Abofé
que o primeiro que un pensa cando escoita falar dunha mensaxe nunha
botella é nunha novela romántica ou nunha película como aquela dos
anos noventa, Message in a Bottle,
que protagonizaran Kevin Costner, Robin Wright e Paul Newman. Mais o
certo é que hai uns anos a realidade superou a ficción, e unha
mensaxe nunha botella aparecía no Porto de Sorrizo cando o meu amigo
Iago, daquela un cativiño de 4 anos, paseaba
por esa parte do litoral arteixán con seu pai Jesús Carracedo.
A
historia principia o sábado
22 de xaneiro do 2011, día
no que pai e fillo,
aproveitando as agradecidas
raiolas invernais, saen do
seu domicilio de Paiosaco coa
idea de pasar a mañá en
Sorrizo. Ana, a nai de Iago,
non poidera ir con eles porque ese día traballaba. Nada máis poñer
pé na area, non tardaron en
dar cun punto do areal onde había acumulado algún lixo devolto á
terra polo mar, lugar no que se atopaba a devandita botella con
mensaxe.
Anos
despois deste achado, creo
que no 2017, tiven a fortuna
de coñecer a Iago nun día
de verán. Estaba con seus
pais no areal da Constanza de
Sabón. Viume chegar e, uns intres
máis tarde, veu a falar comigo:
-Teño
algún dos teus libros e gústanme as historias que escribes.
Recoñezo
que me fixo moita ilusión que un cativo de 10 ou 11 anos me dixera
tal cousa, abofé.
Rematou o verán e xa non souben máis de Iago durante un tempo, ata
que en decembro do 2018, recibo unha mensaxe súa na que me dicía:
-Teño
algo que contarche.
-
Xa me contarás esa historia cando queiras-,
contesteille eu.
O
conto quedou aí, e non sería ata os primeiros días do
confinamento, cando nos puxemos en contacto de novo. Despois
de insistirlle, co oportuno permiso dos pais, que redactara un
pequeno texto contando a súa experiencia, deixovos xa co
protagonista das Crónicas de Arteixo de hoxe, con
Iago Carracedo Pazos, que
actualmente ten 13 anos e cursa 2º da ESO
no IES Agra de Leborís da Laracha:
“O
día 22 de xaneiro de 2011 fun dar un paseo con meu pai ao portiño
de Sorrizo. Alí, ao lonxe, vin unha botella con algo no seu
interior. Corrín a xunto dela. Cando estaba ao seu carón, pilleina
e vin que tiña un papel dentro. Parecía unha carta. Como o tapón
non se abría, tivémola que cortar. Era unha mensaxe e estaba
enchoupada.
Ao
chegar á casa lina e, para a miña sorpresa, resulta que era de dúas
mozas francesas que viñeran de viaxe a A Coruña. Os seus nomes eran
Marian Lapalus e Laya Gil-Gómez e, cando lanzaron a mensaxe, tiñan
entre trece e catorce anos. Tiraron a botella ao mar na Coruña o día
16 de xullo do 2010.
Aos
poucos días de atopar a botella en Sorrizo, conseguimos contactar
con elas por Facebook e, hoxe en día, seguimos sendo amigos. Marion
vive en Francia e Laya en Las Vegas. Estados Unidos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario