venres, 29 de xuño de 2018

A ERMIDA DA NOSA SEÑORA DA ESTRELA


   No alto do Monte da Estrela, na parroquia de San Tomé de Monteagudo, nunha situación privilexiada desde a que se poden observar tanto o val e os montes da contorna como a inmensidade oceánica, hai un lugar ancestral de presumibles cultos pagáns de adoración astral, lugar onde se cimentaría unha ermida hoxe tan esquecida coma o seu culto, que só se agocha no recordo das persoas que ata mediados do século pasado participaban na romaría e na devoción á súa imaxe, da imaxe da Nosa Señora da Estrela.
   A pesar de atoparse actualmente nun penoso estado de ruínas e de omisión, e tamén bastante degradada por mor das masivas plantacións de eucaliptos realizadas nos últimos tempos, con todo, a ermida e toda a súa contorna aínda conservan unha innegable pegada de lugar telúrico, cunhas excelentes vistas ao seu arredor e coa abraiante silueta das illas Sisargas que, nun día claro, despuntan de xeito marabilloso co resplandor vermello do solpor, un espectáculo que non podedes, que non debedes perder.
As illas Sisargas desde a ermida
    A historia da ermida da Nosa Señora da Estrela tédela ao voso dispor nun libro editado no 2012 pola Asociación Cultural Monte da Estrela, asociación que durante a súa existencia foi un referente na divulgación e na defensa do patrimonio local e que tomou ese nome para reinvidicar a capela e o monte á cal pertence.
   Pouco se sabe das orixes da ermida xa que se descoñece a data concreta da súa fundación. Segundo a teoría de varios historiadores, todo parece indicar que se trata dunha fundación popular da veciñanza da parroquia de Monteagudo xa que, por un lado os libros de fábrica consultados no Arquivo Diocesano de Compostela non mencionan en ningún momento un padroeiro fundador da mesma e, por outro, a visita pastoral realizada en 1791 reforza esta idea ao afirmar que “no tiene patrono alguno esta capilla y se erigió y conserva por la devoción de los vezinos”.
   O que si sabemos é que a ermida xa existía no ano 1599, cando aparece citada xunto coa freguesía de Monteagudo, nun documento da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña no que se menciona ao primeiro mordomo do que hai constancia, Gonzalo López de Verdiñas: “(…) Gonzalo López de Verdiñas, del tiempo que fue mayordomo del priorato de Monteagudo y de la ermita de Nuestra Señora de la dia estela”.
Parte sur da capela
   Outra información de interese é a que nos achega Jerónimo del Hoyo, cardeal e visitador xeral do arcebispo Maximiliano de Austria, que en 1607 tamén cita a ermida cando describe a freguesía de Monteagudo: “Esta felegresía es aneja a la Colegial de La Coruña y ansí llieva todos los fructos que valen ciento y treinta ducados. Hay quarenta feligreses y es a cargo de la dicha Colegial prover a esta iglesia de todo lo nescesario para el culto divino; no hay capellán atitulado sino amobible con dies mil maravedís de selario porque administra esta felegresía y la de Sant Aya de Chemín, que ansí mesmo es aneja a la dicha colegial. La fábrica no tiene renta; hay una hermita de Nuestra Señora de Via Estella, que está en lo alto del monte Comarcanos. Esta iglesia tiene monasterio de Benitos y lo muestra el claustro, sepultura y edificios. Dicen queste monasterio y el de San Pedro de Men los dió el monasterio de San Martín a la Colegial de La Coruña por el de Santa María de Cambre que era suyo y ahora es de benitos”.
Cruz que se pode ver no exterior da ermida
     Outra cuestión interesante desta ermida da Estrela é a súa advocación. As alusións máis antigas que conservamos sobre a súa existencia, que datan de finais do século XVI e comezos do XVII, refírense a ela como “Dia Estella” ou “Via Estella”. A Virxe da Estrela relaciónase habitualmente coa “Stella Maris”, protectora dos mariñeiros, feito cando menos curioso xa que Monteagudo non é unha parroquia costeira nen vivían nela individuos que traballasen no mar. Máis ben habería que relacionalo coa imaxe da Virxe como estrela-guía, o mesmo astro que mostrou aos Reis Magos o camiño cara a Belén, no episodio da Epifanía. Non en balde, nun sermón pronunciado na honra da Nosa Señora da Estrela da Coruña, nunha das capelas da Colexiata, afírmase que... “(é) nuestra fortuna en tener como protectora a esta Estrella, para que conozcamos, que en ella, y por ella, quiere Dios que afianzemos, nuestras dichas, y asseguremos nuestras felicidades”, información que recolle Carré Aldao na súa obra Geografía General del Reino de Galicia, editada en 1928.
  A devoción herculina éis tardía que a arteixá mais, neste caso, coñécese o momento no que principiou, que foi cando se lle atribuiu a milagre de “afastar unha frota inglesa que axexaba as costas da cidade herculina en 1702” grazas á imaxe da Estrela que custodia o templo coruñés.
   A de Monteagudo non é a única ermida da contorna dedicada a este culto mariano. Nunha pequena illa da freguesía de Santo Adrián de Corme, existiu tamén unha capela coa mesma advocación que, de feito, da nome á praia da Ermida, situada en fronte dela. Poucos son os datos que conservamos sobre a súa historia, a excepción do que nos conta Xan Fernández no seu libro A comarca de Bergantiños, onde o autor apunta que a súa romaría celebrábase o Domingo de Resurreción. É posible que ambos os dous santuarios, estivesen comunicados a través dun camiño de orixe medieval, ao que tamén podería facer alusión o termo “vía”, que aparece no nome da ermida de Monteagudo, na documentación máis antiga. O antedito camiño atravesaría o Anllóns por Ponteceso, pasaría por Corme, Malpica, Buño e Oza e continuaría logo por Lemaio e Torás. Máis adiante, de Oza partiría unha desviación próxima á costa por Razo e Baldaio que, a través de Monteagudo, Chamín e Barrañán, dirixiríase á Coruña.
Imaxe recente do interior da capela
   A celebración do Concilio de Trento, entre 1545 e 1563, daría pé a que nos anos posteriores a Igrexa tentara regular os cultos católicos o que, andando no tempo, levaría a que moitas destas crenzas populares coma a da Nosa Señora da Estrela remataran por desvanecerse o que tamén significaría a desaparición da acción social e comunitaria que significaban estas celebracións, unha situación que moitas entidades queren recuperar, como fixo no seu momento a Asociación Cultural Monte da Estrela, pola importancia que tiñan para a comunidade.
   A ermida da Nosa Señora da Estrela, que contou co seu período de esplendor no século XVIII, principiaria a súa decadencia a mediados do XX que, segundo os maiores da parroquia de Monteagudo, foi cando se dexaría de celebrar a romaría da Estrela.
   Hai uns anos, no 2012, coa súa teima particular de pór en valor os restos da capela, a Asociación Cultural Monte da Estrela editaba o libro do que falabamos ao inicio desta crónica, unha publicación sobre a historia do templo na cal se demostra o culto mariano existente relacionándoo con algún milagre atribuido a esta Virxe. Case ao mesmo tempo, e grazas a esta iniciativa da ACME arteixá, a asociación de veciños de Monteagudo tamén retomaría, desde o ano 2009, a romaría popular, a procesión ata a ermida e unha misa de campaña que se fai o luns de Pascua, misa que sustitue á que antano se celebraba na capela da hoxe arruinada Nosa Señora da Estrela.
 FONTES:
-Castro Díaz, Beatriz & Rodríguez Palmeiro, Iago. A ermida de Nosa Señora da Estrela (séculos XVI-XX): Unha historia en San Tomé de Monteagudo. Asociación Cultural Monte da Estrela. Arteixo, 2012.

Ningún comentario:

Publicar un comentario