domingo, 20 de marzo de 2016

AS LEITEIRAS DE MEICENDE

(Relato de Luís Giadás, publicado na Voz de Galicia o 11 de marzo de 2014)

     

Escultura dedicada ás leiteiras
     O 8 de marzo foi o Día da Muller Traballadora e, a xeito de homenaxe, toca lembrar un antigo oficio que exaltara Pondal nun poema aparecido en abril de 1900, primeiro na Revista Gallega e días despois en El Eco de Galicia da Habana e El Eco de Galicia de Bos Aires. Comezan eses versos coa frase «Vindo de Bergantiños» e neles, Eduardo, fatigado (agravada a súa doenza mental), pasa na carrilana (dilixencia) camiño da capital herculina chegando á «boa Meicende, venturosa, garrida, / na túa doce pendente» (a Pendente do Coto) e pedíndolle a esta que «cando as súas rapazas leven a Cruña o leite, / dille que leven o boo, / ben limpo e ben pracente, / para dar forza ao bardo de Brigandsia, / que rendido se sente». 

     Este traballo da leiteira arteixá manterase na posguerra como lembran as meicendesas veteranas: «Na Praza de Pontevedra, esquina coa rúa Juan Flórez, estaba o garaxe de La Superiora, empresa de Benito, que tiña autobuses tipo paloma, é dicir, estreitos, aínda que tamén estaba O Benito, un modelo máis ancho, coma os de agora. A Superiora saía ás 8.45 de Loureda, da praza preto da igrexa de Santa María: alí xa case completábase o bus coas mulleres que colleran o leite, ben cediño, polo Igrexario diante, enchendo os seiróns colgados das súas bestas. Logo, deixaban estes seiróns coas respectivas bestas na Barreira, onde a escola vella, transvasando o líquido aos xerros, e tomando o coche de liña. Tamén apañaban queiroas e pinas para queimar os porcos e para os fornos das bilbaínas (cociñas de ferro). La Superiora cruzaba o Val de Loureda, logo Ervedín, O Foxo, a Ponte do Ba, A Baiuca (na Casa de Toribio) e o Alto de Arteixo.
Antonio García "O Cubano", na "Superiora"

     Era neste Alto, na parada do Campo, onde subía Flora Figueiroa Pan, Flora de Torres, deixando a súa besta cargada con dous seiróns do leite recollido xa antes de clarexar o sol, entre as cortes dos veciños. Dende as cinco da mañá, Josefa do Monte Pequeno, a «señora do bidón», cargaba por todo Sorrizo e Barrañán os seiróns, levando un farol por guía, para estar ás nove nesta parada do Campo: a Superiora agardaba por ela se se retrasaba un tanto. 

     O autocar galgaba o pinchoso Alto de Oseiro por Galán, pasando a rentes da Fonte da Choupana, onde se refrescaban os pasaxeiros da Carrilana, enxergando un intre a Illa de Malpica (as Sisargas), rendeada entre a calina, evocando a cantiga popular: «Indo polo Oseiro arriba / e mirando para atrás, / adiós piñeiros de Loureda, / queiroeiras de Morás». Seguinte parada: A Campaíña de Pastoriza (o Correo), onde pervive outra Fonte de tempos de Carlos III. Baixaba o autobús a Pendente de O Coto, montándose nel outras leiteiras xunto a casa de Pepe e Pilar.

     Detíñase axiña en O Barreiro, á esquerda do cal, detrás dos Montillos, estaba a canteira das Barranqueiras, onde levantaban a pedra para morrillo das estradas. Chegaba xa La Superiora ás Eiras de Meicende, que era a Meicende tradicional que coñecera Pondal: «Garrida canto breve, / batida decote / do seco e frío nordeste». Proseguía polas Casas Novas -construídas por mor da Refinería de Bens- e a rentes da canteira das Barrouqueiras de San Xosé, inzadas agora alí as antorchas da devandita industria. Despois, San Xosé, A Moura, A Fontenova -outro chafariz do Camiño Real- e A Silva. 

     Os vellos nomes remiten ao recente pasado rural da Coruña: a Parada das Cabras, onde está o actual Centro de Especialidades do Ventorrillo; A Enfesta, o tramo de Ronda de Outeiro que baixa ata Vioño e Os Mallos; a Feira dos Porcos, hoxe Praza Castillo de Olite. E, xa baixando dende a Feira dos Porcos, deixando a man esquerda a igrexa e maila fonte de Santa Margarita (na actualidade reformada a primeira e desaparecida a segunda), arribaba, xa, ao seu destino: o garaxe de Benito, na Praza de Pontevedra, esquina rúa Juan Flórez.

     Os carriños do leite tíñanos na Feira dos Porcos, na cabaleiriza de Pilar de Suevos. Así mesmo, Benito contaba con carros del. Recollían o leite (normalmente ía bautizado xa, por iso Pondal insistía no de «boo, ben limpo») en xerros de estano, duns cinco ou sete litros, e tiñan un cazo de metal como medida de cuartillo ou de litro. Metían os xerros na arqueta do bus. O carriño era de dúas rodas e tiña un varal de ferro por onde o tiraban, Orzán adiante, chegando con el ata a rúa da Torre. Había latas cilíndricas, das clientas ou das propias leiteiras, cun aro tamén de aluminio, e dun ou dous litros de cabida. Cada leiteira levaba un xerro panzudo de cinco ou dez litros.

     Tornaban as leiteiras para a súa terra arteixá no coche das 16 ou no das 18, podía ser no Benito ou na Superiora. Neste último bus só elas ían e viñan sentadas, xa que eran clientes habituais: os demais veciños tiñan que ir de pé. O billete custaba unha moeda furada -dous reás - por viaxe, namentres que o litro de leite valía unha peseta ou sexa catro reás: a ganancia das leiteiras era, pois, dunhas catro ou nove pesetas diarias, descontada xa a pasaxe.
O "Benito" na Coruña. O chófer é Antonio  "O Cubano" e o do leite, Palleiro
     As mulleres de Pastoriza e de Oseiro alcumaban de xureleiras ás de Meicende porque secaban ao sol os xurelos salgados collidos no Muro do porto coruñés. Dende A Borroa e dende Nostián, Pastoriza, camiñaban, respectivamente, ata A Coruña Amparo de Longino ou de Victorio e María Esperanza dos de Figueroa: ían con xerro na cabeza, nunha cesta. Nostián e Borroa vivían de vender a legumada. Alomenos trinta leiteiras teño censadas e toda esta información débolla a unha muller que traballou toda a súa vida, dende a nenez, detrás dunha máquina de coser, turrando do sacho, muxindo as vacas ou coidando enfermos da familia: Dolores Suárez Regueira, Lolita do Mantexo ou Lolita de Pura de Pepe, miña nai política. Por ela puido facerse este artigo. Dela é o 8 de marzo. Homenaxe en feminino. No autobús La Superiora só elas ían sentadas xa que eran clientas habituais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario