sábado, 24 de setembro de 2016

O ASASINATO DOS FASCISTAS EN OSEIRO DE "PEPE PAPELES"

     Tal día coma hoxe, o 24 de setembro de 1936 un dos principais líderes do anarcosindicalismo galego durante a II República Española, José Villaverde Velo, coñecido polo alcume de "Pepe Papeles", era asasinado polos fascistas na parroquia de Oseiro, probablemente na praia de Sabón, que foi o  lugar no que ao día seguinte aparecía, coa cabeza desmembrada, o seu corpo.

José Villaverde, Pepe Papeles
     Pepe, que nacera o 12 de xullo de 1894 en Santiago de Compostela, empezaría a traballar aos 15 anos como tallista nun taller de imaxes relixiosas e non tardaría en ser un dos organizadores da Federación Local de Sociedades Obreiras da capital galega en representación da Sociedade de Carpinteiros e Ebanistas, organizacións das que sería nomeado presidente en 1915. Dous anos máis tarde, en agosto de 1917, dirixe con José Pasini a folga insurrecional daquel ano en Santiago, feitos polos que ambos serían encarcerados no castelo de San Antón da Coruña. Cumplida a condena, en 1918 instalaríase en Vigo, onde faría amistade con Ricardo Mella. Membro da Confederación Nacional de Trabajo (CNT), o noso protagonista asistiría ao II Congreso da CNT (Congreso de la Comedia), celebrado entre o 10 e o 18 de decembro de 1919 en Madrid.

     Como o Sindicato de Carpinteiros de Vigo estaba federado na Unión General de Trabajadores (UGT), en xuño de 1920 Pepe participa no congreso deste sindicato socialista, onde defendería a unión entre a CNT e a UGT. En novembro dese ano é nomeado secretario da Federación de UGT da cidade olívica e participa na fundación do Ateneo Sindicalista.

     En xuño de 1921 asiste en Xixón ao I Congreso Nacional do Transporte da CNT. En 1922 foi un dos fundadores e redactores do xornal ¡Despertad! e tamén é membro do grupo anarquista do mesmo nome con Severino Estévez e Eduardo Collado. Naquela altura, na que destacaba na CNT como orador en multitude de conferencias e de mítins, Pepe Papeles traballaba en Vigo como carpinteiro de ribeira, un Pepe que voltaría á cárcere durante os primeiros meses da dictadura de Primo de Rivera (1923-1930).

     En 1925 envía axuda económica dende Vigo aos presos a través de La Revista Blanca. Ese mesmo ano estaría presente, en representación de Bouzas e Vigo, na xuntanza constituínte da Federación Marítima do Litoral Galego (Federación Regional Marítima) celebrada en Compostela, xuntanza na que se acorda pagarlle un soldo para que dirixira o xornal El Despertar Marítimo. Uns meses máis tarde encárgase da edición das obras de Ricardo Mella e, en 1928, encabeza ¡Despertad! de Vigo cando o xornal catalán Solidaridad Obrera foi suspendido, unha época na que faría de voceiro do grupo Solidaridad, que encabezaba Angel Pestaña e Juan Peiró, nos seus enfrontamentos coa Federación Anarquista Ibérica (FAI).

     Pepe asistiría tamén ao Pleno Nacional de Regionales de Mataró, onde se decide apoiar o complot de 1929 de José Sánchez Guerra contra a dictadura de Primo de Rivera e, en 1930, escribe o epílogo do libro de Juan Peiró Ideas sobre sindicalismo y anarquismo. Nese mesmo ano organiza varios mitins en Ferrol, Vigo, Marín...dirixe a reaparecida Solidaridad Obrera herculina e, en setembro, representa ao Sindicato de Sumilleres de Vigo no Pleno Rexional da Coruña.

     Nos primeiros días da II República, entre eo 11 e o 17 de xuño de 1931, Pepe Papeles representa a varios sindicatos (Betanzos, Marín, Vigo, Vilagarcía e A Coruña) no III Congreso Nacional de Sindicatos da CNT e nos Plenos Rexionais de decembro de 1931, ano no que empezaría a residir na Coruña, e de abril e de agosto de 1932, como delegado para Galiza e Asturias. Nesa altura foi elexido secretario da Confederación Rexional Galaica (CRG) da CNT, cargo que abandonaría en decembro de 1932 por presións da FAI, que o acusou de ocupar a miúdo cargos remunerados mais, con todo, durante a súa xestión a CRG pasaría de 13.000 a 33.000 afiliados.

     Neste ano 1932, co patrón de pesca Manuel Montes, participa no Congreso de Armadores de Barcos Pesqueiros celebrado en Madrid e, ao mesmo tempo que dirixía o seu órgano de expresión Mar y Tierra,  tamén sería un dos creadores da Federación Nacional da Industria Pesqueira (FNIP). En abril de 1934, meses antes de que publicara o folleto Pro seis horas, texto dun mitin con Mauro Bajatierra e Orobón Fernández, é nomeado xerente-administrador do Sindicato do Transporte, nunha época na que se amosaba favorable á Alianza Obreira e, finalmente, en 1935 sería elexido de novo secretario da CRG da CNT, cargo que non aceptaría.

     A represión desatada a raíz do golpe fascista de xullo de 1936 levaría a Pepe a ser detido polos falanxistas cando se incorporaba ao seu traballo na nova estación ferroviaria da Coruña-Santiago, uns falanxistas que en setembro dese ano 36 propuxéronlle encabezar os sindicatos verticais fascistas (Central Obrera Nacional-Sindicalista) cos que os seus verdugos querían substituír o sindicalismo de clase. A negativa de Pepe ao cargo implicaría a súa sentencia de morte e sería asasinado o 24 de setembro de 1936 nun lugar da parroquia de Oseiro. O seu corpo aparecería ao día seguinte no areal de Sabón coa cabeza desfeita. 

Areais de Alba e Sabón
 O seu importante fondo documental, bibliográfico e hemerográfico, agochado nunha maleta e conservado pola súa familia durante a dictadura franquista, sería cedido o 29 de xuño de 2011 á Real Academia Galega (RAG) e o proxecto de investigación das universidades galegas "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" encargaríase de dixitalizalo.

     José Villaverde Velo, Pepe Papeles, de quen atopamos textos en La Calle, CNT, El Combate Sindicalista, Crisol, Mañana, Mar y Tierra, Sindicalismo, Solidaridad Obrera, La Tierra, etc, ten na Coruña, na zona de Monte Alto, unha rúa dedicada.



Ningún comentario:

Publicar un comentario