venres, 22 de setembro de 2017

A TABERNA "CASA TRIGO" DO FOXO

     Xa temos falado nalgunha ocasión das tabernas, os establecementos de antano nos que tanto se podía comprar un paquete de café, coma un saco de millo ou botarlle unha cunca de viño. Pois ben, aqueles locais nos que os homes entraban a tomar a copa e as mulleres a comprar, a ser posible sen entrar xuntos, eran, por así o dicir, os centros sociais dos tempos dos nosos avós e, ademais, tamén era parada obrigada dos máis cativos, xa que alí podían mercar algunha lambetada, que evidentemente non eran as “chuches” de hoxe en día. Daquela as lambetadas eran os plátanos, as laranxas, os figos pasos, as noces… Xunto cos muíños e os lavadoiros, as tabernas tamen foron os grandes lugares de convivencia e contacto social para a veciñanza da época, sitios de tertulia nos que se falaba de todo o humano, das novas recentes e de contos que darían pé ao nacemento de lendas e cantigas que, desgraciadamente, se están a perder na actualidade.

Fachada da "Casa Trigo" 
      Tabernas populares do noso concello foron a Benitona da Lagoa; o Ferrador e o Piñeiro de Chamín; O Salón de Monteagudo; a de Allán, a de Moreiras e a de Amalia de Francisco, as tres na Baiuca; a de Ana e a do Veigueiro na Carreterra Nova da vila de Arteixo (hoxe Avenida de Fisterra); a da tía Rosa e a de Fontes, no Alto de Arteixo; a de Chubá en Oseiro; a da Roxa en Pastoriza; a de Romanó en Loureda; a de Pedro de Amado en Ervedíns; ou, entre outras, a Casa Trigo do Foxo, taberna da cal falamos a continuación máis polo miúdo.

     Empezando a subir a costa de Comiñas, á man esquerda, na estrada que vai a Larín; para máis señas, cerquiña do centro social da aldea do Foxo, atópase esta tenda que, actualmente, rexenta Pilar Naya Vázquez, Pili para os seus amigos. É necesario explicar ben onde se atopa, porque os que non saben que existe pasan de largo sen nin sequera decatarse que está alí. Unha chapa de Coca Cola e o letreiro de Tabacalera colgado na fachada, xusto enriba da porta, indica que a Casa Trigo é un establecemento autorizado para a venda do tabaco. Nada máis entrar sentimos a mesma sensación que acontece cando pisamos o Bar Insua, o popular Muiñeiro de Arteixo, xa que ambos son dos poucos lugares do concello nos que as innovacións pasaron de largo. É difícil explicar como o puideron facer. Ata custa crer que fora posible. Mais o certo é que o Insua e a de Trigo son lugares ben axeitados para soñar como sería a vida nas tabernas de antes.
  
Interior da "Casa Trigo"
   Din que as máquinas do tempo aínda non existen, só coa excepción da que inventara Doc, o cientifíco ao que todos tomaban por tolo na película “Regreso al futuro”, mais un momentiño, se entramos na taberna do Foxo podemos viaxar de balde ao pasado observando que o único que cambiou foi o envoltorio dos productos que alí se venden. Os vellos estantes ateigados de botellas de coñac e doutros licores, o mostrador de madeira, os prezos dos produtos apuntados con tiza nos taboleiros de cor negra...cada detalle da tenda faite transportar aos primeiros anos do negocio, uns inicios que, polo que me contou Pili, a propietaria actual, principian a finais do século XIX, cando Rosa e Josefina, dúas irmás do Foxo, deciden facer a maleta da emigración e embarcarse cara o continente americano.

      As dúas irmás traballarían duro durante varios anos na Arxentina e no Uruguai e unha delas, Josefina, coñecería nesa altura a Generoso Trigo, un bo mozo da Guarda (Pontevedra) ao que lle acabaría dando o “si quero”. Certo tempo despois de casaren, o matrimonio faría a viaxe de retorno á terriña xunto a Rosa, a irmá de Josefina, e establecerían o seu domicilio na parroquia arteixá de Loureda onde, nos primeiros anos do pasado século, abrirían no baixo da súa casa unha taberna á que lle poñen o apelido do da Guarda: Casa Trigo.

Imaxe dos primeiros anos da "Casa Trigo"
     Nunha época na que o bulicio do Foxo era moito maior que agora, a situación estratéxica do establecemento, situado na vella estrada pola que pasaban a diario as xentes da comarca de Bergantiños que se dirixían á cidade da Coruña, faría que a taberna funcionara ben desde o primeiro día, colaborando ademais na promoción do eixo da economía do lugar: as populares “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921 e, dos que xa facía referencia no ano 1829 o “Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal” dicindo que… “los vecinos de las aldeas de Fojo, Cancelo y Rapa se sostienen con el tráfico de la Brona que venden en los mercados de la Coruña, dando con este motivo bastante trabajo a muchos jornaleros”.

      Van pasando os anos. Josefina e o seu home ven con satisfacción como aumenta o traballo e a clientela no negocio. Mais o que non aumentaba era a familia e, dado que nunca chegarían a ter fillo algún, a súa sobriña Leonor, a filla de Rosa, empezaría a traballar con eles na taberna, unha Leonor que acabaría herdando o establecemento e ao pouco casaría con Ramón Vázquez. Probablemente aqueles foron os tempos nos que se empezou a xogar na Casa Trigo o popular xogo dos paquetes, entretemento que a veciñanza do Foxo sería quen de manter vivo ata o día de hoxe xogándoo, como manda a tradición, cada 8 de setembro. Leonor e Ramón rexentarían o negocio durante os tempos da dictadura de Primo de Rivera, da Segunda República, da Guerra Civil e dos primeiros anos da posguerra, que foi cando empezaría a traballar no establecemento a súa filla Leonor, máis coñecida entre a veciñanza polo apelativo de Norecha.

      Norecha e o seu home, Manuel Naya, rexentarían a Casa Trigo durante máis de catro décadas, ata que a súa filla Pili colleu as rendas do negocio nos primeiros anos 90, aínda que a dicir verdade, desde nena estivo sempre botando unha man na tenda. Licenciada en maxisterio e sicoloxía, Pili tamén daría pasantía nun apartado da taberna a varias xeracións de mozos e mozas de Loureda e, mentres que ela daba as clases particulares, contaba coa axuda na tenda do seu home Ángel e do seu fillo Miguel.

     E así, coma quen non quere o conto, chegamos ao 2017. A pesar de que os sentimentos pesan moito á hora de manter un negocio que foi, e continúa a ser, un auténtico referente no Foxo e nas aldeas próximas, Pili sopesa a posibilidade de manterse ou non ao fronte del. A cercana xubilación, os poucos ingresos que xa case non dan para cubrir os gastos da economía doméstica, xunto á loita dos pequenos comerciantes rurais por sobrevivir fronte ao atropelo ao que son sometidos polo empuxe das grandes superficies comerciais, que fai que sexa moi difícil, case que misión imposible, manter aberto o establecemento cos poucos habitantes que ten o Foxo, son os fortes argumentos que inclinan a balanza cara o peche. No outro lado, o único positivo, está a satisfación que produce o contacto diario cos seus veciños e amigos, a clientela de toda a vida.

Interior da "Casa Trigo"
     Así que xa sabedes, se aínda queredes comprar        unhas mazás ou tomar unha cervexa na única taberna das de antes que queda no concello de Arteixo, só tedes que facer unha curta viaxe polo interior da parroquia de Loureda percorrendo a Avenida de Culleredo ata o centro social do Foxo. Alí, a poucos metros, empezades a subir a chamada costa de Comiñas e, á man esquerda, tedes a Casa Trigo. Antes de que Pili bote o peche, aproveitade a ocasión para voltar por uns instantes ao pasado, aínda que namais sexa para levar a cabo ese costume tan perdido nos tempos que corren de sentar ao faladoiro.


4 comentarios:

  1. A casa de Trigo é o máis auténtico de Loureda e do concello. Moitas grazas,Xabier, por este anaco de historia do noso e moitas grazas a Pili e a súa familia por manter a tenda sen aditivos nen reformas. Quen me dera probar unha desas broas arteixanas da Rapa, Foxo e Cancelo!!! Habería que recuperalas para a festa 1900. Apertas

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar