Nestas primeiras Crónicas de Arteixo do 2026 viaxamos ata Loureda para homenaxear a un emblemático negocio familiar da parroquia, a Panadería Morales, que cerrou as súas portas hai uns días tras máis de sesenta anos elaborando pan de xeito artesanal.
![]() |
| Emilio Souto Morales, fundador da Panadería Morales (Cortesía da familia Souto Rega) |
Hai que remontarse ata os duros anos da posguerra para falar das orixes desta panadería, época na que o seu fundador, Emilio Souto Morales, chega a Arteixo dun xeito un tanto cinematográfico.
Fillo de Consuelo, unha moza solteira de familia acomodada, o noso protagonista nacera no número 5 da herculina rúa da Estrella en 1934. Naqueles tempos nos que as mentalidades aínda eran máis ruíns que as propias leis, parece ser que os pais desta rapaza dixéronlle a súa filla que o meniño nacera morto. O certo é que, ao pouco de nacer, o avó da criatura inscribe no Rexistro Civil ao futuro panadeiro co seu mesmo nome e a continuación, para “salvar a honra” da súa filla, deixa o bebé diante da porta do hospicio da Coruña.
Emilio pasaría alí os primeiros anos da súa vida, ata que argallou un plan para fuxir de aquel inferno xunto a outros compañeiros do orfanato. Na fuga o que fixeron foi subirse ao remolque dun camión que facía a ruta A Coruña-Carballo e durante o traxecto, cada vez que o vehículo paraba, un dos nenos saltaba da caixa. Emilio saltou en Lañas, nacendo así a súa relación persoal con Arteixo, que mantería ata o último dos seus días.
-Moitos anos despois meu pai localizou a algún de aqueles rapaces que participaran con el na fuga. Eu cheguei a falar con esa persoa- díxonos o seu fillo Emilio Souto Rega, que foi quen nos contou boa parte das pinceladas que publicamos nesta crónica.
Tras saltar do camión había que buscar un lugar seguro e algo que levar á boca. Naquel momento corría a segunda metade dos anos corenta, época dura, de miseria e de moita fame na que o rapaz fugado do orfanato tivo a sorte de dar con Carme do Zapateiro.
Carme casara en 1943 co panadeiro carballés (da Brea) José Fernández e tiñan forno alí. Empezaran a cocer nunha casa da parroquia de Armentón que estaba situada a uns metros de onde posteriormente montarían, no lugar da Ermida de Lañas, o negocio que todas e todos recordamos, curiosamente tamén cerrado hai pouco tempo. A panadería era coñecida como a “do Zapateiro”, o alcume do avó de Carme, muller que naqueles tempos aprendía o oficio co seu home ao tempo que nacían os tres fillos do matrimonio: en 1944 viñera ao mundo José Antonio, no 46 Manuel e no 48 Agustín.
Ese mesmo día Carme levou a Emilio para a súa casa. No xantar díxolle ao resto da familia que se ía sentar unha persoa máis na mesa e, acto seguido, presentoulles ao rapaz que acaba de fuxir do orfanato.
-Seica lles facía moita gracia porque meu pai falaba castelán, naquel tempo pouco común por estos lares. Facíalles gracia porque papá tiña un falar moi rimbombante e con moita educación. Co tempo abandonou o castelán e, pouco a pouco, converteuse en galegofalante- contounos o seu fillo Emilio.
Como di o outro, non foi “chegar e encher”. Ao principio da súa estadía alí o rapaz traballou para os do Zapateiro nas tarefas da labranza, coidando as vacas ou carretando herba para os animais. E si, logo dun tempo, ensináronlle o oficio de panadeiro.
Emilio Souto Morales botou en Lañas ata aproximadamente os 18 anos. Foi aí cando empezou a traballar na panadería que Maximino Moreiras González e a súa muller Manuela Vázquez Díaz rexentaban na Baiuca, un forno que este matrimonio montara na casa de Dolores e Encarnación González Mes, tías de Maximino. O prezado e admirado Julio Mancebo Moreiras recordaba que “no ano 50 foi vivir con elas o meu tío Maximino, a súa muller Manola e os seus fillos Manolito, Baldomero, Maximino e Avelino. Como meu tío era panadeiro montou o forno na dependencia que nós chamabamos O Conventillo. Ademais da panadería seguiu coa tenda e o estanco1”.
Despois de botar certo tempo cos Moreiras, o noso homenaxeado foi traballar posteriormente ao forno dos do Veigheiro, que vén sendo a actual Panadería Gestal de Arteixo. Nesa época, por medio dun curmán que era conductor de autobús, consegue localizar a súa nai. Reúnese con ela na Coruña un par de veces, nuns encontros que non resultaran moi positivos. Na segunda ocasión, logo de quedarlle claro que súa nai renegaba del, regresa a Arteixo abatido pola tristura.
![]() |
| Emilio Souto Morales nos anos 50, probablemente na panadería dos Moreiras (Cortesía da familia Souto Rega) |
Segue choiando na do Veigheiro ata a segunda metade da década dos 50, época na que comeza nun forno que había no Foxo de Loureda, lugar con tradición panadeira onde décadas atrás se elaboraban as populares “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921.
O Foxo ía marcar un antes e un despois no devir de Emilio, xa que é alí onde coñece a súa futura muller, Carmen Rega Piña, e onde tamén decide establecerse pola súa conta por primeira vez na súa vida, logo de que o propietario do forno, Daniel do Habanero, fixera a maleta da emigración e lle cedera o local sen ningunha contraprestación.
-Ti es moi bo panadeiro, Emilio! Segue facendo pan aquí, home! Eu non che vou cobrar ningunha renda!
Din que o barato sae caro e, efectivamente, ás veces é así. Daniel do Habanero deixoulle a panadería gratis, si, pero a fariña desaparecía misteriosamente día si e día tamén. Visto que no Foxo non era viable traballar, busca outro lugar onde enfornar, nunha altura na que xa estaba casado con Carmen. Vai ao “Valle” a falar co ‘Castellano’, un home que tiña carpintería no mesmo lugar onde tempo atrás montara un salón de baile. Á parte da carpintería, tamén tiña taberna na casa, ademais dun pequeno local que foi o que lle alugou a Emilio Souto Morales sobre o ano 1960. Por aqueles días a maioría da xente xa coñecía ao noso protagonista por Morales, seguramente porque o seu primeiro apelido era moi común e o segundo, máis sonoro, non o era tanto.
En xullo de 2025 estivemos de ruta por Loureda con Paco García ‘O Cubano’ na procura de informantes sobre os antigos salóns de baile da parroquia. Unha das persoas que entrevistamos foi Adelina Naya Arcas, filla precisamente do ‘Castellano’ que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio do “Valle” para falarnos do antigo salón de seu pai, negocio sobre o cal prometemos escribir crónica neste 2026. E tamén nos falou de outros negocios que houbo na súa vivenda, entre eles a taberna que tiñan na propia casa e a panadería de Emilio. Na eira do seu domicilio, Adelina recordaba que “o salón noso estaba aí abaixo, aquí ao lado estaba a panadería de Morales e aí tiña o cabalo co que facía o reparto. Hoxe está todo renovado porque quitei o forno. Milio estaba aquí de alquiler. Eran tempos moi pobres nos que amasaba, enfornaba e despois facía o reparto por Bregua e por aí adiante. Recordo que mentres a masa levedaba ía xogar a partida co Manco, que tiña unha taberna aí en frente”.
![]() |
| Emilio Souto Morales facendo o reparto (Cortesía da familia Souto Rega) |
Emilio e Carmen foron pais de catro fillos, prole que en maior ou menor medida tamén traballaron con eles na panadería. A maior, Carmiña, mesmo lle tocou vivir os tempos do forno na do ‘Castellano’. Os mais novos, Rosa, Emilio e Néstor xa enfornaron no novo, que os proxenitores construiron na primeira metade dos anos 70, como así o recordaba o maior dos fillos varóns: “a casa e o local no que estivemos ata agora empezouse a construír en 1970. No 72, cando eu tiña dous anos, viñemos a vivir para aquí e no 75 papá deixou o forno do ‘Castellano’ e empezou a cocer no novo. Iso si, antes de cocer por primeira vez, estivera varias semanas co lume quecendo pouco a pouco para que o forno se fora adaptando e ser apto para a panificación”.
![]() |
| Panorámica actual da Panadería Morales |
No novo domicilio da familia Souto Rega, situado nos lindes do Val de Loureda e Atín, a Panadería Morales ía adquirir sona rapidamente en toda a comarca. O motivo non era outro que o sabor ao pan de sempre, ese sabor de apego á terra, elaborado coa mesma receita que o fundador viña utilizando dende que aprendera o oficio.
![]() |
| Emilio Souto Morales co seu fillo Emilio diante da panadería en 2006 (Blog "Gastronomía en verso", de Juan Carlos Alonso) |
![]() |
| Emilio na súa panadería (Cortesía da familia Souto Rega) |
E así, con ese xeito de traballar tan especial, de mimo polo seu producto, foron transcorrendo os anos ata o adeus de Emilio, falecido en marzo de 2008 aos 74 anos de idade. Tralo seu pasamento, a súa víuva, Carmen Rega, e os seus catro fillos, Carmen, Rosa Emilio e Néstor, seguirían ao pé do canón sen faltar a traballar nin un só día do ano.
Aínda que actualmente moitos despachos de pan colocan a etiqueta “de leña” no seu produto, cando un probaba o pan de Morales comprendía que o auténtico pan tradicional galego saía de fornos coma o seu. Outro dos secretos do seu éxito era a madeira que utilizaban de combustible, “madeiras nobres como carballo, ameneiro e acacia; nunca pino, que ten moita resina, nin por suposto eucalipto, xa que daquela o pan tería sabor a eucalipto”, argumentaba Emilio.
Durante a súa longa traxectoria, o respecto á tradición foi sempre unha regla de ouro que levou á familia a vender durante moitos anos só moletes e bolas, aínda que posteriormente tamén farían durante algún tempo empanadas e doces. Lograr a temperatura exacta nun forno alimentado por leña para que o pan saia no seu punto é unha das dificultades diarias deste tipo de establecementos. Na Panadería Morales “as bolas necesitaban máis temperatura e menos tempo. Metíanse no forno a 230 grados e acababan facéndose a uns 200. Despois ían os moletes, que necesitaban sobre 180 grados”, recordaba Emilio. Calcular a demanda que terían cada día era un dos enigmas deste negocio familiar. Rosa era a encargada de que non sobrara nin faltara. A súa experiencia permitíalle saber que o fallo soamente sería por “dous moletes arriba ou abaixo”.
![]() |
| Rosa Souto Rega no forno da panadería familiar (Concello de Arteixo) |
Emilio Souto Rega, tamén recorda con especial cariño o apoio recibido durante todos estos anos por expertos e críticos gastronómicos como Jorge Guitián, Edu Lavandeira, ou o fundador e presidente de Madrid Fusión, José Antonio Capel. “As súas reseñas e recoñecemento axudáronnos moito”, sostén o panadeiro de Loureda, que di que mesmo recibiron unha chamada da BBC para facer unha reportaxe sobre o negocio familiar. “Ao final non puideron vir, pero contactaran con nós”, asegura Emilio.
E así chegamos a decembro de 2025, que foi cando Loureda se despedía do pan de sempre, logo de que Rosa e Emilio, os últimos á fronte do forno puxeran fin a toda unha vida de servizo aos demais. “Somos dos poucos da provincia, senón os únicos, que facíamos o pan de forma completamente tradicional, sen máquinas, máis alá do noso forno e as nosas mans”, aseguraba Emilio, que tamén nos dixo que vive a despedida con moita tristeza e vertixe, pero tamén con “ganas de descansar despois de todos estos anos”.
Ultimamente, ademais de repartir as barras, moletes, bolas e bases de pizza por toda a comarca, a Panadería Morales tamén ampliara a súa rede distribuindo, dende aproximadamente o 2015, os seus produtos en distintos supermercados da provincia. “Moitos veciños mostráronnos a súa pena polo peche, pero é o momento de cerrar as nosas portas”, di Emilio, que recorda agora o refrán que lle repetía sempre seu pai: “Non pode ser o corvo máis negro que as ás”, en referencia a que todo sempre é máis soportable do que un se imaxina. “Agardemos que así sexa», conclúe.
![]() |
| Rosa, Emilio e o fillo de este, Simón, na Panadería Morales (Carlos Pardellas/La Opinión Coruña) |
A calidade e esmero do seu produto sobrepasaron unhas fronteiras que a familia Souto Rega nunca imaxinara. “Pero o máis importante de todo é o cariño da xente de aquí, dos nosos clientes fieis que non deixaron de confiar en nós nin un só día desde hai moitos anos”, afirma Souto, que di que sempre gardará o mellor dos recordos dos seus veciños. E nós de vós, famillia!
FONTES:
ALONSO, JUAN CARLOS (2006): “Panadería Morales”, publicado no blog Gastronomía en verso (https://gastronomiaenverso.es/panaderia-morales/) o 11 de outubro de 2006.
F. ROLDÁN, CANDELA (2025): Loureda dice adiós al «pan de siempre»: «Tuvimos mucho apoyo de grandes expertos y hasta recibimos una llamada de la BBC», La Opinión Coruña, 30 de decembro de 2025.
VARELA, ÁNGEL (2010): “Cuando el pan sabe a antiguo”, La Voz de Galicia, 7 de xuño de 2010.
_____________________________
1 Julio Mancebo Moreiras (2007): “A casa das tías”, texto escrito no blog A miña Baiuca o 11 de marzo de 2007.







