venres, 2 de decembro de 2016

A "PELUQUERÍA SUSO E JOSÉ RAMÓN"

    Teño que confesalo. Cando era un cativo de 7 ou 8 anos o feito de ir cortar o pelo era motivo de boas perrenchas pola miña teima de non querer ir ao mesmo lugar ao que ía miña nai a peitearse: a Peluquería Maruja. Alí só había mulleres e se cadra, por mor da sociedade machista daqueles tempos e dalgunha que outra chufa dos meus amigos da infancia, pensaba que tiña que ir a unha peluquería masculina. Non o sei, o único que lembro e que quería que me cortara o pelo Suso Naya, o barbeiro que naquela hora tiña o seu negocio no Paseo do Balneario e agora o ten na Travesía de Arteixo co nome de Naya Peluqueros. Pois ben, despois do meu particular "tira e afloxa" doméstico, finalmente acabaría sendo cliente de Naya durante bastantes anos...e iso que a relación con él non principiara con bo pé: a súa insistencia de querer peitearme naquel enorme pato que máis ben parecía unha ave prehistórica do cuaternario, facíame botar fume polas orellas! Eu só quería que me amañara as greñas na cadeira de brazos dos adultos! 

      Co transcorrer do tempo tiven a sorte de coñecer a Dani Arias, un bo amigo co que compartín vestiario no mesmo equipo de fútbol durante varias tempadas e que, así como non quere a cousa, xa case leva vinte anos dándolle xeito ao pouco pelo que me queda no seu salón de peiteado da Avenida de Fisterra, un Dani que tras completar a súa formación iría aprendendo o oficio a carón dun dos barbeiros pioneiros de Arteixo: seu pai Suso. 

     O refrán "de casta lle ven ao galgo" abofé que se pode utilizar no caso de Dani e do seu proxenitor Suso, un home que hoxe disfruta da súa merecida xubilación e que é sobriño de catro tíos barbeiros: Pepe, Manolo, Enrique e Chucho, veciños de Oseiro e irmáns de súa nai Chelo que eran coñecidos polo alcume dos "Vichelajota" (hoxe deturpado polo de "Pichalajota") porque seica un deles preguntáballe habitualmente aos seus clientes se viran a jota no salón de baile, intre tan agardado naqueles tempos como posteriormente o serían para @s da miña xeración os 15-30 minutos de "lentas" na discoteca. Pepe e Manolo montaran nos anos 50 a súa barbería na Baiuca, perto da casa de Marán e, a principios dos 60, cambiaríanse para a Avenida de Fisterra, para o lugar que hoxe ocupa a Panadería Gestal. Enrique faríao en Meicende, onde na actualidade seguen os fillos na Barbería Barbeito, e Chucho estableceríase na Coruña, pola zona de Santa Margarida, nun local no que Suso Arias aprendería o oficio e traballaría ata que foi á mili, mais ou menos polo 1968.

     Licenciado do extinguido servicio militar, o pai de Dani empezaría a traballar como empregado na barbería que seu tío Pepe tiña en Arteixo, un Pepe que xa había uns anos que non contaba coa axuda de seu irmán Manolo, que se tivera que xubilar por enfermidade. Suso estaría traballando naquel negocio dende 1970 ata a xubilación de seu tío Pepe en 1973, e sería aí, coincidindo coa efervescencia industrial do Polígono de Sabón, cando decidiría coller o traspaso do negocio contratando como empregado a José Ramón Campos, un mozo arteixán que tamén aprendera o oficio a carón de Chucho, o tío de Suso que tiña a barbería na Coruña.

José Ramón e Suso nos anos 80
   Suso e José Ramón traballarían como xefe e empregado naquel local situado fronte ao restaurante El Gallo de Oro ata 1981, que foi cando tiveron que deixar o baixo porque a familia Gestal tiña previsto construir alí o edificio no que hoxe está a panadería, sendo nesa altura cando os dous compran un piso uns metros máis arriba, á altura da actual parada de taxis, e abren como socios a Peluquería Suso e José Ramón, unha sociedade que duraría como tal ata 1998

     Mais uns anos antes de que os dous socios colleran camiños diferentes empezaría a traballar alí Manuel, o fillo de José Ramón ao que tod@s coñecemos por Manuel de Eva...xa sabedes, un dos actores do grupo de teatro arteixán Paso de Valverde que ademais é compoñente do grupo musical Os Revenidos. Desfeita a sociedade, en 1998 Manuel abriría o seu propio salón: Peluquería Manuel Campos, negocio no que  José Ramón continuaría a súa vida laboral ata o día do seu retiro. No caso de Suso tamén acontecería algo semellante xa que, tras deixar de traballar co seu antigo socio, faríao co seu fillo Dani ata a súa xubilación no salón que abrira en 1981 con José Ramón, que é o lugar no que me peiteo dende hai case 20 anos!

1 comentario:

  1. Eu teño o recordo da barberia quetiñan fronte o Galo de Ouro. Moitos anos con eles e do que gardo un grato recordo.

    ResponderEliminar