xoves, 23 de xaneiro de 2020

O PAZO DE GONDREO E A LIÑAXE DOS POMBO DE SORRIZO EN COLOMBIA (II)

    Manuel María Pombo de Ante, o fillo de Esteban, o veciño de Sorrizo do que vos falei a semana pasada, nace en Popayán, provincia do Cauca, Virreinato da Nova Granada (actual Colombia) o 2 de xuño de 1769. Tras realizar os estudos primarios na súa cidade natal, ingresa posteriormente no “Colegio Mayor de Nuestra Señora del Rosario” de Santa Fé, onde se gradúa en dereito no ano 1791.

Manuel Pombo de Ante (www.geni.com)
    Como moitos dos seus contemporáneos, Manuel serviu en España na “Compañía de Nobles Americanos”, establecida por Carlos IV. Tras catro anos de permanencia na Corte española, volta á Nova Granada en 1795, apenas uns meses despois do seu matrimonio na Península con Beatriz O’Donnell, dama de honor da Raíña María Luisa de Parma, coa que casara o 7 de abril de 1795, tras rápido noivado, na madrileña Real Capela de Aranxuez. Beatriz O'Donnell Anethan, nada en Tarragona o 4 de xaneiro de 1775 era filla dos Baróns de Anethan, o irlandés Joseph O'Donnell O'Donnell (parente de Hugh Roe O´Donnell, heroe nacional de Irlanda) e a luxemburguesa Marie Anne Marguerite de Anethan y Mareschal.

    Ao pouco de casar, Manuel e Beatriz, viaxan á actual Colombia e establecerían o seu domicilio en Cartaxena de Indias, cidade na que o persoeiro de orixen arteixán, intelectual e político como seu irmán José Ignacio, ocupa aos seus 34 anos o cargo de Tesoureiro do Consulado que, dentro doxime colonial español, xulgaba os negocios e causas relacionados co comercio. Manuel María Pombo de Ante tamén abriría alí unha imprenta que trouxera de España, negocio que o goberno de Madrid lle obrigou a pechar. Cartaxena de Indias foi a cidade na que virían ao mundo os fillos maiores de Manuel e de Beatriz: Lino, de quen falaremos máis polo miúdo na vindeira semana xa que, andando no tempo, convertiríase nun ilustre matemático e político colombiano; Susana; Matilde; Fidel e moi posiblemente Teresa. 
 
    Logo duns anos de estadía en Cartaxena, a familia Pombo O´Donnel trasladouse a vivir a Santa Fé, onde o noso protagonista ocupou o cargo de Superintendente da casa da moeda e, ademais, estreitaría lazos con amigos como Camilo Torres e Francisco José de Caldas (descendente de galegos de Caldas de Reis e de Cuntis), próceres da independencia colombiana. En Santa Fé, a quen Simón Bolivar lle mudaría anos máis tarde o nome polo de Bogotá, nacerían Cenón, María Josefa e Natalia, os fillos máis novos de Manuel e de Beatriz.

    Naqueles tempos, nos albores do século XIX, Thomas Jefferson gobernaba os Estados Unidos, esa nazón que fora quen de acadar a súa independencia da Corona Británica. Mentres, na outra parte do planeta, Napoleón Bonaparte, un militar francés con ambicións de poder que non tería reparo algún en desafiar a autoridade do Romano Pontífice, amenazaba o imperio do borbón Carlos IV.

   Nesa época o vapor empezaba a facer das súas, especialmente nunha Inglaterra que sucumbía ante os encantos do que se coñecería como a Revolución Industrial. No paraíso das máquinas ocuparía lugar privilexiado a primeira locomotora, o cabalo de ferro, que apenas estaba en xestación na mente dun enxeñeiro inglés e que, ao empezar a circular polos raís en 1804, anunciaría a era dos ferrocarrís por vir. Á razón e á liberdade, sumábase por aquel entón o vapor, para impulsar os procesos históricos que racharían antigas cadeas e ampliarían os límites dos dominios da humanidade.

   Paralelamente, no Novo Reino de Granada, unha colonia instaurada polos españois tres séculos atrás, que recibiría en 1803 ao penúltimo dos virreis, Antonio Amar y Borbón, non tardarían en soar os primeiros tambores da Independencia, causa que abrazaría o fillo de Esteban de Sorrizo.

   Partícipe activo na loita pola emancipación hispanoamericana fronte ao imperio español, Manuel Pombo faríase federalista durante a etapa da Patria Boba (1810-1816), que é como se coñece ao período da historia de Colombia comprendido entre as declaracións de independencia de 1810 e o inicio do “Régimen del Terror”, nomeado así polo apresamento e asesinato dun sen fin de políticos, militares e civís que simpatizaban cos independentistas trala chegada do general español Pablo Morillo ao territorio da Nova Granada.

   En aquel ano de 1810, a tensión extrema entre un goberno que, dada a abdicación de Carlos IV, representaba a un rei non coroado, Fernando VII, que era prisioneiro de Napoleón en Valençay, e os criollos” aristócratas chegara a tal punto que Manuel Pombo decidira non abandonar máis Santa ata que a situación do conflicto se definira dalgún xeito. Manuel pensaba que os destinos dos españois americanos non dependerían xa de virreis nin de gobernadores, senón que sean elevados ao rango de homes libres. Naqueles difíciles anos escribiría a obra Historia de los países que formaron el virreinato, un traballo erudito que o enchía de orgullo, como case ningunha das outras boas cousas que fixera na vida. Segundo o historiador Gustavo Arboleda, aquel manuscrito de grande valor desaparecería en 1816 sen ser impreso. Outro dos seus escritos famosos foi a importante carta que lle enviou en 1812 a José María Blanco, na cal rebatía os argumentos publicados por Blanco no xornal El Español en contra da independencia de América e de Filipinas.

   Nos meses seguintes Manuel continuaría intervindo activamente no loita pola independencia. En 1813 vémolo participando na colecta feita entre os patriotas de Santa para a liberdade de Venezuela e en 1815, cando o pesimismo era a constante polo temor do avance das tropas españolas, aceptou a Gobernación de Popayan, cidade na que sería detido e condeado a morte polo militar español Pablo Morillo, xefe da expedición encargada de sufocar a rebelión nas guerras de Independencia de Venezuela e de Nova Granada, na chamada Reconquista española.

Gondreo, Sorrizo, lugar no que naceu o pai de Manuel Pombo en 1721
   Mais Manuel Pombo salvaría a súa vida por ser a súa muller Beatriz irmá dos militares españois Enrique José O´Donnell e Carlos Manuel O´Donnell, activos defensores da causa real frente aos liberias durante a restauración absolutista de Fernando VII. Trala súa detención en Popayán, o noso persoeiro sería desterrado a España, onde pasaría varios anos baixo o amparo de seu cuñado Enrique José. No tempo que durou o desterro peninsular, no que se cadra ata realizou algunha viaxe a Sorrizo, a terra na que nacera seu pai Esteban en 1721, Manuel Pombo escribiría tres libros sobre gramática, xeografía e historia que lograría publicar en Madrid:Compendio histórico de la invasión de España por los franceses”; “Gramática latina” e, “Geografía concisa, para uso de principiantes, y de los niños en la escuela de primeras letras y casas de educación”, este último publicado en 1821.

   Manuel Pombo regresaría en 1822 a súa patria, que xa gozaba dunha independencia total conseguida baixo o mando de Simón Bolívar tras unha campaña iniciada en maio de 1818 en Venezuela e rematada na Batalla de Boyacá o 7 de agosto de 1819.

   Os eventos posteriores ao Congreso de Angostura, instalado nese ano de 1819 polo Xeneral en xefe Simón Bolívar na súa condición de Xefe Supremo da República de Venezuela e o Capitán Xeneral dos Exércitos de Venezuela e da Nova Granada, estarían asinados pola división, os conflictos entre provincias, as guerras intestinas e o desorde institucional. Para controlar a administración da república nacente, recurriríase á conformación de “Juntas de Gobierno Provinciales”, xuntas das que sairía o nomeamento de representantes para conformar a “Junta Suprema”, órgano responsable de organizar o Congreso, nacendo del as administracións do estado e o posterior xurdimento das Provincias Unidas da Nova Granada e o Estado Libre de Cundinamarca. E naquel momento tan importante da historia desa parte do planeta alí estaba Manuel, un dos fillos de Esteban, aquel veciño de Sorrizo que abandonara a súa parroquia natal sobre o ano 1750 canda o seu sobriño Juan Antonio, un momento crucial da historia sudamericana no que Manuel Pombo sería membro da “Junta Suprema”, ocupando cargo na “Sección de Hacienda”.

   Pouco tempo despois, o territorio ocupado polo Virreinato de Nova Granada convertiríase na República de Colombia, primeiro federada con Ecuador e Venezuela, unión que a historiografía chamou Gran Colombia. Trala disolución desta última en 1830, o antigo virreinato asumiu o mesmo nome de Colombia, un estado republicano así nomeado na honra do navegante Cristobal Colón. Uns meses antes, o 10 de setembro de 1829, Manuel María Pombo de Ante falecía na súa cidade natal de Popayán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario