-
Aínda non o creo!
-É
imposible!
-Non
pode ser!
Non estades a ler un guión teatral. Non, estades lendo os comentarios
que dicían moitos dos seus clientes antes de confirmarse a nova,
clientes que cando viron que os rumores se convertían na realidade o
pasado venres 28 de setembro decidiron organizarlle, na compaña de
familia e outros amigos, unha pequena homenaxe ao seu prezado Pepe,
Pepe do Muiñeiro, que se xubilaba ao día seguinte despois de
traballar no seu bar, o Bar Insua, durante os últimos cincuenta
anos!
O
que escribe tivo a fortuna de estar presente na merecida homenaxe e
acudiu vintecatro horas despois, ao igual que cada sábado, ao Insua a escoitar algunha historia do Arteixo de antano.
Mais nesta ocasión era distinto. Desta volta sabía con certeza que era a
última vez que os meus ollos verían a Pepe detrás da barra e,
ademais, probablemente tamén era a última vez que o popular
estabelecemento tiña as súas portas abertas. O tempo dirá se se
aluga, traspasa ou vende.
Nesa
última visita ao
Bar Insua o cheiro cafeteiro
era o de todos os días, desos que lle devolven ao almanaque as
follas caídas e se instalan, para sempre, nos anos en que os
teléfonos móbiles non eran máis que un invento da ciencia ficción.
O
mesmo
pasou coas
sensacións personais,
as
mesmiñas
de cada
día
que entrei alí ao
longo da miña vida.
Unha
vez máis, dábame
a
impresión que facía
unha viaxe no tempo semellante á que fixera Marty McFly (Michael J.
Fox) en "Regreso al futuro", película na que o
protagonista chega ao ano 1955 nunha máquina creada polo seu amigo
Doc, o científico ao que todos tomaban por tolo...lembrades?
Mais
desta volta era diferente. A persoa que tantas veces nos fixo viaxar
ao pasado dende a cabina de mando da barra, Pepe, Pepe do Muiñeiro,
quixo viaxar do pasado ao presente para soñar co futuro, coa súa
nova etapa, coa merecida xubilación!
No
Bar Insua non podías ir con presa. Pepe tiña o seu ritmo e non era
de cortar a conversa coa clientela cando lle pedían unha
consumición. Detrás da barra contaba con paixón as súas
lembranzas, e abofé que sabía transportarte, se cadra os seus
tempos de taxista tiñan algo que ver, ao Arteixo do pasado
describindo con todo luxo de detalles como era a vila e as súas
xentes nos anos cincuenta, sesenta, setenta...
Nesa
viaxe no tempo, do que aínda quedaban no bar algúns vestixios dos
seus primeiros tempos como a televisión, unha das primeiras que
houbo no concello, o aparato de radio ou algunhas botellas de coñac,
negras polos fumes das farias de anos de reñidas partidas de tute e
dominó, Pepe tamén te conducía aos tempos no que o fútbol era un
deporte e non un negocio falando dos Mundiais, do Deportiviño, de
Arsenio Iglesias ou dos derbis da súa xuventude entre o Penouqueira e o
Atlético Arteixo, do que él fora xogador e o seu irmán Fernando
fundador.
O
edificio onde tantos anos estivo aberto o Bar Insua, no cruce da Avenida
de Fisterra coa Avenida de Caión, é unha casa única, distinta a
todas e cun deseño pouco común que a min sempre me gustou pola gran
cantidade de ventás que ten. Lembro que as primeiras veces que
entrei alí, cando meu avó me mandaba a buscar un día á semana as
quinielas de fútbol, sentín un chisco de medo. As miradas dos mestres do colexio Carrero Blanco, que despois de
xantar ían ao Insua a xogar a partida de tute antes de impartir
clase -ou estaca- a partir das 15:00, dábanme verdadeiro pánico,
tanto ou máis que as películas de medo que obrigaban a mirar se
había alguén debaixo da cama antes de deitarte!
Naquela
altura, naqueles anos setenta, Pepe xa levaba certo tempo atendendo o
negocio, un estabelecemente onde a min sempre me tratou con moito
cariño dende que era un mexerica. O noso protagonista empezara a traballar no bar
ocasionalmente nas fins de semana botándolle unha man a seu irmán
Fernando mais, cando este fixo, coma tantos miles de galegos e galegas, a
maleta da emigración para aforrar catro pesos en Inglaterra, Pepe,
que daquela traballaba na Seat, quedaría definitivamente ao fronte
do Insua durante case medio século, ata o 29 de setembro de 2018,
día da súa xúbilación!
A
casa onde está o bar construírona os pais de Pepe, Manolo "o
Muiñeiro" e Mari Pepa, matrimonio que tiña catro fillos
(Carmen, Fernando, Manolo e Pepe) e residencia no Pedregal, lugar onde
tiñan muíño, de aí o alcume do bar.
Unha
vez rematada a obra, da que Manolo se encargara de facer a
carpintería, a principios dos anos cincuenta a familia trasladaríase
definitivamente do Pedregal ao seu novo domicilio, naquela hora
coñecido como o lugar de O Cruce, deixando a pranta alta da
casa para vivenda e o baixo para negocio.
O
local, que empezaría a funcionar como ultramarinos e taberna, non
tardaría en se converter nun dos principais referentes futboleiros
da zona, sempre identificado coas cores do Atlético Arteixo xa que
Fernando, un dos fillos de Manolo e Mari Pepa, fora xunto a Eduardo
de Martís o fundador do equipo branco e vermello.
Nos
primeiros anos Fernando era o que estaba detrás da barra da taberna,
un Fernando que tamén sería un dos grandes impulsores do fútbol
federado de Arteixo, primeiro ideando o Torneo de Preparación, que
fora unha especie de liga de peñas disputada en 1961, e no ano
seguinte a chamada Liga de Arteixo, na que participarían só catro
equipos, o Paiosaco, o Campanal, o Sporting Uxes e o Atlético
Arteixo, e que sería a primeira competición oficial que, por certo,
gañarían os da feira.
Ao
crearse a Liga de Arteixo, é doado imaxinar como eran os luns
daqueles primeiros anos sesenta no bar Insua: fútbol, fútbol e máis
fútbol e, de seguro, que co semanario deportivo Riazor enriba da
barra, semanario do que daba boa conta a clientela lendo as crónicas
que enviaba Fernando baixo o seudónimo de FINGA (Fernando INsua
GArcía), un Fernando que botaría 17 anos en Inglaterra sen voltar a
Arteixo. Ao vir das illas británicas abriría unha tenda de
deportes, Deportes Gido, na que cada vez que lle ías comprar algo
sempre che amosaba as súas famosas libretas nas que tiña anotados
todos os resultados históricos de infantís, xuvenís e aficionados
dos equipos da zona.
Entre
café e café, Pepe Insua tamén tiña que atender o outro negocio.
Se cadra xa non vos lembrades. Pero sí, Pepe tamén foi taxista.
Comprara a licenza, a número 20, en 1966 e o primeiro taxi que tivo
foi un Seat 800 de catro portas, que era igual que o 600 pero máis
grande. Varios anos máis tarde, en 1972, compraría un Seat 1430
que, se non lembro mal, era de cor amarela. Curiosamente, varias
mulleres de Arteixo que foron nais por aqueles días, lembran con
moito cariño os taxis de Pepe. Unda delas contounos que... “naquela hora
nin había ambulancias nin coche na casa. Chamei por teléfono a Pepe
para que me levara ao hospital e case non chegamos. O
neno a pouco máis nace no taxi!
Foi
pasando o tempo e o taxi de Pepe, quedaría aparcado no baixo do seu bar
ata o ano 2000, que foi cando vendeu o coche xunto coa
licenza.
E así, coma quen non quere a cousa dezaoito anos despois,
en setembro do 2018, o Bar Insua botaría o peche. O local fora quen de resistir ao “boom” immobiliario pero non á xubilación
de Pepe. Non poideron con el as ansias de construir na zona nin o seu
paso de taberna inicial de traballadores da construcción e labregos
a templo de visita obrigada para veciños, artistas, millonarios,
alcaldes e, sobre todo, amigos. Ao Bar Insua venciulle a idade, pero
non a súa, se non a do seu dono, Pepe Insua, que colga o sacacorchos
e as tazas dos cafés que tantos e tantos anos levaba servindo. Co seu
pelo xa cano e con infinidade de lembranzas acontecidas nas catro
paredes nas que traballou medio século, Pepe, camiño dos 78 anos,
desfruta ao fin da súa merecida xubilación.
D.E.P. Pepe do muiñeiro
ResponderEliminarD.E.P
ResponderEliminarDEP pepe ,o muñeco era o lugar donde o meu pai que xa nos deixou fai tres anos pasou moito tempo de lecer
EliminarD.E.P.
ResponderEliminarAcabo de enterarme de este fatal desenlace, todo o meu cariño.
ResponderEliminarDescanse en paz