Andrés Rojo del Cañizal naceu en 1773
na localidade palentina de Cantoral. Fillo de Toribio Rojo de los Ríos e
Gertrudis del Cañizal, varios membros da familia Rojo aparecen en
Galicia dende mediados do século XVIII pois, segundo nos conta Manuel Domínguez Ferro en "Cátedra, Revista Eumesa de Estudios", dous
irmáns de Toribio, Tomás e José, establecéronse cara o ano 1752 na
Coruña, cidade na que se dedicarían a diversas actividades mercantís.
Outro deles, Manuel, exercería de párroco de Pastoriza, lugar onde
edificou, en 1783, a Casa de Vilariza, que tan ligada está a historia
familiar e que é un dos vencellos que este persoeiro ten con Arteixo.
Imaxe antiga da casa de Vilariza ( Rodolfo G. de Barthélemy) |
Mentres que os pais de Andrés permanecían en Cantoral a cargo do
patrimonio familiar, as expectativas comerciais xeradas pola apertura do
porto da Coruña ao tráfico coas colonias americanas, tralos Decretos
promulgados por Carlos III en 1764 e 1765, atraían, naquela hora, a un
importante número de comerciantes de moi diversa orixe: asturianos como
Antonio Raimundo Ibáñez, fundador das fábricas de Sagardelos e dono do
Pazo de San Xosé (o que está a carón da refinería de Meicende), cataláns
como os Marcó del Pont ou Ferrer y Albá, rioxanos (en particular cameranos, da comarca de Cameros) como Adalid ou Torres, e mesmo estranxeiros, como o francés Juan Francisco Barrié. Ao carón desta burguesía foránea, instalada nas vilas costeiras, non
faltaron nomes galegos, como Juan de Vega, comerciante e industrial
lucense que forxaría a súa fortuna na emigración cubana.
Cara
ao 1778 atopamos a José Rojo matriculado como comerciante no Real
Consulado do Mar da Coruña. Neste período, no censo de comerciantes coruñeses, distínguese unha elite composta polos grandes armadores e
exportadores de Indias, entre os cales atopamos a Jerónimo Hinojosa e
Pedro de Llano, e un grupo de pequenos e medianos mercaderes, con alto
poder económico, onde figurarían Rojo de los Ríos, Barrié ou Adalid.
Os negocios familiares de Rojo relaciónanse co arrendo de arbitrios e
abastos, sobre todo viños, augardentes, grans e carnes. En varias
ocasións, ante a escaseza de grans e fariñas, especialmente
preocupantes a finais de século (anos 1787 e 1802), José Rojo foi
comisionado con Jerónimo Hinojosa, tamén tratante en grans, para
atender ao abastecemento da cidade.
No ano 1789
constitúese a sociedade "José Rojo y Compañía SRC". Ademais das
actividades mercantís, enfocadas en gran parte ao mercado colonial, Rojo
viuse atraído, como outros moitos burgueses da primeira xeración, por
operacións de préstamo e adquisición de terras e rendas forais. Seis
anos despois, en 1795, reconstitúese como sociedade comandataria baixo o
nome "Rojo y Morillo" e, cun fondo de 500.000 reais, ten como socios a
José Rojo e a José Morillo.
Paralelo ao éxito
comercial é o ascenso social da familia. O casamento de José Rojo con
Gabriela Francisca Infante de Mella, procedente dunha opulenta familia
de Pontedeume, testemúñao, así como a elección de José como mordomo
fabriqueiro da parroquia coruñesa de San Nicolás.
En 1793, José Rojo figura entre algúns dos máis potentes homes de
negocios da cidade que, nese ano, farían importantes achegas para
sufragar a guerra contra a Convención. E de novo voltaría a colaborar en
1797 con sumas importantes, en forma de préstamos sen interese, con
motivo da guerra contra Gran Bretaña.
Andrés Rojo
del Cañizal, xunto coas súas irmáns Andrea e Manuela, seguiría os pasos
dos seus tíos ata Galicia. Debeu chegar nun momento anterior a novembro
de 1804, cando, participando xa no negocio familiar, contrae matrimonio
coa súa curmá, Josefa Rojo de Bouza (filla de José Rojo e Gabriela
Infante), coa que tería tres fillos: José, María e Josefa. Este
casamento consolidaría a súa posición na empresa familiar e, uns meses
despois, entra a formar parte como socio na compañía "Rojo e Hijos" (que
supoñemos sucede á disolta "Rojo y Morillo"), xunto ao seu tío e sogro
José e o fillo deste, Juan de Dios Rojo.
En 1815
Andrés está domiciliado na vivenda nº 15 do Cantón Grande, no
barrio da Pescadería, o corazón mercantil da cidade herculina. O seu ingreso no
Real Consulado amosa unha desafogada situación económica, dada a elevada
renda esixida para formar parte da institución, segundo establecía o
seu regulamento. A aristocracia mercantil da cidade repartíase os cargos
de prior (Marcial Francisco del Adalid), cónsul (Hinojosa) e
consiliarios, entre eles Pedro de Llano, polo ramo de navieiros, e
Andrés Rojo, polo do comercio... burguesía que naquela hora, co inicio
da emancipación das colonias, empezaba a sufrir a ruptura definitiva do
tráfico comercial, adoptando solucións, fronte a este colapso, tan
variadas como a adquisición de propiedades inmobiliarias e foros,
contrabando, a práctica do corso (que tivo na Coruña o seu porto
principal, con armadores como Salvador Fullós, Pedro de Llano, Marcial
del Adalid ou Juan Bautista) ou a trata de negros (Barrié, Adalid,
Fullós).
Sinatura de Andrés Rojo del Cañizal |
Tras a Guerra da Independencia (1808-1813), o retorno de Fernando VII
daría paso, superadas as vacilacións iniciais, a unha persecución aberta
contra os liberais (Decreto de Valencia de maio de 1814), favorecida
polo respaldo dos deputados servís ("Manifesto dos Persas"), o apoio dun
sector do exército (pronunciamento do xeneral Elio) e a indiferencia
dunha gran masa da poboación que, ao grito de "vivan as caenas"
celebraba a volta do "Desexado".
A represión
cebaríase cos liberais, especialmente con aqueles comprometidos coas
novas institucións saídas das Cortes, que sufrirían detencións, penas de
cárcere e fortes multas (na cidade da Coruña foran detidas, entre maio e
xuño daquel ano de 1814, 83 persoas, 26 delas pertencentes ao ramo do
comercio). Moitos optarían polo exilio, seguindo os pasos dos
afrancesados que, obrigados a partir en 1813, se converteron nos
primeiros exiliados políticos.
O reinado de
Fernando VII supuxo o retorno pleno do absolutismo e afogoba, ao mesmo
tempo, calquera esperanza de cambio. Tal proceder decepcionou incluso a
aqueles que, aínda que exhortaron ao monarca para que anulase a
Constitución de Cádiz, eran conscientes da necesidade de reformas e da convocatoria
dunhas Cortes estamentais. A grave situación económica de posguerra
esixía, ademais, a posta en marcha de medidas que a camarilla de
Fernando VII non soubo nin puido tomar. De aí que pronto prendera o
descontento en gran parte do país.
No exército,
que pouco tiña xa que ver coa institución estamental do século anterior,
tamén se manifestan, nesta altura, os primeiros sinais en contra do
absolutismo, feito polo que non tardaría en xurdir o primeiro dos
levantamentos liberais que inauguran o reinado de Fernando VII: o
protagonizado o 25 de setembro de 1814 en Navarra polo xeneral Francisco
Espoz y Mina, un dos máis importantes xefes guerrilleiros durante a
Guerra da Independencia.
Os plans conspirativos en
contra do rei absolutista proseguirían en España nos meses seguintes.
Unha trama desarticulada en Madrid en maio de 1814 incrimina a outro dos
heroes da Guerra da Independencia: o mariscal Juan Díaz Porlier, "O
Marquesito", que, condenado a catro anos de cadea, sería enviado a
cumprir condena ao castelo de San Antón, na Coruña. Aquí Porlier atopa
apoios suficientes para preparar un novo levantamento. "O Marquesito"
frecuentara a cidade durante a guerra cando, a bordo da fragata
"Aretusa", se achegaba ata o peirao herculino coa finalidade de recrutar
homes e repoñer material. A Coruña era o único porto libre do norte para
o desembarco do material de guerra que suministraban os ingleses e
probablemente debeu coñecer nunha daquelas visitas, o novo xeneral, ao
comerciante Andrés Rojo del Cañizal.
Juan Díaz Porlier |
Na cárcere Porlier lograría contactar con
Sinforiano López, o gornicioneiro preso no Cárcere Real desde 1814
e un dos líderes do levantamento antifrancés de 1808. A través deste
último, Porlier mantén comunicación co grupo liberal da cidade e con
oficiais dos batallóns acantoados na Coruña. Os plans xa ían avanzados
cando en abril de 1815 é detido e executado Sinforiano López. A pesar
diso, a conxura seguiu adiante e Porlier non atoparía dificultades para
lograr un permiso do Capitán Xeral, Felipe de Saint Marq, para poder
trasladarse, por motivos de saúde, ao Balneario de Arteixo, lugar no que
xa levaba uns días instalada a súa muller Josefa Queipo de Llano ( filla
dos Condes de Toreno) e a servidume. Tras novas peticións, o recluso
obtén un novo consentimento do Capitán Xeral para instalarse na casa de
campo de Andrés Rojo del Cañizal, a Casa de Vilariza, que o comerciante
herdara do seu tío Manuel Rojo. O xeneral partiría da Coruña cunha
escolta composta por un sarxento, tres cabos e doce soldados para
instalarse na vivenda de Andrés Rojo o 20 de agosto de 1815.
Nas semanas seguintes, Pastoriza sería o lugar de reunión dos
organizadores do levantamento. Entre os concurrentes atopábanse os
oficiais Fernando de Miranda, Antonio Peón e José María Peón, o ciruxán
que atendía ao matrimonio, José de Lazcano e, por suposto, Andrés Rojo
del Cañizal. O interese pola seguridade do grupo levaría a este a
despedir a unha criada "al considerarle Rojo muy dada a los chismes y murmullos", segundo revela na "Causa Porlier" Bernarda Freire, a criada de Redes que serviu a Josefa Queipo.
Na noite do 18 ao 19 de setembro "O Marquesito" parte de Pastoriza cara
A Coruña, cidade na que realiza o Pronunciamento en contra do
absolutismo de Fernando VII. Proclama a Constitución e, constituída a
Xunta do Reino de Galicia, con Porlier como capitán Xeral, as forzas
sublevadas diríxense cara a Compostela co obxectivo de sumala ao
alzamento. As tropas reunidas polo arcebispo Rafael Múzquiz e o xeneral
José Pesci, gobernador militar da cidade da catedral, dirixíronse ata
Sigüeiro ao mando do xeneral Imaz, mais antes de que chegara a
producirse o enfrontamento, a noite do 21 de setembro Porlier foi
traizoado por un grupo de sarxentos do reximento de Infantería de Mariña
e conducido a Compostela. Fracasada a intentona, "O Marquesito",
despois de ser detido, pasaría a noite no cárcere do Tribunal da
Inquisición en Santiago, dende onde sería conducido ata A Coruña para
ser executado no Campo da Leña o día 3 de outubro de 1815.
Gravado sobre a execución de Porlier na Coruña (Álbum Galicia, 1908. Bibl. Barreiro-López Morán) |
A represión obrigaría a moitos a fuxir. Andrés Rojo del Cañizal,
condenado a morte por ser un dos organizadores do Pronunciamento e por
entregar ás tropas movilizadas 199.782 reais recadados entre os
comerciantes, lograría escapar a Inglaterra xunto a Pedro de Llano vinte
días despois do aforcamento de Porlier.
Rojo
alternaría a súa estadía no exilio entre Londres e París. A elección de
Londres fora determinada, fundamentalmente, pola presencia do seu curmán
Juan de Dios Rojo, que desde 1813 estaba á fronte da filial inglesa
da empresa familiar, e o exilio parisino, a onde chega en 1819, porque
alí contaba coa axuda do seu cuñado, o conde de Toreno.
Andrés regresaría a España no trienio constitucional (1821-1823), período no que darían os seus froitos, coa devolución dos bens embargados e o nomeamento de intendente de Galicia e tamén coma deputado,
as xestións levadas a cabo en Madrid para resacirse das perdas
ocasionadas pola súa intervención no Pronunciamento de Porlier. As novas responsabilidades
trairíano de volta a Coruña. Na cidade herculina coincidiría con Mina,
que en febreiro de 1821, tras un breve paso pola Capitanía de Navarra,
obtén o traslado a Galicia como capitán xeral, elección que non era allea
á reputación liberal de que gozaba a urbe herculina. Naquela altura, a casa de
Juan de la Vega, na rúa Real, era lugar de reunión dos máis sinalados
liberais da cidade e Mina e Rojo eran algúns dos asiduos. Alí é onde o
xeneral coñecerá a Juana de Vega...e Andrés xogararía un papel clave na
relación entre Juana e Mina xa que sería o padriño no casamento da
parella.
Ao longo de 1822 a Constitución voltaría a
cambalear por mor do incremento da tensión política que se vivía no
Estado español. A ameaza das partidas realistas, alentadas pola Rexencia
de Urgell, só atoparía resposta efectiva por parte do xeneral Mina en
Cataluña. O descrédito do terceiro goberno do Trienio do ministro moderado Martínez de la Rosa, provocaría a súa substitución polo rei
en xullo dese ano e a elección dun gabinete exaltado. Mentres tanto,
Fernando VII mantiña negociacións secretas coas potencias da Cuádruple
Alianza, que culminarían en novembro deste mesmo ano cando, reunidas no
Congreso de Verona, deciden intervir en España para por fin ao réxime
liberal...e o 7 de abril de 1823, o Exército dos Cen Mil Fillos de San
Luis cruza o Bidasoa.
En marzo, e ante a
proximidade do exército francés, as Cortes deciden o traslado a Sevilla.
O rei, remiso, é obrigado a acompañalas. O avance galo cara a Madrid
obriga a un novo traslado a Cádiz en xuño e, perante a negativa do rei, as
Cortes aproban a suspensión nas súas funcións alegando "delirio
momentáneo".
A toma de Cádiz polas tropas
francesas supón o fin da experiencia liberal e a implantación, unha vez máis, do rexime
absolutista. Na Coruña, último reduto dos liberais, a
resistencia prolóngase durante unhas semanas máis. A pesar das promesas
de perdón do monarca, a maquinaria represiva púxose en marcha de novo e os liberais que poideron fuxir retomaron o camiño do exilio. Os que
quedaron sufriron penas capitais ou foron condenados con longas
sentenzas de cárcere, como Andrés Rojo del Cañizal, que estivo na
prisión de Cádiz dende outubro de 1823 ata a amnistía de 1832.
Nese período de condena, en abril de 1829, morría a súa muller Josefa
Rojo, mais Andrés, pouco tempo despois da súa saída de prisión,
contraería de novo matrimonio ao casar con Antonia Zaín Puget, muller
procedente dunha familia da burguesía catalá e de quen se separaría en
1847 sen ter descendencia.
Cos liberais de novo
do poder Andrés Rojo sería novamente recompensado co nomeamento de intendente. En 1838, aprobada a nova división administrativa, estivo
destinado en Lugo e en 1841 en Pontevedra.
Ao
pouco de volver a Galicia, o noso persoeiro estabelecería co avogado José
Vázquez Bugueiro unha estreita relación política, que acabaría selándose
co matrimonio de Vázquez coa súa filla Josefa. Outro dos fillos de Andrés
Rojo del Cañizal, José, herdeiro das propiedades que o seu pai tiña en
Arteixo (Pastoriza, Meicende, O Moucho, Oseiro...), convertiríase en
alcalde desta vila entre 1869 e 1871. De profesión militar, José
combatera durante a guerra carlista ás ordes do xeneral Espartero e
tomaría parte no alzamento progresista de 1854 como membro da Xunta de
Salvación de Pontevedra, cidade onde estaba destinado como comandante da
praza. Un fillo seu, Andrés Rojo Soto, tamén sería alcalde de Arteixo:
entre agosto de 1894 e setembro de 1895.
Andrés Rojo Soto |
Os últimos anos de Andrés Rojo del Cañizal virían marcados polas
disputas familiares orixinadas polo reparto da herdanza. Os seus
intentos de seguir mantendo o control sobre o patrimonio familiar,
despois da morte da súa muller, da súa filla Josefa (1836) e dos seus
cuñados Juan de Dios Rojo e Clemente Otero, sumiría á familia nunha
serie de longos e penosos pleitos. Remiso a ceder os bens que por
dereito pertencían aos seus fillos e sobriños, Andrés seguiría
xestionando o capital a través de varias sociedades ata o 28 de decembro
de 1858, o día da súa morte.
FONTES:
FONTES:
-BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998. -DOMINGUEZ FERRO, MANUEL. O deputado Andrés Rojo del Cañizal: traxectoria vital e compromiso político (1783-1858). Cátedra, Revista Eumesa de Estudios, nº 16.
-BARTHÈLEMY, RODOLFO G. DE. El Marquesito Juan Díaz Porlier: General que fue de los Ejércitos Nacionales (1788-1815). Universidade de Santiago de Compostela, 1995.
Ningún comentario:
Publicar un comentario