venres, 13 de xullo de 2018

OS ACHADOS ARQUEOLÓXICOS DO XACEMENTO COSTEIRO DO REIRO (CHAMÍN)

O Reiro. O xacemento está na parte inferior da imaxe (www.turismo.gal)

  Unha das pegadas máis afastadas no tempo da historia local de Arteixo condúcenos ao período Epipaleolítico-Mesolítico (10.000-5.000 a.C.), época na que varios historiadores sitúan o campamento costeiro do Reiro. Este xacemento, que se localizou sobre un depósito asentado sobre unha duna fósil da zona máis protexida do areal, sería descuberto a finais dos anos sesenta do século pasado, ao pouco de instalarse alí a maquinaria que extrairía, durante certo tempo, a area deste pequeno recuncho do litoral da parroquia de Chamín. 

   Tal barbaridade ecolóxica, que se realizaba de xeito habitual naquel entón en moitas das praias da bisbarra, daría pé a que o mar arrasara con boa parte da zona que contaba, antes das extraccións, coa defensa natural das dunas formadas a través dos séculos pola acción do vento. Este cambio da liña do areal do que estamos a falar, favorecería a penetración das mareas ata lugares onde antes da chegada da maquinaria rara vez o facían, modificando tanto a extensión do xacemento como a secuencia dos estratos máis próximos.

Material lítico do Reiro (Ramil Soneira)
   Deste xeito, ao mesmo tempo que as máquinas continuaban extraendo area, unha ampla dispersión de materiais prehistóricos, sobre todo industria lítica en cuarzo e cristal de rocha, ademais de restos orgánicos de xabarís, cervos ou vértebras de peixes, irían aparecendo pouco a pouco no Reiro.

  Ao ter constancia do achado, os arqueólogos Vázquez Varela e Ramil Soneira desprazaríanse ata esa parte da costa arteixá para prospectar o xacemento, onde certificarían a presenza dun grupo humano que, ao xulgar polos restos alí descubertos, todo fai indicar que baseaban a súa alimentación en micromamíferos, aves e pesca de beiramar.

    A partir do momento do seu descubrimento e durante varios anos, procedeuse á recuperación do material que quedaba á vista pola actividade das mareas e da empresa areeira, un material que se recollería sen plan de excavación arqueolóxico de ningún tipo, como así nolo conta o arqueólogo Ramil Soneira no amplo informe Paradero de Reiro que publicou nos Cuadernos de Estudios Gallegos no ano 1973:


Materíal lítico descuberto no Reiro (Ramil Soneira)
  “El material recogido no corresponde a níngún plan de excavación. Después de comunicarlo al señor Luengo, Comisario Provincial de Excavaciones, que visitó el paradero, desde el 69 he ido rescatando durante el verano lo que las mareas y las “industrias de arena” dejaban al descubierto en el estrato humífero; estrato de consistencia dura, ligada, que obliga a desmenuzar a mano o disolverlo lentamente en agua, ya que los trozos extraídos están totalmente atravesados de restos óseos. Esta tierra negra cuando se abandona al sol adquiere la consistencia del adobe. Antes de la nivelación para aparcamiento, acompañado del Prof. Vázquez Varela hicimos unas catas en E-s (fig. 4), donde la total espesura del estrato humífero lo es de ocupación; con una potencia media de 45 centímetros, la secuencia en las catas bajas es similar a la hallada bajo la duna D de la figura 4”.

Esquemas do xacemento (Ramil Soneira)
  O material lítico recuperado no xacemento está elaborado sobre cantos e lascas de diorita para as pezas grandes e en cuarzo e cristal de rocha para as pezas pequenas. Ramil Soneira, que fundou e dirixiu o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilaba, dinos na publicación anteriormente mencionada que... “El tipo de roca usada para estos útiles condiciona favorablemente la obtención de grandes lascas por percusión bipolar o a yunque durmiente; igualmente condiciona el rebajado de ambas caras, casi sin talón, aún en el caso de someter uno de los polos de un canto aplanado de diorita a la somera talla alterna para la obtención de un choper”. Dentro de este material lítico están claros dous grupos, os macrólitos e os micrólitos, entre os que se poden diferenciar os micrólitos xeométricos, raspadeiras, perforadores e burís, material que parece corresponder a unha fase mesolítica polos resultados da datación radiocarbónica, que deron unha data de 6.590 ± 70 B.P., aínda que segundo a arqueóloga arteixá Puri Soto, hai que entender que é unha datación da madeira da turbeira e, como non hai contexto estratigráfico, non todos os materiais se poden relacionar coa devandita datación radiocarbónica.

Restos óseos do xacemento do Reiro (Museo Arqueolóxico da Coruña)
   No xacemento tamén se descubrirían restos óseos, vexetais e de cerámica. En torno aos primeiros, documentouse fauna característica das etapas posglaciais constituída plenamente por especies típicas dun medio forestal desenvolvido que acada o seu auxe no Holoceno, que é a época que se extende desde hai uns 10.000 anos ata a actualidade. A fauna analizada consta de vinte restos de mamíferos, entre os que se identifican especies como o cervo, o corzo e o xabarín. Do material vexetal, Ramil Soneira di que aparecen… muy abundantes carbones, algún trozo de madera parcialmente quemada y un cotiledón de una semilla”, e por último, con relación a cerámica, o arqueólogo de Vilalba conta que descubriron… “dos pequeños trozos cuya superficie total llega sólo a cinco centímetros cuadrados; trátase de un barro rojo mal amasado y peor cocido, de un centímetro de grueso; con muy abundante temple cuarzoso formado por arenas gruesas y desiguales”.

    Estos restos arqueolóxicos que afortunadamente se salvaron da agresión industrial son na actualidade, tras os resultados que aportaron os novos medios tecnolóxicos en torno á adscrición do Reiro, motivo de certas contradicións no mundo da historia e da arqueoloxía, unha controversia que ven dada pola falta de contexto e polo descoñecemento da secuencia estratigráfica. Exemplo disto é o que nos comentou recentemente Puri Soto: A cerámica e determinadas especies vexetais domesticadas son elementos plenamente Neolíticos. Non están cómodos en contexto epipaleolítico nin mesolítico e, por tanto, todo fai pensar que temos un xacemento de longa duración”.

  Sen ánimo de meterse en camisas de once varas, de seguro que esta controversia se solucionaría cunha escavación arqueolóxica, coa cal é máis que probable que apareceran novos materiais e que tamén deixaría claro se no xacemento hai un ou máis niveis estratigráficos, ou se o xacemento ten unha secuencia temporal ampla.

Buril descuberto no Reiro (Museo de Prehistoria de Vilalba)
    Mentres agardamos a que haxa novos datos, podemos simplemente resumir que o campamento do Reiro, hoxe oculto por capas de area e sedimentos, para aquel grupo de humanos que probablemente, por mor da presenza de cerámica habitou do Mesolítico-Neolítico (10.000-5.000 a.C.), foi un paradeiro costeiro no que se respetaba a lei das areas, coa súa ben escollida protección a poñente, o punto cardinal polo que se pon o Sol, a súa augada cómoda e segura e unha posición, con relación á liña de mareas, máis axeitada que a existente actualmente, que quedou desprotexida a raíz das agresións industriais dos anos sesenta e setenta. Paradeiro de xentes que traballaban o material local simulando sinxelos choppers, pedra de gume plano e recto, y las casi clactonientes lascas con los rebuscados micrólitos” que menciona Ramil Soneira no texto publicado en 1973 nos Cuadernos de Estudios Gallegos. En definitiva, paradeiro no que podemos deducir que os moluscos non formaban parte da alimentación destos seres predadores, mais sí que o facían as aves, mamíferos, peixes e vexetais, un grupo que coñecía a cerámica e do cal non sabemos se cultivaba a terra.


FONTES:

- Caamaño Gesto, José Manuel. A gran historia de Galicia. Prehistoria de Galicia (Tomo I, Volume I) O Paleolítico e o Epipaleolítico. O Neolítico e o Megalitismo. La Voz de Galicia, 2007.
- Ramil Soneira, José. Paradero de Reiro. Cuadernos de Estudios Gallegos (XXVIII, fasc. 84), 1973.

Ningún comentario:

Publicar un comentario