venres, 17 de novembro de 2017

O ARTEIXÁN JUAN SUÁREZ "MANÍN" E O CAPITÁN DO PRESTIGE

      O seu nome é Juan Súarez Pardo mais, en Arteixo, todo o mundo o coñece polo apelativo de Manín. O noso protagonista fora, durante os anos 60 e 70 do pasado século XX, un dos valores da canteira do Penouqueira, o equipo de fútbol no que, como é sabido, tamén iniciara a súa carreira deportiva o seu familiar Arsenio Iglesias Pardo, "o raposo" de Arteixo.

Manín nos anos 80
     Posteriormente, tras sentar cátedra nas súas actuacións cos maiores do once da Baiuca, Manín acabaría fichando nos xuvenís do R.C. Deportivo da Coruña e tería a oportunidade de enfrontarse a futbolistas que, andando no tempo, serían internacionais coa selección española, entre eles o porteiro Luis Arconada e o tamén donostiarra Jesús Satrústegui, xogadores que a principios dos oitenta serían campións de Liga de Primeira División coa Real Sociedade.

    Unha vez retirado dos terreos de xogo, Juan Suárez Manín convertiríase en adestrador e dirixiría a equipos como o Penouqueira; o Lira, clube no que tivo como pupilo ao hoxe popular actor Miguel de Lira; o Atlético Arteixo; o Obrero de Oleiros; o Juvenil de Almeiras e, ao equipo xuvenil do Bergantiños que competía na Liga Galega. Manín, ademais, sería Secretario do Comité de Competición da Asociación de Fútbol Veterano da Coruña que, por aqueles días, presidía o antigo futbolista internacional do R.C. Deportivo e do Valencia Manuel Ríos Quintanilla, máis coñecido polo alcume de Manolete. Mais deixemos o fútbol a un lado e centrémonos na profesión do noso protagonista que, tras completar a súa formación académica, empezaría a traballar no mundo da banca, actividade profesional na que permanecería ata a xubilación da que disfruta na actualidade.

      Mais moito antes de xubilarse, nos primeiros días de febreiro do ano 2003, cando aínda ocupaba o posto de subdirector da sucursal de Barclays Bank da herculina rúa de San Andrés, aconteceríalle a historia que traemos hoxe a esta bitácora e que me contou hai certo tempo na Taberna A Baiuca que rexentaban Bieito Romero e Marisa Diéguez, lugar no que por certo Manín deixaba cada venres latentes as súas dotes de canto e de coñecemento da música popular galega.

Bieito Romero, José Lamas "Guitarras", Juan Suárez "Manín" e Xabier Maceiras na Taberna A Baiuca no 2015
      A historia garda relación coa maior catástrofe medioambiental producida nas augas galegas, da cal se cumplen agora quince anos, cando ás 15:15 horas do 13 de novembro de 2002, un petroleiro monocasco construído no Xapón, con bandeira das Bahamas, de propietario en Liberia, armador grego, rexistrado por unha sociedade clasificadora de Estados Unidos e asegurado en Londres, enviaba un SOS a 50 quilómetros de Fisterra. Como podedes imaxinar aquel petroleiro era o Prestige e despois pasaría o que todas xa sabedes.

      Entre os “hilitos de plastilina” de uns e a incompetencia de outros, o caso é que a única persona que nun principio pagara o pato da catástrofe fora Apostolos Mangouras, o capitán do Prestige que, despois de tres días sen dormir tratando de salvar o barco, ingresaba na cárcere de Teixeiro o 17 de novembro daquel fatídico 2002 acusado dun delito ecolóxico e de desobediencia ás autoridades marítimas españolas, autoridades que quedarían libres de calquera tipo de culpabilidade. Curiosamente, a parte dos “hilitos de plastilina” dos que facía referencia o hoxe presidente do goberno M. Rajoy, os goberantes das administración autonómica e estatal referíanse á traxedia ecolóxica con declaracións como as do seguinte calibre: "O risco de marea negra non creo que o teñamos"; "no tememos ninguna catástrofe ecológica"; “se pensó en bombardearlo con F18"; "se va a solidificar, no va a pasar nada", "las playas seguirán esplendorosas", "lo que se hizo fue admirable"...

      Un días despois días de que empezara a chegar o chapapote á costa, o 21 de novembro, nacía o movemento Nunca Máis, unha das maiores mostras de dignidade colectiva como país que se constituira para reclamar responsabilidades medioambientais, xudiciais e políticas polo desastre acontecido nas augas galegas. Mais con todo, a pesar da presión popular, a única cabeza de turco seguiría sendo Mangouras, un capitán que, tras 84 días en prisión, abandonaría o centro penintenciario á unha da tarde do 7 de febreiro de 2003, despois de que na víspera fora depositado, no Xulgado de Instrucción número 1 de Corcubión do que era titular o xuíz Francisco Javier Collazo, un aval por importe de 3 millóns de euros por parte de London Steamship, a compañía aseguradora do armador do petroleiro. Chegados a este punto, xa podedes intuír quen foi a persona encargada de levar a Corcubión o aval dos 3 millóns de euros. Pois si, Juan Suárez Manín, que recentemente volvía a lembrarme os feitos tomando un café en Arteixo:

Imaxe recente de Manín
     "A nosa idea, a miña a máis a do interventor (Manuel Núñez), era levantar acta notarial para darlle ao xuíz de Corcubión a seguridade xurídica necesaria da sinatura de ambos para, posteriormente, enviar o cheque dos 3 millóns de euros por transporte urxente. Mais o xuíz non estaba de acordo con iso e, seguramente por mor da presión popular daqueles intres, dixo que se as dúas persoas que asinaran o aval bancario non se presentaban no xulgado de Corcubión antes das 11:30, Mangouras non quedaría libre. Así que non nos quedara outra. Lembro que tivéramos que pedirlle persoal a outra oficina que Barclays Bank tiña na Coruña, a de Catro Camiños, para que ese día non pechara a nosa e, despois, xa nos desplazamos ao xulgado de Corcubión co cheque dos 3 millóns, o máis grande que asinei na miña vida”.

     Horas despois da liberación do capitán do Prestige, que cumplira na cadea o seu 68 aniversario, o músico e escritor Xurxo Souto, portavoz de Nunca Máis na Coruña, calificaba de "boa noticia, pola súa humanidade", a liberación de Mangouras, "xa que o seu encarcelamento era un agravio comparativo con respecto a outros posibles implicados". "O capitán non é o único culpable da catástrofe, e non foi él quen mandou afastar o barco da costa", dicía Souto na presentación da manifestación convocada naquela hora na cidade herculina baixo o lema “Se non salvamos o mar, só nos queda a maleta".

      A posta en liberdade de Apostolos Mangouras impedíalle a súa saída de España e, por tal motivo, elixiría Barcelona para residir alí durante dous anos coa súa muller, unha cidade onde non era coñecido e pasaba desapercibido tendo, iso si, que ir todos os días a asinar á comisaría. En 2003 o capitán do Prestige foi candidato a 'Marino do Ano', premio outorgado polo Naval Institute de Londres e pola revista marítima Lloyds. Un ano despois, no 2004, trinta capitáns da Mariña Mercante Española facíanlle unha cea homenaxe na cidade condal polo maltrato que consideraban recibira das autoridades españolas. En Barcelona, Mangouras estaría baixo tratamento médico a base de antidepresivos, feito que levaría aos seus avogados a solicitar a súa liberdade, por motivos de saúde, á Audiencia Provincial da Coruña que, finalmente, autorizaría a súa marcha a Grecia.

      Dende entón o capitán do Prestige residiría entre Atenas e a illa de Icaria coa súa familia, tendo que acudir unha vez cada quince días á comisaría a asinar e vivindo da pensión que cada mes lle pagaba Protection and Indemnity, a aseguradora do petroleiro á espera do xuízo.

      En 2009 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo (Francia) resolvía a favor da Xustiza Española pola denuncia contra os 3 millóns de euros impostos como fianza a Mangouras. Co voto a favor de dez maxistrados e o voto en contra de sete, consideraron que a fianza imposta ao capitán non foi excesiva, xa que se tivo en conta a amplitude do prexuízo provocado polo verquido de fuel oleo tanto en danos ecolóxicos como económicos.

      Posteriormente, o xuízo previsto para marzo de 2012 tívose que aprazar ao aceptar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a recusación dos tres xuíces que ían xulgar o caso por parte da Avogacía do Estado, a Fiscalía e a defensa do capitán do Prestige, ao ter participado nalgún momento no procedemento. O xuízo pola traxedia medio ambaiental iniciaríase o 16 de outubro de 2012 na Coruña, nas instalacións de Expo-Coruña cun custo de un millón de euros, xuízo no que estaban acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos e desobediencia Apostolos Mangouras, como capitán do Prestige; Nikolaos Argyropoulos, o xefe de máquinas e Ireneo Maloto, primeiro oficial con paradoiro descoñecido e declarado en rebeldía. O daquela director xeral da Mariña Mercante José Luís López-Sors fóra acusado dun delito contra o medio ambiente e danos e,  así mesmo, tamén quedarían imputados como responsables civís directos The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited, a aseguradora do buque e, o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos. Como responsables civís subsidiarios quedarían imputados o Estado Español e as navieiras Mare Shipping Inc e Universe Maritime Ltd.

Apostolos Mangouras no 2003
      No xuízo de 2013 Mangouras sería condenado a nove meses de cárcere por desobediencia grave e ao pagamento dun terzo do custo do xuízo. O Estado Español levou aos tribunais de Nova York nun xuízo civil á Sociedade de Clasificación de buques American Bureau of Shipping (ABS). O caso sería finalmente desestimado polos tribunais dos Estados Unidos.

      Na actualidade, quince anos despois da traxedia, a actividade xudicial en torno ao caso do Prestige aínda segue sen pecharse. Mentres, o capitán Mangouras pasa o seu tempo adicado á pesca na illa de Icaria dende a costa, sen subir a barco algún e, camiño dos 83 anos, está a escribir as súas memorias. Pola súa banda Juan Suárez Manín, o encargado de levar ao xulgado de Corcubión o aval dos 3 millóns de euros para deixar en liberdade a Apostolos Mangouras, disfruta da súa xubilación facendo deporte, xogando algunha que outra partida no bar Insua ou, camiñando polo paseo marítimo de Arteixo na compaña dalgún amigo da súa infancia e xuventude, paseos nos que a miúdo se fai as mesmas preguntas que a inmensa maioría da poboación galega: ¿Temos os medios que hai que ter para evitar outra catástrofe destas características? ¿Que fixeron e onde están os responsables políticos deste desastre e de todas as mentiras que nos contaron naqueles días? ¿Actuou a xustiza con contundencia contra a mentira, a incompetencia e a manipulación?

Ningún comentario:

Publicar un comentario