mércores, 11 de febreiro de 2026

RICARDO RODRÍGUEZ, 'O MOUCHEIRO' DE MEICENDE

   Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Antroido.

  Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E en Arteixo? Nestas Crónicas de Arteixo xa contamos ao longo dos últimos anos algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado no noso termo municipal cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro. 

  Despois dun ano de paréntese, retomamos esta viaxe carnavalesca en Meicende, onde houbo e hai grande, grandísima, tradición antroideira. Unha paixón que na actualidade manteñen viva as comparsas Os Subterráneos, que así como o que non quere a cousa xa leva 30 anos de vida, e Os Chinchetas, que se formou hai dous ou tres anos na trastenda da papelería de Mariví e que, dende aquela, arrasan nos concursos de comparsas da bisbarra.

  As persoas que seguides este espazo, xa sabedes que nós somos máis de escribir dos tempos de antano que os de hogano, máis que nada pola urxencia de recoller as informacións que as nosas persoas maiores aínda conservan na súa memoria. Pois ben, estos días, ao fío de darlle protagonismo ao Meicende antroidero do pasado, estivemos charlando no local social da sociedade La Esperanza con Jesús Varela Añón (Meicende, 1936), que este sábado 14 de febreiro cumpre 90 anos, e con Sergio Naya Folgueira (Meicende, 1949). Durante uns minutos tamén se uniu á conversa, telefonicamente, outros dos “clásicos” da localidade, Lino González Rodríguez (Meicende, 1945).

  Na infancia e xuventude das nosas tres fontes orais, Meicende era sinónimo de troula, de festa, de esmorga, de foliada e, por suposto, de Antroido, de Antroido con maiúsculas grazas a comparsas como “Os do Couto” ou “Os Rescastados”.

  Hoxe imos falar da primeira delas, “Os do Couto”, que era a comparsa de Ricardo Rodríguez Alvedro, máis coñecido polo alcume de 'O Moucheiro', que foi, sen dúbida algunha, un dos grandes poetas antroideiros de toda a bisbarra.


  'O Moucheiro' era natural de Meicende, do lugar do Torroal. O fútbol e o Antroido eran as súas grandes paixóns. De feito, na acta constitucional da “Sociedad Recreativa y Instructiva de Meicende titulada La Esperanza” (19 de maio de 1924) aparece como secretario un tal Ricardo Rodríguez, se cadra o mesmo Ricardo Rodríguez que presidiu a devandita sociedade entre o 1 de marzo de 1935 e o 7 de febreiro de 1936 ¿Sería 'O Moucheiro'?

  O poeta do Antroido de Meicende casara cunha muller do barrio herculino de Vioño. Cando se deron o “si quero” viviron durante certo tempo en Meicende e posteriormente establecerían o seu domicilio en Vioño. É por iso polo que hai quen se refire a el como 'O Moucheiro de Meicende' ou 'O Moucheiro de Vioño'. Neste barrio da Coruña tamén sería directivo do Vioño F.C., un equipo que nacera en 1918 baixo o nome Rácing Vioño, denominación que, coa chegada do franquismo, tivo que cambiar de nome en 1941 polo de Vioño F.C. Posteriormente, ‘O Moucheiro’ tamén sería directivo do Maravillas S.D., club herculino fundado en 1951.

  Segundo nós contou Lino González, o noso protagonista traballaba na Compañía de Tranvías. “Choiaba na compañía como peón arranxando as carreteras, que aínda estivera moito por diante de Tagasa, a fábrica textil que había onde agora está a refinería. Alí era onde daba a volta o bus da Coruña”.

Panorámica de Tagasa (Cortesía de Xurxo González Sierra Mosquera)

  Jesús Varela deixounos claro que 'O Moucheiro' "foi o alma mater dos compositores de Meicende. Aquí pasaríase fame como en todos os sitios, pero alegría había moita. Recordo unha copla que lle compuxo a unha veciña de aquí e que dicía así:

Concha a de Rita mailo mozo

puxéronse a facer un pozo.

En vez de auga saiu barro

e xa foi todo para o carallo”.

 'O Moucheiro' era o letrista maior do municipio. Estaba ao tanto de calquera noticia e despois compoñia as letras das coplas que logo vendía en Meicende, Pastoriza, Suevos…

 -Aquí, como che pasara calquera cousa no pobo, automaticamente xa saías nas coplas da comparsa. Como houbera unha discusión, unha pelexa ou un “algo”, pois nada, tiñas todas as papeletas para formar parte das coplas-, recordaba Sergio Naya.

  Os do Couto”, a comparsa do Moucheiro, xa existía nos anos 40. Traballaban durante todo anos preparando o traxe e aprendendo as letras que compoñía Ricardo. Chegado o Antroido ían a concursos á Coruña, especialmente a Monelos, ao salón Saratoga, que sempre se enchía de xente polo Carnaval e nas festas do barrio. E, por suposto, tamén desfilaban por Meicende, que iso era unha costume sagrada. Sergio Naya contounos unha anécdota sobre aqueles desfiles. “Maruja, a nai de Orlando, era moi amiga de miña nai e saía sempre coas comparsas. O día que nacín eu, a comparsa andaba por aquí de ronda xusto cando miña nai empezou co parto. Maruja entraba na casa e…

-Que? Aínda nada?

Despois, sempre llo reprochaba (risas)

-Ti si, moito cariño e moito tal. Ti de tranghallada e eu aquí parindo!

Imaxe dos anos 40 da comparsa "Os do Couto" (Cortesía de Sergio Naya Folgueira)

  Unha das industrias que había no Meicende de aquel tempo era a chamada fábrica de Ghapito, coñecida coloquialmente como “A Cheirenta”. En 1962 Antonio Meijide Pardo, Catedrático de Xeografía e Historia do instituto Eusebio da Guarda publicou o seu “Estudio geoeconómico del Complejo Industrial de La Grela” no que, precisamente, tamén lle adica uns parágrafos a esta industria (páx.42):

A poco más de tres kilómetros y medio sobre la nueva carretera a Carballo, se halla emplazada una fábrica de harina de pescado propiedad de la razón social “Agapito Morales”. La factoría fue establecida primeramente en La Grela (1944) para trasladarse en 1949 al lugar de Meicende, de la parroquia de Pastoriza. Ocupa dicho establecimiento una superficie de unos tres mil metros cuadrados. Allí se emplean un efectivo laboral que oscila desde doce personas en época de invierno, hasta llegar a la veintena durante el verano.

Partiendo del aprovechamiento de los desperdicios del pescado y mariscos no comerciales, esta fábrica se dedica a elaborar harinas de pescado y otros subproductos derivados. Se provee de pescado en casi todos los puertos de Galicia; en cambio la aportación marisquera procede exclusivamente del ámbito provincial. La producción es librada al consumo nacional, preferentemente con destino a las regiones del interior, Cataluña, etc.

  Como non podía ser doutro xeito, as instalacións de Agapito Morales tamén terían o seu protagonismo nas letras de Ricardo ‘O Moucheiro’. Recordando aquel cheiro nauseabundo, Sergio Naya contounos que “á fábrica que agora é a Cheirona de Suevos antigamente estaba aí arriba, onde está a canteira dos Arias. Alí paraba o trolebús de Carballo. Ás veces cheiraba tanto que… mi madriña! De tanto que cheiraba, a xente protestaba seguido e cambiárona para máis abaixo, onde está Aluminios. E claro, xa te podes imaxinar, ‘O Moucheiro’ tamén expresou o seu malestar nunha sátira que dicía así:

Vamos a falar dos pueblos

por exemplo o de Meicende,

de unha fábrica cheirenta

que nos puxeron en frente.

De inverno… de inverno, vai pasando,

e de vran… e de vran, non se aguanta.

As casas énchense de mosquitos

e os troles cambian de parada”.

Imaxe dos anos 40 da comparsa "Os do Couto" na que vemos a Ricardo 'O Moucheiro' co bombo (Cortesía de Sergio Naya Folgueira)

  Ricardo Rodríguez Alvedro, ‘Ricardo O Moucheiro’, ‘O Moucheiro de Meicende’’, ‘O Moucheiro de Vioño’, ou simplemente ‘O Moucheiro’, faleceu o 6 de decembro de 1967.

  Outra das grandes animadores do Antroido do Meicende de antano foi Antonio Regueira 'Chandeira', poeta antroideiro fundador da comparsa “Os Rescastados”. Falaremos dela a vindeira semana.

  Poñémoslle a póla a esta crónica coa programación do Entroido de Arteixo deste ano:



Ningún comentario:

Publicar un comentario