Despois de recordar a semana pasada como se celebraba o Entroido na parroquia de Chamín, hoxe, no día da Queima do Meco, continuamos coa nosa particular viaxe carnavalesca arteixá facendo parada en Suevos, onde a mediados de xaneiro deste 2025 estivemos falando con Dora López Martínez e Fina Vázquez Zas no Centro sociocultural da parroquia. Nesta xuntanza tamén estaba presente Martina, neta das anteriores que cursa 2º da ESO e que, en todo momento, estivo moi atenta ao que contaban as súas avoas. Un raio de esperanza para manter viva a memoria do lugar, abofé!
Sentados os catro nunha mesa situada na entrada do local, e ao tempo que varias mulleres xogaban unha partida de parchís noutra mesa do Centro, coa música de fondo dos dados soando dentro dos cubiletes, Dora e Fina contáronnos que nos tempos da súa xuventude xa pouco Entroido se celebraba en Suevos mais, con todo, aínda había xente que se disfrazaba nesa época.
![]() |
Dúas mozas de Suevos, Maruja Calvelo Vázquez e Esther Suárez Zas, disfrazadas de choqueiros nos anos 60 (Cortesía de Maruja Calvelo Vázquez) |
Cando si se celebraba o Carnaval, e de que xeito, era na xuventude de seus pais. Naqueles duros anos da posguerra o persoal con espíritu carnavalesco de Suevos ía por toda a parroquia repartindo o meco a base de coplas ben argalladas nas que non se salvaban nin os veciños máis respetados e queridos da freguesía. Un dos que estaba sempre no allo entroideiro era Alejandro López Pérez, o pai de Dora. “Esas parodias facíanas nos anos corenta e non se salvaba ninguén, especialmente cando a persoa “protagonista” en cuestión fixera algo durante o ano que lles chamara a atención aos coplistas ou que dera que falar no vecindario”, dixeron.
“Eu teño unha tía -quen fala é Fina Vázquez- de aquí de Suevos que ten 92 anos. Chámase María Zas, pero aquí é coñecida como Maruja de Ignacio. Ela cando era moza ía con outros rapaces a cantar coplas polas casas de algo que pasara na aldea durante o ano. Se era bo, bo… e se era malo, malo… As coplas compoñíanas eles e cantábanas diante da porta de alguén cos que se levaban mal ou de alguén a quen lle querían gastar unha broma. Disque ían o pai de Dora, meu tío 'Barrigas' e non sei quen máis. Miña tía Maruja tamén ía con eles e cantaban…
“E mirando para atrás
a mellor moza de Suevos
é Rita de Morás”
O pai desta Rita era de Morás e por iso lle chamaban así. Esta é unha das moitas coplas que compuxo aquel grupo de xente tan divertida. E esta, en concreto, cantábanlla a esa moza diante da porta da súa casa”.
Naqueles anos corenta, estos mozos de Suevos seica tamén ían acompañados dun burro. Antes todo o mundo tiña burro e este animal formaba parte, si ou si, do Entroido. Adornábano con colares de flores de grelos e tamén levaba penduradas restras de chourizos. Bueno, a dicir verdade, eran cañotos de millo pintados que aparentaban ser restras de chourizos. Aqueles rapaces de Suevos tamén levaban como unha especie de funda que enchían de palla ou de trapos dando a aparencia dun xamón. Entre tanta risa levaban, ademais, unha táboa para cortar os chourizos e o xamón imaxinarios para facer a broma, dando a apariencia de ser xente farturenta, labradores ricos naqueles tempos de gran escaseza. Moito de comer non habería, mais o que si sobraba era o humor e as gañas de pasalo ben. Xente divertida aquela de Suevos, abofé!
![]() |
Fina Vázquez Zas no burriño da casa na década dos 60, un animal que tiña gran protagonismo polo Entroido de Suevos (Cortesía de Fina Vázquez Zas) |
E chegados á casa en cuestión, paraban o burro e cantaban as coplas. Recordando aqueles momentos entroideiros dos corenta, Fina Vázquez contounos que súa nai “eran sete irmáns e cando se xuntaban cada un falaba das súas historias. Dos sete, agora só queda Maruja de Ignacio. Tiña outra tía, Pilara, que cando facían as comparsas, ela tamén ía no lío e cantábanlle:
“Bolos quentes e touciño,
xa anda de directora
e sáenlle as cousas mal
e xa pon cara de cona”
Esta copla disque lla cantaban a Pilara os propios compañeiros da comparsa cando ela se enfadaba ou non lle saían as cousas como quería. Outra copla que cantaban era:
“E a Escofina pequena
xa che ten as tetas grandes,
ten unha leira en Lixelas
ten unha leira en Lixelas
e outra na beira da Canle”
![]() |
Panorámica de Suevos (Xabier Maceiras) |
Seica ao Entroido de Suevos tamén acudía Ricardo “O Moucheiro de Meicende”, referente carnavaleiro da bisbarra que vendía as coplas que el mesmo compoñía. Ao fío disto Dora López, nacida en 1947, díxonos que “cando era nena aquí a Suevos tamén viñan comparsas de Bens que cantaban e vendían as súas propias coplas. Eso foi nos anos 50, tería eu 7 ou 8 anos, e nesa época tamén recordo que onde a casa de miña tía Camila había coma un palco e alí cantaba a nai “dos da Vegharona”. Os de Bens seguiron vindo durante algúns anos máis. Eu casei de moi noviña e recordo que xa estando casada os de Bens seguían vindo a Suevos polo Antroido, que incluso houbo algún de Bens que casou aquí na parroquia”.
As dúas mulleres afirman que na súa mocidade, cando o Entroido foi minguando en Suevos, as mozas da freguesía ían disfrazadas aos bailes que se facían en Pastoriza no salón da Roxa.
![]() |
Maruja Calvelo Vázquez nun baile de Entroido celebrado no Salón da Roxa de Pastoriza nos anos 60 (Cortesía de Maruja Calvelo Vázquez) |
“Eu unha vez fora disfrazada alí, ao Salón da Roxa, cun traxe de militar dun rapaz de Suevos que estaba facendo a mili. Noutra ocasión foramos a Vilarrodís e despois a Arteixo nunha furgoneta DKV que conducía o “Ghata” e na que tamén ía Villaverde. En Suevos, nos meus tempos, o que había era moito choqueiro con careta”, recorda Dora López Martínez.
Dora tamén nos dixo que unha das persoas da parroquia que máis desfrutaba do Entroido era Chona. “Esta muller polo Carnaval sempre facía das súas. Facía antroidos e antroidadas. Os antroidos tíñaos na casa e invitábate a ir con calquera desculpa e ao final sempre picabas, picaba todo Dios. E despois tamén facía todolos anos o do sal no café e o das filloas con fío ou con trapo. Sempre andaba a facer choqueiradas, era unha muller moi divertida”.
![]() |
Preparando unha filloa con fío en Casa Teresa (Xabier Maceiras) |
Neste paseo pola súa memoria, Dora López contounos outra anécdota moi divertida de Chona. “O meu fillo maior, que agora ten 57 anos, cando tiña un ano non andaba e, a dicir verdade, estabamos algo preocupados. Eu non cría moito nesas cousas, pero ao final recurrimos ao conto ese da encrucillada dos catro camiños para cortarlle a solta ao neno. Había que atarlle os dous dedos ghordos e esperar a que pasara alguén por alí para cortarlla. Entón, onde a nosa casa hai catro camiños e había que levar ao neno alí. Era polo Antroido, que o rapaz fai os anos en marzo, e Chona dixo que o levaba ela. E así foi o conto. Atoulle os dedos ao neno e púxoo nos catro camiños. Ao pouco apareceu por alí Baldomero, que ía para a tenda de meus pais, e díxolle ela:
Pasajero que vas con fortuna
córtalle a solta a esta criatura
… pero, claro, como Chona andaba sempre con choqueiradas, Baldomero pensaba que estaba de cachondeo e díxolle:
- Chona, vaia rascar a cona!
...e o neno quedou sen cortar a solta (risas)!
![]() |
Panorámica de Suevos |
E así, amigas e amigos, chegou un día no que se deixou de celebrar o Entroido de Suevos do mesmo xeito que aconteceu no resto das parroquias do municipio. Sirva este pequeno xesto, esta viaxe no tempo realizada con Dora López e Fina Vázquez a través da súa memoria e das fotografías de ámbalas dúas (e as cedidas tamén por Maruja Calvelo), para poñelo en valor e non esquecer a importancia que tivo no seu momento.
Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas freguesías de Arteixo, dende hai xa bastantes anos as comparsas e as carrozas xa só desfilan na capital municipal, onde hoxe, mércores 5 de marzo, remata oficialmente o Entroido do 2025 coa Queima do Meco. A comitiva sairá sobre as 19:30 h. da Praza do Balneario e realizará un percorrido polas rúas centrais de Arteixo antes de chegar ao Anfiteatro, que é o lugar onde se oficiará o enterro do Entroido e a Queima do Meco. O acto estará dinamizado pola Banda Nelson Quinteiro co seu espectáculo “Máis Cantos de Entroido”.