DAS ESCOLAS UNITARIAS DAS PARROQUIAS AO CARRERO BLANCO
A construcción do colexio Carrero Blanco (hoxe Ponte dos Brozos) significou no seu momento o final da maioría das escolas unitarias de Arteixo. O centro, que cumpre agora o seu cuarenta aniversario, unificou a educación primaria que até aquel entón se impartía nos diferentes centros unitarios que había nas parroquias e, ao mesmo tempo, gran parte dos profesores que se encargaban de impartir as clases nestas pequenas escolas pasarían a formar parte, na década dos setenta, do equipo docente do que, co paso dos anos, se convertiría nun dos centros educativos máis masificados de Galiza.
Antes da posta en marcha do Carrero Blanco, os nenos da parroquia de Arteixo asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niños, situada na Baiuca, un centro que estivera rexentado durante máis de 40 anos por Cándido Trasende Vicente, mestre ao que un busto e unha praca na vivenda na que residiu aínda lle rinden homenaxe a día de hoxe. Trasende estivo sucedido por distintos profesores até a chegada de Santiago Mosquera Mariño, último docente desta escola e que chegaría a ser director do Carrero Blanco.
Casa onde residiu Cándido Trasende
As alumnas de primaria da capital do municipio asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niñas, situada a escasos metros da dos varóns e da que Carmen Frade Giraldez sería a súa última profesora. Doña Carmen pasaría a formar parte do equipo docente do novo colexio nos anos setenta. Os máis pequenos recibían clase de parvulario, impartidas por doña Marisé, nunha escola ubicada no que hoxe é a rúa peonil.
Escola de Marisé
Na parroquia de Santiago de Arteixo estaba tamén a escola unitaria de O Pedregal (derrubada recentemente), centro que fora construído sobre 1930 en terreos municipais. O alcalde de aquel entón, Eduardo Martínez Palleiro, ordeara a súa construcción coa finalidade de ter ao seu carón á súa filla, a maestra Inés Martínez Castro.
O núcleo de Arteixo contaba ademais cunha escola privada rexentada, durante os anos 40, 50 e 60 por Julita Mosquera e os seus irmáns Pablo e Domingo Máximo (escola á que asistiron miña nai e meus tíos e pola que había que pagar 15 pesetas ao mes).
As outras parroquias do concello, así como algúns núcleos, contaban tamén cos seus centros educativos, como é o caso de Loureda, que dende 1893 dispoñía de escola pública.
A parroquia de Larín contaba cunha escola unitaria para nenas. Situada en Mirón, estivo rexentada durante quince anos pola ilustre profesora e escritora Dora Vázquez. Había ademáis un centro público mixto, que ao longo dos anos estaría instalado en distintos lugares como Paradela, Mirón, Coque, A Rúa ou o Igrexario. Dende 1952 ata 1954 o home de Dora Vazquez, Antonio Rodriguez, impartiría clases neste centro.
A escola de Armentón estaba ubicada no pazo de Anzobre dende 1877, cando o Concello alugou as instalacións á familia Puga, dona do pazo. A última profesora deste centro foi Carmen Lareo Galán, que ocupou a plaza dende 1968 ata que se integrou no que hoxe é o Ponte dos Brozos.
Barrañán aínda conserva, no lugar do Outeiro, a que foi unha das escolas máis antigas de Arteixo, fundada polo emigrante Antonio Vázquez, e que na actualidade é o local social de varias asociacións. A maestra Luisa Baamonde Piñón, coñecida como
A Chicha, foi a encargada de pechar as portas deste centro.
A parroquia de Lañas contaba cunha escola mixta no lugar, e pazo, de Mosende. Antonio Pérez Varela, que rexentou esta escola durante case 30 anos (1943-1970) foi o seu último mestre. O noso escritor Antón Castro, un dos seus alumnos, califícao nunha das súas obras de
"cruel moi dado ás malleiras". En sesión de 19 de xullo 1956 o Concello da luz verde á expropiación de terreos para a construcción da Escuela Nacional de Niños y Niñas de Lañas. A muller de Antonio Pérez, Delfina Seijas Dominguez, faríase cargo da unitaria de nenas en 1961, integrándose posteriormente no Grupo Escolar de Arteixo.
Marisé cos seus alumnos no campo dos bosques
Durante a dictadura de Primo de Rivera construiríase, no lugar do Sixto, a escola mixta de Meicende, escola que en 1964 desdóbrase en dúas: a unitaria de nenas, que estaría rexida por Carmen Arenas Quintela e, a unitaria de nenos ao frente da cal estaba Antonio Torrón Dumas. Finalmente, en 1971 daríase paso nesta localidade ao Grupo Escolar de Patronato Diocesano.
Tamén, na dictadura de Primo de Rivera, levantouse a escola mixta de Monteagudo, que estaba situada no Igrexario pasando, posteriormente, a O Freixal. Según conta M. Blanco Rey en
Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, o concello pagaba o seu aluguer ao propietario, Manuel Ferreiro Pallas, concelleiro republicano. Esta parroquia contaba ademais con outra escola, no lugar da Cachada, dende 1961.
Manuel Barcia Laya, coñecido coma o
Peladillo foi o último mestre da Escuela Unitaria de Niños de Pastoriza, que estaba no lugar da Campanilla. O colexio das nenas atopábase no Santuario e tivo a doña Josefina como docente ata a unificación da educación Primaria no Carrero Blanco.
A parroquia de Morás contaba con dúas escolas: a Mixta nº 1, que estaba no lugar de Freán e, a Mixta nº 2, ubicada en Morás do Medio. Na primeira impartiría clase Carmen Vázquez García dende outubro de 1955 ata xuño de 1956, cando se casou co daquela futbolista profesional Arsenio Iglesias. Ramona Moscoso Menne,
doña Moncha, foi a encargada de suceder no posto á muller do
raposo de Arteixo, converténdose na última profesora de Morás xa que posteriormente incorporaríase ao novo Grupo Escolar de Arteixo, Almirante Carrero Blanco. A escola de Morás do Medio fora a única escola pública creada en Arteixo durante a II República.
Os cativos de Chamín e Sorrizo acudían a clase á escola mixta da Lagoa, construída en 1919 e que segue en funcionamento como centro unitario.
En Oseiro, no lugar de Raña, había un ha escola mixta que fora creada en 1899. Antes desta data, os nenos desta parroquia tiñan que ir á escola de Pastoriza. Como local escolar alugárase a casa do pai do Alcalde de aquela época, Generoso González Més.
Os veciños de Suevos contaron dende 1919 coa súa propia escola mixta para escolarizar aos seus fillos, un colexio que estaría rexentado dende 1963 ata a súa desaparición por Julia Sánchez Castelos, a última profesora do centro.
Imaxe do libro de M. Blanco Rey,
Arteixo durante la
II República y la Guerra Civil (pax. 913)
Por último, cabe sinalar que a posta en funcionamento do Colexio Carrero Blanco fora motivo de preocupación das autoridades da época. En declaracións feitas a mediados de 1974 a un xornal herculino polo alcalde de aquela hora, Victor García Villaronga (subteniente da Garda Civil), mostraba a súa intranquilidade polo retraso na inauguración do novo centro escolar pese a que as obras remataran e as instalacións estaban perfectamente acondicionadas...mais finalmente en setembro dese ano 74 o Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, principiaba a súa andaina.
O Carrero Blanco recén inaugurado
FONTES:
-
Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil. Manuel Blanco Rey
-
El "cole" que unió a los niños de Arteixo. La Opinión. Viviana Burón
ROSARIO ROMERO, A MESTRA DE ARTEIXO DESDE 1925
ATA 1936
Nacida
na parroquia de San Marcos de Corcubión o 6 de setembro de 1891,
María del Rosario Manuela Romero Abella era filla do fisterrán Manuel Romero
Castro, un dos pioneiros da fotografía na Costa da Morte, e da
corcubionesa Dolores Abella Recamán. Os primeiros anos da nosa
protagonista transcorren entre os cheiros do polvo de magnesio do
estudio fotográfico e os flashes da cámara de seu pai, que en 1902
se asentara a traballar en Corcubión. Nesta vila a familia ía residir
ata 1910, que foi o ano no que mudaron de domicilio e marcharon a
Cee.
|
Rosario Romero (Nomes e Voces)
|
Naquela
altura Rosario xa tiña moi claro que o seu futuro era a docencia e
tres anos máis tarde, en 1913, supera na “Escuela Normal de
Maestros de Pontevedra” os exercicios de reválida, que a
capacitaban para a carreira de Maxisterio cunha calificación de
sobresaliente, obtendo en 1916 o título de “Maestra de Primera
Enseñanza Elemental” con idéntica cualificación. Co título na
man, e previa oposición, Rosario Romero non tarda en adquirir en
propiedade a “Escuela Nacional” de Padreiro (Santa
Comba), na que estaría ata 1918, ano no que se traslada por permuta á
de Santa Sabina, no mesmo municipio do Xallas. Alí permanece
algo máis dun lustro, ata que obtén, polo chamado cuarto turno, a
propiedade da “Escuela de Niñas” de Arteixo, localidade na que
empezaría a impartir clases en setembro de 1925.
Poucos
meses despois da súa chegada ao concello arteixán Rosario convertese na prometida do sarxento e secretario
xudicial Ciriaco Ortega, nova que recollía o número 311 da revista
Vida Gallega, correspondente ao 20 de xullo de 1926, dicindo que...”Ha
sido pedida la mano de la virtuosa y culta maestra nacional de
Arteijo señorita María del Rosario Romero Abella, para el bizarro
sargento del regimiento de Isabel la Católica y secretario judicial
don Ciriaco Ortega González, de distinguida familia burgalesa. Entre
los novios se cruzaron regalos. La boda se celebrará el próximo mes
de agosto”.
E,
chegado ese
mes de agosto, a Revista Alborada informaba do
casamento da parella en Corcubión, vila na que os
proxenitores de Rosario
estableceran
de novo o seu domicilio no
ano 1921 trala apertura dun
estudio fotográfico que
seu pai Manuel instalara no
campo da Igrexa: ”En
la parroquial de esta villa, se ha celebrado el enlace matrimonial de
la encantadora señorita Rosario Romero Abella, distinguida maestra
de Arteijo, con el pundonoroso sargento de esa guarnición, don
Ciriaco Ortega González, siendo apadrinados por el padre de la novia
don Manuel Romero y por su bella hija Ángeles y firmando el acta como
testigos de la contrayente don Francisco Esmorís, médico de
Finisterre, don Cándido Trasande ilustrado maestro de Arteijo, y don
Manuel Recamán y por parte del novio don José Carballo, médico de
Arteijo, don Simón Salvadores y don Juan González».
Ciriaco
Ortega
e Rosario Romero,
que contaban
no
seu domicilio da
Baiuca coa
axuda de Dolores Martínez Martínez, muller natural de Santa Comba
nacida en 1900 que traballaba
no fogar da parella como criada, ían ser pais de tres fillos que nacerían e serían bautizados na
parroquia de Santiago de Arteixo: José Luís, nacido
no
ano 1927; María del Socorro, que
viñera ao mundo
en 1928, e María del Rosario, nacida o 5 de xuño de 1931 e que tivo
de padriños a seus tíos Francisco Mazariegos, empregado do Banco
Pastor e Presidente do Sindicato da Banca da Coruña naquel intre, e
Mercedes Romero, irmá de Rosario e mestra da escola herculina de
Monelos. Curiosamente,
unhas
semanas
antes do bautizo de María del Rosario, o
14 de abril, proclamárase a II República e,
tan
só tres días despois, Manuel Romero, o pai da nosa protagonista,
era nomeado alcalde da vila de Corcubión, cargo que ocuparía desde
o 17 de abril de 1931 ata o 5 de xaneiro de 1933.
|
Alumnado de Arteixo no Eusebio da Guarda da Coruña con Rosario Romero e María Barbeito (Nomes e Voces)
|
Aqueles
eran días felices para Rosario Romero. A chegada da República
significara para ela un raio de esperanza para mudar certas cousas,
un soplo de aire fresco que lle outorgaba novos folgos para levar a
cabo o seu pensamento no mundo da educación. Muller de esquerdas
confesa, o seu republicanismo acentuaríase no período no que María
Barbeito fora nomeada Inspectora de Zona e visitaba, como tal, o
municipio arteixán. Naquela hora, o que desde a Lei Moyano (que fora
o fundamento do ordenamento lexislativo no sistema educativo español
durante máis de cen años) era coñecida como “Junta Local de
Instrucción Pública”, durante esta nova etapa da II República
pasaría a denominarse como “Consejo Local”, no que os mestres
xogarían un papel determinante. Rosario ocupa, nesa altura, o
cargo de Secretaria do devandito “Consejo Local” do concello
arteixán, mentres que o Presidente do mesmo era Antonio Platas
Reinoso, mestre de Lañas co que Rosario formaría, xunto a José
María Vázquez Blanco, mestre de Sorrizo, unha sinfonía perfecta
durante aquela fermosa etapa da súa vida na que organizaron eventos
como o que publicaba La Voz de Galicia o 16 de xuño de 1932:
“Siguen
celebrándose con éxito las Misiones culturales organizadas por el
Consejo Local de Primera enseñanza de este Ayuntamiento (Arteixo).
La del domingo 12 del corriente tuvo lugar en la parroquia de Larín.
En ella desarrollaron sendas conferencias ante numerosa concurrencia
de ambos sexos los maestros nacionales don Manuel Fernández y
González, de Larín; don S. Campo Renedo, de Monteagudo y don
Antonio Platas Reinoso, de Lañas, quienes trataron respectivamente
de “Cultura y Misiones Pedagógicas”, “Estudio de los vegetales
y sus aplicaciones a la Agricultura” y “Concepto de la libertad,
derechos y deberes”. Los tres temas gustaron mucho y sus
disertantes supieron cautivar al auditorio, uniendo a la sencillez el
fervor y la elocuencia. En un intervalo de descanso, el maestro de
Lañas leyó también unas poesías escogidas, de Rosalía de Castro,
que fueron muy celebradas por la concurrencia. La falta de tiempo
impidió que hiciesen uso de la palabra, como era su propósito, don
Manuel Freire, maestro nacional de Barrañán y don Ciriaco Ortega,
joven y culto sargento retirado esposo de la Secretaria del Consejo
señora Romero, ambos axistentes al acto. El público quedó muy
satisfecho, deseando que tan gratas visitas se repitan muchas veces”.
Coa
victoria da coalición de esquerdas Frente Popular nas eleccións de
febreiro de 1936, Rosario Romero incrementaría en Arteixo a súa
actividade política a través do consello escolar, procurando gañar
adeptos para a coalición entre os seus compañeiros de profesión.
Para tal fin, xunto a Platas Reinosa, traballa arreo na
organización de actos como o celebrado na vila do Bolaños o 14 de
febreiro do 36: o “Comité Electoral de los Maestros de
Izquierdas”.
Mais
todo ía cambiar de xeito abrupto en pouco tempo. O golpe
de Estado do 18 de xullo de 1936 e a posterior crueldade
da represión de Franco poñería fin aos soños da mestra de Arteixo
levando, como a tantas outras, a desgracia á súa familia co
asasinato de seu cuñado Francisco Mazariegos Martínez, Presidente
do Sindicato da Banca e militar retirado, a quen os falanxistas
mataron en Punta Herminia o 31 de agosto de 1936. Meses despois,
cando a súa viúva Mercedes, a irmá de Rosario que era mestra no
barrio de Monelos da Coruña e membro do Sindicato Provincial de
Maestros, do cal fora Presidenta, facía os preparativos para
fuxir a América con María Luísa e Enrique, os seus fillos de 4 e 3
anos, varios falanxistas detivérona a poucos metros do domicilio de súa sogra, na herculina praza de Santo Domingo,
para paseala a continuación nas cercanías da Costa da Sal, lugar no que foi violada e
torturada atrozmente cortándolle os peitos antes de que a asasinaran
a balazos. Posteriormente atoparían o seu cadáver no pozo da ponte
da Castellana de Aranga, sendo inscrita no libro de defuncións de
Aranga con data de 19 de novembro de 1936. Mercedes Romero sería
identificada e enterrada na fosa común do cemiterio de Vilarraso o
12 de febreiro do ano seguinte.
|
Mercedes Romero (Nomes e Voces)
|
A
represión franquista tamén se ía cebar con Manuel
Romero Castro, o
pai de Rosario, que foi multado con 2500 pesetas por ser alcalde
republicano e tamén coa mestra de Arteixo que, seguramente polo
feito de estar casada co sarxento afín ao réxime Ciriaco Ortega,
non correría a mesma sorte que súa irmá Mercedes e só sufriría a
pena de depuración político-social do “Magisterio Nacional”,
que a “castigaría” en agosto do 36 cun traslado forzoso á
Escola de As Antes, na parroquia de San Vicente de Arantón (Santa
Comba), sendo destituída de emprego e soldo aos 15 días do seu
forzoso destino.
Rosario
e o seu marido, que se fixeron cargo durante un tempo dos seus
sobriños orfos María Luísa e Enrique, ao rematar a Guerra Civíl
trasladaron a súa residencia a Santiago de Compostela, cidade na
que Ciriaco Ortega, xa ascendido a Teniente de Infantería, empezara
a traballar como Secretario do Xulgado número 2. O home da ex mestra
de Arteixo sería premiado de novo polos seus superiores catro anos
despois, nova da que daba conta o xornal El Compostelano do 5 de
marzo de 1943 informando que...”Nuestro buen amigo y
convecino el inteligente teniente de infantería don Ciriaco Ortega
González, que presta sus servicios como secretario del Juzgado
número 2 de esta Plaza, acaba de ser ascendido a capitán,
confirmándole en el cargo”. Meses
despois de aquel
ascenso, o 13 de outubro, o matrimonio volve
a sufrir un duro pau
ao morrer o seu fillo maior José Luís con tan só 16 anos.
Tres
anos máis tarde, en 1946,
Ciriaco é ascendido a Comandante de Infantería. Naquela altura, a
ex mestra de Arteixo aínda
continuaba suspendida de emprego e soldo, “castigo” que ía
durar ata o 15 de setembro de 1948. Cumprida a depuración
político-social do franquismo, o último destino de Rosario como
mestra foi a Escola de Catoira, lugar onde se xubila o día 6
de novembro de 1961 para dedicarse posteriormente ao disfrute da vida
familiar e dos momentos agradables que lle farían pasar, ata os seus
últimos días, os seus netos Josechu, o fillo de Rosario, e a máis
nova Charín, a filla de Socorro, unha nena que nacera en Compostela
en 1969 e que case medio século despois, no 2013, faría correr ríos
de tinta por asasinar, xunto ao seu ex marido Alfonso Basterra, a Asunta, á
filla adoptiva de ambos. Como podedes imaxinar, estamos a falar de
Rosario Porto!
Mais
voltemos ao pasado. Sobre o bautizo de Charín, o xornal El Pueblo
Gallego recollía na súa sección de sociedade do 26 de xullo dese
ano a seguinte información: “En la iglesia parroquial de Santa
Susana, recibió las augas bautismales la hija recién nacida del
abogado y profesor de la Universidad don Francisco Porto Mella y de
doña María del Socorro Ortega Romero, profesora de la Universidad.
La nueva cristiana a la que le impuso el nombre de María del Rosario
fue apadrinada por don Ciriaco Ortega González, comandante de
Infantería y doña María Porto Mella de Iglesias, abuelo y tía de
la neófita respectivamente”.
|
Francisco Porto e Socorro Ortega
|
Charo,
a
única filla
de Francisco Porto, avogado e cónsul honorario
de Francia, e de Socorro Ortega,
ía perder durante a súa infancia a seus avós maternos Ciriaco
e
Rosario,
que faleceron
respectivamente
en Santiago o 29 de setembro de 1976 e o 7 de decembro de 1982. Posteriormente,
despois de facer o bacharelato
no
Instituto Rosalía de Castro, no
centro
da cidade
compostelá, licenciase en Dereito
en Santiago e
ampliaría
os
seus
estudos en universidades británicas e
francesas. En 1992 Charo comezaba
a
súa
relación
con Alfonso Basterra, que
chegara de Bilbao a Compostela a finais dos oitenta, e
a quen
coñecera
dous
anos
antes a través dunha
amiga común. Tras
case un lustro de
noivos,
danse o "si quero" e
pouco
despois, en 1996, a neta de Ciriaco e de Rosario herda
de seu
pai
a representación de Francia na
capital galega,
un consulado honorario no
que estivera ao fronte
Porto Mella durante máis
dun cuarto de século.
No
2001 Asunta (o
seu nome
orixinal
era Yong Fang)
chegaba ás vidas de Rosario Porto
e de Alfonso Basterra.
Aquel bebé de poucos meses fora a primeira nena china adoptada en
Santiago, un acontecemento que lles dera a notoriedade que sempre lle
gustara a Charín ao ir contando a
súa
experiencia en diversos medios de comunicación, unha
muller que dez
anos máis tarde, o 13 de decembro do 2011, vía
como súa nai
María del Socorro Ortega Romero, profesora xubilada de Historia do
Arte da Universidade de Santiago nacida
en Arteixo en 1928,
falecía repentinamente na súa casa de Compostela. Encontraraa o seu
marido, o avogado Francisco Porto Mella, que sete meses despois
aparecía tamén sen vida no mesmo domicilio, unha
dobre perda que causaría unha gran conmoción na familia e no seu contorno.
Trala
morte de seus pais, Charo decide pór fin á súa relación con
Basterra,
aínda que ambos
convivían algunhas
temporadas coa nena. E
chegamos ao fatídico 21 de setembro de 2013, que foi cando os pais
adoptivos de Asunta denunciaron a desaparición da súa filla na
tarde-noite dese día. A historia posterior do acontecido é sobradamente coñecida, unha historia que volve a estar de actualidade coa estrea da miniserie de Netflix "El caso Asunta" que protagonizan Candela Peña e Tristán Ulloa.
As voltas que dá a vida!
Se Rosario Romero levantara a cabeza...
O PADRE VILLA E A "CIUDAD DE LOS MUCHACHOS" DE AGARIMO
Nemesio Fernández Villa, nado o 17 de febreiro de 1929 en Villamondrin de Rueda (León) e coñecido ao longo de boa parte da súa vida por Padre Villa, foi un arteixán de adopción ao que o ambiente relixioso vivido na súa infancia no seu pobo natal e no seno da súa familia encamiñaríano, dende moi neno, cara o desexo de ser sacerdote.
Despois de facer o bacharelato no colexio dos Capuchinos de El Pardo (Madrid), as súas convincións relixiosas levaríano a entrar aos 16 anos no Noviciato dos Capuchinos de Bilbao, cidade na que estaría un ano para logo recibir a profesión relixiosa e marchar a Montehano (Santander) a principiar os tres anos de Filosofía e, posteriormente, faría en León os cinco anos de Teoloxía, ordenándose sacerdote o 24 de xaneiro de 1954 na Catedral de Astorga.
O seu desexo de adicarse á predicación conduciríao á capital do Estado, onde estudiaría Sagrada Elocuencia durante un ano recibindo clases teóricas e prácticas de oratoria no convento madrileño de Cuatro Caminos dos Capuchinos, clases que impartía unha famosa artista de teatro da época. Nos anos seguintes o Padre Villa dedicaríase ao púlpito aproveitando os veráns para realizar cursillos especializados nos problemas da xuventude, e tamén botaría dous meses en Lille e París e un ano en Roma, capital na que realizaría outros cursos sobre esta mesma temática xuvenil co Padre Lombarde.
|
Imaxe dos primeiros anos do Padre Villa no Portiño |
O noso protagonista sería destinado en 1957 á cidade da Coruña, a onde chega coa enorme ilusión de converterse en misioneiro. Pasado un tempo e convencido de que estaba superada a etapa da predicación, principia a de dar pan aos homes seguindo o dito de "unha cousa é predicar e outra é dar trigo" e, deste xeito, en maio de 1965 entrou en contacto directo cos suburbios da cidade herculina chegando ao barrio do Portiño. Aqueles serían tempos difíciles os que lle tocou vivir ao capuchino. A Coruña do 65 non podía entender porque un sacerdote pretendía dar esperanza ás xentes dun dos barrios máis marxinais daquela hora. Alí, no Portiño, o Padre Villa estaría traballando tenazmente durante unha década rehabilitando moral, social, cultural e materialmente á veciñanza do lugar, uns seres que vivían nunhas condicións miserables e infrahumanas aos que axudaría levantando dúas escolas, un comedor no que a diario comían 60 nenos, un dispensario con dous médicos e dúas enfermeiras, trece vivendas, unha capela e ademais, co seu esforzo tamén conseguiría levar auga á zona e facer un novo alcantarillado.
Van pasando os anos e en 1972 convértese en "chabolista cos chabolistas", vivindo cóbado con cóbado coa xente do Portiño.
Moito despois, en 2001, os
residentes deste barrio da Coruña recoñecerían os esforzos do Padre Villa
mediante a colocación dun busto rendíndolle homenaxe a quen fora o seu
benefactor. Naqueles primeiros anos setenta xurdiría nel a condición de sacerdote obreiro, iniciando a súa experiencia no mundo laboral nunha empresa da construcción por un periplo de 8 anos, traballo co que en unión do seu día a día cos chabolistas o Padre iríase transformando nun ser distinto do que fora ata aquel entón e por iso, co permiso do seu superior, abandonou o convento e foise a vivir ao Portiño...
"una cosa distinta es hacer la caridad desde una estructura cómoda, como la del convento, y otra hacer la caridad desde dentro", dicía.
|
O Padre no interior da xaula dos leóns do circo Imperial |
En contacto directo coa lamentable realidade de ver a diario a un numeroso grupo de nenos abandonados socialmente, alí no Portiño xurdiría a idea de crear unha "Ciudad de los Muchachos" para os nenos con máis problemas e os máis desamparados. O capuchino non tiña máis que os seus brazos, o soldo da empresa de construcción na que traballaba e unha fé enorme no proxecto. Sería aí nesa altura cando se formou a Asociación Agarimo, unha entidade xurídica que lle daba pé para pedir ás portas dos organismos públicos á vez que era quen de conseguir un bo número de socios. O seu amor polas persoas e unha enorme fe na providencia que o
arrouparía ao longo da súa vida, levaríao a non escatimar esforzos para convertir en realidade a súa idea. Para levala a cabo o Padre faría un pouco de todo, dende artigos e entrevistas nos xornais locais ata unhas frecuentes campañas radiofónicas nas que explicaba aos oíntes a necesidade duns nenos aos que lles faltaba o máis elemental. Mais sen dúbida algunha, o acto máis popular, co que golpeou nas conciencias e despertou o interés da xente para que apoiara economicamente a súa idea, foi o acontecido o 26 de abril de 1972. Ese día estaba na Coruña o circo Imperial e o Padre Villa aproveitaría esta circunstancia para entrar, vestido con sotana, nunha xaula na que había catro leóns. Micrófono en man e sentado nun tallo, contou aos asistentes á función que as
catro feras que se atopaban ás súas costas
"podemos acariciarlos
mentalmente" mais que non era doado facelo físicamente. Dentro da
xaula, o Padre dirixiríase ao
público para pedirlle que lle axudaran nas súas labores asistenciales,
que naqueles intres xa se centraban en sacar adiante o que sería
Agarimo.
No vocabulario do Padre Villa non existía a palabra imposible. Non tardaría en xuntar, despois de solicitar axuda en todos os púlpitos da Coruña, unha suma de 900.000 das pesetas de 1973 que, xunto a unha leira que un veciño de Arteixo lle regalou e os proxectos feitos gratuitamente por un arquitecto que non cría nos curas máis si neste pobre capuchino, o Padre principiaría a edificar a súa gran obra social logo de comprar terreos en Laxobre por un valor de 1.450.000 pesetas: a "Ciudad de los Muchachos Agarimo".
|
Primeiros chaléts de Agarimo |
O 15 de xaneiro de 1975, chegaban as máquinas para facer as zapatas e os camiños, donde se construirían os pilares dos primeiros chaléts e a respectiva entrada da "Ciudad". Posteriormente virían a Arteixo gran cantidade de mozos e mozas de Portugal, Francia, Bélxica, Italia e outros países de Europa para traballar voluntariamente no inicio das obras. O proxecto tamén iría facendo un oco no espíritu social nos mozos da bisbarra e, deste xeito, moita xuventude da Coruña botaría unha man a través de Los Traperos de Emaús, un grupo creado a raíz do comezo das obras de Agarimo que tiña como finalidade animar á xuventude a favor da "Ciudad de los Muchachos" e conseguir fondos para a súa financiación.
Finalizada a primeira fase da construcción da cidade, realizada por Construcciones Loureiro por un presuposto de 15.000.000 de pesetas, a inauguración do centro, do que nun principio se encargaban sete persoas do seu funcionamento, tería lugar o 3 de outubro de 1976. Eran catro chaléts que albergaban a cincuenta nenos e nenas: 21 eran do Portiño, 18 de Carballo e 7 de Vioño. O primeiro dos edificios, denominado Panxoliña, tiña unha cociña, un comedor, un cuarto social, unha sala de asambleas e as habitacións dos adultos. O segundo, denominado Abeiro, era a residencia dos mozos. O terceiro, Acouguiño, era o das mozas e o cuarto, Abrente, estaba adaptado para a escola. Ao fin o Padre Villa vía cumprido o seu soño e, cunha gran esperanza, principiaba a primeira experiencia de carácter mixto e interna, en réxime de liberdade, que se realizaba no Estado español.
Os primeiros meses serían duros e, dadas as circunstancias, houbo que crear un regulamento de réxime interno que irían descubrindo os propios rapaces nas súas asambleas. Pouco a pouco o protagonismo dos adultos iría deixando paso á asamblea
dos cidadáns de Agarimo e ás autoridades e delegados escollidos por eles
mesmos. Os "muchachos" van gañando así en conciencia
comunitaria, en convivencia, en espíritu de traballo e en liberdade
responsable. O sostemento da "Ciudad" supoñía, naqueles primeiros anos de
actividade, uns gastos anuais de máis de catro millóns de pesetas que se
sufragaban coa aportación dos socios e entidades colaboradoras.
Aos dous anos, e dacordo coas normas vixentes do Ministerio de Educación, construiríase o Colexio con capacidade para oito unidades e para o cal fora necesario solicitar un préstamo á Caixa de Aforros por valor de 18 millóns de pesetas. Todo isto daba máis plenitude á atención pedagóxica e cultural dos cativos e así, moitas dependencias que ocupaban un lugar nos chaléts, pasarían directamente ao novo edificio, como o autoservicio, o ropeiro, a enfermería, a secretaría, a banca... disfrutando, ao mesmo tempo, dunhas aulas máis grandes e confortables. Ao ano seguinte da construcción do Colexio, principiaban as obras de edificación do núcleo central, lugar donde se atendería moito mellor aos rapaces ao poseer un comedor máis amplo, cociña industrial, un almacén de alimentos, unha sala de xogos, unha biblioteca, unha sala de televisión, unha sala de asambleas, unha pista deportiva e un frontón. Posteriormente construiríase un invernadoiro, unha granxa, compraríase uns terreos para facer un campo de fútbol e unha leira para o uso de cultivos.
|
Agarimo na década dos 80 |
O 20 de decembro de 1987 inaugurábase a Vila Xuvenil, rematando así a última fase de desenvolvemento da parte residencial da "Ciudad". O que principiara como un proxecto un tanto utópico ideado por un capuchino un tanto rebelde para a súa época, a mediados dos anos noventa, dúas décadas despois da súa inauguración era xa unha iniciativa pioneira coñecida en medio planeta. Agarimo pouco tiña que ver co de 1976 xa que nese tempo serían moitas as reformas e ampliacións que se levarían a cabo no recinto, unha "Ciudad de los Muchachos" que naquela altura estaba claramente dividida en dúas partes: o internado e o colexio. A primeira estaba dirixida pola orde dos terciarios capuchinos e acollía a 35 mozos e 10 mozas que vivían alí; a segunda era un centro de educación permanente de adultos, no que a xuventude podía obter o Graduado Escolar ou a formación laboral nalgún dos seus cinco pretalleres de hostalaría, xardiñería, carpintería, construcción e mecanografía, e dous talleres máis cos que contaba. O obxectivo destos talleres non era outro que o de achegar aos mozos con problemas de integración no mercado laboral e, para tal fin, ensinábanlles un oficio e dábanlles uns coñecementos básicos para que poideran sentirse integrados socialmente dun xeito innovador xa que os educadores do centro trataban de despertar o interés polo estudio nuns rapaces que odiaban o colexio.
|
O Padre Villa |
O Padre Villa falecería o 22 de abril de 2008, mais a obra social de Agarimo segue a estar en boas mans xa que dende 1998 está dirixido por unha muller xenerosa e loitadora incansable, unha muller sempre preocupada por todo o mundo: Lita Otero, que é a persoa que mantén vivo o espíritu do capuchino arteixán de adopción e do seu importante traballo como benefactor.
Na actualidade Agarimo, que no pasado mes de outubro cumpriu o seu 40 aniversario, é titular dun centro educativo, o CPR Agarimo, centro completamente gratuíto no que o alumnado recibe un ensino presencial en grupo e con reforzos individuais. A oferta educativa posibilita a recuperación de mozos e mozas de familias con
escasos recursos económicos, e cun claro risco de exclusión social.
As unidades autorizadas que a día de hoxe están en funcionamiento en Agarimo son as seguintes:
-EDUCACIÓN SECUNDARIA PARA PERSONAS ADULTAS:
FORMACIÓN PROFESIONAL BASICA:
Cociña e Restauración : unha unidade en funcionamiento ( 2º curso)
Carpintería e Moble: dúas unidades en funcionamiento (1º e 2º curso)
-EDUCACIÓN ESPECIAL:
CINCO
UNIDADES DE PSIQUICOS (a quinta unidade púxose en funcionamiento a
partir do mes de setembro de 2016 , trala ampliación do concerto
educativo por parte da Xunta).
Ademais, a
actividade do Centro con Fogares xestionada polos Padres Terciarios
Capuchinos nas instalacións que lles cede gratuitamente a
Asociación, segue tendo a atención psicopedagoxica en réxime
residencial (Centro de Dia) de menores en risco de exclusión social, en
situacións de desamparo e maltrato, tutelados pola Conselleria de Traballo e Benestar da Xunta.
Dicir tamén que no ano 2015 a Asociación Agarimo conseguiría da Dirección Xeral de
Orientación e Promoción Laboral, dependente da Conselleria de
Economía, Emprego e Industria, acreditarse como Centro de Formación para o emprego tendo, na actualidade, un curso en marcha para 60 rapaces en
paro e con baixa cualificación académica.
Á marxe de todo isto, Agarimo tivo e segue tendo ese espíritu de solidaridade con todo aquel ou aqueles que poidan necesitar a súa axuda, unha Asociación Agarimo que non debemos esquecer que segue adiante grazas a todos esos socios que mes a mes, trimestre a trimestre, ano a ano dan
os seus donativos...a esos cidadáns da Coruña, Arteixo, etc, que non escatiman
esforzos en arrimar o ombro cando é necesario. Por iso as portas de
Agarimo sempre estarán abertas para todo aquel que chame a elas, sexa
persona física, asociación cultural ou clube deportivo, como é o caso do Club Luz Verde, o CRAT de rugby, ou unha das entidades máis representativas de Arteixo: Xiradela, asociacións que hoxe alberga Agarimo.
A
“CASA DA PRADERA” DE ARTEIXO E LARÍN
Poucas
series de televisión causaron tanto furor na segunda metade
do
pasado
século
como «La
casa de la pradera»,
a aclamada ficción que narraba as andanzas da familia
Ingalls,
un grupo de colonos norteamericanos
que se estableceu
no Medio
Oeste de Estados Unidos na década de 1870. Baseada
nos relatos reais
da escritora Laura
Ingalls Wilder,
a filla
menor do
matrimonio Ingalls, a ficción narrou
nos
seus
208 capítulos e
nove
tempadas as aventuras da familia protagonista na
súa
odisea por tratar de encontrar o
seu
lugar no
mundo.
Chegados
a este punto, de seguro que vos estades preguntando que demo ten que ver
“La casa de la pradera” e a familia Ingalls con Arteixo.
Pois veredes, o
Colexio
Público Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, comezou a súa
andaina o 12 de setembro de 1974, nunha
época na que cada aula do novo grupo escolar superaba sobradamente
a trintena de alumnos. Ante tal masificación, pronto
xurdiu a
posibilidade de construír un novo colexio público,
o de Galán, que foi inaugurado polo
Ministro de Educación, Juan Antonio López Ambrona, o 15 de outubro
de 1981. Neste
novo centro educativo, a
rapazada das parroquias de Oseiro, Morás e Pastoriza empezou
a realizar os
seus estudos de primaria a
partir do curso 1982/83.
|
"A casa da pradera" de Arteixo
|
Mais,
malia a
inauguración do
novo colexio de Galán, o Carrero Blanco continuaba
superando
a trintena de alumnos por aula.
De feito, ata o padre Villa chegara a ofrecer no seu momento as
instalacións de Agarimo, a
chamada “Ciudad de los Muchachos”,
para desconxestionar a masificación escolar que naquela altura
padecía
o colexio de E.X.B. da capital municipal. Non
sabemos
con exactitude a data concreta, mais debeu ser naquela altura, a
finais dos setenta ou a principios dos oitenta, cando
se
edificou,
na
zona que hoxe ocupa o pavillón
da Escola
de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos, unha pequena
construción
prefabricada como
“solución” aos graves problemas de masificación do grupo
escolar inaugurado en 1974. Aquela pequena construción prefabricada,
coincidindo
co
éxito televisivo do
que gozaba por aqueles días a
popular
serie norteamericana nomeada
anteriormente,
sería
coñecida decontado como
“A
casa da pradera”.
As
miñas lembranzas da “casa
da pradera” de
Arteixo
son máis ben escasas
xa que fixen todos os cursos de E.X.B. no cole grande mais,
con todo, do
que si me lembro é da
grande
esplanada que
había diante dela, que era o lugar
onde aparcaban os autobuses
que
realizaban os traxectos das diferentes liñas escolares. Se mal non
recordo, penso que naquela esplanada tamén se celebraron nalgunha
ocasión as festas do Apóstolo.
Outra
das lembranzas que teño da “casa
da pradera” é do regato que pasaba pola parte traseira. Sei
de quen caeu nel varias veces, e tamén sei de algún individuo
que tirou a máis dun cativo
nese
regato. Confeso que algunha vez saltei o
valado do Carrero Blanco para ir fumar a detrás da “casa
da pradera” os Camel que lle mangaba a miña nai e que compartía,
a caladas, con algún elemento de 8º. Naquela parte traseira creo
que vin os primeiros condóns da miña vida e tamén algunha que
outra xiringa. Non
tardei en comprender que aquel
lugar tiña vida polo día e pola noite!
Recordo
tamén uns
vestiarios que había ao seu carón e
unha
pista polideportiva
na que un grupo de rapaces de Arteixo xogabamos os venres partidos de
baloncesto. Isto, se
a memoria non me falla, debeu ser en 1985 ou 1986, unha época na que, polo que me
contaron varios
ex alumnos e ex alumnas que estudaron na “casa da pradera”, había
catro ou cinco aulas nas
que os mestres
Mari Luz, Lolita, Maloli ou Gonzalo impartían
clase de 3º, 4º e 5º de E.X.B. Tamén hai quen afirma que nalgún
ano o edificio do que estamos a falar foi o parvulario do grupo
escolar. Agardo os vosos comentarios ao respecto!
A
“casa da pradera” debeu funcionar como escola ata os últimos
anos oitenta ou primeiros noventa, que foi cando o
Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, inaugurou
o actual pavillón
da Escola
de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos o
1 de setembro de 1993. Mais
non vaiades a pensar que ese foi o fin do
edificio protagonista desta historia. Non, non. Tras cumprir a súa
función durante algo máis dunha década, a construción
prefabricada foi desmontada e agardou á intemperie
un novo destino.
Nun
momento no que a serie “La casa de la pradera” xa non era un
éxito que agrupaba ás familias arredor da pequena pantalla, as
trece parroquias de Arteixo disputáronse a antiga
escola prefabricada, que acabou viaxando ata Larín para se
converter, aproximadamente sobre o ano 1993, no que sería o primeiro
centro social da parroquia despois de que a veciñanza puxera a
disposición un terreo comunal nas inmediacións da capela de San
Roque e do campo de fútbol.
|
"A casa da pradera" construíndose en Larín
|
“A
casa da pradera” volvía a revivir converténdose, grazas ao enorme
traballo das veciñas e dos veciños que colocaron unha a unha as
pezas, na
parada obrigada da parroquia. Ao longo dos noventa, alí daríanse
clases de baile e tamén se realizarían todas as actividades que
cada ano programaba a Asociación de Veciños. Ademais, os membros do
equipo de fútbol tiñan nela a súa sede. “A
casa era grandiña. Tería uns 150 ou 160 metros cadrados. Tiña tres
cuartos e un salón enorme”,
recorda Suso Borrazás, antigo futbolista e directivo do C.D. Larín
que,
curiosamente, realizara parte dos seus estudos de primaria no
edificio que hoxe homenaxeamos nesta bitácora.
Mais,
pouco a pouco, o tempo iría pasando factura. Co cambio de século o
chan foise picando, só abrían tres fiestras, algunhas persianas
estaban rotas e as portas... vaia por Deus!
|
"A casa da pradera" pouco antes de ser desmantelada
|
Toda a parroquia aceptou
que a “casa da pradera” fora derrubada e así, en agosto do 2002,
as táboas que se poideron aproveitar foron repartidas entre os
veciños e o resto queimadas. Houbo xente
que non sentiu pena algunha pola desaparición do edificio mais, pola
contra, tamén houbo
quen lle tiña un especial
cariño, principalmente
os
que máis traballaran para levantala. Cada unha destas persoas
conserva no seu domicilio unha fotografía de gran tamaño da “casa
da pradera” como recordo.
A
finais do
2002,
o Concello de Arteixo empezaría a construír no mesmo lugar o novo
centro social da parroquia.
FONTES:
VÁZQUEZ, DOLORES (2003): Los Ingalls ya no viven en Larín. La Voz de Galicia, 16 de xaneiro de 2003.
Non dá vostede nin unha no que se refire ao cerre das escolas unitarias e aos seus últimos mestres. Prégolle, polo ben da verdade, que se documente antes de escribir esta fabulosa historia.
ResponderEliminar