sábado, 10 de setembro de 2016

RAMÓN VILLAVERDE, O URUGUAIO-ARTEIXÁN DO F.C.BARCELONA


Ramón Villaverde
     Montevideo foi o lugar que viu nacer a Ramón Alberto Villaverde Vázquez un 16 de marzo de 1930. Fillo de pais arteixáns da Pedreira de Oseiro e de Rañobre que emigraran a Uruguai na procura dun futuro mellor, Ramón empezaría, como centos de nenos en Sudamérica, a patear o coiro nas rúas da capital charrúa onde non tardaría en amosar unha pasión e cualidades innatas para a práctica do fútbol..."Ramón engañábame usando uns zapatos vellos que non sei onde os gardaba, mais sempre chegaba á casa cos de uso diario sen unha sinal de darlle patadas a nada", lembraba a súa nai Matilde nunha entrevista a La Voz de Galicia en abril de 1955. 

     Ramón Villaverde empezaría a xogar na tempada 1949-50 no Liverpool de Montevideo, onde demostraría de contado unha innata capacidade goleadora que o acabarían levando ao fútbol colombiano, daquela o mellor pagado do continente americano. Alí, no país cafeteiro, defendería primeiro as cores do Cúcuta Deportivo (50-51) e posteriormente do "Ballet Azul" de Millonarios de Bogotá (1952-54) equipo no que chegaría a  formar unha dupla máxica con Alfredo Di Stéfano. As boas actuacións dos dous futbolistas en terras colombianas non pasarían desapercibidas para os grandes do fútbol español e, deste xeito, Di Stéfano acabaría fichando no Real Madrid e Villaverde no F.C. Barcelona, clube ao que chega en xullo de 1954 da man do directivo Pedro Salvat e de Josep Samitier. 

     O seu debut coa camiseta blaugrana prodúcese en Les Corts frente ao Sevilla na xornada inaugural da Liga (12.9.1954), partido que o Barça gaña 4-2 e no que Ramón marca o primeiro gol batendo de cabeza ao meta sevillista Bustos. Mais se había unha data emotiva para o futbolista uruguaio-arteixán, esa era a do 20 de marzo de 1955, día no que o R.C. Deportivo da Coruña e o F.C. Barcelona se enfrontaban en Riazor, en partido correspondente á xornada 27. Villaverde ía pisar por primeira vez a terra da que tanto lle falaran na súa infancia, a terra que vira nacer a seus pais... polo que, familiares e veciños dos seus proxenitores, tiñan o corazón dividido entre o Barça no que xogaba o fillo daqueles rapaces da Pedreira e de Rañobre que tiveran que facer a maleta da emigración e o Deportiviño  no que xogaba outro arteixán: Arsenio Iglesias. O partido remataría 2-2 e Ramón anotaría un dos goles do seu equipo. 

La Voz de Galicia, 14 de abril de 1955
   Dúas semanas despois daquel enfrontamento, chegaban á cidade herculina Matilde Vázquez e Mario Villaverde, nai e irmán do noso protagonista. Matilde, que naquela hora tiña 62 anos e xa estaba viúva do seu home, a quen coñecera en Uruguai, emigrara do seu Rañobre natal aos 16 anos e facía 46 que non pisaba a súa terra. Despois de tanto tempo sen ver á familia (os pais xa morreran), botaría unha longa tempada en Rañobre na casa dun de seus irmáns e, pola súa banda, os seus fillos Mario e Ramón, que chegara en xullo á Coruña para asistir ao casamento do seu compañeiro Dagoberto Moll, coñecerían nese verán de 1955 a toda a familia materna e paterna da Pedreira, de Suevos e de Figueiroa, lugar no que aínda hai xente que se lembra da axitación que causara a visita do futbolista do F.C. Barcelona.

     A posición de Villaverde no campo tanto podía ser a de interior como a de extremo, mais neste caso tiña tendencia a bascular cara o centro do campo, onde podía explotar mellor a súa extraordinaria visión da xogada. Digno representante da escola sudamericana, o seu binomio co galego Luís Suárez abofé que sería recoñecido pola súa maxia e facilidade de por en pé, co espectacular xogo combinativo de ambos, ao graderío blaugrana. Adiantado ao seu tempo polo feito de non permanecer fixo na banda, senón que tiña tendencia a romper polo centro buscando outras alternativas de ataque, Ramón tiña un remate portentoso e un gran dominio do balón, ata o punto que sabía recortar ao contrario sen chegar a tocar o esférico. Nun tempo de poucos encontros internacionais e de certas facilidades para que os futbolistas chamados oriundos vestiran a camiseta de España, o seu bo facer no  Barça tamén o levaría a xogar un partido coa selección española, partido disputado en Barcelona o 31 de maio de 1956 que España perdería por 2-5 ante Alemaña.

    O futbolista de raíces arteixás tería o seu cenit no Barça baixo a dirección de Helenio Herrera, nunha eliminatoria de 1/4 da Copa de Europa de 1960 fronte aos temibles "Wolves", o alcume co se coñecía ao Wolverhampton inglés. Na noite do 10 de febreiro de 1960, na ida no Camp Nou, o Barcelona vence aos británicos por un contundente 4-0 con goles de Villaverde (2), Kubala e Evaristo.  Na volta, o 2 de marzo do mesmo ano, a exhibición é total e o público inglés ovaciona ao equipo blaugrana ao remate do partido: 2-5 con gol de Villaverde e catro de Kocsis. Aquel Barça sería eliminado nas semifinais polo Real Madrid, que sería o Campeón daquela edición da Copa de Europa de 1960.

     Villaverde non xogaría a célebre final dos paos cadrados de Berna, o 31 de maio de 1961, final da Copa de Europa que o Barcelona perdería por 3-2 ante o Benfica de Lisboa. Instalado xa nun suave declive, o futbolista fillo de arteixáns, permanecería no clube catalán ata o 27 de outubro 1963, que foi o día no que decía adeus á afición barcelonista nun partido amigable ante o Racing de París no que esgotou a súa retirada ata o minuto 12 do segundo tempo, como resistíndose a deixar unha camiseta pola que sentía verdadeira devoción e que tantas alegrías lle dera. Cando deixou o campo fixoo acompañado por unha ovación ensordecedora..."La emoción que he sentido esta tarde al recibir los aplausos y los cumplidos que me han sido dedicados sólo se puede explicar con el corazón. No hay palabras". Durante a súa etapa no vestiario blaugrana a afición e os seus compañeiros apreciárano moito polo seu carácter sinxelo e chan, que acabaría demostrando na tempada 1963-64 ao aceptar xogar cedido o último ano de contrato no Racing de Santander con estas palabras: "Aún no soy viejo para el fútbol, pero ya lo estoy para jugar en el Barça". 
 O día 27 de outubro de 1963 Villaverde despedíase do Barça
     No F.C. Barcelona xogaría un total de 322 partidos oficiais, marcando 136 goles e obtendo dúas Ligas (58-59 e 59-60), tres Copas del Generalísimo (57, 59 e 63) e dúas Copas de Feiras (58 e 60), rexistros que a día de hoxe aínda o sitúan entre os mellores futbolistas da historia do clube catalán.

     Ramón Alberto Villaverde Vázquez falecería en Barcelona aos 56 anos de idade o 15 de setembro de 1986 por mor dunha afección cardíaca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario