pero cantando con regheifas, por unha parexa de bois. Algunha faena lle fixera un ao outro... fuches comprar aqueles bois e fixeches esto e o outro contestáballe que non fora así... reñían, pero con regheifas. Eu pasábaoo moi ben, moi ben".

Ti non te apures

que ti aínda non marchas aghora

porque ti non marchas de aquí

sen comer na Casa Lola.

Ana Mosquera, nada en Pastoriza en 1951, recorda que "a festa da madeira do 28 de setembro era algo que nos encantaba... é que ademais miña avoa, a nai de miña nai, era de Soandres e desa zona eran moitos dos que vendían aquí os paxes, os cestos, os mangos para as ferramentas, as caínzas, os fungueiros dos carros... Todo iso estendíase polo que era o campo de Pastoriza, que abarcaba a zona na que actualmente está o Mesón de Pastoriza. A Feira da Madeira celebrábase o 28 de setembro e tamén o luns de Pascua, había dúas feiras da madeira".

Coa grande industrialización iniciada nos anos 60 en Sabón, dando pé á expropiación das terras de cultivo para a creación do polígono, así como da refinería na zona de Meicende, foise erradicando a actividade agrícola que, ata aquel momento, foi o principal medio de vida dos habitantes da nosa contorna.

  Con todo, ata os anos 90 do século pasado, aínda era habitual ver polo San Miguel ao señor Riobóo, veciño e ferreiro de Pastoriza, ofertar os seus artigos na praza do Santuario. Hoxe, o único que se conserva da Feira da Madeira son algúns recordos que os veciños e veciñas de certa idade manteñen vivos na súa memoria.

(Este texto é un dos 50 capítulos lo libro Crónicas de Arteixo III

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario