sábado, 3 de setembro de 2016

A PANADERÍA FERNÁNDEZ DE LAÑAS

     Falar de pan na miña casa ten o seu aquel. Medrar a carón dunha avoa de nome Carme Pan Pan e casar cunha muller de Carral, que de cando en vez déixame caer, así coma quen non quere a cousa, que o pan da súa vila natal é o mellor do mundo... pois claro, xa vos podedes imaxinar o percal cando defendo a miña patria chica e digo que en Arteixo tamén se fai pan de calidade, como xa nos lembraba Uxío Carré Aldao en 1928 na súa Xeografía do Reino de Galiza: "Teñen fama as bolas e pans de gran tamaño de fariña de millo chamadas Arteixanas". 

     Mais vaiamos ao conto. Como ben sabedes, no noso concello temos unha chea de panaderías distribuídas por case que todas as parroquias do municipio, polo que podemos comprar pan en Meicende, A Maceira, Vilarrodís, A Groufa, Arteixo, Loureda, Uxes, Lañas, Chamín... e hoxe quérovos falar dunha delas: a Panadería José Fernández de Lañas que, xunto á de Noso, era a que viña polo Rañal cando eu era neno.
Imaxe dos anos 80 de José e Carme enfornando
   
  José Fernández era natural da Brea, en Carballo, lugar no que xa, desde mozo, se gañaba a vida coma panadeiro. Nos anos duros da posguerra, un dos sitios de reparto habitual do seu pan eran as minas de volframio de Couso e Agualada, no concello de Coristanco. Alí José coñecería á súa futura dona, Carme Iglesias Veira, neta do "Zapateiro" de Armentón que naquela hora, ao igual que moitas mulleres de Arteixo, traballaba nas minas do prezado metal que tanto necesitaban os nazis para fortalecer a capacidade destructiva do seu armamento.

     José e Carme non tardarían en casar. Faríano en 1943, tan só seis meses despois de se coñecer e, ao pouco, xa empezarían a cocer nunha casa da parroquia de Armentón situada a uns poucos metros de onde hoxe está o negocio, no lugar da Ermida de Lañas. A panadería era coñecida como a "do Zapateiro" por ser Carme neta deste home, unha Carme que pouco a pouco iría aprendendo o oficio ao mesmo tempo que ían nacendo os tres fillos do matrimonio: en 1944 viña ao mundo José Antonio, no 46 Manuel e no 48 Agustín.

     Naqueles anos 40-50, mentres José se encargaba de facer o pan que despois repartían pola contorna en cabalos, Carme facía o propio cos biscoitos e as roscas e, ata aprendería a facer outros doces. O tempo vai decorrendo e, a medida que o país vai pasando do branco e negro á cor, os tres rapaces van medrando botando unha man, desde cativos, no negocio familiar.
O matrimonio nos anos 50 cos seus tres fillos (de esquerda a dereita Agustín, José Antonio e Manuel)
      Estamos xa nos 60. Galiza vivía inmersa no contínuo goteo da emigración cara os países da Europa occidental. Os que quedaban aquí principiaban a gozar de forma lenta e paulatina de avances tecnolóxicos da época, como era o caso de dispor de corrente eléctrica nos seus domicilios ou da televisión, artigo de luxo que só estaba ao alcance duns poucos. Naquela altura, na panadería Fernández tamén habería algún avance xa que se empezaría a facer o reparto naquel camión vermello que, de seguro, aínda hai quen se lembra del. Mais os 60 tamén serían anos de triste lembranza para a familia Fernández Iglesias pola morte inesperada do seu fillo Manuel que, con tan só 21 anos, falecería en 1967 repentinamente. 
     
     Ese mesmo ano, José e Carme empezarían a cocer no forno grande da Ermida, o actual lugar no que está a panadería, e convecerían ao seu fillo máis novo Agustín, que pasara boa parte do servizo militar na casa grazas aos biscoitos que Carme lle levaba á muller do comandante, para que se quedara con eles no negocio.

Imaxe de Agustín e de Raúl, un empregado de Loureda
     Ao casar Agustín, a súa muller Otilia tamén aprendería o oficio, especialmente o proceso do doce, que lle iría ensinando súa sogra Carme nuns tempos nos que na panadería traballaba moita xente, sobre todo veciñ@s de Lañas, tempos nos que o camión vermello daríalle paso ao Land Rover, que é o coche de reparto do que eu me lembro cando deixaban o pan diante da porta da nosa casa do Rañal. Alí as dúas Carmes, a panadeira e miña avoa, falaban das súas cousas mentres que Agustín me deixaba apañar as migallas do pan que moitas veces comía na compaña do meu amigo Josiño de Tiso.
 
     Naquela hora, con camiños que non son os de hoxe, o Land Rover ten quedado atrancado no medio do barro dos carreiros de Rañobre e Suevos, lugares nos que en máis dunha ocasión tivo que ser retirado coa axuda dalgún que outro tractor. Outras veces tiñan que deixar o coche na entrada da aldea de turno e ir co pan polas portas en sacos, casos nos que Carme botaba de menos os cabalos cos que facía o reparto ao pouco de casar:

-Ai Agustín, se tivéramos os cabalos outro galo cantaría!

     O Land Rover substituiríase en 1988 pola furgoneta Mercedes coa que hoxe podedes ver polo concello a Agustín facendo o reparto, furgón no que por certo aínda figura o nome de José Fernández, que falecería en 1994

     Na actualidade, na Panadería Fernández traballan Angel, que é o panadeiro que teñen contratado, Agustín, a súa muller Otilia e Cristina, a máis nova das tres fillas do matrimonio. Agustín xa só fai o reparto e coce o día libre de Angel; Otilia reparte por Lañas e encárgase do despacho e do doce, doce que no caso da rosca só ela e súa sogra Carme, que hoxe ten 91 anos, saben facer.
Preparando a rosca. De esquerda a dereita, Otilia, Elena da Brea (curmá de Agustín), a señora Carme e Carme de Añón, veciña da familia

      Pola súa banda Cristina, terceira xeración da Panadería Fernández, que xa axudaba no negocio de cativa, empezou este ano a traballar coma unha empregada máis e algún cambio xa conseguiu: "A panadería nunca tivo cartel ata fai cousa dun mes que puxemos unha praca". Cristina tamén conta que o forno onde cocen nunca se enfría e está sempre por enriba dos 240º dende hai case 50 anos e, lembrando os tempos dos inicios do negocio familiar di que... "agora xa non imos por tantos sitios coma antes, mais en Figueiroa aínda se acordan de cando meus avós repartían o pan no cabalo".  

A plantilla actual da panadería: Agustín, Otilia, Angel e Cristina

Ningún comentario:

Publicar un comentario