Os pasos iniciais para a posta en funcionamento do Polígono Industrial de Sabón déronse durante o verán de 1964, data na que se levaron a cabo as primeiras relacións e tomas de contacto entre o Ministro-Comisario do chamado “Plan de Desarrollo”, señor López Rodó, e os rectores da Deputación Provincial da Coruña.
Froito daquelas xuntanzas, que tiñan como obxectivo examinar as posibilidades existentes en torno á creación dun recinto ou polígono industrial dentro do espazo delimitado como “Polo de Desarrollo de La Coruña”, xurdiría o acordo da corporación provincial, adoptado en sesión extraordinaria o día 1 de setembro de 1964, por virtude do cal a Deputación coruñesa ofrecía ao Goberno do Estado español a promoción, ordenación e execución do Polígono que estaba previsto situar nas parroquias de San Tirso de Oseiro e na de Santiago de Arteixo.
Leira e Monte da Agra da Fonte. Ao fondo da imaxe vense algunhas casas da desaparecida aldea da Pedreira, que corresponde á situación actual do eólico de Inditex (Cortesía de Eduardo Figueroa) |
Esta proposta tería inmediata aceptación, ao quedar reflectida no acordo adoptado pola “Comisión Delegada del Gobierno para Asuntos Económicos”, o día 9 de setembro de 1964, na cal se encomendaba ao ente provincial á realización do indicado Polígono, dispondo a concesión de axudas a fondo perdido equivalentes a 75% dos custos estimados para a rede viaria interior, o fornecemento de auga e a rede de sumidoiros.
A partir de aí, o esforzo da Deputación aplicaríase nun dobre sentido: por unha parte, a conformación do expediente de delimitación, ordenación e planificación do territorio afectado e, por outra parte, a xestión dun préstamo económico que permitira dispor dun capital de manobra para facer fronte aos primeiros gastos de adquisición do solo e da execución das infraestruturas viarias e sanitarias, un aspecto financieiro que quedaría resolto, en principio, grazas a unha axuda de setenta millóns das antigas pesetas outorgado polo Banco de Crédito Local de España.
O expediente administrativo culmina no Decreto promulgado polo goberno de Franco o día 14 de agosto de 1965, que autorizaba á Deputación Provincial a adquirir o solo mediante procedemento expropiatorio de urxencia e polo sistema de prezos máximos e mínimos, ben como a ordenar, executar e asumir a xestión total do Polígono.
![]() |
Portada de La Voz de Galicia do día 13 de agosto de 1965 |
Con estes antecedentes, a Deputación acometería despois a formación do “Plan de Ordenación” e dos proxectos técnicos que o desenvolven, traballos que serían aprobados en sesións de 25 de agosto e 23 de outubro de 19651 e que contarían coa autorización definitiva da Comisión Provincial de Arquitectura e Urbanismo, asinada o día 30 de outubro do mesmo ano. Este permiso cerraba o que se pode denominar “ciclo de preparación” ou anteproxecto da nova zona industrial de Arteixo e daría paso á súa posterior execución. O Polígono tiña luz verde, de forma que algúns lugares de Rañobre, O Rexedoiro, Oseiro, Seixedo, A Pedreira, Sabón, O Rañal, A Groufa, Figueiroa, O Potro, Caldas, O Cruce ou da vila de Arteixo mudarían para sempre a súa fisionomía, sitios que nalgúns casos non tardarían moito en formar parte do pasado.
A execución do novo asentamento industrial iníciase o día 25 xaneiro de 1966 mediante as operacións expropiatorias de adquisición do solo, levantando no terreo as primeiras actas previas de ocupación que, nese día, foron levadas a cabo nos lugares do Asperón, A Ramalleira, As Telleiras, Os Quintáns, Ponte de Oseiro, As Viñas e Seixedo. As tarefas de execución afectarían o todo o recinto delimitado como futuro Polígono, ou sexa, unha superficie total de 3.287.910 metros cadrados, onde había uns 1.600 terreos rústicos e unhas 70 construcións de tipo rural e semiurbano.
É de supor as dificultades técnico-xurídicas dunha expropiación desta magnitude. Nos terreos dábanse todas as gamas da explotación, desde o cultivo directo e persoal ata o colonato de alugueiro, a parcería agrícola, o foro ou o simple usufruto. A compilación de datos non sería doada, pois non era suficiente con os obter no Catastro Oficial de Rústica nin no Rexistro da Propiedade2, polo que se fixo necesaria a investigación persoal sobre o territorio realizando enquisas directas. As dificultades eran aínda maiores tendo en conta a avanzada idade da maior parte das persoas afectadas e o alto índice de analfabetismo existente na altura, ben como as deficiencias de documentación, en moitos casos baseada en documentos privados ou en meros acordos sen outro valor que o moral. Segundo consta nun informe da Deputación Provincial da Coruña, elaborado en marzo de 1973, o equipo que intervira na expropiación tivera que despregar… “una hábil actuación de relaciones públicas, con el valioso apoyo de las autoridades locales, para vencer las primeras y lógicas resistencias (nunca violentas ni tumultuarias, desde luego), y ganarse, al menos, la comprensión de los afectados. Del tacto con que se llevó el trabajo son buena prueba las circunstancias de que nunca hubiera tenido que intervenir la fuerza pública y de que solamente se hayan formulado cuatro recursos contencioso-administrativos para impugnar valoraciones sin que ninguno de estos hubiese sido estimado por el Tribunal. La expropiación salió, pues, muy bien. Y no solamente en cuanto a las fincas rústicas, sino también en lo referente a las construcciones, a pesar de que en todas ellas existían hogares familiares y en algunas, negocios y almacenes de cierta categoría”.
Serían necesarios sete anos para rematar estes traballos de expropiación. Os gastos, especificados por conceptos, foron os seguintes:
-Definición previa do Polígono e levantamento do plano parcelario...........................................................…............248.250 pesetas
-Anuncios oficiais e notificacións individuais..........................................................................424.446 pesetas
-Honorarios do equipo pericial agrícola que participou na expropiación...................................................…………..2.742.700 pesetas
-Escrituras notariais de agrupación de terreos e inscrición no Rexistro da Propiedade.................................................................….1.000.000 pesetas
-Importe de xustiprezos de propiedade, indemnizacións de colleitas, extinción de colonatos, alugueiros de local de negocio e de vivenda e cesamento de industrias.........………………….…......................…….126.964.211 pesetas
_______________
TOTAL: 131.379.607 pesetas
Naturalmente, non se esperaría a rematar as expropiacións para acometer a urbanización. Á medida que se ían ocupando terreos, a Deputación contrataba desgloses de obras de rede viaria que permitisen ir dotando de accesos as futuras parcelas industriais con vistas a unha rápida dispoñibilidade en beneficio das empresas que xa se querían instalar no Polígono. No que a rede viaria se refire, as tarefas de construción das estradas interiores do recinto industrial iniciaríanse en 1967 e rematarían en 1973, unha rede que inicialmente comprendía unha lonxitude aproximada de doce quilómetros, cunha lonxitude total de dezasete metros entre aristas exteriores de gabias. Nesa rede realizaríanse as seguintes inversións:
-Honorarios por redacción dos proxectos técnicos dos diferentes desgloses de obras..................................……….............................…….524.029 pesetas
-Execución de obra, a través de seis desgloses parciais.................................................................…….54.575.567 pesetas
________________
TOTAL: 55.099.596 pesetas
Outro capítulo importante da urbanización do Polígono correspondía á enxeñería sanitaria, desglosada, á súa vez, en dous conceptos: o sistema de abastecemento de auga e o sistema de recollida de augas residuais. O provisionamento de auga comprendía inicialmente os seguintes elementos:
-O encoro do Rexedoiro, formado polas augas do río Seixedo, ao cal estaba previsto que se trasvasasen as augas do paralelo río Bolaños e, deste xeito, sumando os caudais de ambas correntes, resultaba un total de 400 l/s., que se estimaban máis que suficientes para as futuras necesidades do Polígono. O encoro, cunha superficie de 561.960 metros cadrados e cunha capacidade de 1.872.660 metros cúbicos, garantía, por tanto, a almacenaxe de auga ata en períodos de dilatada estiaxe.
-A caseta de bombeo, existente nunha das marxes do encoro, que tiña a función de bombear a auga do Rexedoiro ata ao depósito elevado regulador.
-O depósito regulador, situado no Monte de San Tirso3, que tería unha capacidade de 20.000 metros cúbicos e desde cuxa instalación a auga se espallaría, por gravidade, cara ás conducións principais e tubarías secundarias.
-As conducións e tubarías, que seguirían a liña da rede viaria, de tal forma que a acometida ao interior de cada parcela industrial fose sinxela e económica.
Imaxe de 1973 do depósito regulador situado no Monte de San Tirso (Antonio Pombo)
Proxecto inicial do abastecemento de auga no Polígono de Sabón (Deputación da Coruña)
O outro concepto, o da recollida de augas residuais, implicaba unha rede de colectores principais e emisarios secundarios, que igualmente seguirían, pola outra marxe, as liñas das estradas, levando as augas fecais ata as rochas do mar aberto das praias de Alba e Sabón. As obras do complexo sanitario iniciaríanse no ano 1968 e rematarían en 1973. Os investimentos nesta sección responderían ás seguintes cifras:
-Estudo xeolóxico dos terreos de apoio do encoro………………………………………………............….70.180 pesetas
-Honorarios de redacción dos diversos proxectos……………....................……..…………………...527.269 pesetas
-Execución de obra en todos os seus aspectos..........………...................……………………...44.347.458 pesetas
________________
TOTAL: 45.347.458 pesetas
A presenza da Central Térmica de Fenosa dentro do Polígono garantiría, desde a súa posta en funcionamento4 e para o futuro, a alimentación de enerxía eléctrica. De igual modo, a instalación da central da Compañía Telefónica, tamén en terreos do Polígono5, aseguraría a dotación de tan importante servizo.
Alén disto, a Deputación Provincial tamén financiaría a rede de distribución de enerxía eléctrica mediante transformadores e tendidos aéreos, así como o alumeado público dos viais das marxes do encoro. O ente provincial tamén se comprometía a preparar as zonas verdes do recinto industrial e á construción dun edificio que podería albergar a oficina xestora, un posto de socorro de urxencia e un servizo de contraincendios, compromisos que, nalgúns casos, nunca se chegarían a realizar. Con todo, os investimentos nesta sección foron os seguintes:
-Honorarios de redacción de proxectos técnicos.........…………....……………………………….........10.686 pesetas
-Execución de enerxía eléctrica e alumeado.............…………..…....................………......14.986.289 pesetas
-Execución de zonas verdes, construción de edificio e outras obras............................................................…………….5.000.000 pesetas
_______________
TOTAL: 19.996.975 pesetas
ESTRUTURACIÓN DO POLÍGONO
A distribución inicial do Polígono Industrial fora a seguinte:
-En parcelas industriais...................................................................2.403.580 m²
De 1ª categoría: 1.172.900 m²
De 2ª categoría: 1.044.360 m²
De 3ª categoría: 186.320 m²
-En rede viaria interior, pola cal ían as conducións e tubarías de auga e a recollidas das augas fecais....................……………………….......…203.086 m²
-No encoro do Rexedoiro..............................................................561.960 m²
-En parcelas non utilizables e zonas verdes.................................119.284 m²
_________________
SUPERFICIE TOTAL: 3.287.910 m²
Polo anterior esquema sabemos que da totalidade da superficie do Polígono eran úteis para industrias 2.403.580 metros cadrados, superficie que, en definitiva, era a de destino industrial tipificada en parcelas de diferentes dimensións, características e categorías. A distribución en tres tipos respondía ao criterio de distinguir, aos efectos de prezo de alleamento, a maior ou menor benevolencia dos espazos ofertados. De primeira categoría eran as parcelas óptimas, por ter unha localización máis “publicitaria”, porque a súa adaptación exixía un menor gasto en movemento de terra e cimentacións ou porque as acometidas aos servizos eran máis doadas e económicas. De segunda categoría eran aquelas parcelas que contaban con menores avantaxes. E de terceira eran as do seguinte grao nesta escala de valores.
Por acordo corporativo de 12 de novembro de 1966, as parcelas de primeira categoría venderíanse ao prezo de 150 pesetas/m2; as de segunda, a 125 pesetas/m2; e as de terceira, a 100 pesetas/m2, prezos suficientes para cubrir o custo de adquisición e urbanización do solo e demais gastos xerais da empresa, mais non entrañaban lucro, xa que pretendían, a fin de contas, promocionar ao máximo unha zona industrial para se xerar riqueza, para xurdir postos de traballo, para dinamizar o capital galego e para se obter esa dobre rendibilidade económica e social que constituía a fundamentación da idea do desenvolvemento. É máis, para que o gasto de adquisición de parcelas non influíse excesivamente no planexamento dunha industria, admitíase a posibilidade de que os empresarios dilatasen o pago da metade dese prezo en dez anualidades, que producían tan só o interese anual de 6,5%, inferior, naquela época, ao das operacións a prazo xestionadas en institucións bancarias. O obxectivo destas vantaxes era o de contribuír ao éxito do Polígono, éxito que, superada a crise económica do ano 1970, comezaría a se apreciar notablemente co alto ritmo de solicitudes e consecuente adxudicación de parcelas, pois producíanse todos os meses tres ou catro peticións, para alén das xestións informais e visitas de información.
Unha vez que os empresarios cumprían todos os requisitos previos, as ordes presidenciais sobre a venda de terreos e as adxudicacións definitivas de parcelas pasaban polo Pleno Corporativo. A tramitación era sinxela: era suficiente cunha instancia en que se explicaba a actividade da industria, a súa produción estimada, as súas posibles ampliacións e os postos de traballo con que se ía contar, indicando tamén a parcela concreta que interesaba. Se a petición era informada favorablemente pola “Comisión de Planes Provinciales”, a presidencia ditaba unha resolución dispondo que a parcela en cuestión fose adxudicada. Dábase conta da operación ao “Ministerio de la Gobernación”, publicábanse os anuncios oficiais en boletíns, prensa e radio e abríase o prazo dentro do cal a empresa interesada debía presentar a documentación formal. Superado o trámite, outorgábase a adxudicación provisoria e requiríase o adxudicatario para que ingresase a totalidade ou a metade do prezo, segundo a fórmula pola que optase. Cumprido este procedemento, verificábase a adxudicación definitiva e formalizábase a venda mediante escritura notarial para a súa posterior constancia no Rexistro da Propiedade.
Así pois, superada a crise económica de 1970, o Polígono de Sabón comezaba a se converter nunha realidade, cumprindo o obxectivo inicial do “Polo de Desarrollo” e contribuíndo para o nacemento dunha consciencia empresarial que, no momento da designación en 1964 da Coruña como un dos polos industriais, non había. Mais naqueles primeiros anos setenta, Sabón era un proxecto con horizonte cara á década de 1980, pois era cando se calculaba que todas as parcelas industriais estivesen cubertas e en funcionamento. Nos primeiros meses de 1973, estaba vendida ou comprometida en firme unha superficie superior a 50% da útil, porcentaxe realmente elevada se temos en conta que a urbanización aínda non estaba rematada. Naquela hora, o Polígono presentaba unha imaxe salpicada aquí e alá por plantas industriais en funcionamento, en construción ou en movemento de terras.
As empresas que xa funcionaban naquel ano de 1973 era a Central Térmica de Fenosa, a factoría de Silicio de Sabón S.A. (silicio alumínico), a de Gomas Marina S.A. (derivados das algas), a de Derivados de la Vid S.A. (vinagres), a de Oxigalicia S.A (metalurxia), a de Blasco S.A. (tapizarías de mobles), a de Antonio Pardo Reboredo e Joaquín Pinto Camino (fábrica de mobles de madeira), a de Nicolás Gil Blanco (frigorífico), a de Alimentos de Galicia S.A. (conservación de alimentos) e o Colexio Nacional de E.X.B. Carrero Blanco (con obra rematada mais sen ser inaugurado). En terminación de obra estaban Rioblanco S.A. (fabricación de augas tónicas Schweppes) e Carbónica Coruñesa S.A. (augas gaseadas), Intelsa (produción de cadros de centrais telefónicas, con 1000 postos de traballo), a de Anjoca S.L. (fabricación de prefabricados de madeira) e a de José Gonzalez Gómez (metalurxia). En execución de obra estaban Fernando Rey Sousa (auto-escola), José Somoza Ares (materiais de construción), Industrias Rolen S.L. (fariñas de pescado), Tecnograsa (graxas animais) e Minas de Lanzós S.A. (separadora de minerais).
Vista aérea da factoría da Schweppes recén inaugurada. Na parte superior da imaxe vense as aldeas do Rañal e as últimas casas da desaparecida aldea da Pedreira |
Outras adxudicacións outorgadas naqueles primeiros meses de 1973 ou en trámite foran, entre outras, a de Bandas en Frío S.A. (laminados), Proasa e Piensos del Sil (ambas de pensos compostos), Cocorase (razas selectas), Leyma (leite, natas, queixos e derivados), Manuel Pereira Landeira, Luis Rey García, Juan Pan López e Raúl Mosquera Pérez (ramo do metal, todas elas), Javier Perillán Sarandeses (fabricación de mobles metálicos), Carlos Fernández Taboada (fabricación de mosaicos e terrazos), Máximo Jorge Sanz Valdés (aparellos publicitarios), Trolebuses Coruña-Carballo S.A. (transportes colectivos), José Morgade (industria hostaleira El Gallo de Oro), Xefatura Provincial de Tráfico (pista e aulas de exames), varias autoescolas, Delegación Provincial de Industria (verificación de vehículos) ou a de José Yepes Vargas (conservación de alimentos).
Amancio Ortega aínda non aterrara en Sabón. Faríao en 19766, que foi cando instalou en Arteixo GOA e Samlor, as primeiras fábricas de ZARA no polígono. Co pasar do tempo, o seu grupo INDITEX chegaría a ocupar 1.000.000 de metros cadrados dos 2.403.580 úteis con que conta a zona industrial e acabou por se converter, alén disto, nunha das primeiras marcas mundiais, no motor económico e no máximo exponente de Sabón.
Para saber un chisco máis como foron aquelas expropiacións para a construción do Polígono de Sabón, no documental "12 Leiras", da autoría de Xosé Antón Bocixa e dun servidor, varias persoas afectadas de Arteixo contan o que supuxo para elas e as súas familias a chegada da industria naqueles anos 60. Podes ver o documental aquí:
______________
1 Aprobacións inicial e provisoria, respectivamente.
2 Moi poucos terreos figuraban inscritos.
3 A cota máis alta do Polígono .
4 1972 .
5 A carón do restaurante El Gallo de Oro.
6 Ao ano seguinte de abrir a súa primeira tenda na Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario