mércores, 4 de setembro de 2024

VASCO DA PONTE, O CRONISTA MEDIEVAL DO LUGAR DA PONTE (OSEIRO)

  Vasco da Ponte foi un historiador e xenealoxista galego, autor da Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galicia, obra que constitúe unha das fontes historiográficas básicas para a historia medieval da Península Ibérica. O gran historiador Antonio López Ferreiro di que sen este libro a historia de Galicia sería, pouco menos, que un logogrifo indescifrable.

    Son moi escasos os datos vitais sobre o protagonista das Crónicas de Arteixo desta semana. As poucas datacións que o autor inclúe na súa obra permiten estabelecer que debeu vivir entre 1470 e 15351. E mesmo a grafía correcta do seu nome é obxecto de controversia. A forma máis utilizada foi Vasco de Aponte, seguida por Vasco da Ponte. Tamén aparece citado como Vascus Aegidius de Aponte polo erudito do século XVIII, Nicolás Antonio2. Segundo a Gran Enciclopedia Galega, non deixa de ser un verdadeiro paradoxo que existan tan poucos datos fiables sobre Vasco da Ponte, sendo como é, o autor máis copiado e citado pola totalidade dos historiadores que se ocuparon de Galicia desde o século XVII ata a actualidade.

    Ata non hai moito tempo, existían varias hipóteses sobre o seu lugar de nacemento. Sospeitábase que era de Pontedeume ou da Coruña e residente na cidade herculina, onde hai documentadas varias personalidades que levaban daquela o apelido, incluíndo dous homónimos, pai e fillo. O historiador franciscano José García Oro demostrou en 1986 a existencia do primeiro, dun Vasco da Ponte rexedor da Coruña no ano 1504.

    Sábese con certeza que o noso homenaxeado estaba ao servizo de Fernando de Andrade, conde de Vilalba e de Andrade, da poderosa casa de Andrade, xa que el mesmo o afirma: "don Fernando de Andrade, mi señor"3. De aí foi, con certeza, onde se alimentou a tese de que Vasco da Ponte era de Pontedeume, especialmente a partir de que o novelista e historiador ferrolán Benito Vicetto, que foi quen rescatou a obra de Vasco da Ponte en 1872, empezara a propugnar esa orixe eumesa para el. Mais, con todo, faltaban as probas que o corroboraran e nunca se puido afirmar esta posibilidade.

    Porén, todo ía cambiar co antropólogo e investigador ferrolán Carlos Alberto Lareo, que a partir do 2014 empezou a defender a posibilidade de que os Vasco da Ponte foron unha saga familiar adiñeirada procedente do lugar de Ponte, na parroquia arteixá de Oseiro, e que do nome desa localidade procede o apelido distintivo do autor.No traballo de investigación que asino revélase que a familia da Ponte procedía de Arteixo, sendo o cronista a terceira xeración con ese mesmo nome. O nome transmitíase por razóns de prestixio, xa que se trataba dunha familia adiñeirada pero plebea. O autor medieval estaba ao servizo de Fernando de Andrade, señor de Pontedeume», comentaba Lareo4.

Panorámica actual do lugar da Ponte (Oseiro, Arteixo)

    O documento que demostra a procedencia arteixá do cronista medieval atopouse no Arquivo de Simancas, e foi titulado Heredades de Vasco da Ponte5. Este tesouriño está datado en 28 de xuño de 1483 en Santo Domingo de la Calzada e nel o pai do cronista solicita amparo aos Reis Católicos por uns terreos herdados na parroquia de San Tirso de Oseiro e na de Santiago de Arteixo, terreos dos que temía verse desposuído. O documento di así:

Sepades que Vasco da Ponte, vecino de la dicha çibdad de la Corunna, nos fizo relaçión por su petición, que ante nos en el nuestro Consejo presentó, diziendo que él tiene y posee paçificamente, por justos y derechos títulos, çiertas heredades en Ponte e en las feligresías de Santiago de Oseyro e de Santiago de Artejo, que ante vos las dichas justiçias entiende nonbrar e delindar, e que se teme e reçela que algunas personas ynjustas

    «Cremos que estas fincas herdadas no lugar de Ponte, na parroquia de Oseiro, revelan claramente o soar familiar, sendo precisamente o lugar de Ponte o que lle dá a súa orixe a esta poderosa familia da Coruña do siglo XV», indica Carlos Lareo no seu libro El origen de Vasco da Ponte, traballo que realizou para o máster de Patrimonio Histórico de Galicia e Norte de Portugal que foi suspendido no 2014, «por non ser rentable económicamente». 

Carlos Lareo posa no lugar da Ponte (La Voz de Galicia)

    «Os Vasco da Ponte eran unha saga familiar de rexedores, é dicir, edís da cidade da Coruña no século XV, e que a administraron, polo menos, durante todo ese século, sendo Vasco da Ponte III, o cronista máis relevante da Idade Media galega. A importancia deste autor é enorme, e coñecer a súa orixe creo que é moi interesante porque ata hoxe ninguén puido dar ningunha proba da súa procedencia6», indicaba Lareo.

    Asi pois, tras is dun século de dúbidas e controversia, agora pódese dicir que coñecemos, grazas a Carlos Alberto Lareo Porral, a orixe arteixá de Vasco da Ponte. De seguro que o noso insigne Manuel Murguía quedaría pampo de saber que compartía veciñanza con Vasco da Ponte! Por tanto, Arteixo dispón agora entre os seus fillos ilustres tamén ao máximo expoñente das crónicas baixomedievais que é Vasco da Ponte.

Manuscritos e edicións

    A obra de Vasco da Ponte conservouse en diversos manuscritos custodiados na actualidade en arquivos diferentes: Biblioteca de Ajuda de Lisboa, Biblioteca Nacional de Madrid, Fundación Barrié de la Maza, Arquivo Histórico Municipal da Coruña, Archivo Histórico Nacional en Simancas e Madrid, etc. A primeira edición moderna foi realizada por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia en 1872. En 1986 fíxose unha edición crítica que confrontaba as diversas variantes manuscritas e edicións impresas. En 2008 Clodio González fixo unha nova edición en galego.

Idioma

    Da Ponte redactou a súa obra en castelán, ben que mesturado con numerosos galeguismos que se poden cualificar de interferencias lingüísticas, pois non cabe dubidar de que a súa lingua cotiá debeu ser o galego. Non existe, porén, ningunha proba documental de que houbese unha primitiva redacción en lingua galega que fose logo trasladada ao castelán, como ás veces se sospeita7.

    Algúns autores como Carlos Alberto Lareo coidan que foi escrita en galego, sendo esa a verdadeira razón da desaparición do manuscrito do que só se conservan as copias citadas traducidas.

Título

   Os títulos dos manuscritos son diferentes, sendo os máis utilizados Relación de las casas antiguas de Galicia e Recuento de las casas antiguas de Galicia, con predominio do primeiro. Con todo, nalgún caso utilizáronse outros, tal como Linajes de Galicia, como no manuscrito custodiado na biblioteca da Real Academia de la Historia, en Madrid. 

Pimeira páxina do manuscrito do "Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia" (Biblioteca Nacional de España)

A obra

   A análise da Relación mostra que Vasco da Ponte tentou estabelecer unha historia xenealóxica das diversas casas nobiliarias de Galicia, mais é unha obra inacabada e na que se presta unha maior atención a certas liñaxes, das que talvez tiña noticias máis completas. Fáltanlle noticias de liñaxes das provincias de Lugo e Ourense. Ademais as datacións son moi escasas, o que dificulta en ocasións a comprensión correcta dos acontecementos.

Estruturou a súa obra por liñaxes, e para cada unha delas expón un esquema semellante, que atende á ascendencia e posesións da familia, fazañas dos seus membros máis notorios e valoración deles8.

Metodoloxicamente, Vasco da Ponte utilizou case exclusivamente a fonte oral, e só en moi contadas ocasións sinala algún documento en apoio das súas afirmacións, mais sempre dun modo xenérico e carente de precisións maiores, fenómeno que, por outra banda, era corrente entre outros xenealoxistas e cronistas da época.

Aínda que o autor participa da mentalidade medieval no relato dos eventos históricos, que responderían a un designio divino, preludia o paso á mentalidade humanista que se está a difundir pola Europa da época, ao introducir o individuo, o ser humano, como dono dos seus actos e motor da historia que el constrúe9.

Obra

Cítanse só as edicións máis importantes da Relación:

  • Vasco de Aponte, Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia. Ferrol, s.n., 1872, corresponde ao tomo VI da Historia de Galicia de Benito Vicetto, que leva por título "Apéndice General de la Historia de Galicia", e ocupa as páxinas. 404-455. Esta obra foi reimpresa en 1979, e a partir dela efectuáronse outras edicións nos séculos XIX e XX, a pesar de que contiña erros.

  • Vasco de Aponte, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia. 1986. É unha edición crítica seguindo os parámetros científicos, con introdución, notas e variantes, a cargo de Díaz y Díaz, Manuel; García Oro, José; Vilariño Pintos, Daría; Pardo Gómez, Mª Virtudes; García Piñeiro, Araceli e Oro Trigo, Mª Pilar.

  • Vasco da Ponte, Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza. Noia. Editorial Toxosoutos. 2008. Edición de Clodio González Pérez.

 

Bibliografía

ACOSTA, SUSANA (2015): Descubren que el mejor cronista de la Edad Media de Galicia era de Arteixo, La Voz de Galicia, 19 de abril.

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, X.M. (1969): "Nota dos Editores", en Vasco de Aponte: Pedro Madruga. Vigo: Edicións Castrelos, páx. 7-10.

ARMAS CASTRO, J. (1974): "Vasco da Ponte", s.v., in Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Santiago / Gijón. Silverio Cañada Editor. t. XXIX, pp.245–246.

COUCEIRO FREIJOMIL, ANTONIO (1981) [1927]: Historia de Puentedeume y su comarca. Pontedeume.

DÍAZ Y DÍAZ, GARCÍA ORO, VILARIÑO, PARDO, GARCÍA E ORO (1986): "Introducción" a Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Xunta de Galicia. pp. 11-98.

LAREO PORRAL, CARLOS ALBERTO (2014): El origen de Vasco da Ponte, en Master Patrimonio UDC, 14/10/2014.

 

Páxinas Electrónicas

Wikipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Vasco_da_Ponte) 

Wikiwand (https://www.wikiwand.com/gl/articles/Vasco_da_Ponte)

_________

1 Cfr. Nota dos Editores, in Vasco de Aponte, Pedro Madruga. Vigo. 1969, páx. 9.

2 Cfr. a Introdución á edición do Recuento, por Díaz y Días, García Oro, Vilariño Pintos, Pardo Gómez, García Piñeiro e Oro Trigo, Santiago de Compostela. 1986, páx. 51.

3 Cfr. Recuento, edic. 1986, páx. 170.

4 Vid. Susana Acosta (2015): Descubren que el mejor cronista de la Edad Media de Galicia era de Arteixo, La Voz de Galicia, 19 de abril.

5 Vid. Carlos Alberto Lareo Porral (2014): El origen de Vasco da Ponte, en Master Patrimonio UDC, 14/10/2014.

6 Vid. Susana Acosta (2015): Descubren que el mejor cronista de la Edad Media de Galicia era de Arteixo, La Voz de Galicia, 19 de abril.

7 Cfr. Nota dos Editores, in Vasco de Aponte, Pedro Madruga. Vigo. 1969, páx. 9: "A lingoaxe é unha mistura de galego e castelán, que fai sospeitar nun intento pouco felís de versión á derradeira distas falas. O libro estaba destinado ás familias fidalgas da época, e por entón inda a fidalguía galega falaba acotío a língoa nativa. Hai, por outra parte, erros tan evidentes de tradución ao castelán no estado actual do texto, que por forza hemos pensar na orixinalidade galega do Nobiliario de Vasco de Aponte."

8 Cfr. Introdución a "Recuento", edic. 1986, páxs. 58-60 .

9 Cfr., Alfonso Mato Domínguez, s.v. Historiografía, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XVII, páx. 133; José Armas Castro, s.v., Vasco da Ponte, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XXIX, páx. 246


Ningún comentario:

Publicar un comentario