martes, 26 de agosto de 2025

AS FESTAS DO SAN ROQUE DE LARÍN DOS ANOS 50-60

    Con motivo das Festas do San Roque que a veciñanza de Larín celebra dende o 29 ata o 31 de agosto, ofrecendo tres días de celebración con verbenas e sesións vermú para todos os públicos, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para elaborar un dos nosos pratos favoritos, unha receita cociñada cos ingredientes que máis gustan nesta bitácora: festa, tradición e historia.

  Para buscar o ingrediente principal da receita desta semana, viaxamos na máquina do tempo ata os anos 50-60 da man de Melchor Freire Becerra, Ramiro Varela Baldomir e José Antonio López Canedo ‘Cantudo’, tres verdadeiras institucións de Larín que nos permitiron pasear pola súa memoria nunha xuntanza mantida con eles hai unhas semanas na Taberna Freire que rexenta Teresa, nora de Melchor.

   Con Melchor, Ramiro e Cantudo falamos do divino e do humano de Larín e, cos seus coñecementos e recordos, nutriron abondosamente esta modesta bitácora na que prometemos publicar no futuro as historias que nos contaron sobre as festas de inverno, o salón de baile do Anide, o serradoiro de Jacinto, a taberna do tío Eliseo e da súa muller Francisca, da Fonte de San Roque, contos diversos de cando as cantantes Finita Gay ‘a Martela’ e Lolita Santos actuaron no Coque, do garaxe dos Camallóns e un longo etcétera que, como dicimos, comentaremos máis pronto que tarde nestas Crónicas de Arteixo.

   Deseguido, como o San Roque xa está aí á volta da esquina, imos lembrar algúns detalles de como se celebraban en Larín estas festas nos tempos no que estos tres veciños eran mozos. Melchor, nacido en 1933, recorda que “as festas de San Roque facíanse da carretera para arriba e as do Sacramento e as do inverno da carretera para abaixo. Polas festas os músicos repartíanse polas casas da parroquia, un para esta casa, outro para aquela. Algunhas orquestas viñan no trole e había que ir á carretera co carro dos bois ou cos tractores a buscar os instrumentos dos músicos e logo levalos para o campo da festa”.

Desprazamento dunha orquestra en carro de bois nos anos 50 (Facebook Orquestas 1900)

  Viaxar da Coruña a Carballo en coches de dous pisos parece hoxe unha fantasía de neno. Mais naquela hora non o era, abofé que non. Moito nos presta o que conta Xosé Antonio Andrade no seu libro Os cómaros da vida, unha crónica de carácter persoal onde o autor sacha nas leiras da memoria deixando xoias como esta: “Lembro perfectamente aqueles troles, mercados de segunda man, que mudaron o vermello londinense polo gris metálico da ditadura franquista. O que pode dar de si ese feito, ese fito industrial de raíz bergantiñá1 ”.

  Tamén resulta esclarecedor (e asombroso) o que nos di Xurxo Souto no seu libro Contos da Coruña sobre o xeito de viaxar dos músicos daquel tempo: "Antonio Mallo sempre foi un home con iniciativa. A principios dos corenta cansou de cargar cos instrumentos por estacións e apeadeiros e decidiu motorizarse. “Iamos a Caión no Pombo, o coche de liña. Nós aínda viaxabamos cómodos. O peor era o batería. Tiña que ir arriba cos tambores. Se chovían dúas pingueiras chegaba molladiño coma un pito2 ”.

Os irmáns Mallo -Daniel, Antonio e Juan- nos anos 60 (Foto que aparece no libro Orquestras populares das Mariñas)

  Precisamente, sobre Antonio Mallo e seus irmáns Daniel e Juan, Melchor Freire Becerra díxonos que “polo San Roque acordo de ver actuar aos Mallo, que eran tres irmáns de Feáns que tocaban moi ben o acordeón. Tamén acordo de ver a orquesta do Espallante, e un ano viñera actuar ‘A Maricaina’ de Erboedo. Esta artista tocaba o saxofón e facíao moi ben. Por aqueles tempos andaba nunha orquesta, e cando veu a Larín polo San Roque o baile fixérase diante da casa de Vilas, nun campiño que había alí”.

Carmen Mallo 'A Maricaina' paseando pola Coruña con súa nai Aurora (Cortesía de María Dolores Mallo)

   Pola súa banda Ramiro Varela Baldomir, nacido en 1945, comentaba con certa retranca que “en Larín o da festa era como unha relixión. Na nosa casa viñan cada ano unhas trinta persoas e nós tiñamos que pasar as noites na bodegha do hórreo para que os festixeiros durmiran nas camas nos días da festa”.

   Do mesmo xeito que nos contara Melchor, Ramiro tamén recordaba que naquela época había que ir buscar aos músicos no carro e mesmo darlles prato e cama. Na miña infancia e xuventude os músicos repartíanse polas casas da parroquia. Na nosa, polo San Roque sempre xantaba un músico ou dous da orquesta e ás veces tamén durmían. Unha das orquestas que viña moito a Larín era a Perillo, que aínda tocaba nela “O Vencedor”, un acordeonista de Barrañán, que era parente meu por parte da miña muller. Cando tocaba aquí esa orquesta, “O Vencedor” comía na nosa casa cando eran as festas de San Roque. Miñas tías eran mozas e el era do tempo delas". 

Arriba, no centro, vemos a "Espallante" o xefe da orquestra "Cruz Perillo". Abaixo, á dereita,  José "O Vencedor" co seu acordeón (Cortesía da familia de José "O Vencedor")

   Con referencia ao transporte, Ramiro recordaba con humor a seguinte anécdota: "Eu incluso teño ido a buscar ás orquestas no carro dos bois á carretera xeral. Acórdome que nunha ocasión viñeran tocar polo San Roque “Os Patolos”, que era unha orquesta moi boa para aqueles tempos. Eu era un rapaciño, tería 14 ou 15 anos. Ao igual que se facía coa maioría das orquestas que viñan a Larín polas festas, houbo que ir co carro a buscalos. O conto é que de camiño ao campo da festa o carro emborcou no medio da lameira e os músicos perderon os trastes e o bombo (risas)".

Orquestra Patolos, ano 1951 (Facebook Orquestas 1900)

  Ramiro tamén nos falou da súas dotes artísticas e, con certo rubor e algunha risada polo medio da conversa, confesounos que “Venerando o da Xesta e eu dabamoslle bastante ben ao cantar. Un ano polo San Roque subíronme ao lombo para que cantara no palco. Eu era moi vergonzoso e non quería cantar. Venerando si, que el era máis atrevido. E arredemo que tiña que cantar (risas). Ao final subíronme ao palco e cantei”.

  Deixamos para ao final ao máis novo dos tres, a ‘Cantudo’, que foi a persoa que argallou esta marabillosa xuntanza na Taberna Freire. Nacido en 1955, recorda que polas festas de inverno había varios veciños que se xuntaban e contrataban os músicos para facer baile en diferentes lugares da parroquia, “pero polo San Roque non, polo San Roque sempre había comisión de festas”. Cantudo tamén nos falou de algunha que outra atracción que, á parte da orquesta de turno, tamén daban certo colorido ás festas do San Roque da súa infancia. “Cando era neno acordo que nalgunha ocasión houbera dous tiros en Larín. “Un deles era o Manco de Sorrizo e do outro xa non me acordo do seu nome. Creo que o paisano era de Loureda e sei que tiña unha filla que se casou cun mozo de Lañas. O Manco de Sorrizo viña sempre. Ese nunca fallaba”.

  Como dixemos ao principio desta crónica, Cantudo, Ramiro e Melchor contáronos outro feixe de historias das que prometemos dar boa conta nestas Crónicas de Arteixo no futuro. Xa vos adiantamos que polo Santo Estevo escribiremos sobre o antigo salón de baile do Anide (se tedes algunha foto deste local contactade con nós por favor).

  O recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva grazas á xente que cada ano organiza as festas na honra do San Roque. O programa das festas deste 2025 pódelo ver aquí: 

  Boas festas, Larín!

__________________

1 Xosé Antonio Andrade (2024): Os cómaros da vida. Diarios 2020-2022, Espiral Maior. Colección Baldaio, Carballo páx. 139.

2 Xurxo Souto (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 108.

Ningún comentario:

Publicar un comentario