De seguro que moitas e moitos de vós aínda gardades na retina ducias de recordos dos trolebuses Coruña-Carballo, unha liña que se inaugurara en febreiro de 1950 e que estivo operativa ata o 15 de marzo de 1971. Xa hai medio século dende que un daqueles trolebuses grises levara pasaxeiros por última vez en Arteixo. Como pasa o tempo… e cantas anécdotas no percorrido desta vía que une ambos núcleos, verdade? Unha estrada que foi a primera que se electrificou en España e que, con 34 quilómetros, chegou a ser a máis longa de todo o territorio estatal e a segunda de Europa occidental. Mais dos trolebuses Coruña-Carballo xa falamos en máis dunha ocasión nesta bitácora. Hoxe a quenda é para os trolebuses que houbo na Coruña, aqueles “troles” de cor azul que estiveron operativos na cidade herculina ata 1979.
Trolebús
BUT nº 34 no Cantón Pequeno, chegando á rúa Juana de Vega, facendo a
liña Porta Real-Cidade Escolar, un trolebús que acabaría no Portiño de
Suevos (https://javalinquin.jimdofree.com) |
O trolebús é un modo de transporte público guiado sobre pneumáticos con propulsión eléctrica. A súa aparencia está a medio camiño entre un autobús e un tranvía, xa que o vehículo é moi semellante ao primeiro pero colle a enerxía dos cables superiores como os tranvías. Normalmente a enerxía tómaa mediante unha pértiga unida a dous cables. Estas características propias dos trolebuses deberían terse en conta no contexto de busca de sostenibilidade no transporte no que a sociedade actual está inmersa e, ao modesto entender de quen escribe, debería ser considerada como unha alternativa nos novos sistemas de transporte público. Se cadra pode parecer un xeito de transporte do pasado, mais existen exemplos en máis de 250 cidades europeas que teñen sistema de trolebús, moitas veces compaxinado co tranvía. Hai casos como en Suíza, e máis concretamente en Xenebra, onde coexisten os trens, os tranvías e os trolebuses nunha rede urbana e interurbana realmente modélica de transporte colectivo.
Na cidade da Coruña o primeiro trolebús comeza a circular en 1948 cubrindo a liña entre a Praza de Pontevedra e Monelos, unha urbe herculina na que trolebuses e tranvías conviviron xuntos ata principios dos anos 60, ata que a demanda dos usuarios obrigou a que a Compañía de Tranvías puxera máis vehículos en servizo. Foi aí cando en xaneiro de 1961 o mercante alemán Anna Oldenhorff chega ao porto coruñés con 18 trolebuses BUT de dous pisos procedentes da London Transport que só tiñan 10 anos de uso polas rúas londinenses. Na capital británica substituíran o tendido eléctrico polo gasoil e deron saída aos que xa non podían empregar. Máis dun centenar desembarcaron en España, e na Coruña conseguíronse a un bo prezo, 80.000 pesetas cada un, algo así como o custo dun Seat 600 novo.
Para que os usuarios reumáticos deixaran de estar temerosos, a primeira operación que se lles realizou foi conseguir que desaparecera a néboa do Támesis que os “troles” londinenses traían no seu interior antes de que algúns foran reconvertidos por mor do seu peso, que lles impedían subir a costa da Unión, ou pola altura, que imposibilitaban o paso pola Estreita de San Andrés. A solución foi que sete deles foron cortados nuns talleres de O Carballo e convertidos en “troles” dunha única altura.
Trolebús BUT nº 34 chegando á Porta Real (https://javalinquin.jimdofree.com) |
Os trolebuses británicos de dous pisos que non pasaron pola guillotina houbo que acondicionalos para que a porta dianteira abrise polo seu lado dereito. Alí seguía o condutor, á inglesa, na súa cabina illado do resto dos pasaxeiros que saían por diante e entraban por detrás, onde os recibía o cobrador, sentado nunha especie de trono. Eran vehículos capacitados para noventa prazas -60 sentados e o resto de pé- que rezumaban categoría, con asentos tapizados e escaleiras de caracol para acceder ao piso superior no que había asento para corenta persoas.
Na Coruña daquela época había dous periódicos: La Voz de Galicia e El Ideal Gallego, e dous fotógrafos de prensa, Alberto Martí na Voz (antes Blanco) e Juan Cancelo no Ideal. Igualmente había dúas churrerías: El Timón e Bonilla. E dúas xeaderías: Ibense e Italiana… A xente repartíase as súas preferencias entre dous bandos intentando convencer ao contrario que o seu era o mellor.
Por aqueles días Juan Cancelo Rivas e César Bonilla Vázquez, dous bos amigos pioneiros da pesca submarina e do campismo, abandonaban case que a diario A Coruña para pasar unhas horas de desconexión no porto de Suevos, lugar onde tiñan unha chabola na que gardaban a lancha da súa propiedade. Alí, nesta parte do litoral arteixán, levaron algún que outro susto como aquel día que a pouco máis lles sae o corazón do peito, cando os militares realizaban prácticas de tiro dende Monticaño e eles, facendo submarinismo, empezaron a sentir os proxectís tendo que saír escopeteados das profundidades mariñas!
Juan Cancelo e César Bonilla cun congro capturado minutos antes de tomar a foto (cortesía da familia Barbero Cancelo) |
César, terceira xeración dunha familia dedicada ao ramo da hostalería, non había tardar en se converter nun empresario de referencia no sector das patacas fritas e os churros capitaneando “Bonilla a la vista”, o popular negocio que todas e todos coñecemos. Pola súa banda, Juan gañábase a vida como apoderado do Banco Pastor. Grande afeccionado á fotografía -de feito ao longo da súa vida acadou diversos premios de fotografía internacional- e colaborador ocasional de revistas como Vida Gallega, era fillo de Juan Cancelo Sanjuán (1892-1988) o primeiro fotoxornalista galego que, con Alberto Martí, era un dos poucos fotógrafos que tiña autorización para retratar a Franco a menos de cinco metros de distancia. Cancelo foi, ademais, o único que conversou en galego co ditador sen que ninguén lle reprendese naqueles momentos tan difíciles para a nosa lingua.
Nun tempo no que O Portiño de Suevos pouco tiña que ver co de hoxe xa que daquela non había ningunha casa, Juan e César decidiron comprar conxuntamente sobre o ano 1964 o terreo que observaban cada vez que ían ao porto e que tanto lles gustaba, terreo situado na marxe dereita da praia de Area Grande e no que asentaron un bungaló que lle compraron a Dragados y Construcciones que esta empresa tiña en Bens. Andando no tempo César Bonilla cumpriría un dos seus soños ao adquirir un barco, motivo polo cal deixou de ir a Suevos coa frecuencia de antano e acabou vendéndolle a súa parte do terreo ao seu prezado amigo Juan Cancelo, un home que estaba casado con Carmela Bello coa que tiña tres fillas: María del Mar, Cristina e Carolina.
Marxe dereita da praia de Area Grande. No centro da imaxe, a casa e o terreo de Juan Cancelo |
Retomando o tema do transporte urbano da Coruña, nos anos 70 os trolebuses eléctricos comezaron a ceder o seu espazo aos novos autobuses, que inauguraran a primeira liña en 1965, entre a Praza de Pontevedra e a Ponte Pasaxe. O petróleo era naquela hora o combustible de moda, e, o 4 de xaneiro de 1979, os “troles” fixeron a súa derradeira viaxe na cidade herculina, unha efeméride que recolle o escritor carballés Xan Fraga no seu libro A Coruña-Sada-Carballo 1903-1979. Tranvías e trolebuses relatando o adeus a este sistema de transporte coas últimas liñas dos populares trolebuses: a 3, Porta Real-Cidade Escolar; a 10, Porta Real-Os Mallos; a 12, Os Castros-Cidade Escolar; e a 2, Porta Real-Os Castros.
Mais un daqueles “troles”, o número 34, faría unha última viaxe, iso si, sen corrente eléctrica e enganchado a unha grúa. O destino final non era outro que O Portiño de Suevos, concretamente á finca de Juan Cancelo. Daquela anécdota e doutras moitas tiven a oportunidade de falar en agosto do 2021 con Fernando Barbero, a súa muller Cristina Cancelo -filla de Juan- e Fernando, o fillo maior do matrimonio, que me recibiron coa maior das amabilidades no seu terreo do Portiño.
Imaxes
do trolebús BUT nº 34 comprado por Juan Cancelo na estrada Bens-Suevos,
pouco antes de chegar ás instalacións de Mafriesa, do día que foi para O
Portiño (cortesía da familia Barbero Cancelo) |
-Meu pai -comentou Cristina- trouxo o trolebús sobre o ano 1980 para a rapazada. Coñecía aos propietarios da Compañía de Tranvías, xa que a muller dun deles traballaba no Banco Pastor con el, e sabía que se ían desfacer dos “troles”. Comprou un para telo na finca de Suevos e, á parte de abaixo, quitáralle os asentos. Recordo que a cuadrilla de miña irmá Carolina viñan aquí ás festas e metíanse todos no interior a bailar. Aquí facíanse festas no Antroido, no San Xoán e en Fin de Ano. Un ano, polo San Xoán, fixeran unha nave espacial espectacular duns 6 ou 7 metros. Era na época do transborador Columbia. Moito dera que falar aquela nave en Suevos. Houbo quen pensou que a NASA se establecera aquí. Cando se lle prendeu lume parecía que ía despegar! Por aqueles días aquí viña moita moita xente ás nosas festas; ás veces non coñeciamos á metade dela!
-mamá, quenes son eses?
-non teño nin idea, filla!
Xa vedes, si o pobo de Minglanillas foi quen de construír a súa propia nave espacial, falo da película “El astronauta” protagonizada por Tony Leblanc en 1970, no Portiño de Suevos non se quedaron atrás e a piques estiveron de chegar a Marte.
Mais continuemos falando do protagonista desta historia: o trolebús BUT n.º 34. Cristina e Fernando recordan que un día viñeran unhas mozas inglesas a pedirlle permiso a Juan Cancelo para durmir no “trole”. Quen sabe? Se cadra viaxaran nel en Londres. O caso é que ao día seguinte marcharon e deixaron unha nota de agradecemento. Uns meses máis tarde Juan Cancelo e a súa dona Carmela Bello recibían no seu domicilio da Coruña unha tarxeta postal dende Inglaterra daquelas mozas. Noutra ocasión pasou por Suevos un señor que fora condutor do “trole” n.º 34 que tiñan na súa propiedade e preguntoulles se podía estar uns minutos no seu interior. Reencontro ben lindo, abofé!
Imaxes do trolebús BUT nº 34 no Portiño de Suevos (cortesía da familia Barbero Cancelo) |
Aquel trolebús, sería testemuña de innumerables festas, algunha delas coa presenza do fotoxornalista Juan Cancelo Sanjuán, que falecería en 1988, oito anos despois de que o seu fillo Juan tivera a ocorrencia de levar o BUT inglés para o seu terreo no Portiño. O “trole” tamén vería crecer aos dez netos de Juan e Carmela: Tatiana, Federico e Germán Suárez Cancelo; Fernando, Maira, Catarina, Juan, Carlos e Daniel Barbero Cancelo; e Emilio Peteiro Cancelo…. netos que gardan no seu maxín fermosos recordos da súa infancia naquela mole de dous pisos, o mesmo que moita da rapazada que frecuentaba O Portiño naquela altura.
O trolebús BUT nº 34 no terreo de Juan Cancelo no Portiño de Suevos (cortesía da familia Barbero Cancelo) |
Mais o Atlántico é o Atlántico, e inverno tras inverno batendo contra os cons da Area Grande, o salitre foi roendo as entrañas daquel BUT n.º 34 que durante 10 anos percorrera as rúas de Londres antes de facer o propio nas da Coruña durante case dúas décadas. Ante o temor de que pasara algo, e incluso que caera para a Area Grande, sobre o ano 1998 o trolebús foi desmantelado in situ e os seus anacos acabaron nunha chatarrería da contorna.
FONTES:
CUDEIRO, JUAN L. (2021): Coruña Bonita. Aquella Coruña del autobús, www.disinoticias.es
FRAGA RODRÍGUEZ, XAN M (1997): A Coruña-Sada-Carballo 1903-1979. Tranvías e trolebuses, Espiral Maior.
FRAGA RODRÍGUEZ, XAN M (2001): Trolebús, A.C. Lumieira, Carballo.
REAL, ÁNGEL (2018): Juan Cancelo: Imágenes del pasado, www.deandanzasyrelatos.wordpress.com
Agardaba con ilusión esta publicación e non podes sin imaxinar canto disfrutei con ela!
ResponderEliminarCoñecín moitas historias dos trolebuses da voz de meu pai e das conversas en familia. Ler agora sobre eles... sobre as liñas, ver as imaxes... Foi coma revivir veladas marabillosas.
Que sorte transmitir tanto, Xabier!
E que fortuna para nós que contes tan ben as historias, sempre documentadas e tan cheas de memoria e de vida!
Parabéns e MOITAS GRAZAS.
Co teu permiso, fareilla chegar a miña nai e meu tío e tamén a alcunhas amizades agora mesmo.
Patricia (bajoinfinitasestrellas)
Moitísimas grazas polos folgos Patricia... Moi agradecido polas túas palabras!
EliminarQué bonito comentario y recuerdos maravillosos.👏👏
ResponderEliminarGraciñas!
EliminarK pasada,lástima que no sobreviva hoy día.
ResponderEliminarAínda que pola miña idade coñezco perfectamente a historia dos Troles de A Coruña, e lembraba parte da relación con Suevos, páreceme moi interesante o seu artigo sobre o tema.
ResponderEliminarComo anécdota, lembro a osadía que tiñamos a rapazada da Silva, o meu barrio, de baixar as pértigas dos troles na parada e o conseguinte cabreo e amago de persecución por parte do cobrador.
Grazas por compartir.
moitas gracias, por contar a historia, porque, ainda qué poucas veces, eu fun parte de ésa historia, tanto no trato con Juan e Carmela, como nas suas festas, o bus por dentro parecía unha discoteca, ca sua bola de colores.... bonitos recuerdos
ResponderEliminar