martes, 21 de abril de 2015

AS DIMINUTAS BOLIÑAS BRANCAS DOS AREAIS


      Nunca vos preguntastes a procedencia desas diminutas boliñas brancas que atopamos a milleiros nos nosos areais? De que son? De donde veñen? Abofé que me fixen esas preguntas centos de veces.

     Pois mira ti por donde, a miña ignorancia sobre este particular quedou resolta estos días pasados grazas á lectura do libro de Antonio Sandoval Rey ¿Para que sirven las aves?, libro que vos recomendo e no que, por certo, tamén aparece nel o meu amigo Xabi Varela, ese rapaz ornitólogo que traballa no Departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo e ao que lle podedes preguntar polas vosas dúbidas do mundo dos paxaros que, de seguro, volas ha de respostar co seu entusiasmo e alegría habitual que te acaban contaxiando.

     Sandoval cóntanos no seu traballo que esas minúsculas boliñas brancas e translúcidas, algo máis pequenas que unha lentella, empezaron a chegar ás nosas praias hai máis de dúas décadas. Ao parecer, no centro do océano Pacífico medra, ano a ano, unha descomunal bolsa de residuos cun tamaño estimado en varios millóns de kilómetros cadrados. Cunha profundidade próxima aos 30 metros, ese vertedoiro flotante funciona, según conta o autor, máis que como unha masa compacta, coma un arquipélago formado por illas de moi diversos tamaños. Xira lentamente nunha zona donde as augas superficiais do Pacífico forman un gran remuíño no que morren correntes que chegan desde todas as súas beiras.

As boliñas son do tamaño das lentellas
  Hai quen calculou que por cada kilo de plancton natural hai, nesa zona, seis de plástico. E non para de medrar!. Nin de esmiuzarse!. A auga salgada e o sol van fragmentando e erosionando os seus restos ata convertelos primeiro en minúsculos e logo en invisiblers. Sandoval tamén nos conta que son moitas as criaturas mariñas que os tragan ao confundilos con plancton natural. Acumulan así no seu organismo toxinas que logo, a través das cadeas alimenticias, chegan á nosa mesa incorporadas aos filetes de peixe. Ese gran vertedoiro mariño xa ten nome: "Great Pacific Ocean Garbage patch", e recibiu unha máis que notable atención mediática. Mais desgraciadamente non é o único. A ONU estimou que en cada kilómetro cadrado do océano hai xa miles de partículas plásticas, e que o 80% do lixo deste tipo que chega ao mar faino deste terra.
Boliñas no areal de Santa Baia
                                                      
     Así que xa sabedes, eses grans de plástico brancos, dos que podemos ver unha ducia deles nunha simple presa de area, proceden desa enorme illa-vertedoiro do Pacífico. Agora falta descubrir a procedencia doutras bolas que tamén aparecen a ducias nos nosos areais, esas que son de esponxa e amarronadas e, de aspecto, un chisco máis grandes que unha canica. Cando me entere xa volo conto.




FONTES:
-¿Para que sirven las aves? Antonio Sandoval Rey


1 comentario:

  1. Moi bo artigo. As probas que nos estamos cargando o planeta, e con il o futuro da nosa especie, temolas ao carón da área na mesma Praia.

    ResponderEliminar