sábado, 6 de agosto de 2016

FINA LÓPEZ, "A LOURA DE VILARRODÍS"

  "...Onde van os nenos do Castro? Levounos o vento! Aquela curva era o mellor miradoiro para o camiño fondo da Cavaxe. E algo de vento ía, porque abaneaba a maleza cando se abriu pra o Inesquecíbel. Do túnel vexetal saía a Loura de Vilarrodís, co seu uniforme de capitá.
     Viramos xa algún dos partidos dos martes de Entroido, entre solteiras e casadas, mais todas do lugar. Xogábanse nun campo a carón da Avenida, o do bar Parada, que era onde facía o alto a "Cucaracha" e outros coches de liña. Era un campo tan modesto, tan pedregoso, que todos os equipos xogaban a gañar. O club Relámpago decidiu facer un novo campo, con vestiarios e todo, e cando chegou o Entroido celebrouse cun encontro "internacional". E aí vén a Loura co seu equipo da outra bisbarra, de Arteixo.
     A valmontes, quilómetros correndo, con camiseta e pantalón curto. Todo isto, como dicía o poeta Manuel María, naqueles "tempos incestuosos". E á fronte, como unha modelo do calendario Pirelli, como unha revolución óptica naquela época de loito téxtil, alí estaba a Loura de Vilarrodís. Estivera na emigración e, de volta, abriu un bar chamado Odette. Levaba o pelo ao estilo "garçonne", e no ar lembraba á actriz Brigitte Bardot. Mais non era unha cuestión de comparar. A Loura de Vilarrodís estaba alí. Era verosímil. Tanto que viñera brincando entre os fentos, para pasar do invisíbel ao visíbel no camiño da Cavaxe. Agora, no campo de xogo, sabía darlle ao balón con lume de biqueira. E o que era aínda máis difícil, facerlle fronte con garbo a aquela multitude afervoada, chegada de toda a comarca, e que emitía arias "di bravura" cada vez que as mozas de Elviña, Castro e Vilarrodís tocaban a esfera do mundo".

Fina López, nos anos 60
     Así nos describe o escritor Manuel Rivas, daquela un rapaciño de doce anos, no capítulo XI titulado "O peso do mundo na cabeza" do seu exitoso libro autobiográfico "As voces baixas", aquel episodio da súa infancia no que quedara prendido da beleza de Otilia Josefina López Naya, máis coñecida por "Finita, a rubia de Vilarrodís", unha Finita que naquel partido xogado en Elviña, co que se pretendía reivindicar o Martes de Antroido como día festivo (entón non o era), erguería paixóns polo campo adiante coas súas guedellas loiras ao vento.

     Sen pretendelo, Finita converteuse nun icono feminino dos anos sesenta. Foi a Sofía Loren de Arteixo ou como ben di Rivas na súa novela, a Brigitte Bardot da comarca, toda unha modelo do calendario Pirelli que, non hai moito, bromeaba co seu fillo Alex, co que tiven a sorte de xogar ao fútbol, e comigo mentres tomábamos un café decíndonos que..."caín en graza no país dos cegos, o torto é o rei".

     Criárase na Coruña, na rúa Federico Tapia, e con 21 anos chega a Vilarrodís, lugar no que abre un local ao que chama Café Bar Odet, mais ninguén o coñecía polo seu nome...para todo o mundo era o bar da rubia..."antes montabas un bar e chamábante de todo menos bonita".
Caixa de mistos do Café Bar Odet
O Vilarrodís feminino
     Finita, que decidira xogar ao fútbol para dar a coñecer o seu establecemento, obxectivo que abofé  conseguiría, segue lembrando hoxe, con máis de setenta primaveras, aquelas aventuras futboleiras e ao mesmo tempo reivindica que "Lola Flores e as súas compañeiras imitáronnos despois en Madrid. Ata gravaron unha película, Las Ibéricas. Pero as pioneiras do fútbol feminino foron as de Elviña, e o primeiro gran campionato disputárono contra nós, as rapazas de Vilarrodís".

     Cuarenta e cinco anos despois daquel partido xogado en Elviña que conmocionara á Coruña toda (recadáranse 41.000 pesetas das da época), aquel cativo de doce anos que quedara prendido da beleza de Finita, entraba na libraría de Arteixo "A lus do candil" para presentar o seu libro "As voces baixas". Si, falamos de Manolo Rivas que, ao fin, coñecía persoalmente á Loura de Vilarrodís, reencontro emotivo e espectacular argallado por libreiros, fillos de Finita e o que escribe.
Na libraría "A lus do candil", en decembro de 2013, na  presentación da novela de Manolo Rivas "As voces baixas". No centro da imaxe, Fina López acompañada dos seus fillos. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario