|  | 
| Hóspedes do Balneario cruzando a ría do Rañal nos anos 20 (Arquivo do Reino) | 
     Hoxe imos facer un percorrido pola toponimia do litoral de Arteixo, unha viaxe que iniciamos na parroquia de San Pedro de 
Sorrizo, na Enseada de Lourido, que se estende entre a Punta da Atalaia 
(lugar onde antano os mariñeiros de Caión controlaban o paso das baleas) e a 
Punta da Torre. Esta enseada abranxe o regato de Augacai, que é o lugar 
que deslinda o Concello da Laracha co de Arteixo, Folgueiro, O Rego do 
Xunco, O Porto do Seixelo, As Carredosas e Valos Vellos. Continuamos por
 esta parroquia facendo o traxecto que vai da Punta da Torre ao Porto de
 Sorrizo, onde encontramos os seguintes lugares: O Teirón, Regoxido, A 
Punta da Fontenla, A Punta das Mariñas, A Pedra da Muller, A Galleta, A 
Pedra do Corvo, Os Campelos (de dentro e de fora) e O Porto. Entre o 
Porto de Sorrizo e A Punta (ou Pedra) Alta, lugar que divide as 
parroquias de Sorrizo e Chamín temos: O Porto dos Cabalos, A Ouriceira, O
 Porto da Bendición, tamén chamado Salseadoiro das Bestas, A Vixiadoira;
 A Pedra Redonda e a citada Punta Alta, que é onde finaliza a costa de Sorrizo. A pequena enseada que vai dos Campelos ata A Pedra 
Redonda, chámase As Lobas.
     Continuamos o percorrido 
por Chamín, na Praia do Reiro (onde de vez en cando o mar pon ao 
descuberto os restos do barco belga "Artic", embarrancado neste areal en 
1938) tamén chamada Santa Irene.
     Fronte á 
desembocadura do Río Boedo, que separa as parroquias de Chamín e 
Barrañán, están situadas as Pedras do Esteiro ou Pedras do Río e xa a 
seguir, estamos no Areal de Barrañán, diante do cal encontramos A 
Pedra da Salsa, A Pedra de Guimarán e case no final da praia e mar 
adentro, está a Pedra Chan de Barrañán. O litoral desta parroquia acaba 
na praia nudista de Combouzas.
|  | 
| Imaxes dos anos 20 do Pichón da Bogueira (Arquivo do Reino) | 
     Deixamos Barrañán e
 entramos na parroquia de Santiago de Arteixo, onde temos pola zona de Valcovo: A 
Punta do Compás, A Furna do Galo (a lenda conta que nesta furna se botou
 un galo e que saíu no lugar do Galo, na parroquia de Barrañán), A Area 
Grande (onde está o "Camping"), O Petón de Martís, a caliña da 
Area Pequena, O Trebón, A Pedra Negra, O Seixo, A Furna dos Corvos, A 
Escada, A Furna do Canteiro e O Petón, que é o monte que está a carón 
dos illotes da Corveira, A Galdrana e A Pedra da Herba. No lugar de 
Figueiroa están O areal da Arbosa, O Petón de Bernardo, O Areal de 
Repibelo e A Santa Baia, que é a caliña que hai entre Repibelo e a Area 
da Salsa, praia que xa está no Rañal (Bernardo era un señor de Figueiroa
 que casara na Laracha, na parroquia de Soandres, no lugar de Santa 
Baia. No verán acompañaba a súa dona a darse baños nas pozas do lugar 
que, dende hai máis dun século, leva o nome de Santa Baia). Continuando 
por este lugar, polo Rañal, temos As Baleas, A Furna das Pombas (onde 
recolle a auga do mar o viveiro do Rañal), o illote da Travesa (frente á
 Furna das Pombas), O Carreiro, O Pocete, A Meda, A Conchuda, A Bogueira
 (onde embarrancou en 1984 a plataforma "Príncipe Bernardo"), o illote do 
Castelo (fronte A Bogueira), O Pichón da Bogueira (sobre o que está o 
enorme anteollo), as Aguieiras, a Ermida, A Punta do Paiolo, as Pedras
 do Aguillón (na desembocadura do Río Bolaños), o Areal Pequeno, o Areal
 de Alba e A Pedra do Xiro, que é a que divide os areais de Alba e Sabón
 e tamén, as parroquias de Arteixo e Oseiro.
  Na 
parroquia de Oseiro, despois da Praia de Sabón, atravesamos pola ponte 
de madeira que hai na desembocadura das augas do encoro do Roxedoiro 
(antes da construcción do Polígono aquí morrían as augas do Río 
Seixedo), e temos a Constanza, unha zona na cal se formou un areal en 
consecuencia das mudanzas das correntes que houbo, por causa das obras 
en Punta Langosteira. Euxenio Carré recolle en "Geografía del Reino de 
Galicia" a orixe deste topónimo e dí:  "en las playas inmediatas se 
dice hay la llamada Pena da Constanza, que debió este nombre a que allí 
embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas". Estamos xa no 
lugar de Rañobre e a partir de aquí, os topónimos que se enumeran a 
continuación forman, infelizmente, parte do pasado xa que coas obras do 
Porto desapareceron: O Pozo dos Cans (estaba na entrada da 
Bocatoma), Os Pelouros, As Galiñas, O Cabalo, O Pozote (formaba unha 
enseada cativa onde abundaban as nécoras e os camaróns), O Pontal da 
Ribeira, O Plato, A Madoira, A Punta da Sartaña, Os Pasos de diante da 
Sartaña, A Sartaña, Os Ceixos, O Cu Cagado (hai fontes que indican que 
era O Cun), A Punta da Trabe, O Vapor, As Eixadas, O Ollol (algunhas 
persoas chamábanlle O Llol), O pé do Muiño e A Besta, que era a zona 
aproximada por onde se dividían as parroquias de Oseiro e Suevos.
|  | 
| Pescadores diante das Pedras do Aguillón, no Areal de Alba, nos anos 50 | 
   A seguir estaban: O Xancán, os illotes da Travesa e A Percebeira, O 
Canal do Lobo, Os Cambóns, As Negras, As Lobas, A Furna das Corveiras, A
 Furna do Ruibo, o Cabo Cociñadoiro (do Cociñadoiro ao Canal do Lobo, o 
litoral facía unha enseada, que se chamaba A Becha), A Punta de Muros, A
 Poza, A Altiña, A Punta dos Corvos, A Punta do Asno e por último A 
Furna do Asno, lugares todos eles que xa son historia, como resultado da
 construcción do novo porto. Continuando o percurso polo litoral da 
parroquia de Suevos e mesmo atrás do dique de abrigo do Porto de Punta Langosteira, está A Vixiadoira, O Gato Fero (que fai unha 
pequena enseada), A Redonda da Pariñeira, A Pariñeira, a furna da Fonte 
de Campos, O Armón, Os Curros, As Atalaias, A Punta do Salto, A 
Malveira, A Punta Langosteira, O Areal Do Cerro, A Punta do Cerro, A 
Furna das Antas, A Pedra da Posta, A Faxarda, A Boleira das Antas, O 
Boi, O Porto de Suevos, a praia da Area do Porto, O Puntido (onde hai un
 castro), A Furna da Artesa, a praia da Area Grande, Os Coíños, a furna 
dos Goíños, As Gralleiras (onde está a "Cheirona"), O areal de Auga 
Doce, A Furna da Gudela, A Punta da Rabina, os illotes da Gaianda (onde 
embarrancou o vapor alemán Trier en 1902) e a Furna do Triel, que é onde
 finaliza a parroquia de Suevos.
     Este percorrido 
polo litoral de Arteixo acaba na parroquia de Pastoriza, onde temos O 
Regueiro e a Punta da Moa, que é o lugar que deslinda o concello 
arteixán do da Coruña.
|  | 
| Mapa do ano 1953 da autoría de Mauricio Molinero | 
Ningún comentario:
Publicar un comentario