venres, 27 de maio de 2016

GONZALO RABUÑAL, O "INDURAIN" DE BARRAÑÁN

     @s galeg@s amantes do ciclismo tivemos a inmensa fortuna de contar durante varios anos co noso propio equipo profesional, que se creara en 2007 coa denominación de Karpin Galicia baixo o patrocinio do ex-futbolista e empresario Valery Karpin, naquela hora tamén inmerso noutras promocións deportivas como o equipo de voleibol da cidade de Vigo, o C.V. Vigo Valery Karpin. Mais en agosto do 2008, logo de que o ex-futbolista do Celta lle retirase o seu apoio económico e de contar cun novo respaldo, neste caso o da Xunta do bipartito, a denominación pasaría a ser Xacobeo Galicia, nome co que ese mesmo ano, o equipo conseguiría a súa primeira victoria nunha tirada da Vuelta a España ao impoñerse en Ponferrada, na décimo quinta etapa,  o ciclista galego David García.
Gonzalo Rabuñal
    Álvaro Pino, unha lenda do ciclismo galego que fora campeón da Vuelta a España en 1986, era o director deportivo do Xacobeo Galicia, un Pino que xa dirixira ao Kelme-Costa Blanca e que tiña de axudantes a Suso Blanco Villar, outro ciclista galego lendario que gañara en 1985 a Volta a Galiza, a Volta a Castela e León e a Volta á Comunidade Valenciana, e o padronés José Ángel Vidal, que participara en oito Tour de Francia seguidos correndo para o Kelme.

      A gran maioría dos ciclistas que Pino tiña ao seu mando eran galegos, entre eles os ilustres Marcos Serrano, que gañara a Volta a Galiza 1999, a Volta a Castela e León 2001 e a clásica Milán-Turín 2004; Iván Raña, que debutaría como ciclista profesional en 2009, despois de ser o primeiro triatleta galego en conseguir un campionato do mundo da especialidade, o primeiro en vencer nunha proba da Copa do Mundo e en participar nuns Xogos Olímpicos; o arousán Gustavo Veloso, campión da Volta a Catalunya 2008 e da Volta a Portugal 2014; Ezequiel Mosquera, subcampeón da Vuelta a España 2010...ou o noso Gonzalo Rabuñal Ríos, o "Indurain" de Barrañán. 

   Nado na parroquia de Barrañán o 1 de agosto de 1984, Zalo Rabuñal empezaría a pedalear en pequenas marchas e paseos como o "Día da bici" polo asfalto arteixán ata que se decidiu apuntar no Club Ciclista Carballo, donde non tardaría en deslumbrar. Desde os seus inicios, o noso protagonista, que sempre admitiu que se fixera ciclista por Indurain aínda que o seu ídolo era Pantani, tería unha traxectoria moi regular, con innumerables victorias e podios en categorías inferiores e amateurs formando parte do equipo Cambre Frisonoble, éxitos que continuarían ata o seu último ano de aficionado, no que correría bastante por Portugal e no que gañaría a Volta a Madeira.

     En 2007 Rabuñal debuta como profesional no Karpin Galicia. No 2008, correndo xa co maillot do Xacobeo Galicia, o ciclista arteixán, naquela hora con domicilio na Cachada (Monteagudo), sería segundo nunha etapa da Volta a Irlanda e terceiro nunha da Vuelta a Asturias. En 2009 participa no Giro de Italia, na Vuelta a España, donde conseguiría unha meritoria octava praza na etapa con final na Sierra de la Pandera, e acaba líder do Premio da Montaña na Volta a Turquía, o seu primeiro grande éxito como profesional. En 2010 acada o maillot da montaña na Volta ao País Vasco e participa na Vuelta a España, edición na que fai un papel destacado nas etapas de montaña, quedando na clasificación xeral de 30º, meritorio posto xa que o seu obxectivo non era outro que axudar ao seu líder, Ezequiel Mosquera, a gañar a Vuelta, un Ezequiel que finalmento sería 2º, a tan só 41 segundos do gañador Níbali
Rabuñal, á esqueda, rodando á par con Ezequiel Mosquera
   Mais con todo
, o Xacobeo Galicia atravesaría, naquel inesquecible 2010, grandes dificultades económicas pola perda dos patrocinadores e o cambio de goberno da Xunta: o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, anunciaba a retirada do patrocinio, feito  que desgraciadamente levaría ao equipo á desaparición xa que non puido achegar os avais requiridos pola UCI para o seu rexistro no circuíto continental co cal o Xacobeo Galicia, malia a que tiña compromisos adquiridos para o 2011, correría a mesma sorte que a Selección galega de fútbol coa chegada do Partido Popular ao Goberno Galego. Ciclistas como Delio Fernández, Gonzalo Rabuñal ou Gustavo Domínguez aseguraban naquel intre que o Executivo buscara "escusas" para acabar co equipo e que a "liquidación" repentina do conxunto impediulles a moitos continuar coas súas carreiras. “Doía ver como a nós nos debían cartos e logo gastaban case dous millóns de euros no Obradoiro para darlle de comer aos de fóra, porque non había nin un só xogador galego no equipo”, dicía un. “A política estivo na orixe da decisión final; non se sentían cómodos cun proxecto que fora creado por un goberno doutra cor política”, remataba outro

     Trala desaparición do Xacobeo Galicia, os corredores do equipo ciclista galego seguirían adiante por outro camiño, no que o deporte é un hobby e non unha ocupación a tempo completo. No caso de Gonzalo Rabuñal, tras abandonar o ciclismo profesional, pasaría a formar parte do Club Gallaecia Raid, con quen empezaría a participar en raids de aventura nos que se xunta a bicicleta con kaiak, con carreiras de orientación, co trekking, algo de escalada, algún rappel...un Rabuñal que a día de hoxe soña, ao igual que moit@s galeg@s, cun novo equipo ciclista que volva encher as estradas de afeccionados como fixera o seu desaparecido Xacobeo Galicia durante catro anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario