Segundo conta o escritor carballés Xan M. Fraga Rodríguez nos seus libros A Coruña-Sada-Carballo. 1903-1979. Tranvías e Trolebuses1 e Trolebús2 a idea dun trolebús que unira Carballo e A Coruña débeselle a Enrique Sánchez Rodríguez que, aínda que era natural de Santiago de Compostela (1882), se establecera de moi novo en Carballo, vila na que sería o introdutor da luz eléctrica (no ano 1915) coa súa empresa Electra de Bergantiños.
Trolebús en Arteixo (https://javalinquin.jimdofree.com) |
En Carballo, Sánchez, que emigrara a Cuba e alí montaría (1910-11) a Central Eléctrica de Pinar del Río, xa pensara a principios dos anos 20 na posibilidade de crear un transporte tipo trole, semellante aos que había nas colonias británicas. Coa súa experiencia no sector eléctrico e cos folgos de seu irmán Aurelio, que era interventor do Estado nos ferrocarrís, en 1940 presenta ante o MOPU (Ministerio de Obras Públicas) o proxecto de Trolebuses Coruña-Carballo, proxecto que asina Víctor Solórzano, naquela hora enxeñeiro do Concello da Coruña e hóspede habitual do Balneario de Arteixo.
Limpeza dun trolebús BUT en Arteixo (A.C. Lumieira) |
O devandito proxecto sería definitivo en 1942, ano no que, ante a necesidade de xuntar capital para financiar obra de tal magnitude, se constitúe na cidade herculina a empresa Trolebuses Coruña-Carballo S.A. cun capital social de oito millóns das antigas pesetas distribuído, segundo informa Xan Fraga nos seus libros, en 8.000 accións de 1.000 pesetas cada unha. Pedro Barrié de la Maza (presidente), Atanagildo Pardo de Andrade, Luciano Regueiro Pumpido, Manuel Sáez Torres, Andrés Pardo Hidalgo, Aurelio Ruenes Blanco e o propio Enrique Sánchez Rodríguez (este como vocal e director xerente), practicamente a plana maior do Banco Pastor, formarían o primeiro consello de administracción da empresa, á cal lle outorgan en xullo de 1943 a adxudicación da liña cun orzamento de seis millóns de pesetas e cun prazo de concesión de 30 anos, liña que se converte na primeira interurbana concedida do Estado e a primeira estrada que é electrificada.
Trolebús BUT diante da Estación de Arteixo, no lugar que hoxe ocupan as instalación do supermercado Eroski (Xan Fraga) |
As obras da montaxe da liña eléctrica comezan en 1944 e rematan en 1950, obras que serían realizadas por traballadores da propia empresa, moitos deles veciños de Arteixo como era o caso de Manuel Sánchez (Toledo), Jesús e José Pardo Cedeira, Manuel Vázquez (Canedo), Ramón Zas ou Manuel Seijas, veciño de Figueiroa ao que Fran Naveira e un servidor entrevistamos unhas semanas antes do seu falecemento. Podedes ver aquí unha entrevista de só 8 minutos de duración na que Manuel conta a historia da empresa Trolebuses Coruña-Carballo:
E se se vos fixo curta, podedes ver a Manuel aquí nunha peciña un pouco máis longa (24 minutos) na que tamén recordaba outros aspectos da súa vida:
Tamén traballarían na electrificación da liña A Coruña-Carballo os irmáns Iglesias Pardo (José, Enrique e Arsenio). José era o encargado e tiña ao seu cargo uns vinte traballadores. Arsenio faríase futbolista profesional uns anos máis tarde, mais antes de fichar polo Deportivo tamén traballaría na montaxe da liña ademais de realizar algunhas gardas na subestación de Lañas.
A lonxitude da liña era de 33 quilómetros e contaba coa estación eléctrica da Grela e coas subestacións de Pastoriza (km. 6), Lañas (km. 15), A Laracha (km. 23) e Bértoa (km. 32), unha liña que finalmente, e logo de varios ensaios, sería inaugurada oficialmente o xoves 23 de febreiro de 1950 e que estaría activa ata o 15 de marzo de 1971, día no que os trolebuses A Coruña-Carballo circularon por última vez.
Nun principio, a liña contaba con 12 troles tipo MAN-AEG que foran comprados en Alemaña, con Hitler no poder e en plena Segunda Guerra Mundial, no ano 1942, mais que serían carrozados (7 deles) en Galicia, na fábrica de Barro en Chavín (Viveiro, Lugo). En 1961 chegan, procedentes de Inglaterra, oito trolebuses BUT de segunda man construídos entre 1948 e 1952 en Londres, que viñan sendo os populares de dous pisos, aos que se lles sumaría outro destas características en 1969, comprado a Tranvías de Vigo. En total, pois, a empresa contaba con 21 trolebuses, que eran conducidos por José (Sprint), Manuel Rodríguez (Cándido), Manuel Fraga, Benjamin Sande, Felipe Pazos, os irmáns Esmorís ou, entre outros, os arteixáns Antonio Mareque e Manuel González Berao (Zalo), este último, antigo piloto de aviación e figurante de varias películas e do cal falaremos nas Crónicas de Arteixo da vindeira semana.
Germán (cobrador), Zalo (chofer) e Mareque (chofer) diante dun trolebús MAN. Detrás, o bar Insua (A.C. Lumieira) |
________
1 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (1997): A Coruña-Sada-Carballo. 1903-1979. Tranvías e Trolebuses, Espiral Maior, A Coruña.
2 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (2001): Trolebús, A.C. Lumieira, Carballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario