Dous veciños de Meicende, Manolo Míguez e Héctor Núñez, emigraron na década dos
anos vinte do século pasado a Uruguai e alí, no novo país de adopción, crearon
a súa propia familia. O fascinante do caso é que, co paso do tempo,
as casualidades da vida farían que un fillo de Manolo, o Cotorra
Míguez, e outro de Héctor, o Pichón Núñez, se ían converter
en dous dos mellores futbolistas uruguaios de todos os tempos. Do Cotorra Míguez falaremos no futuro nestas Crónicas de Arteixo; de Núñez facémolo deseguido.
Nado en
Montevideo o 8 de maio de 1936, Héctor Núñez Bello, mais coñecido
polo alcume de Pichón Núñez, debuta aos quince anos no
fútbol de competición no equipo de quinta división do Liverpool, o
mesmo club do que tamén saíra Ramón Villaverde, outro fillo de emigrantes
arteixáns que acabaría xogando no F.C. Barcelona.
Núñez
non ía tardar en despertar o interese do Nacional de Montevideo que,
nos primeiros anos 50, acabaríao fichando para as súas divisións
xuvenís. Ao tempo que se formaba como futbolista dando mostras da
súa enorme calidade xogando de oito, asombraba en cada partido pola
súa facilidade para chegar á área contraria e pola comuñón que
tiña co gol.
O enorme talento demostrado nas categorías inferiores levaríao a debutar no primeiro equipo
de contado, debut que se produce o 15 de decembro de 1956. O
Nacional festexaba a consecución do segundo título consecutivo de
campión do torneo ligueiro uruguaio nun partido amigable contra o
Independiente arxentino. No encontro, que remataría cun escandaloso
6-1 favorable aos charrúas, o adestrador Ondino Viera, contratado en
1955 pola directiva que presidía o empresario larachés José Añón
para recuperar o título que o Nacional non obtiña dende 1952, tamén faría
debutar a Julio Acosta, Raúl Núñez
e Héctor Rodríguez, compañeiros do Pichón nas
categorías inferiores que, xunto a Guillermo Escalada, conformarían
unha das dianteiras máis
lembradas polos seareiros do
equipo tricolor de Montevideo.
No
ano seguinte, en 1957, o Nacional obtén o seu terceiro campionato
consecutivo grazas, en gran medida, á aqueles catro rapaces da
dianteira que uns meses antes xogaban xuntos no equipo xuvenil.
Héctor Núñez sería elexido o mellor xogador uruguaio desa
tempada e, ademais,
debutaría
coa selección charrúa nos partidos contra Paraguai e Colombia da
fase clasificatoria para
o Mundial de 1958 de Suecia ao que, finalmente, a celeste non
acudiría. Precisamente,
nese ano de 1958, o Nacional realiza por Europa unha xira de dez
partidos, entre eles un xogado
o día
15 de xuño na Coruña
para disputar o trofeo Teresa
Herrera contra
o equipo brasileño do Flamengo.
Héctor Núñez
era a
primeira vez que pisaba a
terra na que naceran seus pais e,
unha vez rematado o encontro no que os uruguaios se
impuxeran por 2-1 con goles
do propio Héctor e de Escalada, o noso protagonista sería
entrevistado polos xornalistas herculinos a
quenes lles deixou unha pincelada en galego...”Miña
nai é de Pastoriza e meu pai de Meicende”.
 |
Foto
de Héctor adicada a Tuja,o seu curmán de Meicende
|
A
súa gran actuación naquel Teresa Herrera ía despertar o interese de
varios equipos españoles,
entre eles o R.C. Deportivo, que por aqueles días competía na 2ª
División, o Celta, o Granada e o Valencia, que foi o club co que finalmente asinou, por 14.000 dólares.
No
equipo che, no que
debuta o 8 de abril de 1959 fronte ao Everton inglés, o Pichón
conquistaría dúas Copas de Feiras
en 1962 e 1963 e anotaría un
total de 40 goles durante as sete tempadas que xogou alí,
a última delas a 1964/65, a
mesma na que un curmán seu de Meicende, Manuel Núñez Tuja,
fichaba no Celta de Vigo. Na
campaña seguinte
o Pichón
viste a camiseta do
Mallorca, onde xoga unha tempada antes de disputar as súas dúas
últimas como futbolista profesional nas filas do Levante,
que foi o equipo onde
colgou
definitivamente as botas ao
remate da tempada 1967/68.
 |
Semanario
Riazor,
16 de xuño de 1958. Héctor Núñez di en galego que súa nai era de Pastoriza e seu pai de Meicende
|
|
Retirado
coma futbolista, Héctor comeza a súa carreira de adestrador no
Calvo Sotelo de Puertollano, club co que asina en outubro de 1970 e
ao que dirixe trinta e un partidos en
2ª División. Posteriormente adestra ao Tenerife; Levante;
Valladolid; Granada; Rayo Vallecano, onde
foi
o primeiro adestrador do club en 1ª División, aquel Rayo ao que
chamaban mataxigantes
polas súas proezas no Estadio de Vallecas; Atlético
de Madrid, ao que dirixe
de xeito efémero: fichara para substituír a Luis Aragonés en 1978,
mais só aguantou cinco partidos, sendo reemprazado polo mesmo
Aragonés. A
continuación retorna
ao Rayo Vallecano, antes de dirixir durante dúas tempadas ao Tecos
mexicano, de 1981 a 1983, un campionato azteca onde ve xogar a Hugo
Sánchez cos Pumas da UNAM e recomenda a súa fichaxe ao Atlético de
Madrid. Na tempada 1983/84 volta ao campionato español para
adestradar en 2ª á U.D. Las Palmas. Dende 1985 ata 1987 ocupa, unha vez
máis, o banco do Rayo e,
en
1989, adestra por primeira vez no seu Uruguai natal, no mesmo club
no que anos atrás debutara coma futbolista profesional: o Nacional
de Montevideo.
Os
últimos desempeños do
Pichón
Núñez
coma técnico terían lugar en Arabia Saudita ao fronte do Al-Nassr e
do conxunto uruguaio do Tacuarembó F.C., que foi onde puxo punto
final a súa carreira coma adestrador en 2007.
Héctor
Núñez Bello, o fillo daquel matrimonio de Meicende e de Pastoriza
que fixeran
a maleta da emigración nos anos vinte do século pasado,
faleceu en Madrid o 19 de decembro de 2011, aos
75 anos de idade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario