Ao igual que noutras cidades europeas, o interés pola aviación na
Coruña nacía nas primeiras décadas do pasado século XX grazas a un grupo
de amigos, dedicados a distintas profesións, que principiaran a
interesarse polas novas que chegaban desde Estados Unidos, Inglaterra ou
Francia, nazóns onde varios aficionados levaban xa certo tempo
realizando arriscadas experiencias para facer realidade unha das máximas
aspiracións do ser humano: poder voar, aspiración na que os irmáns
Wright puxeran a primeira pedra no ano 1903 en Carolina do Norte
(EE.UU.) ao lograr que aparatos máis pesados que o aire foran quen de
elevarse da terra. Así pois, na Coruña podemos considerar
pioneiros da aviación a ese grupo de amigos, que fundarían sociedades en
torno aos voos sen motor e tamén, polo que nos conta Angel Padín
Panizo, a crear publicacións nas que se recollían todo tipo de
informacións sobre estas aspiracións.
Foi así como xurdiría o chamado Aero Popular Coruña (APC)
constituído como entidade de carácter deportivo e social e domiciliado
en Riazor "frente a las instalaciones del Deportivo", segúns
anunciaban os seus directivos nos xornais locais a finais da década dos
vinte. Mais uns anos antes, en 1911, a cidade xa vivira a súa primeira
experiencia aeronáutica cando a "Liga de Amigos" ofrecera un festival de
aviación como número extraordinario das festas de agosto de María Pita.
Os aviadores franceses Laforestier e Mauvais serían os encargados de
ofrecer ao público un espectáculo aeronáutico que se celebraría no
improvisado aeródromo ubicado no Campo da Estrada, espectáculo que se
repetiría nos anos 1912 e 1913, tamén con aviadores franceses. En 1914,
sería o piloto galego Pepe Piñeiro "O Rei dos aires" o encargado de amenizar cos seus voos as festas da cidade, realizando piruetas a 650 metros de altura.
Á marxe dos espectáculos festivos de aviación, os primeiros
aterraxes efectuados por avións na nosa área terían lugar no concello de
Oleiros en xullo de 1926 cando nove avións militares, un deles pilotado
polo coruñés Félix Bermúdez de Castro, aterraran na praia de Santa
Cristina. Catro anos máis tarde, o 23 de novembro de 1930, un enorme
hidroavión alemán "DC-X", construído pola casa Dornier, amaraba na baía
coruñesa, con quince tripulantes e sete pasaxeiros a bordo como escala
do seu primeiro viaxe a América, acontecemento que despertara gran
curiosidade e que movilizaría a multitude de coruñeses e coruñesas.
A necesidade dun aeroporto empezaba a ser unha evidencia e, por tal
motivo, poucos días despois de aterrar na cidade o "DC-X" alemán, o
departamento de arquitectura do concello herculino, a cargo do
arquitecto Pedro Mariño, daba a súa aprobación a un plano elaborado por
especialistas do "Cuerpo de Estado Mayor del Ejército" (E.M.), firmado
polo "Teniente Coronel Jefe de la Comisión Geográfica de Galicia" e no
que se realizaba un estudio das inmediacións de Arteixo para un campo de
aviación. Si, si, ledes ben...un aeroporto en Arteixo!
Plano do proxecto para construir un campo de aviación en Arteixo |
A ubicación escollida era o que comprendía os lugares de Chan de
Agra, Agra de Arteixo, Fornos, Brozo, Rañal de Arriba, Foxo dos Lobos, A
Pedreira, Terras do Campo, Cavernas, Abelendos, Oseiro...é dicir, o
mesmo espazo donde tres décadas máis tarde se levantaría o Polígono
Industrial de Sabón.
Todo quedaría nun simple intento, se cadra pola morte de Pedro
Mariño que falecería en 1931, e o proxecto non sería desenvolvido.
A Coruña seguiría coas súas aspiracións ante un fenómeno que
naquela hora xa estaba nunha fase ben avanzada como era o da aviación e,
despois do estudo doutros emprazamentos (Ría do Burgo, Betanzos, A
Laracha, Carballo...) e das presións exercidas por un grupo de cidadáns,
capitaneados por Pedro Barrié de la Maza, A Coruña conseguiría dispor,
ao fin, dun aeroporto. A decisión final do seu emprazamento fora nun
alto do lugar de Alvedro (Culleredo), donde en xullo de 1954 entrarían
as primeiras máquinas e que botarían case nove anos traballando na súa
construcción. Unha vez rematadas as obras, o aeroporto abriríase ao
tráfico aéreo civil estatal o 25 de maio de 1963, día da súa
inauguración oficial e no que chegaba o primeiro avión comercial desde
Madrid, voo que operara a compañía Aviaco.
FONTES:
-"Hace setenta y cinco años A Coruña presentó su primer proyecto para
construír un aeropuerto en Arteixo". Angel Padín Panizo. Revista "La
Coruña, historia y turismo". 2006
-"El aeropuerto de Alvedro: Crónica de una aspiración coruñesa". Manuel Fiaño Sánchez. Anuario Brigantino 2012, nº 35.
Ningún comentario:
Publicar un comentario