
Falar do mar na nosa casa, na casa do Touciñeiro, era
falar de moito sacrificio e de traballo duro, e a recollida do golfe,
que son as algas ou argazo que o mar arrinca e arrastra ata as rochas
e os areais, era un deses traballos. Esta actividade, moi enraizada
nos veciños da contorna das praias e presente ata hai ben pouco
tempo, foi sustento ben importante para a xente que se adicaba á
labranza pois, naqueles tempos de escasezas económicas e de recursos
que lle tocaron vivir aos nosos avós, o golfe era como un agasallo
caído do ceo: grazas a el as terras podíanse aboar de xeito
gratuíto...era o esterco do mar!
![]() |
El Heraldo, 21 de novembro de 1929 |
Meus avós dicían que tras dos
temporais, o golfe chegaba en grandes cantidades á ribeira do lugar. Falaban de bardas de golfe
e contaban que moitas veces, dependendo das mareas, había que
madrugar moito para ser os primeiros en chegar ás praias. Amañaban
o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime
para carrear. Logo, xa nos areais, había que procurar unha situación
boa e coa maior comodidade posible para cargar o carro que, unha vez
cheo, levábase ás leiras para esparexer todo posteriormente.
Meus
tíos contan, coa retranca que herdaron de seu pai, meu avó Milio, que cando eran
mozos teñen ido a paxear no
golfe ao dereito de vir de troula...”eran outros tempos
que oxalá non volten”, din.
Cando falo con eles desta tarefa, bríllanlles os ollos, non sei se
polas lembranzas do traballo duro ou pola nostalxia dos tempos mozos.
En calquera caso, o certo é
que o golfe foi durante séculos unha boa axuda para as familias que
vivían a carón do litoral.

Vai coller o gasto
cun sacho e cun cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos,
e mais para estrume
o golfe mareiro,
a xeba e argazo
o bocho e verdello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario