Persoeiro cunha amplísima traxectoria na escena teatral e moi vencellado co municipio arteixán, concretamente ao lugar de Santa Icía, na parroquia de Morás, o protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para unha figura fundamental da dramaturxia galega contemporánea. Falamos de Gustavo Pernas Cora, un dos precursores, dos que fixeron camiño entre a espesura nos tempos máis complicados do noso teatro, cando case todo estaba aínda por facer.
Gustavo Pernas (Cortesía de Anxela G. Abalo) |
O noso homenaxeado nace en Viveiro (Lugo) un 26 de novembro de 1959 na rúa de Lourdes, antiga Porlier. Era o segundo fillo de Miguel Pernas e Mariblanca Cora, matrimonio que o ano anterior foran pais de Miguel -andando no tempo actor de televisión, cinema e dobraxe- e que posteriormente tamén o ían ser de Begoña, a máis nova da familia.
Segundo nos contou Carlos Nuevo, Cronista de Viveiro, os primeiros anos de “Gus”, como así o chamaban os seus amigos da infancia e xuventude, transcorren entre as clases no Colexio das monxas Concepcionistas; as tardes no adro de Santa María compartindo xogos con seus irmáns e con Xavier, “Chuco”, Pedro, Alberto ou o propio Carlos Nuevo; as novidades do mundo da lectura da de 'Santiaguito', libraría-imprenta na cal seu pai levaba a contabilidade ao igual que noutros negocios de Viveiro; as películas no Teatro Moderno, no Nemesio -actual Pastor Díaz- ou no Orfeo; a plantación (o “Guscar”) de leitugas, patacas e fabas que “Gus” e Carlos tiñan no recheo dos que serían os novos colexios; no medio da abondosa fauna que trataba na casa con tanto agarimo (un can, unha gata, tartarugas, peixiños de cores…); as pequenas representacións teatrais no portal do seu domicilio na Avenida de Lourdes; ou das agradables conversas coa súa avoa Consuelo Muñoz “a Cubana”, de quen Gustavo ten confesado que foi a orixe das súas afeccións artísticas. Consuelo nacera en Ourense por motivos laborais de seu pai, director de orquestra, mais de moi cativa marchou coa familia para Cuba, onde a principios do século pasado chegaría a gozar de certa popularidade nos teatros da Habana como tiple de zarzuela.
A infancia daría paso á época no Instituto. “Gus” fai o primeiro ano de bacharelato en Viveiro. O segundo iniciao na localidade da Mariña mais íao rematar nos Maristas da Coruña, cidade á que a familia Pernas Cora chega en 1971 na procura de novas oportunidades.
Gustavo pasa alí, na capital herculina, a súa adolescencia deixando entrever de cando en vez as súas notables capacidades artísticas. Nunha ocasión, mesmo participou co seu irmán Miguel na obra “Jesucristo Superstar”, representada nos Maristas.
Inicia a etapa universitaria en Compostela e, despois de seis anos fantásticos, en 1981 licénciase en Xeografía e Historia, na especialidade de Historia da Arte, realizando, ademais, diversos traballos de investigación no campo do cine e do teatro. Excepto un verán no que traballou en Londres fregando pratos nun hotel, as vacacións sempre as pasaba en Viveiro, onde continuou fielmente a amizade cos amigos da infancia.
Despois da Universidade, tendo claro xa que a súa vocación profesional non era outra que a escena, cursa estudos de Arte Dramático na RESAD (Real Escuela Superior de Arte Dramático) de Madrid, naquel Madrid dos anos de apoxeo da “movida”. Regresa a Galicia e forma con outros compañeiros, entre eles Jorge Rey, o colectivo Teatro das Catro Artes, participando no único espectáculo que producen, “Ubúe no outeiro” (producido en colaboración co Centro Dramático Galego), que estrean en 1985. Segundo o seu amigo Manuel F. Vieites, o texto escollido foi un síntoma do que estaba por vir.
A partir de aí dedícase profesionalmente ao teatro, combinando traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección e escrita dramática. É autor de relatos e guións para televisión e realizador de curtametraxes, ademais de traballar no mundo da dobraxe como actor e director.
Nos oitenta coñece a Anxela G. Abalo, unha actriz de Vilagarcía -das Rías Baixas, como a ela lle gusta dicir- que empezara a facer teatro en Vigo e que posteriormente fixera periplo por diversos escenarios da xeografía galega, de Portugal e de Madrid antes de voltar de novo a Galicia. Se para Gustavo fora a súa avoa Consuelo “a Cubana” a orixe das súas afeccións artísticas, no caso de Anxela, que por riba de todo quería ser bailarina, puido ser Norma Fontenla, elemento mítico da súa infancia. Norma, primeira bailarina do corpo de ballet do Teatro Colón de Bos Aires, era curmá de Margarita, a nai de Anxela. O 10 de outubro de 1971, cando iniciaba unha viaxe en avión a Trelew (Patagonia arxentina) para unha presentación no Teatro Español desa cidade, a aeronave precipitouse ás augas do Río da Prata, falecendo todos os integrantes do ballet do Teatro Colón. Na Arxentina conmemórase esta data como o Día Nacional de la Danza.
Anxela,
que nos atendeu coa maior das amabilidades, recordaba como
estableceron o seu domicilio en Arteixo. “Eu daquela
vivía en Compostela e Gustavo acababa de chegar do País Vasco, onde
botara dous anos nos Estudios de Galdakao facendo
dobraxe. Pensamos en quedar en Santiago, en ir
para Vigo, para a Coruña… o caso é que comezamos a buscar
un lugar onde vivir e xurdiu a oportunidade de Santa Icía.
Encantounos a casa e o lugar. Foi a maxia
dos Reis Magos (risas) xa que decidimos ir para
alí o 5 de xaneiro de 1989. Naquela hora tiña unha
compañía con Dorotea Bárcena que se chamaba “Medusa”; recordo
que o señor que nos levaba habitualmente os trebellos de
teatro axudounos a facer a mudanza. Ao chegar a Santa Icía,
augurounos un futuro feliz naquela casa
porque había unha maceira en flor no mes de xaneiro…
-É incrible, Anxela!. Aquí hai un microclima!
-Pois haberá!
-Ides ter moita felicidade e moito amor aquí!
E foi así, tal cal o dixo”.
Curiosamente, nesa altura Anxela coincide en “Sempre Xonxa”, a longametraxe de Chano Piñeiro, con Luís Pombo, o gran 'Kantri' de Santa Icía, que traballaba no equipo de decoración do proxecto. Nunha ocasión, despois da xornada de gravación, 'Kantri' fala con Ánxela durante a cea:
-E logo ti de onde es?
-De Arteixo. Compramos casa alí hai pouco.
-De que parte de Arteixo? Porque eu tamén son de alí.
-De Santa Icía.
-De Santa Icía? Pero que Santa Icía? A Santa Icía da parroquia de Morás?
-Santa Icía, de Morás.
-Non poder ser! Que casualidade! Eu tamén són de Santa Icía!
Historia ben linda, abofé!
En Santa Icía ían nacer todos os proxectos de Gustavo e Anxela. Todos, os profesionais e os proxectos de vida. En 1989 a parella funda Ancora Produccións, compañía ancorada neste lugar da parroquia de Morás na que Gustavo pon en escena a maior parte dos seus textos, textos que dirixen e, ou, interpretan ambos os dous adquirindo o compromiso de facer un teatro crítico e reflexivo coa realidade e, case sempre, utilizando o vehículo da comedia para chegar ao espectador.
Todo comeza en 1990 coa estrea de “O galego, a mulata e o negro”, espectáculo homenaxe a súa avoa Consuelo. Foi a súa primeira obra representada e a primeira de Ancora Produccións na que Gustavo, que encarna o papel do negro, comparte escenario con Anxela e seu irmán Miguel. Publica a obra en 1991 (Ed. Tristram), un texto que nese ano recibe o Premio Compostela ao mellor Texto Dramático, sendo nominado ademais como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo.
Conta Manuel Vieites que coa obra “O galego, a mulata e o negro” xa emerxen algúns dos trazos que máis van caracterizar todo o seu labor artistíco, profesional e vital: ironía, espíritu crítico, inconformismo e pulsión experimental, mais tamén unha visión certeira das causas e efectos da derrota, a que padecen millóns de persoas no mundo a causa dos intereses dos gobernos e das corporacións que manexan ao seu antollo as nosas vidas, coma se se tratara dunha simulación macabra.
Ano
1990. De esquerda a dereita Gustavo Pernas, Anxela G. Abalo e Miguel
Pernas en "O galego, a mulata e o negro" (Foto de Kukas) |
Gustavo sempre admitiu sentirse “diestano”, é dicir, antes que nada, habitante do país que soñou Rafael Dieste, un país que ademáis de buscar a súa identidade no propio e no diferencial, non se enroca nese único obxectivo e sabe abrirse ao universo, pescudar as nosas orixes comúns na vella pel do mundo, abrir portas, encher de horizontes as fiestras baldeiras e colocar a nosa alma fronte a un espello sen maniqueísmos. Un día Gustavo quedou prendido e prendado das Historias e Invencións de Felix Muriel e agromou a mellor das sementes que pode dar a gran literatura, a de poñer nome á vida. En 1991 Anxela e Gustavo trouxeron ao mundo un novo habitante do país de Dieste e puxéronlle o nome de Muriel que andando no tempo, como non podía ser doutro xeito, tamén se ía converter en actor, un titulado superior en arte dramático que en 2012 iniciou o seu periplo profesional e que tamén xa se estreou como guionista na curtametraxe Carmesí (2020).
Despois de “O galego, a mulata e o negro” chegarían outros éxitos como “Ladraremos”, comedia de amor e medo que estrea en 1996 e coa que acada o I Premio María Casares de Teatro ao Mellor Texto Dramático Orixinal, quedando finalista como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo; ou “Fábula”, comedia nun só acto... sexual, que estrea en 1997 e que é nominada en seis apartados no II Premio María Casares de Teatro, Mellor Espectáculo, Mellor Texto Dramático Orixinal, Mellor Actor e Actriz Protagonistas, Mellor Escenografía e Mellor Vestiario.
Gustavo e Anxela na obra "Fábula" (Foto da autoría de Anxo Rey) |
Precisamente, en 1997 empeza a impartir aulas en diferentes ámbitos do ensino: Profesor de Guión, Teatro, Linguaxes Audiovisuais ou Realización en Cine e Vídeo na Escola de Imaxe e Son da Coruña, de Guión e Dramaturxia no CEFORE da Coruña e Vigo ou no Master de Estudos Teatrais e Audiovisuais da Universidade da Coruña e de Arte Actual e Dramaturxia nesta mesma Universidade, na titulación de Pedagoxía Teatral. Un dos seus alumnos da Escola de Imaxe e Son da Coruña foi o realizador arteixán Fran Naveira, que recorda a Gustavo coma “un gran profesional, unha persoa motivadora, xenerosa, cercana e, sobre todo, un gran comunicador”.
No ano seguinte, en 1998, estrea “Anatomía dun hipocondríaco”, comedia médica nominada no III Premio Maria Casares como Mellor Texto Dramático Orixinal e Mellor Escenografía que forma parte con “Ladraremos” e “Fábula” da Triloxía Comedias Paranoicas (Ed. Xerais, colección Libros do CDG), proposta pola Academia da Língua Galega, para o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2000.
Ao tempo que os proxectos de Ancora Produccións seguen aflorando en Santa Icía, Muriel vai medrando alí, criándose coma un neno máis da aldea.
En 2000 Gustavo e Anxela estrean “Sucesos” (Ed. Laiovento e Biblioteca Virtual da Universidade da Coruña); en 2001 “Footing”, obra pola que o noso homenaxeado acada o X Premio Rafael Dieste 2001 da Deputación da Coruña, e que publica na súa editorial no mesmo ano; en 2004 estrea “Paso de cebra” coa que recibe en Barcelona o Premio MAX das Artes Escénicas 2006 (Ed. Laiovento xunto con Sucesos). En 2005 gaña o XII Premio Rafael Dieste 2005 da Deputación da Coruña, por “Final de película”, nominada ao Premio MAX das Artes Escénicas 2007, publicada na Colección de Teatro da Deputación e estreada en 2006.
Barcelona,
2006. Recibindo o Premio MAX das Artes Escénicas por "Paso de cebra",
das mans de Boris Izaguirre (Arquivo de Ancora Produccións) |
O noso protagonista era unha persoa dunha moi notable e extensa cultura. As súas inquedanzas levárono por camiños diversos, moi especialmente pola indagación nos territorios das artes plásticas e das artes da imaxe. No 2006 agasallounos cun interesante traballo, o ensaio de Historia da Arte “Os ollos de Victorine e a construcción da cuarta parede”, no que a partir dunha longa e moi acertada reflexión sobre Le Déjeuner sur l´Herbe, o coñecido cadro de Edouard Manet, ofrece unha vibrante aproximación a un concepto central na escena contemporánea.
Nese mesmo ano tamén publica o volume de pezas breves “Medidas Preventivas” (Ed. Biblos). No 2007 publica (Ed. Embora) a obra “Taras mínimas” e estrea no Auditorio Municipal de Narón “Medidas Preventivas”, obra dirixida por Flor Maceiras pola que recibiu o Premio AELG (Asociación de Escritores en Lengua Galega) ao mellor texto teatral 2007.
No 2008 o Centro Dramático de Viana do Castelo estrea “Taras mínimas” baixo a dirección de Jorge Castro Guedes e recibe o Premio Roberto Vidal Bolaño do Concello de Gondomar 2008 á traxectoria artística, xunto a Anxela G. Abalo e Ancora Produccións.
No 2009 estrea “Colgados, a incrible historia de Homesoga o colgado de Celeiro”; no 2010 “Pisados, Botamán de Melide o home que falaba cos zapatos” e no 2012 “Snakizados, a delirante invención de NonHé”, triloxía dirixida por Anxela G. Abalo. Baixo o título de “Tres Logomonos”, ou monólogos ao revés como lles gustaba dicir, foron publicados na Editorial Laiovento no mesmo ano. “Colgados”, “Pisados” e “Snakizados” son fábulas do noso tempo que tratan de personaxes que obran prodixios.
Gustavo Pernas no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo na obra "Pisados" (Foto da autoría de Anxo Rey) |
Tamén no 2012 gaña o Premio Alvaro Cunqueiro (Agadic, Xunta de Galicia) con “Isóbaras”, publicado por Edicións Xerais de Galicia no 2013. Foi finalista con esta obra como mellor autor dramático 2014 na Festa das Letras, da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
No 2013, recibe o Premio Maruxa Villanueva de Interpretación por “Snakizados” e o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Teatro.
A súa última publicación é “36 personaxes e un can” (para aula, casting e escena), dentro dos Cadernos da Escola de Imaxe e Son da Coruña (nº 14) que el mesmo coordina. Anxela G. Abalo, a súa namorada compañeira de viaxe, recorda que, días antes do seu pasamento, Gustavo daba unha clase maxistral no escenario do teatro do centro presentando este libro aos alumnos e escenificando algúns dos textos de microteatro. “Eu cheguei xa comezado o acto e o director da Escola, o querido amigo Xulio Xermade, díxome: está dándoo todo, coma sempre! E así foi como o vin por última vez nun escenario, ante os seus alumnos, profesores e achegados... dándoo todo... coma sempre.”
Ao longo da súa vida, Gustavo Pernas publicou numerosas obras curtas en Casa Hamlet e na RGT, e participou en publicacións colectivas como: “La Nueva Dramaturgia Gallega” (coordinado por Manuel Vieites, Publicacións da Asociación de Directores de Escena de España. ADE. Madrid, 1996); “15 M, O pobo indignado” (coordinado por Alfredo Iglesias, Ed. Laiovento. Santiago de Compostela, 2011); “Banqueiros” (Coordinado por Francisco Pillado Mayor); “A sucursal” ( Ed. Laiovento, Santiago de Compostela, 2012); ou “Aforismos: O Riso Futurista” (Coordinado por Francisco Pillado e Xabier Seoane, Edicións Xerais. Vigo 2017).
A súa prematura morte na Coruña no 2018, deixa textos inéditos a espera da súa publicación. Colaborador en distintos programas de radio e participante en numerosas mesas redondas, relatorios e conferencias, o noso homenaxeado era membro da Comisión Técnica de Teatro da Ponencia de Artes Musicais e Escénicas do Consello da Cultura de Galicia, onde organizara en 2000 as Xornadas sobre Escrita Dramática participando na publicación do Proxecto para a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. É Académico de Honra a título póstumo da Academia Galega de Teatro e da Asociación de Compañías profesionais Escena Galega. Foi membro fundador das mesmas. A súa obra foi estreada ou publicada en Portugal, Francia, Uruguai, EE.UU…
En todos os seus espectáculos Gustavo participou como actor e director, sempre coa súa compañeira Anxela G. Abalo, outro exemplo de tesón e entrega que, a parte de levar a produción de cada un dos proxectos de Ancora, tamén actuaba e dirixía.
Ancora Produccións amosou as súas obras no Centro Cívico de Arteixo en numerosas ocasións cunha boa acollida por parte do público arteixán. Gustavo presentou algúns dos seus libros alí, tamén… xa que logo é o fin último da escrita teatral: a representación das obras, cousa que no seu caso tivo a sorte de ver en escena. Coa súa prematura morte en 2018 o teatro perdeu un magnífico actor, un notable director, un excelente dramaturgo e un poeta con maiúsculas… porque este arteixán de adopción era un poeta que escribía teatro.
Nunha decisión plenamente xustificada, o Departamento de Cultura do Concello de Arteixo decidiu nomear unha das butacas do auditorio co nome de Gustavo Pernas. O seu espíritu está presente en cada acto cultural que alí se celebra!
Butaca
"Gustavo Pernas Cora" do Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo
(Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo) |
FONTES:
LÓPEZ SILVA, INMA (2018): Síntome diestiano, Erregueté, Revista Galega de Teatro.
NUEVO CAL, CARLOS FRANCISCO (2018): No pasamento do gran amigo Gustavo Pernas Cora, La Voz de Galicia, 30 de outubro.
REVISTA LUZES (2018): Gustavo Pernas (Viveiro 1959-A Coruña 2018)
VEIGA, EVA (2018): Gustavo Pernas: deconstruír o establecido, La Voz de Galicia, 10 de decembro.
VIEITES, MANUEL F. (2018): Gustavo Pernas Cora. In memoriam, ADE/Teatro, n.º 173.
Ningún comentario:
Publicar un comentario