sábado, 17 de setembro de 2016

AS CASAS DO CONCELLO DA BAIUCA E FIGUEIROA


      A instauración da definitiva división provincial, a través do Real Decreto de 30 de novembro de 1833, daría paso á creación das Deputacións Provinciais e ao nacemento dos Concellos tal como  os coñecemos hoxe e, segundo nos conta Xosé Fariña Jamardo na súa obra “Os Concellos Galegos”, o de Arteixo xa figura coas mesmas trece parroquias que agora ten no proxecto que a Deputación publica no BOP n.º 115 do 23 de abril de 1836, un municipio arteixán que tería a súa primeira Casa Consistorial nunha pequena vivenda da Baiuca e como primeiro alcalde a Juan Antonio Souto, veciño de Figueiroa nado en 1780 que estaría ao frente da primeira Corporación Municipal entre setembro de 1836 e maio de 1837.

      En 1840, durante o mandato do alcalde Ramón Bermúdez de Castro, que era natural da vila de Regla (Cuba) e tiña domicilio en Sorrizo, a Casa do Concello trasládase á aldea de Figueiroa por mor das reducidas dimensións da da Baiuca, lugar que antigamente era coñecido como Pasacondia. Polo que nos conta Manuel Blanco en “Alcaldes de Arteixo”, a nova Casa Consistorial, que ven sendo a Casa dos de Borrazás, o pazo que hoxe ocupa o miña prezada familia Maceiras López, tiña todo o necesario...para sala capitular, oficinas para el Ayuntamiento, despacho para el Alcalde y, aún, sitio para cárceles (esta casa perteneció a los herederos de José Navas); en realidad se trataba de buscar una comodidad para el propio Alcalde (era de frágil salud) ya que le quedaba más próxima a su domicilio”.

Pazo de Figueiroa, sede do Concello en 1840
   Ao ano seguinte, en 1841, con José González ao fronte da alcaldía, a Casa do Concello trasládase de Figueiroa, onde Antonia Maceiras (muller do Secretario Municipal, Manuel Rodriguez de Pazos) tiña unha taberna, á vivenda da Baiuca no que estivera anteriormente, pagando un prezo de aluguer de 200 reais ao ano.
 
  Pascual Madoz non nos ofrece ningunha información sobre o consistorio municipal de Arteixo no seu Diccionario xeográfico editado en 1850, mais, pola contra, na xeografía de Carreras aparece que está na Baiuca, unha Casa que non podemos confirmar se é a n.º 19 deste lugar que o concello adquiriu no 4º mandato de Manuel Añón Leal, alcalde entre 1857 e 1866, previa autorización do Gobernador Civil , pagando por ela ao seu propietario, Juan Tiometeo Taboada, a cantidade de 3.498 escudos.

O edificio que foi a Casa do Concello ata 1973
    Aproximadamente polo ano 1880, despois de pasar por tres ou catro casas alugadas, sempre na Baiuca salvo o breve espazo que se asentou en Figueiroa, o concello adquiriría en propiedade un inmoble que sería reformado en 1953. A inauguración da obra do novo concello, que era o edificio que había fronte ao estanco da Travesía de Arteixo, fora retratada polo fotógrafo Alberto Martí Villardefrancos e asistiran persoeiros de relevancia da sociedade coruñesa daquel entón como o gobernador civil Pardo de Santillana e o locutor e director de Radio Nacional de España, Enrique Mariñas. Julio Mancebo, un dos nenos arteixáns daqueles anos 50 que hoxe disfruta da súa xubilación, descríbenos no seu blog “A miña Baiuca” as súas lembranzas sobre aquel edificio do seguinte xeito:Ó outro lado da corredoira estaba o “ayuntamiento”, pois así lle chamabamos naquel tempo. Era un dos contados edificios de dous pisos. O baixo só se abría o día que medían ós quintos. Subindo unha escaleira moi empinada chegabas ó primeiro, onde estaba o xulgado no que traballaba Ramiro, o home de Nieves Salvadores, e un escribinte que se chamaba Juan Manuel. Cando éste marchou, sustituiuno Moncho Elespe “Pachá” quen, anos despois, casaría con unha moza da Catuxa. No segundo piso estaban as oficinas do concello. Alí atopabas a Julio do Perillón, a Fino da Sra. Julia e o seu irmán Totos. Non teño case memoria de ver alí a D. Santiago Astray, que era o secretario. A verdade é que de neno poucas veces subín, porque non tiña a que ir. Recordo que tanto Julio coma Fino escribían con pluma porque aínda non chegaran os bolígrafos. Tamén recordo a Totos escribindo á máquina con poucos dedos pero a moita velocidade. Na parte traseira do ayuntamiento estaba o calabozo”.
 
Imaxe de Alberto Martí do acto de inauguración das obras de 1953
     Estamos xa nos 70. Arteixo, a raiz da construcción do Polígono de Sabón, medra considerablemente e, como as instalacións municipais non van da man do progreso, decídese construír unha nova Casa do Concello, proxecto que aparece publicado no BOP do 28 de xuño de 1971: “Aprobado inicialmente el proyecto de Casa Consistorial y zona ajardinada, por término de un mes se abre información pública con respecto al mismo y documentos anejos de examen y reclamaciones procedentales. Por el proyecto aludido, resultan afectadas de expropiación las siguientes fincas: Número 1.-Propietario: Don Victoriano Marnotes Barbeito. Nombre de la finca: “Horta da Casa”. Superficie: 714 m². Linderos: Norte, casa y huerta de Estrella Pardo Rey; Sur, finca rústica de doña María de los Dolores Iglesias Mosquera; Este, carretera de La Coruña-Finisterre; y Oeste, finca de doña Rosario Marnotes Barbeito. Emplazamiento: Bayuca. Número 2.- Propietario: Doña María de los Dolores Iglesias Mosquera. Nombre de la finca: “Huerta”. Superficie: 708´10 m². Linderos: Norte, finca de don Victoriano Marnotes Barbeito; Sur, finca de don Juan Antonio Naya Lafuente; Este, carretera general La Coruña-Finisterre; y Oeste, finca de la misma propietaria. Emplazamiento: Bayuca”.

A actual Casa do Concello nos anos 70
       Un incendio en 1973 do outro concello, que o deixaría practicamente inservible, levaría a que varios funcionarios municipais tiveran que traballar no novo durante algúns meses nunha situación máis que precaria...”Estivemos meses traballando no novo edificio que estaba en obras. Recordo que non tiñamos fiestras e que para subir á segunda planta non había escaleiras. Era unha rampla de ladrillos. No inverno había que ir a traballar coma se foramos á neve”, lembraba non hai moito Avelino Moreiras, un daqueles funcionarios.

     O actual consistorio inauguraríase durante o efémero mandato de Domingo Máximo Mosquera Calvete “Pitos”, alcalde entre agosto de 1974 e xaneiro de 1975, unha Casa do Concello que sería reformada varias veces e na que o que escribe tivo a honra de servir á veciñanza de Arteixo, como concelleiro do B.N.G., desde outubro de 2012 ata maio de 2015.


FONTES:
-Xosé Fariña Jamardo. "Os Concellos Galegos". Fundación Barrié. 1993
-Manuel Blanco Rey. "Alcaldes de Arteixo". Concello de Arteixo. 1998
-Susana Acosta. "El viejo Concello pasará a mejor vida tras 137 años de servicio". El Comarcal, Maio 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario