sábado, 18 de xuño de 2016

A VERDADEIRA HISTORIA DO BURRO DE ARTEIXO

A burra que tiñan na casa do Coireiro do Rañal
       Burro pode ser calquera. Pero un burro de Arteixo xa ten denominación de orixe pois, o noso concello, foi coñecido noutros tempos por ser terra de burros.

Repolos en Betanzos,
Arzúa ten bos queixos,
sardiñas en Malpica,
e burros en Arteixo.

     Ninguén lembra de onde saía esta fama, aínda que parece haber unha clara relación coa lenda do descubrimento das propiedades medicinais das augas do Balneario. Como ben saberedes, a versión oficial da lenda conta a miragrosa curación dun burro enfermo do pelexo, que pastaba preto do manantial.

     Pero hai outra versión que a xente dá como verídica: o burro era burro, claro está, pero non tiña mal ningún no pelexo. O seu único "mal" era que non podía ornear.

     Segundo os arrieiros de Pontevedra, hai catro tipos de orneo: o da fame, o da sede, o do sono e o orneo de amor, que ven acompañado dun intenso calor corporal. 

     O caso é que o burro sentía este calor corporal, pero non era quen de ornear, e as burriñas maldito caso lle facían. Por este motivo o animal andaba amolado.

Blandina do Coireiro coa súa burra
      Érachevos natural da Ponte do Ba, e todos os sábados ía moer o millo co seu dono ao muíño de Caldas. Dunha vez, cando voltaba de moer cara a Ponte do Ba, ao burro veulle a sede. Estaban na altura da costa da de Pardo, e o animal botouse a un lado por botar un grolo de auga que manaba dun manantial ao que a xente non facía moito caso. 

     E aí se produciu o encanto: o burriño, nada máis probar a auga, entroulle un hipo misterioso, unhas arcadas esaxeradas que o transformaron en pouco tempo nun precioso cabalo alazán mouro de negra crín.

     As propiedades das augas descubriunas un burriño mudo, e isto é digno de ser lembrado aínda que a felicidade do animal fose outra: logo da transformación seguíu sen saber ornear, pero rinchaba que metía medo!  


(Relato de Víctor Iglesias García) 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario