venres, 15 de setembro de 2017

DE SUSO DÍAZ A RAÚL GUTIÉRREZ, O ONTE E HOXE DA "PARRILLADA GARDEL"

A Gardel na actualidade
    Redes sociais, críticas gastronómicas, comentarios en TripAdvisor, apps especializadas…Cada vez dispoñemos de máis recursos para acertar nas nosas apostas á hora de comer mais, ao meu modesto entender, o mellor segue a ser deixarse levar polo boca a boca da xente local ou polos consellos de familiares e amigos que estiveron antes que nós no destino vacacional que temos en mente. No caso de Arteixo, contamos cun bo número de negocios hostaleiros recomendables nos que podedes saborear as mellores exquisiteces culinarias da bisbarra, negocios sobre os que prometo falar máis polo miúdo algún día xa que hoxe o protagonismo é para a Parrillada Gardel que, con case catro décadas de historia, ten máis que merecido o pequeno homenaxe que lle facemos a continuación.

Raúl Gutiérrez marcando un chuletón
      Situada no lugar da Groufa, no que algunha xente, dada a proximidade coas Parrilladas Paraíso e La Florida, denomina a "milla de ouro do bo comer arteixán", a Parrillada Gardel reabriu, despois dunha paréntese de dous anos, as súas portas o pasado 27 de xuño da man do uruguaio Raúl Gutiérrez Pita, un cociñeiro que curiosamente está agora ao fronte do mesmo local no que iniciara a súa traxectoria, alá polo ano 1978, o que Gutiérrez considera "maestro de todos los parrilleros coruñeses", Jesús Díaz.

     Nado na parroquia de Santiago de Berdeogas (Dumbría) o 23 de novembro de 1936, Jesús Díaz, máis coñecido polo apelativo de Suso, foi un dos miles de galegos que fixeron a maleta da emigración nos anos 50 na procura dunha mellor vida e das oportunidades que non tiñan na súa terra. Con 18 anos recén cumpridos o noso protagonista decide embarcarse a Brasil onde, nada máis realizar a travesía atlántica, empezaría a traballar de camareiro en Río de Janeiro. Doce meses servindo caipirinhas e cafés na cidade carioca darían paso a nove anos en Sao Paulo, período no que se gañaría a vida traballando coma mecánico na factoría da Volkswagen da capital paulista. Suso faríase alí seareiro do Santos F.C. que comandaba o lendario Pelé ao mesmo tempo que se namoraba de María, unha fermosa brasileira coa que non tardaría en casar e, ao pouco, chegaría Eduardo, o primeiro fillo da parella.

     O emigrante de Berdeogas levaba xa dez anos fora da casa cando decide facer de novo a maleta e probar fortuna na Arxentina, a onde chega coa súa familia a mediados dos anos sesenta para traballar na rama da hostalaría entre a comunidade galega de Bos Aires. Alí, na cidade porteña, Suso Díaz quedaría enfeitizado coa música de Carlos Gardel, o máis famoso cantante do tango arxentino que falecera en 1935 en Medellín (Colombia) nun accidente de avión durante unha xira, un Gardel ao que Suso homenaxearía anos máis tarde bautizando co seu nome un dos negocios que o de Dumbría abriría en Arteixo.

Suso Díaz nos anos 70
      Tras seis anos traballando duro en Bos Aires, onde viñera ao mundo Juan Ramón, o segundo fillo do matrimonio, Díaz viaxa en 1970 á súa querida terra galega para pasar unhas merecidas vacacións entre os seus, aos que non vía dende facía máis de tres lustros. Volta a América coas pilas recargadas mais, entre a morriña e o mal que se estaban poñendo as cousas na Arxentina por mor da grande crise económica e dos problemas políticos que vivía o país, que acabarían derivando no Golpe de Estado do 24 de marzo de 1976, o noso protagonista e a súa familia deciden abandonar Bos Aires e asentarse na Coruña. Na cidade herculina abren un bar na rúa Francisco Añón ao que bautizan, lembrando a súa estadía na capital arxentina, co nome de El Porteño, establecemento que rexentarían aproximadamente durante dez meses. Corre o ano 77 e, ao igual que fixera na emigración, Suso cambiaría a hostalaría polo motor e decide montar un taller mecánico en Arteixo, no lugar da Groufa. Son tempos nos que o concello arteixán empeza a medrar notablemente por mor do Polígono Industrial de Sabón, feito que o de Dumbría sería quen de ver como unha oportunidade de negocio e non tardaría en voltar á hostalaría alugando o Rozas 2, bar ao que lle pon o nome de Gardel, o ídolo que tanto admiraba. As cousas alí vanlle ben, tanto que o local pronto lle quedaría pequeno, sendo nesa altura cando lle xurde a ocasión de facerse cun baixo a pouco máis de 300 metros do que rexentaba dende facía uns meses. Díaz decide comprar o local e, trala oportuna reforma realizada polo constructor arteixán Manuel Calvo Añón, que por aqueles días tamén se encargara da construcción da lendaria discoteca Chevalier de Santa Cristina, abre o novo establecemento en 1978 co nome do seu querido cantante de tangos: Gardel. O seu don de xentes, sumado á boa relación calidade-prezo das súas carnes e peixes á grella, farían que desde o día da inauguración o negocio fora vento en popa. O 111 (o número de teléfono da Gardel era o 600111) botaba fume a diario. Clientes do Polígono de Sabón, entre eles o propio Amancio Ortega, representantes comerciais, turistas, parellas, festas familiares, ceas de amigos...todo ía ben excepto para María, a muller de Suso Díaz, que sentía unha morriña infinita da súa terra brasileira. 

     Por uns motivos ou por outros, o caso é que en 1983 Suso decidiu venderlle a Gardel a dous matrimonios da zona de Vimianzo mais, iso si, seguiría ligado ao mundo da hostalaría xa que non tardaría en abrir en Santa Cristina o bar El Paso e, posteriormente, tamén abriría a cadena de parrilladas Gaucho Díaz. O Gaucho I montaríao en San Pedro de Nós e o Gaucho II en Perillo, local no que tería como empregados a Raúl Gutiérrez, o actual propietario da Gardel, e a un rapaz de Meicende que traballaba alí de camareiro ao mesmo tempo que estudiaba arquitectura: Carlos Calvelo, o alcalde actual de Arteixo.

Cea da Peña O Rañal na Gardel en 1988
   Os matrimonios formados por Julia Mouzo e Manuel Carril, máis coñecido polo apelativo de Manolito, e Juan Mouzo e Mari Luz Pereira foron as dúas parellas ás que Díaz lles vendeu a Gardel, catro veciños de Vimianzo que tamén fixeran a maleta da emigración, neste caso a Suíza, e que decidiran iniciar unha nova andaina nas súas vidas investindo parte dos aforros que fixeran no país helvético comprando o local da Groufa. Os novos propietarios seguirían traballando no negocio baixo o nome de Gardel. O anterior dono xa tiña o camiño aberto e fora quen de converter a parrillada nun dos lugares de referencia na gastronomía da bisbarra polo que, con esa boa carta de presentación, pensaban que o mellor era non cambiar a denominación do negocio e continuaron rendíndolle tributo ao popular cantante de tangos.

Cea da Peña O Rañal  na Gardel en 1988
    As dúas parellas de Vimianzo inaugurarían a parrillada o 1 de agosto de 1983. Sabían que Suso Díaz deixara o pavillón ben alto e o seu listón era difícil de superar. Era evidente que non sería doado igualar o seu ritmo de traballo. Mais abofé que o conseguirían. Con ese afán de superación, con sacrificio e coa maior das ilusións Manolito, Julia, Juan e Mari Luz (Julia e Juan son irmáns) serían quen de aportar o seu gran de area para que a Gardel continuara sendo un dos locais de referencia da comarca. Non tardarían en ampliar o negocio, comprando o andar superior que lle daba a posibilidade de triplicar os comensais que tiñan cabida na parte inferior, un feito que daría pé a que aumentara o número de reservas para colectivos como equipos de fútbol, peñas, ceas de empresa, etc. 

     Van pasando os anos...os 90....os 2000...e así, como non quere a cousa, as dúas parellas xa levan ao fronte da Gardel tres décadas, trinta anos nos que se converteran en catro arteixáns máis, trinta anos nos que viron como os seus fillos medraban entre os cheiros agradables das carnes e peixes á grella, e trinta anos nos que moitos dos seus clientes acabaron sendo coma da familia. Manolito, Julia, Juan e Mari Luz pecharían a Gardel no ano 2013 por xubilación.

     En setembro do ano seguinte alúganlle o local a Pablo Penide e Alba Souto, unha parella arteixá que viña de rexentar o Konciencia, un bar que anteriormente fora o Pub Manguera. Na súa nova aventura hostaleira, Pablo e Alba decidirían cambiar o nome da parrillada pasando a chamarse desta volta O Son do Lume, un negocio no que permanecerían ata xuño do 2015 para abrir, pouco despois, unha taberna na Avenida dos Bosques de Arteixo, a Pintxoteca. A Pablo, que é curmán da cantante de Meicende Silvia Penide, podédelo ver a día de hoxe traballando na cociña do Bata de Guata, o popular local da vila arteixá que está ao carón do río Bolaños. 

Raúl cun chuletón marcado coa "G"
     E así chegamos a xuño do 2017. Despois de botar dous anos pechada, Raúl Gutiérrez reabre, baixo o nome orixinal de Gardel, a parrillada na que empezara en 1978 o que fora o seu xefe no Gaucho Díaz II, un negocio no que os peixes "da costa galega, nada de piscifactoría" e as carnes á grella, que Raúl marca coa letra "G" de Gardel e de Gutiérrez, son a especialidade da casa. Cunha dilatada experiencia na cociña de restaurantes da Coruña como El Rancho, Tío Suso, Gaucho Díaz II, La Estancia, La Cabaña del Cazador ou Gaucho Díaz I, a nova xerencia do mestre Gutiérrez, a quen Suso Díaz lle chamaba cariñosamente "Cachito", chega á Groufa para darlle un aire renovado a un local que sempre foi referencia na bisbarra, un local que combina os mellores produtos con actividades e festas cada semana. De entrada, as que xa se levan a cabo os venres e sábados, "as noites de queimada", que lle dan á nova Gardel un toque máxico para redondear as fins de semana no concello arteixán.


   

Ningún comentario:

Publicar un comentario