martes, 30 de xullo de 2024

MANUEL GONZÁLEZ BERAO: DE PILOTO DA AVIACIÓN RUSA A CHOFER DOS TROLEBUSES CORUÑA-CARBALLO

  No verán de 2015 tivemos a honra de coñecer persoalmente a Manuela González Cadórniga (Manolita para os seus amigos), nai da boa amiga Ana Cillero e filla de Manuel González Berao, un home que se a súa vida cae nas mans dun dos grandes guionistas de Hollywood, abofé que optaría a algún Óscar con total seguridade.

    Moitos dos veciños e veciñas de Arteixo que hoxe teñen máis de setenta primaveras hanse de acordar del por ser chofer dos trolebuses Coruña-Carballo. Iso si, hai que falar de Gonzalo ou Zalo, pois ese era o nome con que todo o mundo coñecía a Manuel.

Imaxe dos anos 50 de Zalo na Avenida de Fisterra. Ao fondo, o bar Insua (Cortesía de Manuela González Cadórniga)

   Mais antes de ser condutor dos trolebuses, o noso protagonista vivira unha vida intensa, chea de grandes aventuras e digna, como diciamos anteriormente, do mellor dos guións cinematográficos.

    Manuel González viñera ao mundo no ano 1917 en Santa María de Ferreira de Pantón, parroquia do concello lucense de Pantón, lugar no que pasaría a súa infancia. Con trece ou catorce anos, coincidindo coa proclamación da Segunda República, sería un dos moitos nenos españois que completarían a súa formación na Unión Soviética, onde se faría piloto de aviación.

   En 1936, aos poucos meses do estoupido da Guerra Civil, o goberno da República atoparíase coa urxente necesidade de aviadores que substituíran tanto aos militares profesionais da preguerra como aos voluntarios internacionais. Para tal fin, os republicanos crearían un complexo de escolas en Murcia e farían públicas varias convocatorias para que españois de todas as clases puideran cumprir o soño de voar. A maior parte daqueles concursos ía servir para a formación de expedicións de pilotos que viaxarían a Francia e, sobre todo, á U.R.S.S., nun periplo que para moitos dos alumnos-pilotos supuxo a viaxe máis longa que fixeran na súa vida e que os levaría a un país completamente diferente ao seu. Alí, naquelas xornadas de formación aeronáutica na prestixiosa escola de Kirovabad (na actual Acerbaixán), estaba o comandante González, o noso protagonista, que non tardou en partir cara á península para combater dende o aire na defensa da República.

O comandante González na U.R.S.S. (Cortesía de Manuela González Cadórniga)

  Os avións que pilotaban eran coñecidos en España como moscas e chatos. Os primeiros eran os míticos cazas Polikárpov I-16; a maioría deles chegaran desmontados e no exterior das caixas que os contiñan líase Moskva (Moscú), de aí que na península os rebautizaran como moscas. Os segundos, biplanos, tomaron o seu nome polo seu morro, achatado.

  Aos mandos dun destes avións, sería derrubado Manuel González Berao, que salvaría a súa vida saltando no paracaídas durante a batalla de Guadarrama e feito prisioneiro despois.

   Rematada a Guerra Civil e tras pasar algún tempo de cárcere en cárcere e de varios consellos de guerra nos que Zalo salvaría a súa vida polos pelos (se cadra pola influencia de seu irmán Gumersindo, que era comandante da Garda Civil de Carballo), empeza a gañar o pan no mundo do cinema en Madrid onde, grazas á súa boa percha, traballa como figurante en películas como Los majos de Cádiz, Luis Candelas, Charlot ou La casa de la Troya ao lado de figuras míticas da época como Mary Delgado, Alfredo Mayo ou Imperio Argentina.

   Mais o cinema non era suficiente para sacar adiante á súa familia (Manuel casara con María Cadórniga Álvarez, que era descendente do conde de Lemos) e así, cando corrían os primeiros anos cincuenta, o matrimonio e a súa pequena filla Manolita chegan a Carballo, onde Gumersindo, o comandante da Garda Civil, lle buscara traballo a seu irmán como condutor dos Trolebuses Coruña-Carballo, liña que fora inaugurada en febreiro de 1950.

Germán -cobrador-, Zalo -chofer- e Mareque -chofer- diante dun trolebús MAN. Detrás, o bar Insua de Arteixo ( Xan Fraga/A C. Lumieira)

   Logo dun tempo vivindo na capital de Bergantiños, a familia González Cadórniga trasládase a vivir a Arteixo, concretamente ás casas que a empresa na que traballaba tiña para os seus empregados na marxe esquerda da actual Avenida de Caión, xusto ao pasar o colexio Ponte dos Brozos, moi cerca onde posteriormente construirían unha casa nova, unha edificación que fora unha reprodución exacta da casa que un amigo de Zalo tiña en Venezuela. Esa casa, que estaba no lugar que hoxe ocupa o café Melandrainas, forma parte da memoria colectiva de Arteixo e foi o lugar onde pasarían gran parte da súa vida Manolita e Ana (filla e neta de Zalo) escoitando as historias daquel rapaz que se fixera piloto de aviación na desaparecida Unión Soviética, daquel comandante republicano, daquel actor que traballara con Mary Delgado e Imperio Argentina, daquel chofer dos Coruña-Carballo, daquel aventureiro chamado Manuel González Berao, Gonzalo ou Zalo para os seus amigos.

Antiga casa da familia González Cadórniga que estaba situada no lugar que actualmente ocupa o Café Melandrainas (Cortesía de Manuela González Cadórniga)

2 comentarios:

  1. Ola, Xabier: grazas por expoñer a historia moi interesante deste aviador lugués. Porén, hai algunhas inexactitudes no relato que, espero, non che pareza mal que expoña. En primeiro lugar, dificilmente se pode considerar a Manuel González Berao como "un dos moitos nenos españois que completarían a súa formación na Unión Soviética", porque se naceu en 1917, en 1936 tiña dezanove anos, é dicir, estaba en idade militar. É máis, segundo se pode ler na Gaceta de Madrid, Diario Oficial de la República, de 24 de agosto de 1936, páxina 1461, Manuel figura como voluntario inscrito na lista da circular da Inspección Xeral da Guardia Civil para servir na Comandancia de Madrid e foi dado de alta como Guardia de Infantería. A solicitude foi obtida e aparece confirmada no Diario Oficial del Ministerio de la Guerra do 18 de setembro de 1936, páxina 375. En segundo lugar, é certo que Manuel se formou na Unión Soviética, e cito “Perteneció a la 3ª Expedición de Kirovabad. TERCERA PROMOCIÓN: Oficiales acompañantes: Tenientes José González y Chindasvinto González García. Salieron del puerto de Barcelona en diciembre de 1937/enero de 1938 y embarcaron en Francia en el Teóphile Gautier, llegando a Odessa en enero/febrero de 1938. Según Circular núm. 273 Diario Oficial núm. 21035 del 20/10/1938 del Ministerio de Defensa Nacional, se resuelve otorgar el título provisional de piloto militar de aeroplano con la antigüedad del 15/09/1938, y concederle el empleo de Sargento de Aviación”. É dicir, que era sarxento e non comandante ou debería ter tido unha carreira meteórica para pasar desa graduación desde setembro de 1938 a comandante en abril de 1939, cando rematou a guerra. Pódese ver no sitio da Asociación de Aviadores de la República (ADAR) en https://www.adar.es/aviadores-republicanos-2/. En terceiro lugar, tódolos avións derrubados en combate sobre Guadarrama están identificados no libro de Michel Lozares Sánchez, “Los Aviones de la Sierra de Guadarrama”, de 2023 e o seu nome tampouco aparece na obra “Aviación Republicana. Historia de la Fuerzas Aéreas de la República Española (1931-1939)” de Carlos Saiz Cidoncha, que é a obra xeral clave de referencia da aviación republicana. Por último, no Archivo General Militar de Guadalajara consérvase o seu expediente, na sección Batallones Disciplinarios de Soldados Trabajadores (BDST). Expedientes personales de Soldados Trabajadores y Soldados de Escolta. O seu concretamente está nesta Referencia: ES.19030.AGMG/3.1. Caja 302947, Expediente 65798.
    Juan Carlos Salgado

    ResponderEliminar