Si algunha vez fixeches percorrido polo Paseo Marítimo de Arteixo
seguro que viches unha escultura que hai no litoral do Rañal: o
"Monumento ao Voyeur", xa sabes, o enorme anteollo que está enriba do
chamado Pichón da Bogueira e que é unha obra da autoría do escultor
Enrique Saavedra. Pois ben, hoxe vouche contar unha historia acontecida
neste lugar hai xa máis de trinta anos.
A finais do mes de decembro de 1984, o remolcador "Smit Houston"
zarpaba do porto de Rotterdam para se dirixir cara o Brasil. Tiña que
atravesar o Atlántico remolcando o dique flotante
Príncipe Bernardo, que ía suspenso en dúas gabarras, a
Subeift Pacific e a
Giant I.
O dique era unha impresionante masa de aceiro de 265 metros de longo
por 20 de alto e tiña que ser transportado ata unhas instalacións
dedicadas á reparacións de navíos nuns estaleiros próximos a Río de
Janeiro. O remolcador pertencía á empresa holandesa
Smit Tak
compañía que, desde a súa fundación, fórase convertendo na máis
importante e prestixiosa do mundo nas áreas de remolque, rescate de
naufraxios e na protección do medio ambiente por accidentes de
transporte. Precisamente, uns anos máis tarde, a
Smit Tak sería contratada polo goberno de Aznar para encargarse do salvamento do
Prestige,
un goberno que decidiría afastar o petroleiro mar adentro en contra dos
criterios da empresa holandesa, que consideraba que o mellor era levar
ao
Prestige para un porto refuxio ou para unha área segura, onde
se pudesen solucionar os problemas con total seguridade. Infelizmente,
aquel fatídico 19 de novembro de 2002 quedará grabado na memoria de
tod@s nós, por causa das decisións tomadas por aquel goberno presidido
por José María Aznar.
Após cruzar o Canal da
Mancha e deixar atrás a Bretaña francesa, sen superar en ningún momento
as dúas millas por hora de velocidade, a tripulación do
Smit Houston tiña previsto facer escala no porto da Coruña para pasar alí a Noiteboa e, para tal fin, a casa consignataria
Molina, representante na cidade herculina da compañía
Smit Tak,
xa recibira instruccións para tramitar a entrada no porto coruñés do
remolcador e dos 265 metros de estructura metálica que transportaba.
Mais esta entrada nunca chegaría a producirse por mor dun accidente
acontecido ese mesmo día, 24 de decembro, a unhas 120 millas ao noroeste
do Cabo Prior. Debido ao forte temporal que neses últimos días de 1984
azoutaba a costa norte da península, a forte presión que as ondas
exercían sobre o dique flotante
Príncipe Bernardo, provocaría que se partise pola metade, quedando á deriva a parte traseira, que ía suspensa na gabarra
Giant I, mentres a dianteira continuaba suxeita ao
Smit Houston.
A tripulación do remolcador non pudo evitar a quebra do dique, risco
que existía desde o momento en que as condicións do mar eran tan
adversas. Aínda así, fixéronse tentativas por recuperar a parte do dique
que quedara solta, mais o mar embravecido faría inútiles todos os
esforzos. Mesmo se chegara a botar unha Zodiac para tentar restablecer
amarras, mais as ondas envorcaríana sen que afortunadamente houbese que
lamentar vítimas. 110 metros de estructura metálica quedaban
definitivamente á deriva nunha das zonas de máis intenso tránsito
marítimo do Atlántico, unha masa de aceiro que se ía aproximando
perigosamente cara as costas coruñesas.
|
A metade do dique Príncipe Bernardo que embarrancou no Rañal |
Durante as primeiras horas do día de Nadal, as
emisoras costeiras emitiran mensaxes da Comandancia de Mariña de Vigo
alertando do perigo que supuña para a navegación a existencia dunha
metade do dique
Principe Bernardo navegando á deriva frente ao litoral galego. No día 26, os remolcadores
Punta Tambo, da compañía
Remolques Marítimos de Ferrol e o
Remolcanosa Cinco, con base na cidade olívica, saían dos seus respectivos portos, pouco despois de ser contratados pola
Smit Tak, para acudir ao rescate da estructura metálica á deriva. O
Punta Tambo
conseguiría contactar con esta parte do dique ás cinco e media da tarde
e navegou ao seu carón ata que este comezou a embarrancar nas costas de
Arteixo, pouco antes das dez da noite, que foi o momento no que os dous
remolcadores galegos quedarían xa á expectativa mar adentro.
Segundo algúns veciños do Rañal, xa na última hora da tarde do
mércores, podíase avistar a considerable distancia da costa como se
aproximaba
"algunha cousa" que navegaba moi devagar. Estes
veciños contarían que o embarrancamento definitivo da metade do dique
produciríase polas dúas da madrugada do xoves, día 27.
"O estrondo
foi enorme; un pouco máis tarde o mar debeuno retirar augas afora e
posteriormente voltaría a batelo contra as rochas, o que provocou outro
grande estrondo. Parecía increíble que aquela cousa pudese quedar
montada sobre A Bogueira de semellante xeito", comentaba Adolfo Vázquez.
|
Vista actual da zona do sinistro |
Coa claridade do día, podíase ver que a metade do
Príncipe Bernardo suspensa na gabarra
Giant I
encallara na zona que comprende o Pichón da Bogueira (onde hoxe está o
enorme anteollo) ata a entrada do Carreiro e quedara levemente escorada
sobre as rochas e cara a terra. O embarrancamento coincidía coa subida
da marea, o que provocaba que a gran masa de aceiro se movese moi
bruscamente, ameazando con dar un xiro sobre sí mesma de 180 grados. É
curioso que, mentres as autoridades da Mariña española manexaban unhas
informacións moi confusas, a axencia estatal de noticias holandesa xa
difundira un comunicado dando conta do accidente do dique, comunicado do
que se farían eco as televisións e prensa daquel país. Durante aquel 27
de decembro de 1984, gran cantidade de curios@s acudirían ata o Rañal
para vez a plataforma, visitas que durarían varias semanas.
|
Desmantelamento do dique perdido no Rañal (Foto Manuel Santa Cruz) |
Unha vez que tiveron coñecemento do embarrancamento da metade do dique, seis técnicos da
Smit Tak
trasladaríanse ata A Coruña nun voo especial que aterraba ás 11:30 da
mañá do mesmo día do sinistro no aeroporto de Alvedro. Nada máis chegar,
serían recibidos polo persoal da casa consignataria
Molina e, pouco despois, desprazaríanse ata O Rañal para estudar as posibilidades de recuperación dos 110 metros encallados do
Príncipe Bernardo.
Após as primeiras observacións, os técnicos holandeses mostrábanse
escépticos sobre as posibilidades de recuperar a estructura metálica,
que xa tiña graves danos por mor do efecto do mar e polos golpes contra
as rochas da zona da Bogueira. O venres 28, un deles trasladábase ata
Vigo para agardar pola chegada do remolcador
Smit Houston e pola outra metade do dique, que tiñan previsto chegar á cidade olívica na madrugada do sábado. Dos outros técnicos da
Smit Tak,
tres regresarían a Rotterdam e os outros dous permanecerían en Arteixo,
onde continuarían avaliando as posibilidades de refrotamento da
plataforma, uns técnicos que tras varios días de observacións
elaborarían un informe no que lle comunican á compañía que o salvamento
era imposible.
|
Antonio Sanjurjo, "O alemán do Rañal" |
Con posterioridade, tanto os 110 metros do
Príncipe Bernardo como a gabarra
Giant I, serían despezados pola
Santa Cruz,
unha empresa que se dedicaba ao desmantelamento de barcos (tiña as súas
instalacións onde hoxe en día está a I.T.V. de Sabón) e na que
traballaban unhas dez persoas da miña aldea do Rañal. Unha delas,
Antonio Sanjurjo (o popular
Alemán do Rañal), un home que
estivera presente coa División Azul na Segunda Guerra Mundial, fora o
vixilante nocturno do desmantelamento e, a máis dun pescador, tenlle
dado algún que outro susto co seu
"alto; quen vai!!".
Evidentemente, Antonio continuaba tendo a mente na frente rusa algo que,
37 anos despois, camiño xa dos 97 invernos, aínda segue facendo
habitualmente.
FONTES:
- SAN CLAUDIO SANTA CRUZ, MIGUEL .
Tesouros asolagados. Edicións Lea. Santiago de Compostela, 1997.
- MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER.
O mar de Arteixo e os seus naufraxios. Asociación Cultural Monte da Estrela. Arteixo, 2012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario