venres, 8 de setembro de 2017

O XOGO DOS PAQUETES DA PARROQUIA DE LOUREDA

   
Cartaz do bar Cruceiro do Igrexario
     Non sabemos se xa se xogaba nos tempos das “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921. Ignoramos tamén se xa se practicaba nos tempos no que o camiño que unía Lañas co Foxo era frecuentado polos mozos de San Román, Lestón e Paiosaco que viñan, na xuventude dos nosos avós, aos bailes que se facían no Salón de Rumbo. Só sabemos que, ata o de agora, ninguén é quen de dicir con certeza o ano exacto do seu comezo mais, segundo algunha veciñanza de Loureda, hai “moitos anos de nuestro Señor” que o chamado xogo de naipes “dos paquetes” vense celebrando no lugar do Foxo cada 8 de setembro, coincidindo sempre coa Romaría da Nosa Señora dos Miragres de Caión.

      Sen poder concretar data algunha, hai quen asegura que uns romeiros do lugar que viñan cansos da peregrinaxe a Caión empezaron a entreterse con este xogo na “Casa de Trigo”, a tenda de ultramarinos, estanco e bar que leva aberta no Foxo desde tempos inmemoriais, como diría o poeta Manuel María. Pois ben, alí na de “Trigo”, que estivo rexentada durante moitos anos por Norecha Vázquez e o seu home Manuel Naya (e moito antes pola señora Leonor e o señor Ramón, os pais de Norecha), alguén tivo a idea de principiar con esta práctica dos “paquetes”, un entretemento que andando no tempo abofé que se convirtiría nunha das sinais de identidade da parroquia de Loureda.

      A persoa que quixera participar no devandito xogo “dos paquetes” tiña que aportar unha peseta para entrar na partida, diñeiro que ía destinado á compra dun paquete (de aí o nome do xogo) de galletas María que, naquela hora, era unha auténtica delicatesen que non todos se podían permitir.

   Ás veces, en función do valor que os participantes lle quixeran dar ao paquete de galletas, entrábase na timba cunha ou outra cantidade de diñeiro. Logo, unha vez determinado o número de xogadores e sentados xa arredor dunha mesa, unha persoa principiaba a repartir boca abaixo un naipe da baralla a cada un dos participantes, quenes tiñan que poñer os cartos enriba da súa respectiva carta. Nun momento dado do xogo, a persoa encargada de repartir os naipes dicía... ¡cartas arriba!”. Entón cada un dos xogadores ensinaba o seu naipe coa ilusión de que lle saíra o as de ouros, a carta que outorgaba o premio e que era coñecida neste xogo como “A Bola”. Se o as de ouros non saía na primeira man, o que repartía os naipes volvía a dar nunha segunha ou nunha terceira tanda, xa coas cartas cara arriba, ata que “A Bola” caera nalgún dos xogadores. E finalmente, o afortunado que tiña nas súas mans o as de ouros era a persoa que levaba o premio do paquete de galletas.

A Casa de Trigo na actualidade
   E así, partida tras partida, os veciños e veciñas do Foxo pasaban as horas xogando cada 8 de setembro na de Trigo, un establecemento que co paso dos anos acabaría rexentando Pili, a filla de Norecha, que contaría coa axuda no negocio do seu home Angel e do seu fillo Miguel.
 
     Despois de moitos anos xogando na de Trigo e en outros puntos da parroquia como en Ervedíns, na do Cubano e na taberna de Genaro, hai un par de anos cambiouse o lugar de xogo polo bar o Cruceiro do Igrexario de Loureda, e tamén se ven xogando dende o 2016 no centro social do Foxo, lugares nos que logo de que algunha persoa se encargue de mercar as galletas máis variadas existentes no mercado, seguen pasando as tardes de cada 8 de setembro os maiores e os cativos da parroquia do mesmo xeito, e coa mesma ilusión, que o fixeran aqueles romeiros que supostamente inventaron este xogo dos paquetes.

Nenos e nenas xogando aos paquetes no Foxo
     A día de hoxe, polo que me contaron miña irmá Arantxa, que dada a súa longa relación con Fran García é xa unha veciña máis do Foxo, e súas curmás políticas Iria e Alma, a veciñanza de Loureda segue gardando a tradición xogando cada 8 de setembro a este xogo “dos paquetes”, un divertimento que iso si, a raíz da chegada do euro, cada xogador participa en cada ronda entrando con 10 céntimos por partida agardando, co oportuno formigueo no estómago, a que o azar o faga gañador do premio do paquete de galletas levando o as de ouros. Mais despois de tanta teoría, como ben di Alma Suárez, que mellor que ir ata Loureda o 8 de setembro para pasar un rato agradable aprendendo a xogar a este xogo tan arraigado nesta parroquia arteixá dende hai tanto tempo.

   Curiosamente, na procura das orixes deste xogo a miña amiga Gabriela Prego, veciña tamén de Loureda que traballa na Facultade de Filoloxóa da USC, contoume que andivo investigando sobre esta modalidade de naipes no libro “Antropología cultural de Galicia” (Akal. Madrid, 1971) da autoría do aragonés Carmelo Lisón Talana, doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade de Oxford, ademais de ser tamén catedrático emérito de Antropoloxía Social na Universidade Complutense de Madrid (1979). Pois ben, ao parecer Lison Tolosana non ten nada recompilado sobre este xogo "dos paquetes", feito que nos leva a pensar que se os americanos teñen a cidade de Las Vegas como a súa cuna particular do xogo...os arteixáns temos o lugar do Foxo como centro mundial de entremento cada 8 de setembro!

2 comentarios: