Entre os numerosos cenobios que ao longo dos séculos poboaron a provincia da Coruña figurou, noutro tempo, o de San Tomé de Monteagudo, edificio ao que lle dedicamos as Crónicas de Arteixo desta semana.
Deste antigo mosteiro beneditino soamente se conserva a súa igrexa, verdadeiro tesouro da arquitectura románica da bisbarra que segue funcionando como igrexa parroquial.
![]() |
Igrexa de Monteagudo (Xabier Maceiras) |
O documento máis antigo que se coñece sobre a súa creación é unha doazón que o rei Alfonso VII fixo ao abade e monxes o 15 de maio de 1154, na que se atribúe a súa fundación ao bisbo da sé compostelá Sisnando. Outro dato histórico que aporta algunha luz sobre esta fábrica medieval é o testamento de 1199 de dona Urraca Fernández de Traba, filla do conde galego Fernando Pérez de Traba e da condesa Sancha González. Urraca Fernández de Traba, casara con Juan Arias de quen tivo descendencia. Ámbolos dous foron os aios do infante Alfonso, despois Alfonso IX de León.
Mais, amigos e amigas, como non podía ser doutro xeito, a fundación desta igrexa tamén conta coa súa lenda popular, unha lenda que recompilou Puri Soto nun cartel que podedes ler a poucos metros do templo de Monteagudo, concretamente no histórico camiño que conduce cara a capela da Estrela que forma parte dunha ruta medieval que, vindo dende Lendo (A Laracha), comunicaba as terras de Bergantiños coa Coruña atravesando varias parroquias de Arteixo.
![]() |
Camiño medieval de Monteagudo (Xabier Maceiras) |
Pois ben, no devandito cartel, Puri dinos que... “contan os vellos que a Igrexa foi feita nunha noite polos romanos, e que as pedras foron lanzadas dende o Monte da Angra en Barrañán.”
Guillermo Pardo, xornalista de Pastoriza, xa publicara en 1982 un artigo no xornal La Voz de Galicia1 no cal tamén recollía esta lenda, iso si, logo de que a devandita información fora facilitada e difundida polo Concello de Arteixo dacordo co proxecto de Brasón Municipal.
Anos despois, en 1999, no libro Arteixo de onte a hoxe, editado polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo, María Rozamontes Vázquez, directora e coordinadora deste proxecto, tamén facía referencia das construcións rapidísimas, edificadas nun só día, da igrexa de Oseiro, da ponte do Brozos e do mosteiro de Soandres, no municipio da Laracha, “mediante o lanzamento das pedras necesarias para as súas contrucións polos fortes brazos dos “romanos” -di María- que ademáis, no seu texto tamén nos comenta o seguinte:
“Destas lendas, que sen dúbida arrastran a crencia dunha forza sobrenatural dos romanos, cómpre salienta-la relativa ó mosteiro de Soandres. O pobo denomina ó igrexario de Monteagudo por “mosteiro”, e a lenda di que o convento de Soandres construíuse polas pedras lanzadas polos romanos desde o devandito “mosteiro”. A lenda non tería máis importancia se o Pai Sarmiento non atopara no mosteiro de Soandres unha inscrición votiva a Xúpiter, o que é unha cousa rara xa que a devandita zona fora de colonización por parte dos monxes, do que se deduce o seu estado salvaxe. ¿Sería pois que, efectivamente, as pedras para a construcción do mosteiro de Soandres foron levadas desde Monteagudo, lugar no que estaría inicialmente a devandita inscricións?.”2
Igrexa de Monteagudo (Xabier Maceiras)
A escritora ourensá Dora Vázquez, mestra da escola de nenas de Larín entre 1952 e 1967, tamén escribiu sobre uns seres xigantes dos que xa temos falado nestas Crónicas de Arteixo, seres que segundo a lenda construían edificios nun só día, entre eles a capela da Estrela de Monteagudo:
“Din os máis antergos do lugar, que un día, fai moitísimos anos, viron os aldeáns distes pobos como facían eiqui unha capela unhos homes moi outos e fortes. Chamábanlles “xentiles”, mais eu penso que cecáis quixeran decir xigantes, porque tamén lle chamaban esí a eses homes e mulleres de cartón que aínda saen en algunhas romerías das vilas… Disque aquiles homes tiñan unha forza condenada. Tiraban un martelo dende eiquí (Dora refírese a Larín), e chegaba ata a capela daquil monte enfrente de nós -sinaloulle un punto lonxano onde o cume tocaba o ceo- ¿Ves alí unha capela branca? É a capela da Estrela, de Monteagudo. Pois din, que case que ao mesmo que ésta, aparescéu tamén aquela, e máis outra en Soandres que lle chaman a de Santa Marta. Ista queda tan outa, que para vela dende o chan, hai que erguer a cabeza como para mirar a chimenea outa dunha fábrica...”3
E falando de xentís ou xigantes, tamén queremos nomear unha das lendas populares relacionadas co castro larachés de Montes Claros, onde hai un penedo no que existen dúas pegadas lendarias: a do cabalo e a do xentíl.
![]() |
Obsérvese á dereita da parte inferior da fotografía a pegada do xentíl e a do cabalo (Xabier Maceiras) |
A lenda cóntanos que esta última pegada, que ten forma podomorfa, deixouna un cabaleiro xentíl tras descender de forma brusca do seu cabalo que seica viña moi apurado a dar unha mala nova ao castro. Xusto ao carón desta pegada está a outra, a do cabalo, de forma máis cadrada e acabada en punta. Parece ser que cando o xentíl acabou de dar a nova tivo que marchar a correr, e entón o cabalo pegou unha patada e deu un salto milagroso ¿Cara onde? Pois depende de quen nos conte a historia. Para uns saltou cara a zona de Soandres e para outros cara a Monteagudo. Isto vai, como sempre nos di a prezada arqueóloga Puri Soto, das relacións que había no territorio, entre os distintos poboados, os distintos castros... e de como se comunicaban entre eles.
E nós tamén damos outro chimpo e voltamos ao Monteagudo medieval, a unha época na que o panorama do monacato na provincia coruñesa ía cambiar de xeito radical co proceso reformista levado a cabo polos Reis Católicos desde os anos finais da década de 1480 e os iniciais da seguinte. Segundo as informacións de Estefanía López Salas, “la estrategia puesta en marcha supuso la supresión de la mayor parte de los pequeños monasterios de fundación medieval, que estaban desperdigados por la provincia, generalmente pequeñas comunidades, con una ubicación solitaria y aislada, relativamente autónomos, características todas que poseía el caso que nos ocupa; para unirlos a otros máis importantes. Por este procedimiento el monasterio de san Martín Pinario de Santiago va a convertirse en el polo centralizador, por poseer una base económica sólida y una comunidad religiosa más numerosa, que podía garantizar el adecuado cumplimiento de la observancia benedictina.”4
A anexión de san Tomé de Monteagudo non ía tardar en producirse. Do 5 de xuño de 1484 é a bula do papa Sixto IV, que converte ao mosteiro de Monteagudo en priorado e en igrexa parroquial co nomeamento de rector. “Así figura ya como priorato dependiente de san Martín Pinario en las Actas de Visitas de los Generales de Valladolid en el primer mandato de Fr. Arias de Rocha (1504-1513).”5
![]() |
Igrexa de Monteagudo (Xabier Maceiras) |
Poucos anos máis tarde, a posesión de san Tomé de Monteagudo pasa a mans da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, por bula do papa Xulio II. Na escritura de concordia realizada posteriormente entre o mosteiro de san Martín Pinario e a Colexiata da Coruña, o primeiro consegue a posesión do Priorado de Cambre, que era da Colexial, e a cambio esta última faise co Priorado de Monteagudo, que era de San Martín de Santiago.6
A partir de aquí o templo de Monteagudo ía mergullarse nun longo período de litixios con aparente difícil solución, que provocarían o paulatino detrimento dunha fábrica con signos de deterioro desde mediados do século XVI. “Un siglo es mucho tiempo para unas construcciones ya dañadas, y esto provocó que de la llamada torre-campanario hoy no nos quede huella material ninguna. Pero si que hemos localizado un rastro documental de la última fase de su existencia. En 1650, los padres agustinos de la villa de Caión, situada a unos ocho kilómetros del lugar de Mosteiro, pidieron permiso primeramente al Conde de Grajal, marqués de Montaos y señor de la feligresía, para utilizar la piedra de la vieja torre de Monteagudo.”7
Posteriormente, o 8 de xaneiro de 1651, os feligreses de Monteagudo daban o seu consentimento para que a cantería da torre vella do lugar de Mosteiro a utilizaran os agostiños de Caión ¿Quen sabe? Se cadra algunha daquelas pedras foran lanzadas, tal como di a lenda recollida por Puri Soto, “polos romanos dende o Monte da Angra en Barrañán.”
1 Vid. Guillermo Pardo (1982): “Romanización en Arteixo: El camino más antiguo que iba desde La Coruña a Bergantiños pasaba por Lendo”, La Voz de Galicia, 8 de xaneiro de 1982, páx 36.
2 Vid. María Rozamontes Vázquez (1999): Arteixo de onte a hoxe, Departamento de Normalización Lingüística, Concello de Arteixo, pp. 34-35.
3 Dora Vázquez Iglesias (1971), Bergantiñá (Novela galega), La Región, Ourense , pp. 112-113
4 Vid. Ramón Yzquierdo Perrín/ José Ramón Soraluce Blond/ Mª Dolores Barral Rivadulla/ Estefanía López Salas/ Belén García Lamas (2012): Arteixo patrimonio románico, Concello de Arteixo, Departamento Composición ETSA, Universidade da Coruña, Deputación Provincial da Coruña. Páx 49.
5 Ibídem.
6 Ibídem.
7 Ibídem, páx. 66.
Ningún comentario:
Publicar un comentario