Nas Crónicas de Arteixo desta semana falamos
dunha
enfermidade imaxinaria causada por un óso inexistente: a
paletilla, tamén chamada espinela ou espiñela, que é un
suposto óso que,
segundo a crenza xeralizada, sitúase na boca do estómago, aínda
que tamén hai quen opina que está nas costas, entre os ombros.
Coa avoa Carme en 1975 |
Se
este óso sae do seu sitio natural a enfermidade denomínase "caída"
ou "mal" da paletilla ou da espiñela e só se pode curar coa
operación chamada "levantar a paletilla".
Recordo
que cando era moi cativo, cando tiña seis ou sete anos, se pasaba dous ou tres días sen facer das
miñas trastadas habituais, ou se botaba algún tempo sen comer o
suficiente (o de comer o suficiente enténdase por deixar o prato limpo), miña nai pensaba que esta perda do apetito
era porqué estaba medrando. Mais a avoa Carme dicía que non eran
cousas das medras. Non. Nestas situacións de acougo e de falta de
apetito do seu neto, a avoa dicía sempre:
-Este
neno ten a paletilla caída!
Nun
ritual que a min parecíame que máis ben era cousa dos indios que vía
nas longametraxes do Oeste que se emitían naquela hora na TVE, a avoa
Carme, que en Froxel, a súa aldea de nacemento era coñecida polo
alcume de Carme do Médico,
mandábame sentar no chan, fronte a ela, e logo collíame polas
monecas e estírabame os brazos o máximo que podía. A continuación
trataba de xuntarme as mans por enriba da cabeza e, se os brazos non
igualaban, feito que acontecía con frecuencia, verificábase
a súa sospeita:
-Este
neno ten a paletilla caída!
Así pois, confirmado
que tiña a paletilla fóra do seu sitio, había que levantala e,
para iso, utilizaba o seu remedio habitual. Mandábame apoiar as dúas
mans no correspondente lado da cabeza e, a continuación, levántabame
colléndome por detrás, dun xeito no que as miñas costas quedaban
apoiadas sobre un dos seus xeonllos. Despois a avoa dábame
unhas sacudidas ata sentir o estalar dos ósos, sinal definitivo,
sobre todo se "estalaban como unha póla", de que a paletilla
quedaba levantada.
Feito
o remedio, a avoa facíame beber inmediatamente uns tragos de
auga fría para, ao parecer, que a paletilla non volvera a caer. Tras
uns minutos de repouso, repetía a operación para mirar se xa
estaban iguales as mans e, se era así, deixábame levantar. A súa
cara de satisfacción amosaba o convencemento de que o meu malestar
desaparecería rapidamente!
Non
me digades o porqué, seguramente era cousa psicolóxica, mais o
certo é que despois de que a avoa me levantara a paletilla con aquel
remedio seu, case que de xeito milagroso, recuperaba o ánimo e o
apetito!
Lembro
que de cando en vez, viña xente á nosa casa:
-Señora
Carme, non sei se terei a paletilla caída!
O
noso domicilio en vez de ser a típica casa de labregos da época,
máis ben parecía o
consultorio de Elena Francis, xa sabedes, aquel fenómeno
sociolóxico que se emitiu na radio durante máis de corenta anos. Finalizada a "consulta" e o
remedio con cada unha
das persoas, a avoa dicíalles:
Paletilla
i espinela
vólvanse
ao seu lugar,
como
os santiños ao altar
e
as ondiñas ao mar.
Queridas
e queridos lectores desta modesta bitácora, con
esta pandemia que xa
levamos sufrindo varias
semanas
e
con todo o confinamento
que aínda nos queda por diante,
estou
totalmente convencido
de
que se miña
avoa
estivera
viva (xa hai máis de vinte anos que faleceu) e vira o aspecto
actual dos
seus seres queridos, abofé que faría todo o posible por levantarnos a
cada un de nós
a paletilla! Abofé que faría un levantamento colectivo de paletillas!
Dende
este pequeno recuncho de Crónicas de Arteixo, quérovos
enviar a todas e a todos moita, moita
forza e moito, moito, moito ánimo!
Haberá primavera!
Ningún comentario:
Publicar un comentario