martes, 12 de marzo de 2024

O CUARTEL VELLO DA GARDA CIVIL

  Se nacestes no Arteixo de antes de 1990 seguramente que lembrades o vello cuartel da Garda Civil, sobre o cal agardamos que nos contedes algunha historia. Se viñestes ao mundo posteriormente, ou en todo caso se levades pouco tempo vivindo na capital municipal, é probable que nunca oísedes falar daquel vetusto edificio ao que lle dedicamos as Crónicas de Arteixo desta semana. Esta é a súa historia.

Imaxe dos anos 50 do cuartel vello (Cortesía de Manuela González Cadórniga)
 
  As primeiras informacións que temos do cuartel da Garda Civil de Arteixo datan do 10 de xuño de 1890, día no que aparece publicada a seguinte carta:
Sr. Director de La Voz de Galicia.
Mi apreciable amigo: En varios números de su distinguido periódico, he visto que se ocupa de la imprescindible necesidad de aumentar en Galicia la fuerza del benemérito Cuerpo de la Guardia civil, que si se quiere, en cada parroquia de aldea debiera haber una pareja, con lo que se evitaría el cúmulo de daños y delitos, tan frecuentes y comunes, que apenas las autoridades necesitan otra ocupación sinó la de formar causas a reos de delitos de todas clases.
Dicho queda que en obsequio a la tranquilidad de los honrados habitantes, sería conveniente una pareja en cada parroquia, en aldeas tan diseminadas; pero siquiera un cuartel de cuatro o cinco individuos del Cuerpo en cada capital de distrito, y no puestos que distan de seis a diez leguas de circunferencia, como el que existe en la villa de Carballo, que con las órdenes del Ayuntamiento y del Juzgado del partido, que tienen que cumplir, mientras esto hacen, en que ocupan lo más del tiempo, los distritos del partido, como Coristanco, Puenteceso, Cabana, villa de Lage y villa de Malpica, están en sus extensas parroquias sin resguardo alguno; sólo en el distrito de Laracha hay otro puesto, que de paso quizá viene por aquí cuando conduce presos, que no es contínuo, y mientras este distrito de Arteijo se halla sin un puesto, motivo por el cual y por puro miedo, están más de treinta y tantas casas en el balneario de este pueblo inhabitadas durante nueve meses del año, que solo se abren cuando el concurso de bañistas, por dos o tres meses de verano, quedando cerradas por los nueve meses de invierno restantes, temiéndose a los rateros y aun a los criminales, en perjuicio de los propietarios que pagan la contribución al Estado, sin percibir como debieran los alquileres.
La necesidad de un cuartel y puesto de Guardia civil en este pueblo de Arteijo es absoluta, y también lo es un puesto en cada capital de distrito para resguardo de las mismas cosechas de los pobres labradores, que al fin si esto sigue en abandono tan completo, con robos y crímenes tan graves, sin algún auxilio de las autoridades, llegará tiempo que no han de poder pagar contribuciones e impuestos estos labradores ni haya quien viva en este país para la familia ni para el trabajo.
Dígnese disponer la inserción de estas breves líneas y le quedará agradecido su seguro servidor
EL CORRESPONSAL

Fotografía dos anos 50 na que vemos á esquerda o cuartel e, á dereita, o Balneario

   Ata aquel entón, na xeografía galega só había, segundo as crónicas da época, cinco gardas civís de posto por cada partido xudicial de 40.000 habitantes, 500 parroquias e 1.000 aldeas, que eran practicamente as mesmas cifras que había medio século antes cando, a iniciativa e baixo control do ministro da Guerra, Manuel de Mazarredo, se constituíra o corpo da Garda Civil mediante Real Decreto de 28 de marzo de 1844.

   Pouco tempo despois de que o corresponsal de La Voz de Galicia publicara aquela denuncia no xornal no que colaboraba queixándose da falla de seguridade en Arteixo, as cousas empezarían a mudar algo na capital do municipio, aínda que, iso si, non o suficiente como así o facía saber nas súas páxinas La Correspondencia Gallega, xornal que na súa edición do 17 de xullo de 1897 publicaba o seguinte:
El primer teniente de la Guardia civil D. Luís Gómez Fernández estuvo en Arteijo con objeto de reconocer las dos casas ofrecidas para cuartel de la benemérita de aquel puesto. Una de ellas no reune condiciones. La otra es buena, pero solo tiene capacidad para cuatro hombres. Actualmente están allí de servicio tres guardias y un cabo, pero es menester añadir un guardia más, completando la fuerza que debe tener el puesto.”
   Aínda terían que pasar vintedous anos para que a Garda Civil instalara na vila do Bolaños a casa cuartel, un edifico que sería inaugurado en 1919 durante o segundo mandato (11 de xaneiro de 1916 a 7 de maio de 1920) do leonés Toribio Salvadores Puente, alcalde que pertencía ao Partido Liberal e que xa fora o máximo mandatario do noso municipio anteriormente, dende o 1 de maio de 1911 ata o 4 de xaneiro de 1914. 

Moza de Arteixo nos anos 60 co cuartel da Garda Civil ao fondo (Cortesía de Celia Varela)
 
  Salvadores, que hoxe ten rúa dedicada na Baiuca, ao carón da Casa do Concello, tamén ía conseguir naquel segundo mandato que se instalara unha estación telefónica municipal na que se empregaran 239 piñeiros para os respectivos postes da liña Arteixo-A Coruña, unha estación pola que loitara denodadamente durante moito tempo “O Maragato”, alcume polo que era coñecido en toda a bisbarra este alcalde.

Verde que te quiero verde. Verde viento. Verdes ramas”. Así principiaba o Romance Sonámbulo de Federico García Lorca o 2 de agosto de 1924. Uns meses despois, no ano 1925, casualidades da vida, a Gardia Civil cambia un uniforme vistoso e incómodo por un novo e máis funcional. Tamén cambia a súa cor. ¿Adiviñades cal? Poi si, o mítico verde oliva que chegou ata os nosos días.

 Aquel Arteixo de antano, que xiraba en torno ao Balneario, daría paso ao Arteixo que empezou a medrar coas industrias que iniciaron a súa actividade no Polígono de Sabón a finais dos sesenta e principios dos setenta, unha época na que, curiosamente, o subteniente da Garda Civil Víctor García Villaronga sería nomeado alcalde do municipio polo Ministro da Gobernación, cargo que ocuparía entre o 3 de marzo de 1971 e o 28 de xuño de 1974.
 
Imaxe actual do lugar aproximado no que estaba o cuartel
 
  ¡Ai!, aqueles anos setenta... "Curro Jiménez", Félix Rodríguez de la Fuente, Jaques Custeau, "1, 2, 3, responda otra vez", o colexio Carrero Blanco, o Muiñeiro, o Moisés, o Batán, o Gallo de Oro, o Real Cine, a Sala Eva, a libraría Amalucha, o médico don Manolo, o Balneario e un longo etcétera no que tamén temos que meter no saco dos recordos o cuartel da Garda Civil. Precisamente, o que escribe e outros rapaces arteixáns dos setenta, íamos á pasantía que daba unha filla dun garda civil (non lembro o seu nome) no piso superior daquel vello edificio que se ía derrubar nos noventa.

   Posteriormente a Garda Civil tivo as súas dependencias nun edificio que estaba situado na Travesía de Arteixo, cerca da Avenida de Fisterra. Alí permaneceron ata o 26 de maio de 1999, día no que o Delegado do Goberno, Juan Miguel Diz Guedes, inauguraba o novo cuartel no Polígono de Sabón, entre O Seixedo e A Groufa, no que anos antes foran as instalacións da fábrica Monkrel.


 
FONTES:
 
BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998.
 

2 comentarios:

  1. Na Travesia estaba na casa do que lle chamaban " O Paxaro"

    ResponderEliminar
  2. De esa casa acordome eu pero non me acordaba dos anos que estiveron nela

    ResponderEliminar