martes, 29 de abril de 2025

A PANADERÍA DE PEDRO VÁZQUEZ DE LAÑAS

   Un ano máis a A.V.R.C.D. Fontesvellas de Lañas organiza a romaría na honra do Santo Amaro dos Novos que, neste 2025 celebra, aí é nada, a XX edición da popular Festa do Roscón. A data de celebración é ben doada de lembrar...

Poñede moita atención,

15 días despois da Pascua

é a Festa do Roscón.

   Por tal motivo, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para elaborar un dos nosos pratos favoritos, unha receita que ten como ingredientes principais a tradición, a historia, a festa e a gastronomía. E hoxe, como non podía ser doutro xeito, coincidindo con esta XX edición da Festa do Roscón, o prato principal da nosa bitácora é a Panadería de Pedro, negocio do que falamos deseguido.

   Pedro Vázquez García nace en Lañas en decembro 1912. Era o terceiro dos seis fillos do matrimonio que conformaban Manuel Vázquez e Manuela García, el natural de Lañas e ela da Laracha, concretamente da zona do Cuartel Vello da capital municipal. 

De esquerda á dereita: Pedro, Jesús, Elena, Clarisa e Julio, os cinco fillos maiores de Manuel Vázquez e Manuela García. O máis novo dos seis irmáns, Ramiro, aínda non nacera cando foi tomada esta foto (Cortesía da familia)

  A familia residía no piso superior da casa antiga que hai no cruce, ao carón da estrada que conduce a Armentón e a Barrañán. Na parte inferior do edificio había taberna, desas tendas das de antes nas que tanto podías comprar un paquete de azucre, de sal ou de fariña como botarlle unha copa de augardente das que abrían o peito. O establecemento, que era coñecido como a tenda de Xan García, tamén funcionaba como casa de comidas e mesmo se ten feito ocasionalmente alí algún que outro baile de pandeireta. 

Edificio no que estaba a tenda de Xan García. Na parte superior era onde residía a familia Vázquez García (Xabier Maceiras)

    Pedro e seus irmáns ían quedar orfos de pai de moi novos, motivo polo cal a prole tivo que abrirse camiño na vida moi pronto ao tempo que Manuela, a proxenitora, facía uns pesiños na tenda. É aí, nesa altura, cando o noso protagonista empeza a traballar na panadería de Castiñeiras, na Laracha, lugar onde ía aprender o oficio de panadeiro e no que coñece a Alicia López Rodríguez, Alicia 'do Coxo', a súa futura muller.

   Pedro e Alicia daríanse o “si quero” na Laracha en 1935, cando el tiña 23 anos e ela 19. Ao casar a parella vive durante un tempo neste municipio cos pais de Alicia (José e Pastora) no Cuartel, onde virían ao mundo Alfredo e Pedro, os fillos maiores do matrimonio.

Pedro e Alicia no seu casamento (Cortesía da familia)

  Soan os primeiros tambores da Guerra Civil. Pedro vai ao fronte e ao finalizar a guerra decide, coa súa muller, montar o seu propio negocio en Lañas, onde lle alugan unha casa cunha pequena leira ao 'Rajo', que andando no tempo sería sogro de Ramiro , o irmán máis novo de Pedro.

   Alí, no lugar de Preguín, o noso homenaxeado empezou a cocer nun forno moi pequeno, pouco máis grande que o que podía haber nunha casa particular. Os primeiros tempos do negocio foron moi difíciles xa que naquela dura época de racionamento Pedro non estaba autorizado como empresario e, ao non ter o oportuno permiso de abastos, as autoridades non lle servían fariña. Con todo, coa que lle ía comprando aos labregos da zona, foi quen de subsistir.

Á esquerda, lugar do Preguín no que Pedro Vázquez tivo o seu primeiro forno (Xabier Maceiras)

Imaxe actual do primeiro forno de Pedro Vázquez (Xabier Maceiras)

   Obtida a oportuna autorización como industrial, non faltaron momentos duros e de verdadeiro desespero para alimentar aos seus fillos naqueles duros anos da posguerra, momentos como algunha que outra ocasión na que os distribuidores autorizados da zona servíronlle unha partida de sacos de fariña en mal estado que chegaran días antes á Estación de Tren da Coruña. Falamos de fariña humedecida pola choiva que xa empezara a fermentar nos vagóns. A que non valía para ninguén enviáronlla a Pedro, feito que o desesperou acumulando, con razón, todo o cabreo do mundo.

    Malia as dificultades da época, o panadeiro de Lañas foise abrindo camiño naqueles tempos tan difíciles e non tardou en facer na Ermida, nun terreo que lle deu súa nai Manuela, a súa propia casa e o seu propio forno de pedra, que estaba no lugar que hoxe ocupa o bar “O Cruce” de Lañas.

    Na nova casa a familia ía aumentar con oito fillos máis: José, María, Moncho, Chucho, Lolo, Lola, Alicia e Tivo, aos que lles hai que sumar outros tres que morreron de moi cativos, dúas nenas e un neno.

   Con tantas bocas que alimentar había que bourear con afán, algo que a Pedro pouco lle preocupaba. Home moi traballador e gran negociante, á parte de cocer e de traballar na panadería tamén ía ao muíño, moitas veces ao da Cheda, en Bértoa, ía ao monte a buscar leña para o forno, cultivaba as terras, plantaba patacas ou mesmo facía algún que outro negocio gandeiro cando ía a Carballo, onde tanto compraba unha vaca coma un cabalo para gañar uns pesiños na operación.

Pedro Vázquez co carro de bois (Cortesía da familia)

    Na casa nova, no que hoxe é o bar “O Cruce”, á parte do forno, Pedro e Alicia tamén abriron unha tenda na que se vendía de todo, do mesmo xeito que se seguía facendo na tenda de en fronte, a coñecida como de Xan García, que herdaría Ramiro, irmán de Pedro, cando morreu a nai deles.

  Con relación ao novo forno, no indice das disposicións publicadas no Boletín Oficial da Provincia durante o mes de abril de 1944 aparece a seguinte información:

Día 10.- NUM. 81.
31 marzo.- Autorización para instalación de un horno de cocer pan en el lugar de Lañas, Ayuntamiento de Arteijo, solicitada por D. Pedro Vázquez García1.
Imaxe da nova casa da familia. Obsérvese "Panadería de P.V." na parte superior da imaxe na que vemos, de esquerda á dereita, a Tivo, Lola -que ten a súa sobriña Liciña no colo- e Alicia (Cortesía da familia)

   Naquel momento tamén empezaron a cocer nunha casa da parroquia de Armentón José Fernández e a súa muller Carmen Iglesias, situada a uns poucos metros de onde ían establecer ao pouco, no lugar da Ermida de Lañas, unha panadería que era coñecida como a "do Zapateiro" por ser Carme neta deste home.

   Así pois, con dúas panaderías establecidas na parroquia, Lañas era naquela altura verdadeira potencia forneira e panadeira do municipio e, iso si, os dous negocios trataban de non pisarse as zonas de distribución.

   Na de Pedro, en maior ou menor medida, cada un dos dez fillos foron medrando botando unha man desde cativos no negocio familiar. O repartimento era cousa dos fillos maiores que, a medida que ían abandonando o niño familiar, eran substituídos na tarefa polos irmáns que aínda residían na casa. O maior, Alfredo, montaría unha carnicería na rúa Adelaida Muro da Coruña. O seguinte, Pedro, tivo o seu propio forno no Alto de Arteixo, na casa da señora Rosa de Ferrín, un forno que viña de deixar Rozas para abrir o seu negocio na Groufa. Anos despois Pedro emigrou a Inglaterra… e así todos e todas, cada un e cada unha coa súa propia historia, foron abandonando o núcleo familiar e o traballo na panadería... todos excepto Moncho e Chucho.

Pedro voltando a Lañas despois do reparto (Cortesía da familia)

María repartindo pan pola zona (Cortesía da familia)

   Sobre o ano 1965 fixose un forno novo a poucos metros do vello e da tenda. Na nova tafona Pedro Vázquez ía traballar ata a súa xubilación xunto aos seus fillos Moncho e Chucho, que nestos tempos de modernización do negocio tamén foron cambiando os cabalos polos primeiros coches para facer o reparto por Arteixo, Freán, Morás, Canzobre, Uxeslugares nos que actualmente aínda hai xente que se acorda do primeiro Land Rover da panadería de Pedro Vázquez.

   A construción do forno novo daría pé a que a tenda fora, logo das oportunas reformas, máis espazosa, unha tenda na que Alicia servía unha cunca de viño ou unha copa de caña ao tempo que tamén botaba unha man no forno.

Alicia servindo na tenda (Cortesía da familia)

   Moncho e Chucho foron os que continuaron coa panadería e botaron xuntos como socios uns dez anos, ata que Chucho montou unha carnicería en Monelos, en fronte do Barrio das Flores.

Chucho e Moncho nunha festa (Cortesía da familia)

   Posteriormente Moncho quedou el só ao fronte da panadería, negocio no que tivo varios empregados e no que tamén traballou a súa muller Inés. A panadería pechou en maio de 2011, que foi cando se xubilou Moncho. 

Moncho na panadería (Cortesía das súas fillas)

    Pedro Vázquez, o fundador do negocio, finara uns anos antes, o 8 de xaneiro de 1997, pouco despois de cumprir os 84 anos de idade, e súa muller Alicia foise xusto un ano despois del, o 26 de xaneiro de 1998. Un cuarto de século despois, o espíritu de ámbolos dous aínda está moi presente en Lañas, abofé!

Alicia e Pedro nunha festa (Cortesía da familia)

    Para saber algún conto máis sobre este negocio, ou doutros contos da parroquia ou mesmo do gran Peñarol de Lañas, aí vai unha recomendación: ide tomar unha caña ou un café ao bar “O Cruce”. Alí está agardando por vós Tivo, o fillo máis novo de Pedro e Alicia, para iniciar a viaxe no tempo coas ducias de fotografías antigas que ten expostas no local e coas historias que garda na súa memoria.

Vistas do bar "O Cruce" e. á dereita, da panadería dos de Pedro (Xabier Maceiras)

   Poñémoslle a póla a esta crónica coa programación da romaría na honra do Santo Amaro dos Novos deste 2025.

   Felices Festas!

__________________

1 Vid. Boletín Oficial Provincia da Coruña, 29 de abril de 1944, páx. 4.

Ningún comentario:

Publicar un comentario