sábado, 6 de xuño de 2015

A SALA DE FESTAS EVA

     A mediados dos anos sesenta Arteixo apresenta unha "movida decadente". Os vellos e numerosos salóns de baile quédanse anticuados para as novas xeracións, e a fin de semana non ten outro atractivo que as películas de vaqueiros no cine Real. Son os tempos nos que comenza a funcionar o polígono de Sabón, e isto motiva que moita xente do campo se traslade á capital, sobre todo mozos que veñen a traballar de obreiros, e mozas para os talleres textiles.

     As circunstancias sociais piden a berros unha iniciativa como a que tivo o señor Manuel Díaz, coñecido como Manolo de Eva. No ano 1968 inaugura a sala de festas Eva, e con ela, Arteixo convértese na referencia da fin de semana para a xuventude dos arredores durante máis de dez anos.

     Unha das primeiras atraccións desta nova sala fora, no ano 1970, a actuación de Camilo Sexto. O éxito fora rotundo, e as cen mil pesetas do caché ben as mereciu...naqueles tempos a voz deste artista era toda unha garantía (e tamén os seus axustadísimos pantalóns...). Esta atracción daríalle certo pulo á sala de festas, e así foi como despois virían os Diablos, Fórmula V, Pekenikes, Juan Camacho, e o propio Julio Iglesias, que aunque non chegou a actuar, si tiña o contrato firmado.

                                          Grupo de moz@s na Eva nos anos 70

     E no medio de tanta atracción internacional, sorprende o feito de que o maior abarrote fose provocado por un conxunto da terriña. Sobre 1.300 persoas déronse cita na sala para ver a un dos mellores grupos galegos de todos os tempos: Os Tamara do gran Pucho Boedo.

     O negocio ía ben, e así no ano 1975 houbo que ampliar as instalacións. A xente de Arteixo e arredores tiña ben claro que facer na tarde-noite dos domingos.

     A sala de festas Eva non tería competencia de ningún tipo nos seus bos tempos, bos tempos nos que era unha cousa ben común que actuasen os Satélites, os Españoles, os Trovadores ou os Players, que por aí adiante estaban consideradas unhas excepcionais orquestas.

     Pero non todo era música ou baile. Moitísimos matrimonios téñense fraguado nesta sala. Poderíamos dicir sen medo a esaxerar que máis da metade da xente entre 50 e 60 anos natural de Arteixo moceou (con máis ou menos éxito) na sala de festas. E senón o credes, preguntade...

                                                         Mozos do Rañal na Eva

     O cubalibre e o ginkas eran as consumicións máis solicitadas, contando o whisky con moi poucos adeptos. Hoxe en día parece que é ao revés.

     A xente viña á Eva a bailar, a mocear, a beber, e tamén había quen viña a armar bulla. Era o caso de bandas organizadas como os "Diablos Rojos" (que seica eran do lado do Martinete e Elviña), que protagonizaron unha das épocas máis duras da sala.

     Pouco a pouco, aqueles mozos que chegaran a Arteixo para traballar como obreiros da construcción e aquelas mozas empregadas en talleres textiles, foron medrando...e casaron...e agora xa teñen fillos casadoiros. Agora son xente de cincuenta ou máis anos, que lembran con nostalxia a Camilo Sexto ou aos Tamara, ou os primeiros cubalibres, ou os primeiros bicos...

     Aqueles marabillosos anos da sala de festas Eva...aquela música dos Tamara:

"...cando a luíña aparece
e o sol nos mares se esconde
todo é silencio nos campos,
todo na ribeira dorme..."

                                          A sala de festas Eva actualmente


(Relato de Victor Iglesias García e fotografías de Luis Souto Naya)




    

1 comentario: