A
maioría d@s aficionad@s ao fútbol escoitamos, algunha que outra
vez, falar do accidente de aviación do Manchester United acontecido o 6 de
febreiro de 1958. O equipo británico regresaba a Inglaterra despois
de disputar o partido de volta de cuartos de final da Copa de Europa
en Belgrado ante o Estrela Vermella, enfrontamento do que saíra
victorioso e que clasificaba aos ingleses para as semifinais da
máxima competición continental. As cousas xa principiaran a ir mal no
aeroporto de Belgrado pois o voo 609 da British European Airways, que os
ía levar de volta ás Illas Británicas, tivera que retrasar a súa
saída unha hora porque que un dos xogadores, Johnny Berry, perdera o
pasaporte. O avión tiña previsto facer unha parada técnica en
Munich para repostar combustible. Unha vez en Alemaña e cando se
dispoñía a despegar da capital bávara cara o Reino
Unido, o capitán fixo dous intentos de despegue e ao terceiro
intento a aeronave fallou ao non gañar a altura adecuada,
estrelándose contra uns terreos colindantes ao aeroporto, nunha casa
na que non se atopaba ninguén. En total falecerían 23 persoas entre
futbolistas, directivos, corpo técnico, xornalistas e tripulación.
Da plantilla do United, sete futbolistas morreran no acto (Geoff
Bent, Eddie Coleman ou Liam Whelan entre outros) e un máis, Duncan
Edwards, falecería días despois a causa das feridas sufridas. O
adestrador Matt Busby e os futbolistas Dennis Viollet, Jackie
Blanchflowe e o lendario Bobby Charlton, figura sobre a que se
reconstruiría o novo Manchester United, serían dos poucos
superviventes daquel tráxico accidente aeronáutico.
Se
1958
é o ano máis triste da historia dos “red davils”, tamén o
é do Atlético Vilarrodís, o popular equipo de fútbol que chegaría a estar
federado durante varias tempadas na década dos sesenta. Seis meses
despois do sinistro do Manchester United, o domingo 10 de agosto, o equipo arteixán, que naquela hora aínda non estaba federado, tiña previsto disputar un
partido amigable na vila de Rianxo. Facía unhas semanas que Brasil, integrado por
xogadores de ensoño como Garrincha, Didí, Vavá, Zagalo ou un rapaz
de 17 anos chamado Pelé, gañara o Mundial que se celebrara en
Suecia, derrotando na final ao equipo anfitrión por 5-2.
El Ideal Gallego, 12 de agosto de 1958 |
Coa
idea de emular as filigranas dos astros “canarinhos” e dispostos
a disfrutar dun día de festa, a expedición do Vilarrodís partía
cara a Rianxo ás sete e media da mañán no ómnibus con matrícula
de Lugo número 1.270, propiedade da empresa “Rápido de Armentón”,
con 19 persoas, entre elas Armando Sanguino Mateos, de 20 anos; Juan Suárez Souto, 22; Emilio Súarez Mosquera, 25;
Alfonso Riveiro Doldán, 22; Emilio Veira Vázquez, 24; Manuel
Longueira Trigo, 25; Juan Suárez Mosquera, 20; Francisco Veira
López; Luis Mareque Zas, 23; Luis Caneda Balado, 28; e José
Mosquera Rodriguez, de 18 anos, que eran algúns dos xogadores que
por aqueles tempos vestían habitualmente a camiseta do Vilarrodís. O
“Rápido”, conducido polo fillo do propietario da empresa, Manuel
Ferrín Cores, de 24 anos, circulaba normalmente e sen problema algún
mais, sobre as nove da mañán, ao chegar a Tabeaio (Carral), debido
a unhas manchas de aceite que había no asfalto, axudado co mal
estado do firme, o coche empezaría a derrapar, indo de lado dunha
cuneta a outra ata volcar nun pequeno terraplén, de pouco máis de
dous metros de altura, dando media volta de campá e quedando coas
rodas cara arriba. Poucos minutos despois do accidente presentábanse, no lugar do sinistro, numerosos veciños de Tabeaio acompañados dun
médico e de varios membros da Garda Civil de Carral. Había, entre xogadores e
o resto dos ocupantes do ómnibus, un total de 16 feridos a quenes, tras sacalos do interior do vehículo e despois de prestarlles os
primeiros auxilios, conducirían nun camión e en varios coches ata
A Coruña, donde ingresarían sobre as once da mañán no Sanatorio do
Socorro.
La Voz de Galicia, 12 de agosto de 1958 |
Aos
poucos intres de ingresar no Hospital, Alfonso Riveiro Doldán,
dado o seu estado de gravidade, sería trasladado ao seu domicilio de
Vilarrodís, donde falecería pouco despois. Dérase a tráxica
circunstancia de que ao ocurrir o accidente, o xoven Alfonso fora un
dos primeiros en abandonar o ómnibus sinistrado e, cando lle prestaron os primeiros auxilios, manifestara que non tiña nada e que
atenderan aos seus compañeiros. Minutos despois, debido a un
derrame interior, o seu estado agravaríase, falecendo ás poucas horas. No “Rápido” tamén viaxaba o
pai do mozo falecido, Manuel Riveiro Cedeira, de 55 anos, que
resultara con fractura de varias costelas e outras graves contusións
diversas. Pola tarde daquel terrible domingo 10 de agosto de 1958,
xusto cando o equipo debería estar xogando o partido amigable en
Rianxo, practicamente toda a veciñanza da aldea de Vilarrodís
desfilaría polo Socorro para enterarse do estado dos feridos. Mais
o tráxico suceso non remataría aquí xa que o luns, cando se conducía o cadáver
de Alfonso Riveiro Doldán ata o cemiterio de Oseiro,
estaría a piques de producirse unha verdadeira catástrofe: os que asistían ao enterro encontráronse cun camión que circulaba en
dirección oposta. Ao parecer ao vehículo falláronlle os frenos,
feito que sembraría o pánico entre as numerosas persoas que
acompañaban ao finado. Afortunadamente o incidente só quedaría nun
monumental susto e non habería que lamentar víctima algunha.
A pesar da tristura daqueles feitos, a vida seguiría e a rapazada de Vilarrodís continuaría xogando ao fútbol na aldea, facendoo primeiramente nun campo que había detrás do posteriormente famoso Bar Odett, establecemento que rexentaría anos máis tarde Finita “a Rubia”. Nese campo o Vilarrodís xogaría os seus primeiros partidos amigables cos equipos da zona, entre eles co outro equipo da parroquia, o Oseiro, que se constituira oficialmente a finais dos cincuenta e con quen disputaría apaixonantes derbis nos trofeos que naquela hora se xogaban nas festas parroquiais, derbis dos que xa vos falarei noutra ocasión.
Moitas grazas polo apunte Sarah!
ResponderEliminar