sábado, 26 de marzo de 2016

O DÍA DO BOLO... E DA TORTILLA

(Relato de Víctor Iglesias García)
 
     Os que fumos afillados hai sesenta ou máis anos, esperabamos que chegase o domingo de Pascua con moita ilusión. Os nosos padriños non nos daban cartos, nin nos mercaban roupa ou xoguetes. Desde que tiven uso de razón ata que fun home casado, tódolos anos recibín neste día o meu boliño de pan-trigo. Todo un dulce, xa que o cotidiano era broa, que non facía senón aumentar a gana de pan branco.
    
     Pero o protagonista gastronómico do día ía máis aló deste detalle dos padriños. Nas casas que tiñan un pouco de arrimo polos temas de vello, o domingo de Pascua era tamén o día das tortillas. Oficialmente xa non era vixilia, pero a tradición de xantar tortillas con pan-trigo mantívose.

     Dende finais de xaneiro as galiñas comezan a poñer ovos a eito. Moitos deles xa van aló coas larpeiradas do Antroido. Tamén o señor cura recibe unha ducia por matrimonio na Coresma. E aínda con todo isto quedaban ovos para as tortillas do domingo de Pascua.
     Tortillas de ovos sós, de patacas, torta de pan, de fariña de trigo...moitas tortillas, das que cada comensal tiña dereito a un cachiño co seu correspondente boliño.

     En moitas casas había unhas tixolas especiais para este día. Unhas tixolas enormes que aceptaban máis de catro ducias de ovos. Non valía calquera para darlle a volta a tanta tortilla xunta... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario