Na
actualidade, agosto é un dos meses do ano no que, moit@s dos que
estades lendo esta crónica, colledes vacacións para a tan necesaria
recarga das pilas, mais antano, nos tempos nos que os nosos pais e avós
eran mozos, abofé que o conto érache ben distinto xa que era un mes no
que había que traballar de sol a sol, como nos lembra o refrán: “O agosto fártanos e o agosto mátanos”. Tamén era, e aínda segue sendo, mes de vixiar as viñas: “ Agosto madura e setembro
vendima as uvas”, “Por Santa Mariña (14 de agosto) vai ver a túa
viña, e se mal a atopas, mal a vendimarás”; mes de traballo na horta: no minguante de agosto arráncanse
as cebolas, mesma lúa na que se sementa as escarolas e, en torno ao 15, os nabos...o refraneiro lembra que “Por San Bartolo
(24 de agosto) planta o repolo”; e mes da malla, un
dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita
dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans...“Agosto pasou, quen mallou,
mallou”.
Limpando a eira dunha casa de Figueiroa para a malla |
A malla era a operación de bater os cerais, principalmente centeo e trigo, coa finalidade de separar da palla o gran, unha tarefa que durante séculos fíxose manualmente nas eiras cos "manlles" ou "manles", que eran dous paus de madeira
unidos cunha tira de coiro. Para facer a malla, primeiro limpábase ben a eira con vasoiras de xesta, xibardas ou de codeso,
eliminando todas as pedras e terra solta que puidese ter, unhas eiras que se presentaban furados enchíanse cunha pasta feita con bosta de vaca e auga que se
estendía cos varredoiros para alisar o chan.
Unha
vez preparado o terreo, facíanse as rogas á veciñanza que se podía
emprestar á axuda da malla. Os malladores empezaban a malla moi cedo
formando dúas filas enfrontadas, cada unha delas
de cinco ou seis homes armados do seu manlle.
Cada fila mallaba alternativamente sobre o cereal a un tempo,
acompasadamente e de xeito rítmico, desprazándose lateralmente para
percorrer todo o eirado. Ao tempo, as mulleres colocaban lenzos para
impedir que por efecto dos golpes o gran saltase fóra da eira. De
cando en vez, os malladores paraban o mallado para que as
mulleres ou nenos sacudiran a palla,
para que acabase de separarse o gran, varrendo a eira e
afastandoo da palla.
Mallando cos manlles |
Posteriormente, cando empezaron a vir as máquinas malladoras, os veciños xuntábanse e alugaban unha repartíndose o traballo: os máis novos situábanse na meda tirando
os monllos á máquina, donde tres ou catro
persoas desatábanos e poñíanos no taboleiro. Outras dúas, a
relevos, espelíanos para poder meter o cereal na máquina malladora. Polo lado
que saía a palla, recollíana as espalladoras coidando de que non
levase gran. Neste punto esperaban os carretadores, normalmente os
máis novos, para que lles enchesen as cordas co brazado, que levaban
ao lugar onde dúas persoas, normalmente as máis veteranas e
curiosas, a colocaban e facían o palleiro. Outros arrastraban
o gran cun rodo para unha pila. Este limpábase cunha máquina
limpadora e a continuación era medido co ferrado. Logo había que despoxar as derradeiras rabeiras que levase...po, restos de palla,
areas, etc, tarefa que se realizaba en lugares aireados coas peneiras, cribas, pandeiros ou zarandos.
Malla nos anos 60 |
O cereal pasaba logo a ser gardado en arcas, huchas ou tullas, desde as que se ían retirando durante
todo o ano en sacos para o muíño, onde o gran era moído para facer pan.
Ao rematar a malla, tralos oportunos tóspiros
de augardente e outros licores para limpar a gorxa do po, comíase na
casa que tocara facer o traballo, onde cantaban e bailaban ata cansar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario