A
vida de Emilio Núñez e de Gloria Rodríguez é o reflexo dunha
época, dun tempo no que miles e miles de galegos e galegas víronse
na obriga de facer a maleta da emigración na procura das
oportunidades que non tiñan na súa terra.
A
súa historia principia nos anos cincuenta do século pasado na
comarca de Valdeorras, terra da que eran naturais. Emilio, veciño da
pequena aldea de Vilar de Xeos, pertencente á parroquia de Quereño
(Concello de Rubiá), e Gloria, que nacera en Valencia do Sil, na
parroquia do Concello de Vilamartín de Valdeorras, casarían naquela
altura, tempos nos que nacería Manolo, o seu único fillo, que viría
ao mundo en novembro de 1955.
As
dificultades económicas para manter á súa familia, conducirían a
Emilio, que ata aquel entón traballara nunha fábrica de carburos e
na Renfe facendo raís para os trens, a emigrar en 1960 a unha
Alemaña moi necesitada de man de obra, e alí, en Munich, empezaría
a gañarse a vida sendo operario do mantemento da rede ferroviaria.
Un ano máis tarde, en 1961, despois que que o seu home lle atopara
emprego, Gloria tamén emigraría ao país teutón para traballar na
lavandería dun hospital da cidade alemá, deixando ao seu fillo
Manolo no Barco de Valdeorras con Amparo, a nai de Emilio.
O
matrimonio botaría en Munich ata principios de 1966, que foi cando
dicidiron que xa aforraran dabondo para empezar unha nova vida en
España. Emilio, ao principio, tiña idea de comprar un piso en
Madrid e buscar traballo alí, mais a súa muller non estaba pola
labor, xa que non quería ir de criada de ninguén!
Despois
de desbotar a posibilidade madrileña, pensaron en varios lugares da
provincia da Coruña para establecerse, onde catro irmáns de Gloria
tiñan adega en Arzúa, Cecebre, Cambre e Paiosaco. Mais eles
optarían finalmente por Arteixo. Sabían que no municipio arteixán
non tardaría en construirse o Polígono Industrial de Sabón e, por
tal motivo, pensaban que non lles había de faltar clientela para o
“Bodegón Núñez”, o negocio que tiñan en mente montar no baixo
do edificio que, cos aforros de Alemaña e cun préstamo da recén
inaugurada sucursal da Caixa de Aforros da Avenida do Balneario,
empezarían a contruír na actual rúa Ría de Foz.
No
tempo que duraron as obras o matrimonio e o seu fillo Manolo, que
naquela hora xa era un rapazote de 12 anos, viven de aluguer en
Meicende ata que ao fin, o Día das Flores de 1967, abren ao público
o “Bodegón Núñez”, un negocio que pola semana facía boa caixa
grazas aos obreiros que traballaban no Polígono e co viño que
Emilio repartía polas casas, reparto que ao principio facía nunha
carretilla. Os sábados e domingos, os que lles daban un peso a gañar
era a xuventude que naquela hora paraba na sala de festas Eva e tamén
no Cine Real, ao que tamén acudía Manolo mais, nos descansos, entre
proxección e proxección, o rapaz tiña que ir á adega de seus pais
a botar unha man facendo bocadillos.
Van
pasando os anos e o negocio segue funcionando ben. Mentres que Gloria
atende á numerosa clientela, o seu home Emilio dedícase a andar na
ruta comercial, percorrendo na súa furgoneta as malas estradas dos
setenta, facendo novos clientes e servindo os pedidos do viño que
traballaban: tinto de Valdeorras e da Rúa de Petín, ribeiro blanco
de Ourense e clarete de Cacabelos. Aqueles son tempos nos que o seu
fillo Manolo, a parte de axudar no “bodegón”, tamén empezaría
a traballar nunha das empresas do Polígono de Sabón, en Oxigalicia,
donde estaría empregado desde 1974 ata 1978.
Dous
anos máis tarde, en 1980, Emilio sufriría un grave accidente de
circulación na súa furgoneta cando se dirixía a Ourense a buscar
viño, un Emilio que sería hospitalizado en Ponferrada e
posteriormente trasladado á cidade sanitaria da Coruña, onde
estaría ingresado certo tempo. Unhas semanas despois de recibir a
alta, cando xa comezaba a recuperarse no seu domicilio das feridas e
do gran sobresalto sufrido no accidente, o pobre empezouse a
encontrar mal e, horas despois, falecía no Modelo con tan só 49
anos por mor dalgunhas secuelas que lle quedaran do sinistro.
Superar
a súa perda non foi doado, mais a Gloria e ao seu fillo Manolo non
lles quedara outra que tomar as rendas do negocio e, entre os dous,
serían quen de sacar adiante o “Bodegón Núñez” que, ao longo
dos oitenta, seguiría contando con numerosa clientela, a pesar de
que naquela hora xa levaban algún tempo pechados tanto o cine Real
como a sala de festas Eva.
En
1988 Manolo casa con Mari Luz Ares, unha muller loitadora nai de dous
fillos de relacións anteriores: Toni e Arantxa, irmá de quen
escribe. Dous anos máis tarde, en 1990, Gloria xubílase e, a partir
de aí, Manolo, que aínda hoxe é coñecido como “Manolo o do
Bodegón”, dedicaríase a andar no reparto mentres que Mari Luz
atendía a adega coa axuda, de cando en vez, dos seus fillos.
A
finais, dos noventa, en 1999, deciden trasladar o “Bodegón” para
o local que tiñan ao lado, tamén da súa propiedade e que, ata
aquel entón, era o lugar no que estaban os depósitos do viño e
onde se limpaban. O motivo do cambio foi que o local orixinal, o que
abriran Emilio e Gloria ao pouco de vir da emigración, sería
reformado para o aluguer da Carnicería Agustín e Santiago,
actualmente Carnicería Pepe.
Estamos
xa no século XXI. No 2002 Mari Luz enferma de gravidade, polo que
Manolo decide pechar o “Bodegón” xa que os fillos da súa muller
naquel intre tiñan traballo e non se animaron a entrar no mundo da
hostalería. A adega alugaríase un par de veces, mais xa nunca
chegaría a ser o “Bodegón Núñez” de antano, o “Bodegón
Núñez” que fora testemuña do crecemento da vila de Arteixo e que
así, como quen non quere a cousa, permanecera aberto case catro
décadas e, finalmente, decidiron alugarlle o baixo a Jose
Rozamontes, o fillo de Rozas, quen non tardaría en abrir alí a
pastelería APTC.
A
Manolo quedaríalle unha espiña clavada, unha pena moi grande de non
continuar co negocio, aínda que iso si, nunca perdería a esperanza
de volver a abrir en Arteixo unha adega.
Mais
un momentiño!
Atención!
Redobles
de tambor, por favor!
O
soño de Manolo vaise cumprir pois, nos vindeiros meses, abrirá con
Arantxa, a filla da súa defunta muller Mari Luz, nun baixo que da á
parte posterior do primeiro “Bodegón Núñez”, na rúa Ría de
Betanzos, a adega “A Cova”, nome co que Manolo quixo homenaxear a
súa terra de nacemento, lembrando as covas, un dos elementos
etnográficos máis representativos da comarca de Valdeorras.
Estos
lugares, excavados baixo a terra, no pasado utilizábanse para gardar
o viño das altas temperaturas do verán. Na actualidade, algunhas
covas de Valdeorras seguen tendo este cometido e, á vez,
convertéronse en lugares nos que os seus propietarios celebran
festas cos seus familiares e amigos. Nós en Arteixo, non tardaremos
en ter a nosa “Cova” particular!
Arantxa,
Manolo; Manolo, Arantxa: agardamos data de inauguración!
Ningún comentario:
Publicar un comentario