venres, 25 de maio de 2018

O CASTRO DE CASTELO DE SORRIZO

Fabulación do castro de Castelo da autoría de Roberto Castro
Vista desde o castro de Castelo
     Cando falamos dun castelo habitualmente referímonos a un tipo de fortificación permanente medieval, xeralmente erguido en posición dominante no terreo e nas cercanías das vías de comunicación para facilitar o avistamento das tropas inimigas a gran distancia mais, tamén, se pode apuntar que un castelo pode ser un castro de reducido tamaño.

      Sexa como fora, o caso é que dos centos de nomes de lugar que hai en toda a xeografía galega con ese topónimo, curiosamente dous deles pertencen ao Concello de Arteixo: o Castelo de Sorrizo, sobre o que hai unha lenda que fala das grandes cantidades de viño que ata alí se achegaban para o consumo dos romanos que habitaban a aldea, feito que nos da argumentos para sospeitar que este núcleo de poboación foi ocupado nalgunha ocasión por destacamentos militares romanos, e o Castelo de Lañas, dous lugares que tamén contan co seu respectivo castro.

   O primeiro deles podemos atopalo na confluencia das parroquias de Sorrizo, Chamín e Monteagudo e é un dos asentamentos castrexos máis relevantes dos que conta o municipio arteixán. Dunha importancia estratéxica enorme, dende a que se pode controlar toda a franxa costeira de Arteixo e a totalidade do val de Barrañán, o castro de Castelo está situado a uns 185 metros sobre o nivel do mar e ocupa unha superfie total de 1,8 Ha.

O castro de Castelo desde Chamín
    A croa presenta unha forma ovalada, cunhas medidas de 188 metros de lonxitude NL-SO e de 95 metros de NO-SL ocupando unha superfie de 1,13 Ha. O parapeto delimitador da croa ten unha altura impresionante con respecto ao exterior, superando nalgúns lugares os 15 metros, mentras que con respecto ao interior está entre os 2 e os 4 metros agás polo Noroeste e Oeste, que chegan dos 6 aos 10 metros. O sistema defensivo do asentamento compleméntase na zona oeste coa presencia dun foxo de aproximadamente uns 10 metros de ancho e 2 metros de fondo, máis ou menos, seguido doutro parapeto que cubre esa zona de 2 a 4 metros de altura.

O castro de Castelo visto no Lidar
     Este castro do Castelo ten varias entradas ao recinto, das que hai que salientar dúas: unha polo NO, que é unha especie de sendeiro que vai ascendendo pola impresionante defensa que, a todas luces, semella orixinal; e a outra está situada polo SL, unha entrada máis ancha duns dous metros que rompe o parapeto.

Pedra de muíño atopada por Manuel Iglesias
    A día de hoxe o asentamento ten moita vexetación mais, con todo, é doado chegar a él. Atrás quedan os tempos nos que a veciñanza da zona traballaba a diario as terras que o rodean, terras nas que de cando en vez o arado ou a grade deixaban ao descuberto algún que outro elemento do antigo asentamento como os atopados por Manuel Iglesias Freire, veciño de Chamín nado en 1933 que, recentemente contounos que nos tempos da súa xuventude traballaba a diario varias leiras que seus pais tiñan nas cercanías deste castro do Castelo, terreos nos que asegura que había unha “rocha con debuxos” (petroglifo) e no que, entre outros obxectos, atopou unha pedra de muíño que aínda conserva no seu domicilio de Chamín.
 







FONTES:

-PARDO, GUILLERMO. La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-ROZAMONTES, MARÍA. Arteixo de onte a hoxe. Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo, 1999.
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net 

1 comentario:

  1. Moi bo artigo, como todos os publicados. Parabéns por tan interesante traballo. Como veciño de Pastoriza, é para min un pracer descubrir os lugares e a historia deste concello a través das túas publicacións. Grazas.

    ResponderEliminar