PONTES, RÍOS, FONTES E LAVADOIROS


OS LAVADOIROS

    Na actualidade, unha casa moderna está equipada cunha lavadora e unha secadora automáticas e, a miúdo, cun lavabo grande para lavar a man as prendas delicadas, así como unha táboa de pasar o ferro. Mais houbo un tempo no que nos fogares dos nosos devanceiros non había ningunha destas comodidades. Se botamos a vista atrás, e pensamos durante uns segundos no enorme traballo que pasaban as mulleres para lavar a roupa, é doado entender ás nosas avoas que, con razón, din que a lavadora é o mellor invento da historia. 
Imaxe dun lavadoiro de principios do século pasado (Arquivo do Reino)
     Antigamente, cando non existían electrodomésticos, o lavadoiro era o lugar, dentro ou fóra do fogar, no que se lavaba a roupa a man sobre unha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este nome, moitas veces no mesmo río ou regueiro. Cos anos, e especialmente en Galiza, estos lugares que adoitaban ser de uso colectivo convertiríanse nunha construción popular preto das fontes á que as veciñas do lugar acodían a lavar a roupa nun acto social e colectivo. Estes lavadoiros públicos consistían nunha canle que traían a auga a un ou varios depósitos de granito ou formigón. Aos lados destes depósitos había unhas pedras lisas o lousas chamadas “lavadoiras” que estaban colocadas cunha inclinación máis ou menos de 40 graos. As mulleres tiñan unha "banca" de madeira de forma angular sobre o que se axeonllaban e, medio agachadas, fregaban e enxaboaban as roupas inclinadas para permitir o lavado á man. A maioría deles contaban cunha cuberta, que adoitaba ser a catro augas con dúas tesoiras de madeira, sostida por catro ou seis piares de pedra ou obra a xeito de alpendre, mais tamén había lavadoiros abertos.

O antigo lavadoiro do Rañal na actualidade
     Alí xuntábanse as mulleres coas sabas, pantalóns e saias para fregar e refregar contra a pedra, dándolle duro ao cepillo e ao xabón que se fabricaba na casa con grasas e sosa. Mais un momentiño: no lavadoiro tamén había unhas normas...e pobre de quen non as cumprira! Cando eran mantas, lá dos colchóns ou verlos de lá das ovellas, había que ir aos regatos, moitas veces en burro ou cabalo e levando a comida. Nalgúns lavadoiros, as mulleres lavaban a roupa unhas fronte a outras. Noutros facíano de lado, caso no que había que botar a auga sobre a roupa coa man dereita  para así evitar botarse unhas a outras xabón e auga. Para sacarlle a carroña á roupa a lavandeira tíñase que situar na parte baixa por donde corría a auga. Despóis extendía as prendas a clarexar nos arredores. Posta a roupa ao sol, botábaselle auga para que fora amolecendo a suciedade. Logo dábaselle outro fregado, esta vez no centro do lavadoiro donde a auga estaba limpa, dándolle o toque final escorrindo e torcendo. Así quedaba preparada para secala, pendurada dun arame xa na casa ou dunhas ramallas na horta. Unha vez seca tiña lugar o planchado da roupa, tarefa reservada para a tarde dos sábados, cunha prancha de ferro macizo (de aí a expresión galega actual “pasar o ferro”). Máis tarde aparecerían ferros máis modernos, semellantes á caldeira dunha máquina do tren: facíase un braseiro metendo a borralla no interior do ferro, soplando por un furadiño para avivar o borrallo que o quentaba.. Non todas as casas tiñan ferro entón botábase man de “pedir prestado”.
   
Así era a vida das nosas avoas
     Aínda que algunhas casas,  polas que transcorría próximo un río, podían contar cun propio, os lavadoiros de roupa  adoitaban ser lugares públicos e abofé que ben necesarios. Xunto coas fontes e os muíños, os lavadoiros eran os grandes lugares de convivencia e contacto social para as mulleres da época. O lavado da roupa foi unha tarefa dura que a miudo facían frente as mulleres máis novas da casa. A eles íase lavar a roupa, sí, e aínda que era un traballo duro facíaselle frente con certa ledicia pois, durante séculos, foron sitios de tertulia nos que se falaba de todo o humano. Os cotilleos nacían, reproducíanse e morrían alí. Si un quería enterarse se a Melucha do Touciñeiro andaba a facerlle as beiras o fillo da señora Mercedes, o lavadeiro era o lugar no que tiña que estar. Agora todo é máis doado. Botamos unha ollada ao Facebook do veciño para saber da súa vida ou os amigos do solteiro de turno colocan un cartaz na Avenida de Fisterra: "Pepiño e María cásanse", mais non é o mesmo: antes íase alí a lavar a roupa e tamén a FALAR...e hoxe ata parece que nos custa dar os bos días!

     Actualmente aínda hai xente que utiliza os lavadoiros para lavar alí as alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos mais, a maior parte desos lugares emblemáticos e cheos de encanto, están abandonados ou medio esquecidos e só se conservan vivos na memoria das nosas avoas. Remato co testemuño dunha delas, a miña veciña do Rañal Carme do Bichelo, que durante toda a súa vida foi usuaria dun destes lavadoiros tradicionais que forman parte do noso patrimonio:
"Lavar ben a roupa non che era moco de pavo. Ademais dun traballo duro e delicado era unha auténtica arte xa que había que seguir un protocolo rigoroso que comezaba por separar a roupa branca da de cor. A roupa metíase peza a peza no lavadoiro. Empapábase, enxaboábase e fregábanse as manchas difíciles. Despois de enxaboada, a roupa amoreábase no lavadoiro para que fose amolecendo. Peza por peza mergullábase na auga e zapateábase contra o lavadoiro para deixala limpa e aclarada. Lavar a roupa branca era máis laborioso. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo. Estendíase ao sol sobre o campo de herba e a luz eliminaba as manchas máis difíciles, recuperando a súa brancura. Aclarada e relucente, quedaba a tender nos toxos dos arredores"
Dorinda do Bichelo, Blandina do Coireiro, Lola de Abeleira e Carme do Bichelo no lavadoiro novo do Rañal nos anos 90 do século pasado

A FONTE SANTA DO FOXO

Sabemos da importancia que na máis remota antigüidade tivo por toda a xeografía galega o culto ás correntes de auga, en especial a predilección polas fontes, unha importancia que perdurou nos tempos da dominación romana e que o cristianismo intentou erradicar, xunto con outras moitas prácticas pagás, sen conseguilo plenamente. Este tipo de cultos, que ían acompañados de actos de adoración, sacrificios e ofrendas, estaban tan arraigados entre os nosos antepasados que a Igrexa lanzaría contra eles sucesivas condenas, principiando polos anatemas de San Martín Dumiense na súa De Correctione Rusticorum, e continuando polos concilios toledanos: “Recordando los preceptos del Señor, no para castigo de los delincuentes, sino para terror, no imponemos por este decreto la pena de muerte, sino que avisamos a los adoradores de los ídolos, a los que veneran las piedras, a los que encienden antorchas y adoran las fuentes y los árboles que reconozcan cómo se condenan espontáneamente a muerte aquellos que hacen sacrificios al diablo”.

Fonte Santa do Foxo
Ante os reiterados fracasos de tan “piadosos” avisos, a Igrexa recurriría ao método, sempre útil e garantizado pola práctica, de sustituir aos deuses ou xenios pagás das augas por algún santo ou santa, e incluso pola propia Virxe María. Os exemplos son numerosos e, a día de hoxe, case todos os santuarios marianos galegos seguen tendo ao seu carón unha “Fonte Santa”, na cal moitos atopan a orixe e culto do que pode ser un recordo do practicado polos antepasados celtas, pois non podemos esquecer que na súa mitoloxía existe un caldeiro que devolve a vida a quenes son somerxidos nel, un recipiente máxico que é nomeado como “Fonte da Saúde”.

A través dos séculos, as crenzas, superticións e o respecto que as augas inspiraban nos nosos devanceiros, de seguro que polos restos do antigo culto que as cría poboadas de xenios protectores, quedarían presentes nas cantigas populares, romances, lendas, tradicións e, tamén, na toponimia das nosas parroquias, como é o caso da Fonte Santa do Foxo, en Loureda, un lugar coñecido dende tempos inmemoriais polas virtudes das súas augas salutíferas e beneficiosas.

Se viaxamos na máquina do tempo e poñemos o contador no día 31 de xaneiro de 1930, podemos ver como o historiador Heliodoro Gallego Armesto publicaba no número 438 da revista Vida Gallega unha reportaxe sobre o municipio de Arteixo na que nos dicía que...en su aldea de Fojo brotan dos manantiales de aguas ferruginosas, que utiliza mucha gente”.

Caseta "dos ricos"
Ao realizar a reportaxe, Armesto probablemente fora testemuña do bulicio que naquela altura había no Foxo, moito maior que o de agora, e de seguro que ata lle mandou un pucheiro de caña na Casa Trigo, estabelecemento do que xa temos falado neste espazo
 
Aqueles eran os tempos nos que pasaba pola aldea o vello camiño polo que circulaban a diario as xentes da comarca de Bergantiños que se dirixían á cidade da Coruña, tempos nos que moita da veciñanza do lugar vivía das populares “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921 e, dos que xa facía referencia no ano 1829 o “Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal” dicindo que… “los vecinos de las aldeas de Fojo, Cancelo y Rapa se sostienen con el tráfico de la Brona que venden en los mercados de la Coruña, dando con este motivo bastante trabajo a muchos jornaleros”.

Pois ben, naqueles tempos o lugar do Foxo tamén era frecuentado polos residentes do Balneario de Arteixo que, segundo varios testemuños, facían excursións en burro ata Santa Locaia e tamén acudían polas tardes ata a Fonte Santa coas súas merendas e ataviadas, as mulleres, con grandes pamelas.

 
Caseta "dos pobres"
O Foxo era, naquela altura, unha especie de pequeno recinto termal, un pequeno balneario no que as augas ferruxinosas da devandita fonte eran consumidas principalmente con fins medicinais, unha fonte que tiña dous mananciais e, cada un deles, a súa respectiva caseta.

A caseta da fonte de arriba, na que había a posibilidade de facer fonda, era coñecida como “a dos ricos”. Tiña tres canos e a xente pagaba certa cantidade por vaso de auga, unha auga que segundo nos contou unha veciña do lugar “era boa para o intestino e para o fígado”. A caseta do manancial de abaixo, de tamaño máis reducido que a da fonte de arriba, era coñecida como “a dos pobres” e non había que pagar nada por beber nela.

Na actualidade aíndan quedan os vestixios de aquel pasado. Xusto en fronte a casa “dos do Jefe”, está a caseta onde bebían os pobres e, uns metros máis arriba, “a dos ricos”, na cal, ata hai ben pouco, se cadra ata os anos noventa, aínda había ben xente que acudía a ela. Desgraciadamente, sería a partir de aquela época cando pouco a pouco empezou a quedar agochada no medio da maleza na que hoxe se conserva totalmente abandonada da man de Deus. Aaaaii... se as paredes falaran!



FONTES:
-Alarcón Herrera, Rafael. La huella de los templarios. Ritos y mitos de la Orden del Temple. Ediciones Robinbook. Barcelona, 2004.
-Rodríguez, Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras. Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.

Ningún comentario:

Publicar un comentario